DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 26 de outubro de 2026 Páx. 53763

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2026 pola que se resolve o expediente de cambio de clase do treito da estrada AG-57-N, AG-57-Praia América (PO-325), entre o punto quilométrico 3+020 e o punto quilométrico 3+820.

Antecedentes:

A autoestrada do Val Miñor (AG-57) e o seu ramal AG-57-N a Nigrán levan en servizo desde o 24 de maio de 1999.

Ao longo dos primeiros anos da súa explotación, constatáronse importantes limitacións nesta autoestrada relacionadas coa súa accesibilidade, provocadas polo incremento de movementos cara á costa.

Isto deu lugar á consideración de que a conformación inicial dos enlaces de acceso á autoestrada AG-57 resultaban insuficientes para lles prestar servizo aos concellos do sur da comarca de Vigo, como consecuencia do seu desenvolvemento.

Para solucionar os problemas de accesibilidade provocados polo incremento de movemento cara á costa, foi preciso executar, entre outras actuacións, un novo enlace na estrada AG-57-N, no punto quilométrico 3+020, mediante unha glorieta a nivel que facilitou o acceso ao polígono industrial de Porto do Molle. Este nó viario foi posto en servizo o 30 de xuño de 2010.

Por outra parte, o Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia foi aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño, publicado no Diario Oficial de Galicia número 129, do 8 de xullo de 2021.

No antedito Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia, figura a estrada AG-57-N, coa denominación AG-57-Praia América (PO-325), coa clasificación de autoestrada de entre as clases de estradas previstas no artigo 4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

O día 11 de xuño de 2026, a Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria da Axencia Galega de Infraestruturas, tras analizar as circunstancias concorrentes, emitiu unha proposta de cambio de clase do treito da estrada AG-57-N, AG-57-Praia América (PO-325), entre o punto quilométrico 3+020 e o punto quilométrico 3+820 para clasificala como estrada convencional, que se tramitará segundo o procedemento establecido no artigo 10 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio.

Á vista da antedita proposta, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas emitiu unha resolución, o 15 de xuño de 2026, para tramitar, segundo o antedito procedemento, o expediente de cambio de clase do treito da estrada AG-57-N, AG-57-Praia América (PO-325), entre o punto quilométrico 3+020 e o punto quilométrico 3+820.

Ao abeiro da Resolución do 15 de xuño de 2026, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas someteu o expediente a un trámite de información pública que se levou a cabo durante un prazo de trinta días hábiles.

Durante ese prazo, a documentación que forma o expediente estivo á disposición da cidadanía, en días e horas hábiles de oficina, nos locais da Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago de Compostela (Edificio Administrativo de San Caetano, s/n), no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas en Pontevedra (avenida María Victoria Moreno, 43, 1º), e na casa do concello de Nigrán (praza da Constitución s/n, 36350 Nigrán), así como na páxina web oficial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/informacion-publica/outros).

As alegacións presentadas neste procedemento debían versar sobre a xustificación de que o treito da estrada reúne os requisitos necesarios para que sexa modificada a súa clasificación na forma proposta no expediente.

Os documentos que se someteron a información pública foron a proposta de cambio de clase do treito da estrada AG-57-N, AG-57-Praia América (PO-325), entre o punto quilométrico 3+020 e o punto quilométrico 3+820, elaborada pola Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria, do 11 de xuño de 2026, que inclúe a xustificación do cambio de clase da estrada en cuestión e os planos que describen e delimitan as súas características xeométricas e indican a repercusión do cambio nas zonas de dominio público e protección da estrada, así como na liña límite de edificación, e a antedita resolución do 15 de xuño de 2026, da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas.

O anuncio do sometemento do expediente ao trámite de información pública foi publicado no Diario Oficial de Galicia número 123, do 3 de xullo de 2026.

Ademais, constan no expediente os certificados de exposición ao público do expediente na Axencia Galega de Infraestruturas (do 4 de xullo de 2026 ao 7 de setembro de 2026), no Servizo Provincial da Axencia Galega de Pontevedra (do 4 de xullo de 2026 ao 14 de agosto de 2026) e na casa do concello de Nigrán (do 6 de xullo de 2026 ao 18 de agosto de 2026, ambos os dous incluídos).

Durante o trámite de información pública do expediente de cambio de clase do treito da estrada AG-57-N, AG-57-Praia América (PO-325), entre o punto quilométrico 3+020 e o punto quilométrico 3+820, non se recibiu ningunha alegación ao respecto.

Paralelamente, someteuse o expediente ao informe do Concello de Nigrán, da Deputación Provincial de Pontevedra e da Administración xeral do Estado, como administracións territoriais afectadas polo ámbito da actuación, para que, nun prazo de trinta días hábiles, examinasen se a clasificación proposta no expediente é a máis adecuada para os seus intereses e informasen sobre ese aspecto.

A Deputación Provincial de Pontevedra informa favorablemente o 6 de agosto de 2026 o expediente de cambio de clase do treito da estrada AG-57-N (AG-57-Praia América (PO-325), entre o punto quilométrico 3+020 e o punto quilométrico 3+820 «por non apreciarse afección ningunha sobre a Rede provincial de estradas da Deputación Provincial de Pontevedra. (...) Por todo o anterior, non existe inconveniente por parte desta administración provincial para a continuación da tramitación do expediente, ao non apreciarse prexuízo nin repercusión de ningunha índole sobre a Rede provincial de estradas».

A Delegación do Goberno en Galicia informa o 27 de agosto de 2026 de «que o proxecto non ten incidencia no Inventario de bens e dereitos do Estado» e xunta o informe emitido pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

En consecuencia, a Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria da Axencia Galega de Infraestruturas emitiu o 15 de setembro de 2026 un informe de resposta aos trámites de información pública e informe das administracións territoriais afectadas, e propuxo continuar coa tramitación do cambio de clase do treito da estrada AG-57-N, AG-57-Praia América (PO-325), entre o punto quilométrico 3+020 e o punto quilométrico 3+820 para clasificala como estrada convencional.

O antedito informe foi posto á disposición das persoas interesadas e notificado ás administracións ás que se lles deu trámite de informe.

O apartado 6 do artigo 10 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, indica que, logo da emisión do informe de resposta aos trámites de información pública e informe das administracións territoriais afectadas por parte da Administración titular da estrada, esta lle remitirá a copia do expediente de cambio de clase á consellería competente en materia de estradas para que emita un informe vinculante, que deberá versar sobre os preceptos contidos na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, no propio Regulamento xeral de estradas de Galicia e sobre se a estrada, ou treito dela, reúne os requisitos necesarios para que se inclúa na nova clase.

Neste caso, aínda que o expediente se refire a unha estrada que é de titularidade da propia Comunidade Autónoma de Galicia, foi tramitado pola Axencia Galega de Infraestruturas, polo que se lle remitiu á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas por ser a consellería competente en materia de estradas segundo a actual estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

O día 13 de outubro de 2026, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, á vista do contido do expediente, e ao abeiro do previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e no Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, emitiu un informe favorable ao cambio de clase do treito da estrada AG-57-N, AG-57-Praia América (PO-325), entre o punto quilométrico 3+020 e o punto quilométrico 3+820 para clasificala como estrada convencional, dado que se considera que reúne os requisitos necesarios para que se inclúa nesa nova clase.

Consideracións legais:

O artigo 10 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, regula o expediente de cambio de clase das estradas e a súa tramitación, e establece no seu apartado 7 que, unha vez que se recibe o informe vinculante da consellería competente en materia de estradas, á Administración titular da estrada lle corresponde adoptar, de acordo con aquel, a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva ou de desacollemento, total ou parcial, da proposta de cambio da clase de estrada de que se trate.

En virtude de todo o anterior,

RESOLVO:

1. Aprobar o cambio de clase do treito da estrada AG-57-N, AG-57-Praia América (PO-325), entre o punto quilométrico 3+020 e o punto quilométrico 3+820 para clasificala como estrada convencional, dado que se considera que reúne os requisitos necesarios para que se inclúa nesa nova clase.

2. Actualizar, en aplicación do artigo 10.7.e) da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e do artigo 10.9 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, o Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño, no sentido de reflectir este cambio de clase da estrada.

O documento do Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia actualizado poderá consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/es/estradas/rede-autonomica/raega).

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas