DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Venres, 30 de outubro de 2026 Páx. 54424

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o Taller práctico de simulación de roles (role-play). Contratación pública en xogo: do prego á execución.

Unha vez aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) para o ano 2026, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o Taller práctico de simulación de roles (role-play). Contratación pública en xogo: do prego á execución, que se desenvolverá de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

O obxectivo xeral desta actividade é que o alumnado experimente, desde unha posición distinta á súa habitual, como as decisións adoptadas na preparación dun contrato determinan a súa execución, e que identifique o rastro documental que debe existir no expediente para soster cada unha desas decisións.

Obxectivos específicos:

1. Xustificar a necesidade e calcular correctamente o valor estimado e o orzamento base de licitación nun servizo intensivo en man de obra.

2. Distinguir que corresponde ao prego técnico e que ao prego administrativo, e detectar as contradicións habituais entre ambos.

3. Deseñar criterios de adxudicación vinculados ao obxecto, medibles e non discriminatorios, e valorar o peso relativo do prezo.

4. Manexar a subrogación e a información laboral asociada, e os seus efectos sobre o custo e sobre a licitación.

5. Identificar e tramitar unha oferta anormalmente baixa.

6. Recoñecer os motivos reais de acollemento dun recurso especial en materia de contratación.

7. Documentar o incumprimento en execución e aplicar o réxime de penalidades cando o prego o permite, así como identificar alternativas cando non o permite.

8. Delimitar cando un contrato se pode modificar sen nova licitación e cando a modificación é substancial.

9. Afrontar a prestación executada sen cobertura contractual previa: reparo, validación, enriquecemento inxusto e responsabilidades derivadas.

10. Anticipar o control posterior –interno, externo e, de ser o caso, penal– desde o momento en que se redacta o expediente.

Segunda. Contidos

Trataranse dunha forma práctica, consistente na realización de distintas tarefas que se propoñerán ao longo da actividade, e no uso de técnicas de dinámica de grupo como o role-play (simulación ou xogo de roles), as seguintes fases:

I. Preparación, redacción de pregos e licitación.

Encargo e presión de prazos. Mesa de discusión do prego. Consultas preliminares do mercado ou direccionamento. Licitación, oferta anormalmente baixa e recurso especial.

II. Execución do contrato.

«O arranque que non arrinca». O atraso e as penalidades. A modalidade contractual. A modificación executada antes de tempo. A prórroga tardía e a fin do contrato. Control e responsabilidade. Reflexión conxunta e mensaxes clave.

Terceira. Número de prazas

Trinta (30).

Cuarta. Persoas destinatarias

O taller está dirixido ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus entes públicos instrumentais, que presten servizo en unidades de contratación.

No caso de non se cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderá acceder o persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, que preste servizo en unidades de contratación da Administración local e das universidades do Sistema universitario de Galicia, que interveña en calquera fase do ciclo contractual.

O persoal empregado público da Administración local e das universidades do Sistema universitario de Galicia deberá achegar documentación unha vez formalizada a súa inscrición e antes de que finalice o prazo de matrícula, tal como se indica na base sexta, número 6.

Este taller resulta especialmente indicado para:

– Persoal de servizos e unidades de contratación.

– Persoal técnico redactor de pregos de prescricións técnicas.

– Persoal de asesoría xurídica e secretarías.

– Persoal de intervención e control interno.

– Responsables de contratos e persoal de unidades usuarias.

– Persoal directivo con competencias en materia contractual.

Quinta. Desenvolvemento

Modalidade de impartición: presencial.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), na rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: o venres 6 de novembro de 2026.

Horario: de mañá e tarde.

Duración: 6 horas lectivas.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>.

2. Antes de formalizaren a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e os criterios de selección establecidos nas bases cuarta e oitava, respectivamente, desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e logo seleccionar en «Nome do curso»: Taller práctico de simulación de roles (role-play). Contratación pública en xogo: do prego á execución.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 3 de novembro de 2026.

6. Antes de que finalice o prazo de inscrición, as persoas solicitantes da Administración local e das universidades do Sistema universitario de Galicia deberán enviar ao correo electrónico novas.egap@xunta.gal a documentación acreditativa de ser empregado público e estar a prestar servizo nunha unidade de contratación da Administración local ou dalgunha das universidades do Sistema universitario de Galicia: cabeceira de nómina, toma de posesión ou certificado asinado por quen corresponda.

Serán excluídas as solicitudes das persoas solicitantes que non envíen en prazo a documentación requirida.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, desde as 9.00 ata as 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta, deberá indicalo expresamente –incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular– e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico: novas.egap@xunta.gal

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de admisión e selección

A admisión levarase a cabo de acordo co indicado para as persoas destinatarias na base cuarta desta convocatoria. A orde de selección virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

1. A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal o antes posible e, en todo caso e como máximo, antes das 11.00 horas do día 5 de novembro de 2026, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Serán obrigatorias a asistencia a todas as sesións presenciais do curso e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente, ante as persoas responsables da actividade formativa, nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da falta de asistencia. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado final desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado electrónico de aproveitamento

Ao final desta actividade emitiráselles un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que cumprisen a asistencia mínima requirida do 90 % das horas lectivas presenciais. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, as datas e o lugar de realización, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas, previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2026

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública