DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Venres, 9 de outubro de 2026 Páx. 51941

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 2 de outubro de 2026 pola que se declaran francos os terreos e se convoca o concurso público, para o outorgamento de concesións de explotación, relativo a dereitos mineiros caducados correspondentes á provincia da Coruña nos termos municipais de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba.

Antecedentes:

1. De conformidade cos artigos 39.2, 53 e 64 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, desenvolvida polos artigos 72 e 85 do Regulamento xeral para o réxime da minaría, aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, o outorgamento dunha concesión directa de explotación sobre terreos que resulten francos como consecuencia do levantamento dunha reserva a favor do Estado ou da declaración de caducidade dun permiso de exploración, dun permiso de investigación ou dunha concesión de explotación, require a tramitación previa dun concurso público.

En concreto, o artigo 64.1 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, establece que as solicitudes de concesións directas de explotación se tramitarán da mesma maneira que os permisos de investigación, e serán aplicables as disposicións do capítulo III do título V da lei, coas particularidades que corresponden a esta clase de solicitudes.

Neste contexto, e de acordo co previsto nos artigos 53 e 64 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, o outorgamento dunha concesión directa de explotación sobre terreos que resulten francos como consecuencia do levantamento dunha reserva a favor do Estado ou da declaración de caducidade dun permiso de exploración, dun permiso de investigación ou dunha concesión de explotación debe ir precedido da correspondente tramitación dun concurso público.

2. A Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que constitúe a lexislación propia da Comunidade Autónoma en materia de minas e ten como obxectivo definir o marco xurídico das actividades mineiras en Galicia en condicións de sustentabilidade e seguranza, promovendo un aproveitamento racional dos recursos compatible coa protección do ambiente, regula o referido concurso público nos seus artigos 35 e 36.

Así mesmo, a Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, establece a obriga de incluír nos concursos públicos de dereitos mineiros os requisitos, criterios de selección e condicións de execución que valoren os beneficios sociais e económicos das propostas.

Consideracións legais e técnicas:

1. De acordo co artigo 16.1 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, sen prexuízo das funcións atribuídas ao Consello da Xunta de Galicia, a persoa titular da consellería competente en materia de minas da Comunidade Autónoma de Galicia é o órgano mineiro competente para convocar e resolver os concursos públicos relativos a dereitos mineiros caducados.

Segundo o artigo 1.g) do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das funcións en materia de recursos minerais e augas minerais e termais.

Así mesmo, de acordo co establecido no artigo 11.3 da Orde do 4 de novembro de 2024 sobre delegación de competencias en diversos órganos da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 217, do 11 de novembro), deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas as competencias relativas ao despacho e á resolución dos expedientes que en materia de dereitos mineiros estea atribuída á persoa titular da consellería e que non se delegue expresamente noutros órganos.

2. Nos artigos 35 e 36 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, regúlanse determinados aspectos da convocatoria, do desenvolvemento e da resolución do concurso en relación coa documentación que se vaia presentar, a constitución dunha mesa para a verificación da apertura das ofertas ou o establecemento na resolución do concurso dunha orde de prelación para a tramitación das solicitudes nos casos de concorrencia competitiva segundo a valoración que se derive da aplicación dos criterios de selección.

En concreto, o artigo 35.1 da devandita lei establece a obriga de realizar convocatorias de concurso diferenciadas por cada provincia, logo da firmeza en vía administrativa das declaracións de caducidade dos dereitos mineiros correspondentes.

Pola súa banda, o artigo 20 da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, dispón que os criterios de calidade social e ética, así como de impacto socioeconómico dos proxectos na zona de implantación da explotación, representarán, polo menos, o 40 % dos criterios de selección na baremación das solicitudes de dereitos mineiros nos concursos públicos.

Todos estes aspectos recóllense e especifícanse nos anexos desta resolución, constituíndo as bases do concurso.

Polo exposto, de conformidade co disposto no artigo 35 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, nos artigos 39.2, 53 e 64 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e nos artigos 72 e 85 do Regulamento xeral para o réxime da minaría, aprobado polo Real decreto 2857/1978, e logo de informe facultativo da Asesoría Xurídica da Consellería de Economía e Industria do 24 de setembro de 2026,

DISPOÑO:

1. Declarar francos os terreos correspondentes aos dereitos mineiros caducados que se detallan no anexo I con expresión do tipo de dereito, número, nome, superficie e termos municipais afectados.

2. Convocar o concurso público respecto dos dereitos mineiros declarados caducados detallados no devandito anexo I, así como aprobar as bases polas que se rexerá esta convocatoria, contidas no anexo II, e os criterios de valoración e selección conforme os cales se resolverá o concurso, recollidos no anexo III desta orde.

3. Ordenar a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa última publicación, no Diario Oficial de Galicia ou no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, consonte o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2026

A conselleira de Economía e Industria
P.D. (Orde do 4.11.2024; DOG núm. 217, do 11 de novembro)
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas

ANEXO I

Dereitos mineiros declarados caducados

Provincia da Coruña

Termos municipais de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba

Tipo de dereito

Número

Nome

Superficie

Termo municipal

CE

1789

San Antonio

150 P

Coristanco

CE

1790

Santa María

117 P

Coristanco e Santa Comba

CE

1792

Oportuna

458 P

Cabana de Bergantiños e Coristanco

CE

1801

Carballeira

482 P

Coristanco e Santa Comba

CE

1802

Santa Bárbara

695 P

Coristanco e Santa Comba

CE

1807

Carmen

2559 P

Coristanco e Santa Comba

CE

2912

Ampliación a oportuna

27 P

Coristanco

Lenda

Tipo de dereito

CE

Concesión de explotación

Superficie

P

Pertenzas (1 P = 1 ha)

ANEXO II

Bases do concurso público

Primeira. Solicitudes

1.1. Este concurso abrangue os terreos correspondentes aos dereitos mineiros declarados caducados que se detallan no anexo I da convocatoria con expresión do tipo de dereito, número, nome, superficie e termos municipais afectados, todos eles correspondentes á provincia da Coruña.

Os datos relativos á situación e á delimitación xeográfica da superficie correspondente aos dereitos caducados atópanse á disposición das persoas interesadas a través da ligazón web https://concursosdereitosmineiros.xunta.gal/. Non obstante, a información oficial relativa ao concurso será a que conste no Servizo de Enerxía e Minas do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria na Coruña, e poderá ser consultada polas persoas interesadas durante o horario de atención ao público do dito servizo.

1.2. Poderán presentar solicitudes a este concurso as persoas físicas ou xurídicas, españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obrar e que non estean incursas en ningunha prohibición de contratar das recollidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014; sen prexuízo do disposto nestas bases.

De conformidade co artigo 35.1 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, se a declaración de caducidade dun dereito obxecto de concurso se debese ao incumprimento das obrigas legais ou das condicións establecidas no título de outorgamento por parte da persoa explotadora ou da persoa titular do dereito, estas non poderán participar no concurso respecto do dito dereito.

1.3. As solicitudes de participación no concurso dirixiranse ao Departamento Territorial, da Consellería de Economía e Industria na Coruña, e axustaranse ao modelo normalizado que se inclúe no anexo V desta orde.

Xunto coa solicitude acompañaranse dous sobres (sobre 1 e sobre 2), que incluirán a documentación que máis adiante se especifica, de conformidade co exixido no artigo 35.2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, e no artigo 72.1 do Regulamento xeral para o réxime da minaría aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto.

De conformidade co disposto no artigo 85 do Regulamento xeral para o réxime da minaría aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, e no artigo 64 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, as solicitudes de concesións directas de explotación tramitaranse da mesma maneira que os permisos de investigación, e seranlles aplicables as mesmas disposicións, coas particularidades que correspondan a esta clase de solicitudes.

Toda a documentación que debe achegarse neste concurso presentarase en lingua galega ou castelá.

1.4. No denominado sobre 1, incluirase a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da capacidade xurídica e de obrar da persoa solicitante, da representación e de que non concorre ningunha das prohibicións para contratar co sector público.

a.1. Para acreditar a capacidade xurídica e de obrar presentarase a seguinte documentación:

– No caso de persoas físicas, e só no suposto de oposición á súa consulta, copia compulsada do documento nacional de identidade (DNI) ou documento que regulamentariamente o substitúa, e copia compulsada do número de identificación fiscal (NIF) se non figura no DNI.

O documento nacional de identidade (DNI) consultarase de xeito automático. No caso de que as persoas solicitantes se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar a documentación referida no parágrafo anterior.

– No suposto de persoas xurídicas, copia compulsada da escritura ou documento de constitución e de modificación, se é o caso, dos estatutos ou do acto fundacional, en que consten as normas polas cales se regula a súa actividade, debidamente inscritos, se é o caso, no rexistro público correspondente segundo o tipo de persoa xurídica de que se trate.

– No caso de empresas estranxeiras, declaración expresa de someterse á xurisdición dos xulgados e tribunais españois de calquera orde, para todas as incidencias que de modo directo ou indirecto poidan xurdir do concurso, con renuncia, se é o caso, ao foro xurisdicional estranxeiro que lle poida corresponder á persoa solicitante.

Toda a documentación deberá presentarse traducida de forma oficial ao castelán ou ao galego, de acordo co disposto no artigo 23 do Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro.

A capacidade de obrar dos empresarios non españois que sexan nacionais de Estados membros da Unión Europea ou de Estados signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo, será acreditada pola súa inscrición nos rexistros ou pola presentación das certificacións que se indican no anexo I do citado Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas.

A capacidade de obrar das empresas estranxeiras non comprendidas no punto anterior acreditarase mediante un informe expedido pola misión diplomática permanente ou oficina consular de España correspondente ao lugar do domicilio da empresa, en que se fará constar, logo da acreditación pola empresa, que figuran inscritas no rexistro local profesional, comercial ou análogo ou, no seu defecto, que actúan con habitualidade no tráfico local no ámbito das actividades comprendidas no obxecto deste concurso. Estas empresas deberán, ademais, achegar un informe de reciprocidade expedido pola misión diplomática permanente do lugar do domicilio da empresa.

a.2. Para acreditar a representación presentaranse os seguintes documentos:

– Aquelas persoas que comparezan e asinen a solicitude no nome doutra deberán presentar unha copia compulsada do DNI da persoa apoderada, ou documento que regulamentariamente a substitúa, só no caso de opoñerse á súa consulta.

Os documentos nacionais de identidade (DNI) consultaranse de xeito automático. No caso de que as persoas solicitantes se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar a documentación referida.

– Se o solicitante for unha persoa física, achegarase copia auténtica ou compulsada e debidamente verificada na súa suficiencia da escritura do poder notarial.

– Se o solicitante for unha persoa xurídica, achegarase copia compulsada e debidamente verificada na súa suficiencia da escritura de constitución da persoa xurídica e modificación, se é o caso, inscrita no rexistro público correspondente con aqueles particulares dos estatutos ou acordos sociais dos cales se deduza a dita representación. Se esta non resultase unicamente deles, presentarase, ademais, unha escritura de poder notarial para xustificala, inscrita no rexistro público correspondente.

a.3. Para acreditar que non concorre ningunha das prohibicións para contratar co sector público, consonte exixen o artigo 35.2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, e o artigo 94 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, presentarase a seguinte documentación:

– Declaración responsable de que na persoa natural ou xurídica solicitante non concorre ningunha prohibición de contratar das previstas na Lei de contratos do sector público.

– Documentación acreditativa de estar ao día das obrigas tanto coa Axencia Estatal de Administración Tributaria como cos órganos da Administración Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia, e coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social, só no caso de opoñerse a que a Administración proceda á súa comprobación informática ou telemática.

Os datos a que se refire o punto anterior consultaranse de xeito automático. No caso de que as persoas solicitantes se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

b) Comprobante da fianza provisoria, que consistirá no 10 % da taxa correspondente ás solicitudes de dereitos mineiros establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, que se indica no anexo IV da orde pola que se convoca o concurso.

1.5. O sobre 2, relativo á documentación técnica e económica xustificativa, conterá a seguinte documentación:

a) A designación do terreo que se pretende, que poderá estar referida ben para unha cuadrícula mineira ou para cuadrículas mineiras agrupadas sen solución de continuidade, referidas ao meridiano de Greenwich (sistema xeodésico ETRS89), formulándose unha solicitude independente para cada un dos dereitos mineiros que se pretendan.

A solicitude poderá abranguer a totalidade do terreo correspondente a un dereito mineiro caducado incluído no anexo I ou unha parte deste.

Tanto para os dereitos definidos en pertenzas mineiras como para os outorgados en cuadrículas mineiras a través de sistemas de referencia anteriores, poderase formular a solicitude sobre un ou varios dereitos obxecto do concurso, así como sobre terreos francos adxacentes, cando sexa preciso para formar cuadrículas mineiras conforme o sistema de referencia xeodésica ETRS89, sempre que os terreos necesarios para conformar unha cuadrícula mineira non estean ocupados en parte por ningún dereito mineiro vixente da sección C).

Para definir o dereito ou os dereitos mineiros que se pretendan solicitar, a persoa solicitante deberá utilizar o visor dispoñible na ligazón web https://concursosdereitosmineiros.xunta.gal/ para a designación concreta das coordenadas correspondentes á totalidade ou a unha parte do terreo afectado polo dereito ou dereitos mineiros.

De conformidade co artigo 28 da Lei de ordenación da minaría de Galicia, a autoridade mineira non outorgará extensións superiores a quince cuadrículas mineiras, salvo en supostos excepcionais debidamente xustificados e motivados por razón da tipoloxía do recurso que se vaia investigar, das melloras técnicas dispoñibles, da súa natureza estratéxica ou do seu interese para a economía galega.

Unha vez seleccionada a zona desexada, poderase xerar un informe que conterá a información relativa aos vértices do dereito mineiro. Este informe deberá achegarse xunto coa correspondente solicitude, para os efectos de concretar correctamente a zona desexada.

Deberá xerarse un informe independente para cada unha das solicitudes de dereitos mineiros que se pretendan presentar.

b) Os documentos requiridos para as solicitudes de dereitos mineiros, consonte o disposto no artigo 18 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia:

b.1. Memoria que comprenda o proxecto de explotación, asinado por persoa técnica competente.

b.2. Documentación acreditativa dos requisitos de viabilidade e de solvencia económica e técnica, de conformidade co sinalado no dito artigo 18 da Lei 3/2008, do 23 de maio, polos medios nel previstos. Sen prexuízo de que o cumprimento de determinados parámetros de solvencia ou viabilidade poidan ser obxecto de valoración de acordo cos criterios establecidos no anexo III, a análise específica do cumprimento dos ditos requisitos será efectuada, se é o caso, no procedemento de outorgamento do dereito correspondente.

b.3. Calendario de execución e orzamento do investimento que se vai efectuar.

b.4. No caso dos dereitos mineiros sometidos á avaliación ambiental, o correspondente documento ambiental de conformidade co establecido na lexislación vixente.

b.5. Un plan de seguridade e saúde laboral.

b.6. Un plan de restauración do espazo afectado polas actividades mineiras.

b.7. Planos.

b.8. Anexos.

b.9. De ser o caso, a documentación exixida pola normativa sectorial correspondente a eventuais autorizacións necesarias doutras administracións públicas.

b.10. Certificado municipal sobre a situación urbanística do lugar onde se pretende levar a cabo a actividade mineira.

b.11. Calquera outra documentación e información acreditativa do cumprimento de requisitos establecidos na lexislación sectorial aplicable.

b.12. De acordo co exixido no artigo 18.3 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, deberán determinarse de maneira expresa aqueles datos que, a xuízo da persoa solicitante, gozan de segredo profesional e de propiedade intelectual e industrial, así como aqueles que estean suxeitos a protección de carácter persoal e confidencialidade de acordo coas disposicións vixentes. Para estes efectos presentarase unha copia dos documentos de que se trate cos ditos datos anonimizados ou disociados. De non presentarse esta copia cos datos disociados, entenderase que, a xuízo do solicitante, non concorren límites ou excepcións ao dereito de acceso dos recollidos nos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

De conformidade co artigo 31.bis do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, non será necesaria a autorización da persoa autora cando unha obra se reproduza, distribúa ou comunique publicamente para o correcto desenvolvemento de procedementos administrativos.

c) Outros documentos acreditativos das vantaxes da proposta e cumprimento dos criterios de valoración recollidos no anexo III.

d) Unha declaración responsable dos documentos presentados.

Segunda. Presentación de solicitudes e prazo para a súa formulación

2.1. As solicitudes formularanse consonte os requisitos establecidos na base primeira, así como o disposto no artigo 35 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia; nos artigos 53 e 64 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas; e nos artigos 72 e 85 do Regulamento xeral para o réxime da minaría do 25 de agosto de 1978. Os preceptos referidos constitúen un réxime especial, de acordo co previsto no artigo 16.8 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, segundo o cal non se terán por presentados no rexistro aqueles documentos e información cuxo réxime especial estableza outra forma de presentación.

As solicitudes e o resto da documentación sinalada na base primeira presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do procedemento dispoñible no Sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia (en diante, Silex), seguindo as especificacións recollidas no Manual de servizos de licitación electrónica publicado na seguinte ligazón: www.conselleriadefacenda.es/silex. Durante o prazo de presentación de solicitudes as persoas interesadas poderán dirixirse ao servizo de atención ao usuario habilitado no dito sistema, co obxecto de resolver as dúbidas técnicas e de carácter informático derivadas da presentación da súa solicitude.

Con carácter previo á presentación da solicitude, as persoas interesadas deberán rexistrarse no Silex, seguindo as especificacións recollidas no manual referido no parágrafo anterior.

As solicitudes axustaranse ao modelo normalizado contido no anexo V e deberán estar asinadas pola persoa interesada ou polo seu representante legalmente facultado para iso, mediante algún dos sistemas de identificación e sinatura electrónica admitidos pola Xunta de Galicia.

A restante documentación prevista nestas bases deberá achegarse en calquera dos formatos admitidos no Silex e deberá estar autenticada mediante sinatura electrónica recoñecida.

2.2. O prazo de presentación será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da última publicación desta resolución, xa sexa no Diario Oficial de Galicia ou no Boletín Oficial del Estado.

Se durante o dito período de dous meses se producisen interrupcións na conexión coa páxina web especificada para a consulta da designación dos terreos dos dereitos caducados, esta incidencia non dará lugar á prórroga do citado prazo, dado que, en todo caso, se manterá a posibilidade de realizar as consultas nas correspondentes oficinas do departamento territorial.

Terceira. Composición da mesa

3.1. A apertura e admisión de solicitudes será realizada por unha mesa, que estará formada, de acordo co previsto no artigo 36 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, polas seguintes persoas:

a) A persoa titular do Departamento Territorial da Coruña, da Consellería de Economía e Industria, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente ou presidenta.

b) A persoa titular da xefatura do servizo competente en materia de minas do Departamento Territorial da Coruña, da Consellería de Economía e Industria; ou o enxeñeiro ou enxeñeira de minas do dito servizo en quen delegue, que actuará como secretario ou secretaria da mesa.

c) Un membro da escala de letrados da Xunta de Galicia.

d) A persoa titular da Intervención Delegada do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria ou da delegación territorial ou persoa en quen delegue.

e) Unha persoa representante da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, designada pola persoa titular da devandita dirección xeral.

3.2. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, as persoas integrantes da mesa serán substituídas consonte o disposto nos artigos 16, 17 e 18 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3.3. Ao finalizar cada reunión da mesa fixarase a data, hora e lugar da seguinte reunión.

Cuarta. Constitución da mesa, apertura dos sobres e admisión de solicitudes

4.1. A mesa constituirase aos dez días hábiles seguintes ao día do remate do prazo de presentación de solicitudes. A constitución da mesa terá lugar nas dependencias da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, ben que a asistencia ao dito acto por parte das persoas que forman a mesa, poderá realizarse mediante videoconferencia ou outros medios electrónicos válidos para estes efectos, consonte o previsto no artigo 21.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

As persoas solicitantes e os seus representantes debidamente acreditados poderán asistir de xeito telemático ao acto de constitución da mesa e de apertura de sobres. Con este fin, comunicaráselles con suficiente antelación o día e a hora en que terá lugar.

Para tal efecto, habilitarase unha ferramenta informática que permita amosar o desenvolvemento do dito acto en directo, garantindo o seu seguimento polas persoas interesadas.

4.2. Constituída a mesa, procederase á lectura do anuncio do concurso e ao reconto das solicitudes presentadas, así como a dar conta pública do número de proposicións recibidas e do nome das persoas concursantes. A seguir procederase a apertura dos sobres na orde habitual.

A presentación das solicitudes a través do sistema Silex garante que estas son remitidas cifradas e fragmentadas. O cifrado das ofertas realizarase contra as claves públicas dos membros da mesa. Para a súa recomposición e descifrado será necesaria a participación, no acto de apertura, de dous membros da mesa establecidos no Silex cos seus correspondentes certificados de firma electrónica recoñecida.

4.3. Se a mesa observa a ausencia ou a deficiencia da documentación presentada no sobre 1, concederá un prazo non superior a tres días hábiles para que a persoa solicitante emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución.

Para estes efectos, notificarase mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Neste suposto, non se procederá á apertura do sobre 2 presentado para o mesmo dereito ata que finalice o trámite de emenda.

De non atender o requirimento nos termos nel contidos, procederá a súa exclusión do concurso. En todo caso, as circunstancias relativas á capacidade e á ausencia de prohibicións de contratar, así como a constitución da fianza provisoria, deberán concorrer na data final de presentación de ofertas, sen prexuízo da súa acreditación documental no trámite de emenda.

4.4. Polo que respecta á apertura do sobre 2, a ausencia ou a deficiencia na designación do terreo que se pretende ou a falta dalgún dos documentos requiridos para as solicitudes de dereitos mineiros, consonte co establecido nestas bases e segundo o disposto no artigo 18 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, suporán a non admisión da solicitude, do que se deixará constancia con indicación da causa.

Quinta. Interpretación das bases

Sobre as cuestións que poidan xurdir e que non estean consideradas nestas bases, a mesa constituída adoptará as decisións que considere pertinentes, logo da deliberación dos seus membros, deixando constancia na acta que se levante e con indicación do sentido da súa deliberación.

Sexta. Valoración das solicitudes e establecemento da orde de prelación

6.1. O concurso resolverase a favor das propostas máis vantaxosas no seu conxunto, entendendo por tales as que ofrezan as mellores condicións científicas e técnicas, así como económicas, sociais, ambientais e xurídicas, tendo en conta os principios de sustentabilidade, responsabilidade e seguridade e atendendo aos criterios establecidos no artigo 36.2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, e no artigo 20.3 da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

A especificación dos criterios concretos de valoración e de selección, coa indicación dos parámetros de valoración e o baremo de puntuación correspondente, recóllense no anexo III.

6.2. A mesa analizará e valorará as ofertas presentadas e formulará unha proposta de resolución do concurso, que incluirá, para os casos en que se presenten varias solicitudes para o mesmo dereito, a orde de prelación das solicitudes para a súa tramitación.

Con carácter previo á formulación da proposta, a mesa poderá solicitar os informes técnicos que considere necesarios, co obxecto de verificar que as solicitudes cumpren cos criterios de valoración establecidos.

6.3. Unha vez formulada a proposta de resolución, as persoas concursantes cuxas solicitudes resulten propostas para a súa tramitación, deberán achegar a documentación acreditativa de non incorrer nas prohibicións para contratar establecidas na lexislación reguladora dos contratos do sector público. Para tal efecto, serán requiridas pola mesa e concederánselle un prazo de 10 días hábiles.

No caso de non achegar a documentación ou facelo fóra do prazo concedido, entenderase que a persoa concursante retira a súa oferta e procederase a requirir a mesma documentación á seguinte persoa concursante, segundo a orde de prelación das ofertas.

Sétima. Resolución do concurso

7.1. O órgano competente para resolver o concurso é a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, consonte o disposto nos artigos 16 e 36.4 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia. Esta competencia está delegada na persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, de acordo co artigo 11.3 da Orde do 4 de novembro de 2024 sobre delegación de competencias en diversos órganos.

7.2. Unha vez realizados os trámites referidos na base sexta, a mesa dará traslado da súa proposta ao órgano competente, que resolverá o concurso.

A resolución conterá a orde de prelación para a tramitación das solicitudes concorrentes presentadas respecto dun mesmo dereito e declarará que procede a admisión a trámite das solicitudes non concorrentes.

Pola súa vez, no contido da resolución advertirase expresamente que a tramitación das solicitudes seleccionadas quedará condicionada a que, no prazo dun mes desde a notificación da dita resolución ás persoas concursantes seleccionadas ou, de ser posterior, desde a notificación do importe que debe ser aboado, as persoas concursantes acrediten o aboamento da taxa administrativa establecida para a tramitación da solicitude do dereito mineiro.

De non se acreditar o aboamento da taxa indicada no prazo establecido, requirirase á persoa solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta e acredite o aboamento, coa indicación de que, se non o fixer así, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución que se dite nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e procederase á tramitación da seguinte solicitude seleccionada consonte a orde de prelación establecida. De non existiren máis solicitantes, será de aplicación o establecido na base oitava.

Así mesmo, a resolución do concurso declarará rexistrables os terreos obxecto do concurso respecto dos que non se presentase ou non fose admitida ningunha solicitude.

7.3. O concurso resolverase no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao da última publicación da convocatoria. Transcorrido o prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

7.4. De acordo co disposto no artigo 10 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, unha vez ditada a resolución procederase, de oficio, á inscrición das solicitudes no Rexistro de Solicitudes de Dereitos Mineiros.

7.5. A resolución poñerá fin á vía administrativa e notificarase a todos os concursantes. O resultado do concurso publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Contra a resolución poderán interpoñerse os seguintes recursos:

– Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

– Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que poida entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

7.6. Resolto o concurso e transcorridos os prazos para a interposición dos respectivos recursos sen que estes se interpuxesen, a documentación achegada coas propostas non seleccionadas quedará á disposición das persoas interesadas.

As fianzas constituídas polos solicitantes das propostas non seleccionadas no concurso devolveranse nun prazo de 30 días naturais, contados desde a notificación da resolución denegatoria da solicitude.

Oitava. Ausencia de presentación de solicitudes ou inexistencia de solicitudes válidas

Se despois de realizado o concurso quedasen terreos sen adxudicar, estes serán declarados francos e rexistrables pola persoa titular da Consellería de Economía e Industria. Esa declaración deberase publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, coa indicación de que poderán ser solicitados logo de transcorridos oito días desde a publicación no Boletín Oficial del Estado.

Novena. Notificacións

9.1. As notificacións que procedan no desenvolvemento do concurso practicaranse por medios electrónicos, mediante o Sistema de notificaciones electrónicas de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

9.2. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

9.3. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o órgano competente practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décima. Datos de carácter persoal

10.1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados, como responsable do tratamento, pola Xunta de Galicia –Consellería de Economía e Industria– coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento.

10.2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida nestas bases e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

10.3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e a resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

10.4. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas solicitantes serán publicados, conforme o descrito nestas bases, a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios e, en particular, mediante a publicación do resultado do concurso no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado prevista na base sétima.

10.5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Undécima. Condicións especiais e resolutorias

11.1. Tan só serán obxecto de admisión solicitudes de concesións directas de explotación.

11.2. Os orzamentos dos proxectos incluirán unha táboa resumo, en que se reflectirán as cantidades orzadas para cada concepto en euros.

11.3. A presentación de solicitudes implica a aceptación incondicional por parte da persoa ou entidade participante do contido da convocatoria e das bases anexadas na súa totalidade, sen ningunha condición, e o compromiso de levar a cabo os traballos coa intensidade, ritmo e investimentos programados nas súas ofertas.

11.4. O cumprimento dos compromisos e dos requisitos que fosen obxecto de valoración deberán manterse durante a ulterior tramitación do procedemento de outorgamento do dereito mineiro, unha vez admitida a trámite a solicitude por ter sido seleccionada no concurso.

Así mesmo, farase constar na resolución de outorgamento do dereito que tales compromisos e requisitos teñen o carácter de condicións ou obrigas inherentes ao dito outorgamento.

Toda transmisión do dereito implicará a subrogación do novo titular en tales obrigas.

11.5. A selección para a admisión a trámite como consecuencia da resolución deste concurso, así como o ulterior outorgamento da concesión directa de explotación, non eximen da obtención das autorizacións que correspondan a outros órganos, sen que en ningún caso concorra responsabilidade do órgano mineiro no suposto de non obterse.

Así mesmo, tampouco cabe responsabilidade como consecuencia de resultar seleccionada unha solicitude na resolución deste concurso, no suposto de que non chegue a obterse a concesión directa de explotación, calquera que sexa a causa, incluíndo os condicionados ambientais que poidan, se é o caso, impoñerse ou a incompatibilidade con figuras de protección doutros bens xurídicos ou de usos preexistentes.

11.6. Os gastos de inserción desta resolución, así como os derivados da publicación do resultado do concurso nos diarios oficiais, serán rateados entre os solicitantes que resulten seleccionados, atendendo á superficie obxecto da solicitude.

ANEXO III

Criterios de valoración e selección

A valoración, a prelación e a selección das solicitudes presentadas realizarase consonte os criterios de valoración e selección e os baremos de puntuación que a continuación se describen, sobre un total de 100 puntos.

En ningún caso poderán valorarse aquelas medidas ou accións cuxo cumprimento veña imposto pola lei.

Os puntos e os datos obxecto de valoración deberán detallarse e/ou xustificarse adecuadamente. En caso contrario, non serán tidos en conta pola mesa, facéndoo constar. Todas as declaracións, compromisos ou certificados que se presenten para a acreditación de criterios de valoración deberán estar asinadas por quen represente legalmente á persoa solicitante.

I. Criterios técnicos: máximo 35 puntos.

Criterio

Puntuación máxima

Descrición

Baremo

Experiencia e capacidade

5

Concesións de explotación da Sección C vixentes nos últimos 10 anos cuxa titularidade represente cando menos o 10 % da participación da entidade solicitante do dereito a concurso e cuxa participación nesas seccións C sexa cando menos do 20 % (en ambos os casos, referido ao grupo empresarial).

1 concesión de explotación: 1,5 puntos

2 concesións de explotación: 3 puntos

≥3 concesións de explotación: 5 puntos

Solvencia financeira

6

Valorarase a existencia e a dispoñibilidade de fondos propios suficientes para cubrir o Capex previsto do proxecto, ben directamente por parte da persoa licitadora, ben mediante compromisos de dispoñibilidade de fondos asumidos polas entidades que integren o seu grupo empresarial.

Para estes efectos, deberá achegarse unha declaración responsable, subscrita pola persoa ou persoas con facultades suficientes para representar a cada unha das entidades que asuman a dispoñibilidade de fondos, na que se manifeste expresamente:

a) A existencia efectiva e actual dos fondos ou recursos financeiros declarados.

b) A dispoñibilidade efectiva destes fondos para a eventual execución do proxecto obxecto do concurso, na contía que corresponda a cada entidade.

c) O compromiso vinculante da entidade declarante de poñer á disposición do proxecto os fondos declarados, cando sexa necesario para a súa execución e nos termos previstos na oferta presentada.

d) Que os fondos declarados como dispoñibles non están afectados a unha finalidade incompatible coa súa eventual aplicación ao proxecto nin sometidos a condicións que impidan a súa posta á disposición deste.

No caso de que a dispoñibilidade de fondos se acredite mediante varias entidades integrantes do grupo, a declaración deberá identificar individualmente cada entidade, a contía dos fondos dos que declara dispoñer e o compromiso vinculante de poñer esa contía á disposición do proxecto, nos termos establecidos neste criterio.

A declaración responsable e os compromisos de dispoñibilidade de fondos terán carácter vinculante para as entidades que os subscriban, sen prexuízo de que, durante a execución do proxecto, a súa estrutura financeira poida complementarse ou substituírse por outras fontes de financiamento, incluído financiamento alleo, financiamento bancario, financiamento intragrupo, achegas de socios ou outras fórmulas de financiamento admisibles.

En consecuencia, o compromiso de dispoñibilidade dos fondos declarado para os efectos da valoración non implicará a obriga de financiar efectivamente o proxecto exclusivamente mediante fondos propios nin impedirá recorrer posteriormente a outras fontes ou fórmulas de financiamento, sempre que se manteña en todo momento a capacidade financeira necesaria para o cumprimento das obrigas derivadas do proxecto e da oferta presentada.

A declaración responsable deberá permitir comprobar de forma individualizada a contía total dos fondos dispoñibles e a súa correspondencia coa entidade que asume o compromiso, non sendo suficiente unha declaración xenérica de solvencia ou capacidade financeira.

≥ 90 % do Capex con fondos propios: 6 puntos

70 %-89 %: 4 puntos

50 %-69 %: 2 puntos

< 50 %: 0 puntos

Calidade do proxecto

24

Viabilidade técnica, ambiental e social

Presentación do Feasibility Study (estudo de viabilidade) baixo os parámetros das reservas probadas e o plan de produción presentado. Valorarase a presentación de documentación acreditativa das reservas probadas e probables que avalen o Feasibility Study (estudo de viabilidade) que se vai achegar.

Presentado: 5 puntos máximo.

Plan de produción (recollido nun documento cun máximo de 20 follas en tamaño de letra 10): ritmos anuais, tecnoloxía de arranque e procesamento, calendario de posta en marcha, calidade técnica do plan de clausura e restauración (máis alá do mínimo legal da DIA e considerando os pasivos ambientais), plan de transición laboral para o cadro de persoal e plan de monitorización ambiental e social postpeche con entidade independente (os tres compoñentes con cuantificación e calendario)-completo e detallado: 16 puntos; suficiente: 10 puntos; básico: 6 puntos; insuficiente 0 puntos (máx.16).

Minimización de superficie máxima afectada de forma simultánea considerando tamén os pasivos ambientais existentes (explotación por fases con restauración progresiva) - (1-[Sup. máx. simultánea oferta/Sup. total solicitada]) x 3 (máx. 3)).

Referida á superficie do proxecto.

II. Criterios socioeconómicos e ambientais: máximo 65 puntos.

Criterio

Puntuación máxima

Descrición

Baremo

Contratación, industrialización e cadea de valor local

14

Para unha menor pegada de carbono: porcentaxe mínima de contratación de bens e servizos a provedores situados a unha distancia inferior a 100 km do lugar da explotación, durante a fase de explotación. Só unha fase (non se desdobra por ser concesión de explotación directa).

0 %-9 %: 0 puntos

10 %-25 %: 1 punto

26 %-50 %: 2 puntos

51 %-75 %: 3 puntos

76 %-100 %: 4 puntos

Plan industrial vinculante de transformación ou primeira valorización do mineral na Comunidade Autónoma de Galicia e convenio e I+D+i con universidade ou centro tecnolóxico galego.

Plan industrial vinculante de transformación ou primeira valoración do mineral en Galicia cuantificación de investimento, emprego industrial e calendario executivo-completo e detallado: 6 puntos. Suficiente: 4 puntos. Básico: 2 puntos; insuficiente 0 puntos (máx. 6).

Contratación, industrialización e cadea de valor local

14

Plan industrial vinculante de transformación ou primeira valorización do mineral na Comunidade Autónoma de Galicia e convenio e I+D+i con universidade ou centro tecnolóxico galego.

Infraestrutura propia de tratamento, transformación ou procesamento de minerais da sección C) activa en Galicia, acreditada mediante a certificación ECA ou informe de enxeñeiro/a de minas colexiado/a.

Non se valorarán os datos correspondentes a infraestruturas nas que a entidade solicitante do dereito mineiro a concurso participe nunha porcentaxe inferior ao 20 %.

A valoración realizarase en función da distancia entre a infraestrutura de tratamento, transformación ou procesamento e o centro de explotación do dereito mineiro obxecto do concurso, conforme a seguinte escala:

3 puntos: cando a infraestrutura se atope a unha distancia igual ou inferior a 100 km do centro de explotación.

1,5 puntos: cando a infraestrutura se atope a unha distancia superior a 100 km e inferior ou igual a 200 km do centro de explotación.

0 puntos cando a infraestrutura se atope a unha distancia superior a 200 km do centro de explotación.

A distancia calcularase tomando como referencia a distancia por estrada entre o acceso principal á explotación e o acceso principal á infraestrutura, utilizando para estes efectos a ruta viaria máis curta dispoñible na data de presentación da solicitude.

No caso de que exista máis dunha infraestrutura susceptible de valoración, aplicarase a puntuación correspondente á infraestrutura que resulte máis próxima ao centro de explotación, sempre que cumpra os requisitos establecidos neste criterio.

Alternativamente, cando non exista unha infraestrutura propia activa que cumpra os requisitos anteriores, poderá valorarse o compromiso vinculante de executar e poñer en funcionamento en Galicia unha infraestrutura propia de tratamento, transformación ou procesamento de minerais durante os dous primeiros anos desde o inicio da explotación, sempre que este compromiso se incorpore como condición resolutoria da concesión, coa seguinte puntuación:

3 puntos: cando a infraestrutura se atope a unha distancia igual ou inferior a 100 km do centro de explotación.

1,5 puntos: cando a infraestrutura se atope a unha distancia superior a 100 km e inferior ou igual a 200 km do centro de explotación.

0 puntos cando a infraestrutura se atope a unha distancia superior a 200 km do centro de explotación.

Neste último caso, a localización da infraestrutura deberá quedar suficientemente determinada na oferta para permitir comprobar a distancia respecto do centro de explotación.

Convenio vinculante con universidade pública galega ou centro tecnolóxico acreditado para I+D+i vinculada á explotación: 1 punto.

Emprego de calidade

11

Compromiso vinculante de creación de empregos indefinidos a xornada completa na fase de explotación.

Compromiso vinculante de creación de empregos directos indefinidos a xornada completa en Galicia durante a explotación, con número mínimo garantido no prego da concesión. Estes datos deberán ser desagregados, indicando onde se xeran estes empregos, e será coherente co indicado no estudo de viabilidade e no plan de produción.

nº empregos ≤ 50: (nº empregos / 50) x 8,5

nº empregos > 50: 8,5 + 1,5 * (nº empregos - 50)/(nº empregos maior oferta - 50)

* En caso de que durante o período de explotación se produza un desvío no número de empregos directos xerados, entón a contía que se achegará do criterio 2.6 incrementarase en 50.000 € por emprego non creado.

A puntuación obtida conforme á escala establecida para a valoración da creación de emprego, cun máximo de 10 puntos, incrementarase nun 10 %, ata un máximo de 11 puntos, cando os postos de traballo directos comprometidos se xeren no propio concello ou concellos afectados polo proxecto ou nos seus concellos limítrofes.

Para estes efectos, a puntuación resultante da aplicación da escala de valoración multiplicarase por 1,1 cando se cumpra o requisito de localización territorial indicado:

P = Po × 1,1

Onde:

Po = puntuación obtida pola oferta conforme a escala de valoración da creación de emprego, cun máximo de 10 puntos.

P = puntuación final do criterio, cun máximo de 11 puntos.

No caso de que non se cumpra o requisito de localización territorial, manterase a puntuación obtida conforme a escala establecida, sen aplicar o factor de ponderación.

A aplicación do factor 1,1 estará condicionada ao compromiso expreso e vinculante de xerar os postos de traballo no ámbito territorial indicado, nos termos establecidos nas bases do concurso e, de ser o caso, no título concesional.

Participación de capital galego

6

Valorarase o compromiso de ofrecer a persoas físicas e xurídicas, públicas ou privadas, radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, a posibilidade de participar na propiedade do proxecto mineiro, directamente ou a través dunha sociedade vehículo constituída para agrupar as persoas ou entidades participantes.

A participación poderá instrumentarse mediante a adquisición ou subscrición de participacións ou accións da sociedade titular do proxecto ou mediante calquera outra fórmula xurídica que permita unha participación efectiva na súa propiedade, nos termos establecidos na oferta.

O compromiso deberá concretar as condicións de acceso á participación, incluíndo, cando menos, o procedemento, os prazos e as condicións económicas aplicables ás persoas ou entidades interesadas.

O compromiso terá carácter vinculante para a persoa adxudicataria, nos termos e nos prazos establecidos na oferta e, de ser o caso, nas condicións da concesión.

Considerarase igualmente cumprido o criterio, na porcentaxe que corresponda, cando na data de presentación da oferta a sociedade ou a entidade solicitante xa conte con participación na súa propiedade por parte de persoas físicas ou xurídicas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia igual ou superior á porcentaxe obxecto de valoración, sen necesidade de formular un compromiso adicional de apertura da propiedade.

Para estes efectos, non será suficiente o mero feito de que a sociedade solicitante ou as entidades que participen no proxecto teñan o seu domicilio social en Galicia. Deberá acreditarse que a participación na propiedade do proxecto corresponde efectivamente a persoas físicas ou xurídicas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, directa ou indirectamente, na proporción que corresponda.

No caso de participación indirecta, esta poderá computarse cando se acredite suficientemente a porcentaxe de participación efectiva que corresponda ás persoas ou entidades radicadas en Galicia na propiedade da sociedade titular do proxecto. Para estes efectos, deberá achegarse a documentación necesaria para identificar a cadea de participación e determinar a porcentaxe de participación efectiva.

A participación deberá ser real, efectiva e susceptible de exercicio, non computándose aquelas participacións que estean sometidas a pactos, acordos, condicións ou limitacións, que, de feito, impidan ou restrinxan o exercicio dos dereitos inherentes á condición de propietario ou socio na proporción declarada.

45 %-49 % ou máis: 6 puntos

40 %-44 %: 5 puntos

35 %-39 %: 4 puntos

30 %-34 %: 3 puntos

20 %-29 %: 2 puntos

10 %-19 %: 1 punto

0 %-9 %: 0 puntos

Excelencia ambiental e patrimonio mineiro

2

Investimentos en gastos mbientais (limiar mínimo 5 % do orzamento total) e certificacións de xestión ambiental vixentes. As ofertas que non destinen polo menos o 5 % do orzamento total a gastos ambientais obteñen 0 puntos neste subcriterio.

Investimentos en iniciativas innovadoras no eido ambiental en relación cos pasivos mineiros existentes (máx. 0,5).

Investimentos na recuperación e posta en valor do patrimonio mineiro vencellado á mina de Santa Comba (máx. 0,5).

Certificación UNE 22470 ou UNE 22480 vixente ou compromiso de contar con el durante o primeiro ano de explotación - fixo (máx. 0,5).

Certificación ISO 14001 ou equivalente vixente ou compromiso de contar con el durante o primeiro ano de explotación - fixo (máx. 0,5).

Promoción da igualdade, inclusión laboral e non discriminación

4

Valorarase o compromiso de adoptar medidas destinadas á promoción da igualdade de xénero, á inclusión laboral das persoas con discapacidade e á incorporación de persoas en risco de exclusión social, no marco do desenvolvemento do proxecto mineiro.

As medidas propostas deberán estar directamente vinculadas ao emprego xerado polo proxecto e ser concretas, verificables e susceptibles de seguimento, de conformidade cos principios e obxectivos establecidos na Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

Igualdade de xénero: compromiso de que, como mínimo, o 30 % dos postos de traballo directos de nova creación vinculados ao proxecto sexan ocupados por mulleres: 1 punto.

Incorporación de persoas con discapacidade: compromiso de que, como mínimo, o 5 % dos postos de traballo directos de nova creación vinculados ao proxecto sexan ocupados por persoas con discapacidade, de conformidade coa definición legal aplicable: 1 punto.

Inclusión de persoas en risco de exclusión social: compromiso de que, como mínimo, o 5 % dos postos de traballo directos de nova creación vinculados ao proxecto sexan ocupados por persoas en situación ou risco de exclusión social, acreditado conforme a normativa aplicable: 1 punto.

Plan de igualdade vixentes inscrito no Rexistro de plans de igualdade do MITES ou da Xunta, ou no caso de empresas de menos de 50 traballadores, compromiso de telo vixente e inscrito con carácter previo á explotación: 1 punto.

Plan de impacto económico e social

28

Calidade técnica do PIES (indicadores SMART, cronograma por fases, verificación externa, gobernanza) e dotación económica anual segregada como condición resolutoria da concesión.

Calidade técnica do PIES: valorarase a calidade, a concreción e a capacidade de seguimento do Plan de impacto económico e social (PIES), atendendo á definición de indicadores SMART, ao establecemento dun cronograma por fases da concesión, aos mecanismos de verificación e de reporte independente e á definición da gobernanza e da responsabilidades para a execución e seguimento do plan.

Plan de impacto económico e social

28

Calidade técnica do PIES (indicadores SMART, cronograma por fases, verificación externa, gobernanza) e dotación económica anual segregada como condición resolutoria da concesión.

Así mesmo, valorarase a inclusión no PIES de compromisos concretos en materia de formación profesional dual, de acordo co previsto no artigo 5.2.i) da Lei 2/2024, do 7 de novembro, incluíndo, cando menos, a determinación do número mínimo e máximo de alumnado por curso académico, os programas ou as familias profesionais a que se vinculará a formación, o calendario previsto e os mecanismos de seguimento e acreditación do seu cumprimento.

A puntuación máxima será de 14 puntos, conforme a seguinte escala:

Excelente: 14 puntos. O PIES presenta indicadores SMART completos e cuantificables, cronograma detallado por fases, sistema de gobernanza claramente definido, mecanismos de verificación e reporte independente e compromisos concretos, cuantificados e calendarizados en materia de formación profesional dual, incluíndo o número mínimo e máximo de alumnado por curso académico.

Bo: 11 puntos. O PIES presenta unha definición adecuada dos indicadores, cronograma por fases, sistema de gobernanza e mecanismos de seguimento, incorporando compromisos concretos en materia de formación profesional dual, aínda que con menor nivel de detalle ou concreción nalgún dos elementos anteriores.

Suficiente: 8 puntos. O PIES incorpora parcialmente os elementos indicados e contén referencias á formación profesional dual, pero presenta un nivel limitado de concreción, cuantificación, calendarización ou mecanismos de verificación.

Ausente ou meramente declarativo: 0 puntos. O PIES non incorpora estes elementos de forma suficiente ou limita a súa formulación a declaracións xenéricas de intención sen compromisos cuantificables e verificables.

Valorarase a porcentaxe do EBIT anual do proxecto que a persoa licitadora se comprometa a destinar ao financiamento e ao despregamento do Plan de impacto económico e social (PIES), incluíndo as actuacións previstas no plan de comunicación.

O compromiso terá carácter vinculante e deberá incorporarse como condición resolutoria da concesión, nos termos que se establezan nas bases e no título concesional.

Plan de impacto económico e social

28

Calidade técnica do PIES (indicadores SMART, cronograma por fases, verificación externa, gobernanza) e dotación económica anual segregada como condición resolutoria da concesión.

A puntuación máxima deste criterio será de 8 puntos, de acordo coa seguinte fórmula:

E ≤ 5 %: 0 puntos.

5 % < E ≤ 8 %:

P = 6 × ((E − 5) / (8 − 5)) - Neste caso pondérase canto se separa E do maior valor deste intervalo.

Onde E é a porcentaxe do EBIT anual comprometida.

E > 8 %:

P = 6 + [2 × ((E − 8) / (Emax − 8))] – Neste caso pondérase canto se separa E da maior porcentaxe ofertada (Emax) de entre todas as propostas admitidas.

Onde:

E = porcentaxe do EBIT anual comprometida destinado ao PIES pola persoa licitadora.

Emax = maior porcentaxe entre os EBIT anuais ofertados nas proposicións admitidas que superen o 8 %.

Este índice serve para comparar cos EBIT doutras propostas.

En ningún caso a puntuación poderá superar os 8 puntos.

Para os efectos deste criterio, a oferta deberá indicar expresamente a porcentaxe do EBIT anual que se compromete a destinar ao PIES e os mecanismos previstos para a súa determinación, acreditación, segregación, aplicación e verificación.

O importe destinado ao PIES deberá ser identificable e susceptible de comprobación mediante a documentación económica e contable correspondente, así como mediante os mecanismos de seguimento e verificación establecidos no propio PIES.

Contía económica mínima anual, expresada en euros, que, no caso de que a % do EBIT comprometida no punto anterior sexa inferior, se achegará, como mínimo, para o despregamento do PIES, segregada e incorporada como condición resolutoria da concesión, incluíndo o plan de comunicación. (Contía oferta / contía oferta maior)^(1/4) X 6 (máx. 6).

A puntuación resultante do baremo determinarase sempre con dous decimais. De ser preciso, realizarase o redondeo á cifra máis baixa cando o terceiro decimal sexa inferior a cinco e, á cifra máis alta, cando o terceiro decimal sexa igual ou superior a cinco.

En caso de igualdade de puntuación de distintas ofertas sobre terreos comprendidos por cuadrículas mineiras coincidentes total ou parcialmente, primará a de maior puntuación obtida nos puntos II e I por esta orde.

Se nos últimos 5 anos foi declarada a caducidade dun dereito mineiro do que for titular o solicitante por causa de incumprimentos normativos, os puntos acumulados pola valoración anterior reduciranse en 10 puntos.

ANEXO IV

Cálculo da fianza provisoria

10 % da taxa correspondente ás solicitudes de dereitos mineiros establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, que se indica a continuación:

Tipo de dereito mineiro

Importe da taxa

Concesión de explotación

2.792,03 € pola primeira cuadrícula
e 119,64 € por cada unha das restantes

Taxas da Comunidade Autónoma de Galicia para 2026

Cálculo da fianza provisoria

Importe da fianza provisoria

10 % da taxa correspondente ás solicitudes de dereitos mineiros establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia

279,20 € pola primeira cuadrícula
e 11,96 € por cada unha das restantes

missing image file