DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 16 de outubro de 2026 Páx. 52857

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fan públicos o lugar, a data e a hora de realización dos exercicios da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario do Sistema sanitario público de Galicia.

Nas resolucións deste centro directivo do 16 de xullo de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 141, do 24 de xullo), do 21 de agosto de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 164, do 28 de agosto, e Diario Oficial de Galicia número 170, do 4 de setembro), do 23 de setembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 188, do 30 de setembro), do 11 de novembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 225, do 20 de novembro), e do 10 e 11 de decembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 245, do 19 de decembro), polas que se convocou o concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario do Sistema sanitario público de Galicia, establécese que os exercicios da fase de oposición se realizarán no lugar, data e hora que se fixen nunha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de antelación de cinco días hábiles.

De conformidade coa devandita base, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Emprazar as persoas aspirantes admitidas con carácter definitivo no concurso-oposición, convocado polas resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 16 de xullo de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 141, do 24 de xullo), do 21 de agosto de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 164, do 28 de agosto, e Diario Oficial de Galicia número 170, do 4 de setembro), do 23 de setembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 188, do 30 de setembro), do 11 de novembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 225, do 20 de novembro), e do 10 e 11 de decembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 245, do 19 de decembro), para a realización dos exercicios que integran a fase de oposición, na data, hora e quenda de acceso que se indican no anexo desta resolución.

Os exames realizaranse no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, sita na avenida Recinto feiral, s/n, Silleda (Pontevedra).

Segundo. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), na sección de Emprego Público, as distintas portas de acceso ao recinto de realización das probas, así como as persoas aspirantes asignadas a cada unha delas.

Terceiro. As persoas aspirantes convocadas que non comparezan na data e na hora fixadas nesta resolución serán excluídas do concurso-oposición. Non se terán en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.

Cuarto. As persoas aspirantes deberán acudir provistas do documento nacional de identidade ou doutro documento fidedigno que acredite a súa identidade, e de bolígrafo azul ou negro, de tinta indeleble.

A acreditación para o acceso ao lugar de realización das probas realizarase a través de un código QR. Cada aspirante terá á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e), desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a acreditación persoal con código QR, que deberá imprimir e presentar o día do exame ao persoal colaborador da porta que lle fose asignada, o que lle permitirá o acceso ao interior do lugar de realización das probas.

O código QR conterá información do lugar, da data e da hora de realización dos exercicios, e indicará a porta de acceso e o posto do exame que lle corresponda a cada aspirante. Co obxecto de axilizar a entrada ao recinto, a persoa aspirante debe ter á man ambos os documentos: o código QR e o documento de identidade. Non se lles permitirá o acceso ao interior do recinto de realización das probas ás persoas aspirantes que non presenten o código QR impreso.

Quinto. As persoas aspirantes deberán respectar as seguintes indicacións:

1ª. A persoa aspirante deberá asistir á realización das probas co material mínimo indispensable. Este material irá nun só bolso ou mochila, de tamaño pequeno, que cada aspirante levará sempre consigo e que, durante a realización do exame, deberá situar no chan.

2ª. Non estará permitido o acceso da persoa aspirante ao interior do recinto con alimentos, agás causa médica xustificada.

3ª. Todas as persoas aspirantes que se presenten ás probas selectivas terán á súa disposición, na Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e), o certificado de asistencia ao exame a partir do día seguinte ao da realización dos exercicios. Non se facilitará ningún certificado no lugar no que teñan lugar as as probas.

Sexto. De conformidade co establecido na base 8.1.4 das resolucións de convocatoria, realizaranse na mesma data os distintos exercicios que integran a fase de oposición, en unidade de acto e de tempo, pola seguinte orde: en primeiro lugar, o exercicio da parte común; a continuación, o exercicio da parte específica e, por último, o exercicio de coñecemento da lingua galega.

No marco das previsións da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o Servizo Galego de Saúde permitiralles ás mulleres embarazadas ou que desen a luz ese día ou días antes, e que por estes motivos estean ingresadas o día do exame, facer os distintos exercicios da fase de oposición derivados deste proceso selectivo nun centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia. Realizarán, así mesmo, os exercicios no centro hospitalario aquelas embarazadas en situación de incapacidade temporal ou parto recente (unha semana) que por razón desas situacións non se poidan desprazar ao lugar de realización das probas. En execución da Resolución do 15 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican diversos acordos adoptados pola Mesa sectorial de negociación en materia de protección das persoas traballadoras durante o embarazo (Diario Oficial de Galicia número 223, do 22 de novembro), con base no I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024), a muller que estea de parto o día en que teñan lugar os exercicios da oposición, e á cal non sexa posible realizarlle a proba no hospital, poderá efectuala dentro dos quince días seguintes ao da realización das probas.

O Servizo Galego de Saúde desprazará o día do exame, á mesma hora, a un centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia unha delegación do tribunal que lles permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que puxesen en coñecemento do órgano convocante, cunha antelación mínima de 72 horas á data de realización do exame, a situación de embarazo ou posible parto e a súa vontade de realizar a proba no centro sanitario no suposto de estaren ingresadas na data da súa realización e sempre que se recibise na Dirección Xeral de Recursos Humanos a comunicación e xustificación do seu ingreso nun centro hospitalario por tal motivo con anterioridade á realización dos exercicios.

Por razóns temporais e organizativas, unicamente serán atendidas as solicitudes de desprazamento a un centro sanitario pola causa exposta que consten debidamente xustificadas na Dirección Xeral de Recursos Humanos cunha antelación mínima de cinco horas á hora de inicio das probas. Para os efectos do disposto nesta base, só se admitirá como medio válido de comunicación o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es

Aquelas aspirantes que non comunicasen no prazo establecido no punto anterior a súa vontade de realizar o exercicio nun centro hospitalario e que estean de parto o día do exercicio deberán comunicar esta circunstancia o mesmo día do exame mediante correo electrónico, dirixido ao enderezo de correo oposicions@sergas.es, no que deben solicitar a realización do exercicio noutra data. O exame realizarase nos quince días seguintes ao da realización das probas, logo de que o Servizo Galego de Saúde lles comunique a data ás interesadas.

Sétimo. As aspirantes que precisen realizar a lactación materna durante os tempos dos exames deberán solicitar a súa realización perante a Dirección Xeral de Recursos Humanos.

Por razóns temporais e organizativas, unicamente serán atendidas as solicitudes de realización de lactación realizadas no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da publicación desta resolución. Para os efectos do disposto nesta base, só se admitirá como medio válido de comunicación o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es

Como excepción ao disposto no punto anterior, poderán solicitar a realización da lactación materna fóra do prazo indicado aquelas aspirantes que sexan nais máis alá do prazo indicado.

As aspirantes que desexen realizar a lactación materna antes do inicio dos exames disporán dunha sala habilitada para tal fin no exterior do recinto, sen necesidade de que teñan que solicitar o seu uso.

Oitavo. Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios non se poderán utilizar auriculares nin manipular aparellos electrónicos, tecnoloxía dixital, telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria. Está prohibido o acceso ao recinto de realización das probas con tales dispositivos e non se habilitará ningún servizo para a súa recollida.

Noveno. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2026

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Data e hora das probas selectivas

Categoría/especialidade

Data

Hora

Técnico/a en farmacia

Sábado 24 de outubro de 2026

9.30 horas

Logopedista

Condutor/a

Fisioterapeuta

Sábado 24 de outubro de 2026

16.00 horas

Técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico

Fontaneiro/a

Técnico/a especialista en sistemas e tecnoloxías da información

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Domingo 25 de outubro de 2026

16.00 horas

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría (quenda discapacidade intelectual)

Técnico/a en farmacia (quenda discapacidade intelectual)

Médico/a de admisión e documentación clínica

Domingo 8 de novembro de 2026

9.30 horas

Técnico/a superior en sistemas e tecnoloxías da información

Traballador/a social

Mecánico/a

Grupo auxiliar da función administrativa

Domingo 8 de novembro de 2026

16.00 horas

Médico/a xeral de ADOS

Sábado 14 de novembro de 2026

9.30 horas

Farmacéutico/a de atención primaria

Odontólogo/a de atención primaria

Técnico/a xestión en sistemas e tecnoloxías da información

Calefactor/a

Celador/a

Sábado 14 de novembro de 2026

16.00 horas

Celador/a (quenda discapacidade intelectual)

Médico/a asistencial do 061

Domingo 15 de novembro de 2026

9.30 horas

Terapeuta ocupacional

Dietista-Nutricionista

Electricista