DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 27 de outubro de 2026 Páx. 53837

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 19 de outubro de 2026 pola que se nomean as persoas titulares dos rexistros da propiedade, mercantís e de bens mobles con destino no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O nomeamento de rexistradores e rexistradoras da propiedade, mercantís e de bens mobles que desempeñen funcións en Galicia é competencia desta comunidade autónoma, segundo o disposto no artigo 26.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981.

Logo de examinar o expediente instruído para prover os rexistros da propiedade, mercantís e de bens mobles vacantes en virtude do concurso ordinario número 325, convocado pola Resolución da Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública do 8 de setembro de 2026 (BOE do 14 de setembro) e resolto pola Resolución do 2 de outubro de 2026, e de conformidade co artigo 284 da Lei hipotecaria, cos artigos 496 e demais concordantes do regulamento para a súa execución, co Decreto da Xunta de Galicia 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e coas demais disposicións legais autonómicas pertinentes,

DISPOÑO:

Nomear as persoas titulares dos rexistros da propiedade, mercantís e de bens mobles comprendidas na citada resolución e que se relacionan no anexo para prover os rexistros vacantes radicados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Contra esta orde, que lle pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderán interpoñer directamente un recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

• Hermes Rego Valcarce, rexistrador de Sabadell Número 1 para o Rexistro Mercantil e de Bens Mobles da Coruña I.

• Cayetano Prada González, rexistrador de Cangas para o Rexistro de Vigo número 2.

• Sandra María Martínez Valente, rexistradora de Redondela-Ponte Caldelas para o Rexistro de Vigo número 5.

• Álvaro Romero Rodríguez, rexistrador de Chantada para o Rexistro de Monforte de Lemos-Quiroga.

• Cristina López López, rexistradora de Verín-Viana do Bolo para o Rexistro de Vilalba.