DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 3 de novembro de 2026 Páx. 55117

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, pola que se fai pública a aprobación definitiva do proxecto de interese autonómico para a ampliación do parque empresarial do Corgo, aprobado mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de outubro de 2026.

En cumprimento do disposto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a aprobación definitiva, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de outubro de 2026, do Proxecto de interese autonómico para a ampliación do parque empresarial do Corgo, Lugo, que literalmente di:

«1. Aprobar definitivamente, ao abeiro do establecido na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, o proxecto de interese autonómico (PIA) para a ampliación do parque empresarial do Corgo, Lugo.

2. Aprobar a modificación do Plan xeral de ordenación municipal do concello do Corgo, conforme a ordenación que establece o proxecto de interese autonómico de ampliación do parque empresarial do Corgo, de acordo cos artigos 20.4 e 58.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia».

De conformidade co previsto no artigo 60 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a normativa do proxecto de interese autonómico, para a súa entrada en vigor, que se incorpora ao anexo desta resolución.

O contido integro de este proxecto de interese autonómico está dispoñible no seguinte enderezo electrónico:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2026

Margarita Ardao Rodríguez
Directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial

ANEXO I

Normativa

CAPÍTULO I

Xeneralidades e terminoloxía

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Ámbito de aplicación

1. O ámbito de aplicación das normas e ordenanzas contidas neste proxecto de interese autonómico é o delimitado no plano 3.1, Asignación de usos pormenorizados.

2. A superficie total do sector é de 201.704 m².

3. A normativa do proxecto de interese autonómico será a propia para o desenvolvemento das actividades empresariais e industriais e das infraestruturas que lles sexan complementarias.

4. A ordenación do ámbito do proxecto de interese autonómico defínese pola ordenación gráfica, contida no plano 3.1, Asignación de usos pormenorizados, que se complementa coas ordenanzas establecidas neste documento.

Artigo 2. Modificación das determinacións do proxecto de interese autonómico

A modificación das determinacións da ordenación detallada requirirá a modificación deste proxecto.

Sección 2ª. Terminoloxía

Artigo 3. Sector

Comprende o conxunto de terreos obxecto deste proxecto de interese autonómico e interiores á delimitación gráfica representada nos planos.

Artigo 4. Polígono

1. Ámbitos territoriais que comportan a execución integral do proxecto e foron delimitados de forma que permiten o cumprimento do conxunto dos deberes de cesión, de urbanización e de distribución xusta de cargas e beneficios na totalidade da súa superficie.

2. Neste proxecto delimítase un polígono único de actuación.

3. O sistema de actuación será o de expropiación.

Artigo 5. Fase ou etapa

É a unidade mínima de realización das obras de urbanización coordinada coas restantes determinacións do proxecto de interese autonómico, en especial co desenvolvemento no tempo da edificación. Este proxecto prevé executar as obras nunha única etapa.

Artigo 6. Plano parcelario

1. No proxecto de interese autonómico inclúese no plano 3.1, Asignación de usos pormenorizados, o parcelario que permite identificar cada unha das parcelas resultantes e xustificar a ordenación establecida.

2. O citado parcelario non é vinculante. Debe entenderse como a proposta base do proxecto que se concretará na execución do correspondente proxecto de urbanización.

Artigo 7. Parcela edificable e parcela mínima edificable

1. A parcela edificable é a superficie de solo que, non estando prevista ou destinada a vía ou dotación urbanística, reúne as condicións mínimas para ser edificada segundo a ordenación proposta polo proxecto de interese autonómico, coa previsión das posibles operacións de parcelamento.

2. A parcela mínima edificable é a menor dimensión en superficie que debe ter unha parcela para que se poidan autorizar sobre ela a edificabilidade e os usos permitidos polo planeamento urbanístico.

Artigo 8. Quinteiro

É o conxunto de parcelas que, sen solución de continuidade, quedan comprendidas entre vías e/ou límites do proxecto de interese autonómico.

Artigo 9. Aliñación

Enténdese por aliñación a liña sinalada polo proxecto de interese autonómico que establece a separación das parcelas edificables con respecto á rede viaria ou ao sistema de espazos libres e zonas verdes públicos.

Artigo 10. Lindeiros

Son as liñas perimetrais que establecen os límites dunha parcela; distínguese entre lindeiro frontal, laterais e traseiro. En parcelas con máis dun lindeiro frontal, serán laterais os restantes.

Artigo 11. Parámetros de parcela

1. Superficie de parcela. É a dimensión da proxección horizontal da área comprendida dentro dos lindeiros desta.

2. Fronte de parcela. O lindeiro frontal ou fronte de parcela é o lindeiro que delimita a parcela no seu contacto coas vías públicas. Coincide coa aliñación establecida neste proxecto de interese autonómico.

3. A fronte mínima é a dimensión mínima de fronte de parcela establecida na correspondente ordenanza para que poida permitirse a edificación.

4. Fondo de parcela. É a distancia existente entre a aliñación e o lindeiro traseiro da parcela, medida perpendicularmente á aliñación no punto medio da fronte da parcela.

Artigo 12. Espazo libre de parcela

É a parte da parcela neta que queda excluída da superficie ocupada pola edificación. O proxecto de edificación da parcela definirá a urbanización completa destes espazos.

Artigo 13. Rasante

1. É a liña que determina a elevación dunha aliñación ou liña de edificación en cada punto do territorio.

2. Distínguense tres tipos de rasantes:

a) Rasante de vías (calzadas e beirarrúas): é o perfil lonxitudinal das vías, segundo o proxecto de urbanización.

b) Rasante de parcelas: é a cota final de explanación da parcela, definida no proxecto de urbanización.

c) Rasante de terreo: é a que corresponde ao perfil do terreo natural (cando non experimente ningunha transformación) ou artificial (despois das obras de explanación, desmonte ou recheo que supoñan unha alteración da rasante natural).

Artigo 14. Recuamento

É a separación mínima das liñas da edificación respecto aos lindeiros da parcela, medida perpendicularmente a eles. Distínguense recuamento frontal, lateral e traseiro, segundo o lindeiro de que se trate.

Artigo 15. Liña de edificación

É a liña de intersección do plano de fachada da edificación co terreo.

Artigo 16. Ocupación de parcela

É a superficie máxima da parcela que pode ser ocupada pola edificación, en calquera das súas plantas sobre ou baixo rasante, incluídos os seus corpos voados, pechados ou abertos, referida á superficie neta dela, é dicir, descontando os recuamentos mínimos e sen superar as liñas de fachada.

missing image file

Artigo 17. Edificabilidade

1. Enténdese por «edificabilidade ou índice de edificabilidade bruta» o límite máximo de edificabilidade para cada uso, expresado en metros cadrados de teito por cada metro cadrado de solo, aplicable nunha parcela, ámbito ou sector.

2. A edificabilidade ou índice de edificabilidade neta é o límite máximo de edificabilidade para cada uso, expresado en metros cadrados de teito por cada metro cadrado de solo, aplicable sobre a superficie neta edificable.

3. Para os efectos de calcular a superficie edificable total, computaranse todas as superficies edificables de carácter lucrativo, calquera que sexa o uso a que se destinen, incluídas as construídas no subsolo e os aproveitamentos baixo cuberta, coa única excepción das superficies construídas no subsolo con destino a rochos de superficie inferior a 10 metros cadrados vinculados ás vivendas do edificio, a aparcadoiros ou a instalacións de servizo como as de calefacción, electricidade, gas ou análogas.

4. Non computarán no cálculo da edificabilidade:

a) Os espazos con altura libre inferior a 1,50 metros.

b) Os equipamentos de procesos de fabricación exteriores ás naves, tales como bombas, tanques, torres de refrixeración, chemineas, etc., ben que os espazos ocupados por tales equipos se contabilizarán como superficie ocupada da parcela.

c) Os elementos ornamentais de remate da cuberta e os que corresponden a escaleiras, aparellos elevadores ou elementos propios das instalacións do edificio (tanques de almacenamento, acondicionadores, torres de procesos, paneis de captación de enerxía solar, chemineas, etc.).

Artigo 18. Medición da altura da edificación

1. Para medir a altura de edificación, distínguense os seguintes tipos de alturas.

a) Altura de cornixa: distancia vertical entre a cota de referencia e a intersección entre o plano que constitúe a cara superior da cuberta e o plano vertical correspondente á cara exterior da fachada.

b) Altura de coroación ou do edificio: distancia vertical entre a cota de referencia e a liña de cuberta máis alta da edificación.

missing image file

2. A medición de alturas realizarase respectando conxuntamente os valores permitidos nas ordenanzas particulares de cada zona para a distancia vertical en metros e para o número de plantas.

3. Para os efectos de medición polo número de plantas, os semisotos que sobresaian máis de 1,00 metro da rasante do terreo computarán como unha planta.

Artigo 19. Altura de planta

É a comprendida en cada planta entre caras superiores de forxado ou entre nivel de piso e tirante de nave, segundo os casos.

Artigo 20. Altura libre de planta

1. É a distancia desde a superficie do pavimento acabado ata a superficie inferior do teito ou falso teito da planta correspondente.

2. Cando se trate de naves, a altura de planta e a altura libre de planta consideraranse equivalentes.

Artigo 21. Construcións por enriba da altura máxima

1. Sobre a altura máxima permitida, poderán autorizarse outras construcións como as chemineas, antenas e instalacións especiais, sempre que estean debidamente xustificadas pola necesidade do funcionamento da actividade.

2. Sobre a cuberta da edificación, permitirase a construción de aparcadoiros privados de vehículos, así como a instalación de colectores solares e/ou paneis solares e as súas instalacións auxiliares.

Artigo 22. Tipoloxías edificatorias

Neste proxecto de interese autonómico establécense as seguintes tipoloxías:

a) Edificación exenta: é aquela cuxos paramentos non lindan con ningunha outra edificación.

b) Edificación acaroada: é aquela cuxos paramentos lindan con algunha outra edificación.

c) Edificación auxiliar: é aquela vinculada a outra edificación situada na mesma parcela que non pode ser segregada nin utilizada independentemente daquela por terceiros.

Artigo 23. Naves

Son os edificios destinados a soportar os procesos de fabricación ou almacenaxe.

Artigo 24. Plantas da edificación

1. Considérase planta toda superficie acondicionada para desenvolver nela unha actividade.

2. Planta soto.

a) Enténdese por soto a planta da edificación, situada por debaixo doutra planta, na cal a cara inferior da placa que forma o seu teito queda por debaixo do nivel da rasante en calquera punto das súas fachadas, excluíndo o punto en que se sitúe o acceso cando o uso deste sexa para aparcadoiro, e sempre que a súa fronte non ocupe máis do 50 % da fachada nin máis de 6 metros, admitíndose esta excepción unicamente nunha das fachadas do edificio.

b) A altura libre entre pavimento rematado e teito non será inferior a 2,70 metros.

c) Terán ventilación suficiente.

3. Planta semisoto.

a) É a planta da edificación situada por debaixo da planta baixa, na cal a distancia vertical desde a cara superior da placa que forma o seu teito ata o nivel de rasante é igual ou inferior a 1 metro en calquera punto das súas fachadas, excluíndo o punto en que se sitúe o acceso cando o seu uso sexa para aparcadoiro, e sempre que a súa fronte non ocupe máis do 50 % da fachada nin máis de 6,00 metros, admitíndose esta excepción unicamente nunha das fachadas do edificio. Cando a dita distancia exceda 1,00 metro, considerarase planta baixa.

b) A altura libre entre pavimento rematado e teito non será inferior a 2,70 metros.

c) Terá ventilación suficiente.

4. Planta baixa.

Terá a consideración de planta baixa aquela en que a distancia vertical entre a cara superior da súa placa de solo e o nivel da rasante situada por debaixo daquel non excede 1,00 metro, sen prexuízo do disposto no punto anterior.

5. Plantas piso.

a) Son as plantas situadas por encima da planta baixa.

b) A altura libre das plantas de piso non será inferior a 2,50 metros.

Artigo 25. Voos e peiraos de carga e descarga

1. As marquesiñas poderán ter un voo de 3,00 m.

2. Os voos das edificacións serán computables para os efectos de edificabilidade, a excepción das marquesiñas.

3. Os peiraos de carga e descarga non poderán superar a liña de fachada, de tal xeito que quede garantido que os vehículos non invadan o espazo público durante as actividades de carga e descarga.

CAPÍTULO II

Ordenanzas xerais

Sección 1ª. Ordenación

Artigo 26. Ordenación do solo

1. A estrutura funcional e a ordenación do solo no sector do parque queda definida no plano 3.1, Asignación de usos pormenorizados.

2. No dito plano defínense:

a) Sistema viario.

b) Aparcadoiros.

c) Sistema de espazos libres e zonas verdes.

d) Sistema de equipamentos públicos.

e) Zonas de actividades empresariais-industriais.

Artigo 27. Segregacións

Permítese a segregación de parcelas nos casos establecidos no artigo 29 seguinte. Se, con motivo da segregación, é preciso realizar obras complementarias de urbanización, estas realizaranse con cargo ao titular da parcela orixinaria.

Artigo 28. Agrupación de parcelas

Permítese a agrupación de parcelas coas seguintes finalidades:

a) Para manter a tipoloxía e formar outra parcela de maiores dimensións: a nova parcela cumprirá as condicións establecidas para a tipoloxía definida nos planos de ordenación e nas ordenanzas particulares.

b) Cambiar a tipoloxía e agrupar varias parcelas: o proxecto construtivo que se presente xustificará a aparición de alas medianeiras vistas.

Artigo 29. Normas comúns ás agregacións e segregacións de parcelas

1. Toda agrupación ou segregación de parcelas deberá cumprir as seguintes condicións:

a) Resolverá os accesos viarios ás subparcelas resultantes.

b) Os lindeiros laterais resultantes de agrupacións e segregacións serán ortogonais á aliñación á vía.

c) Respectará a estrutura urbanística establecida no proxecto de interese autonómico.

d) Admitirá as acometidas aos servizos urbanísticos.

e) Conformará parcelas edificables, de acordo coas condicións establecidas nas ordenanzas particulares deste proxecto de interese autonómico.

2. As segregacións estarán suxeitas a licenza municipal.

Artigo 30. Sistema viario, zonas libres e reservas de infraestruturas

1. Sistema viario: eixes viarios utilizados como comunicación xeral entre as distintas zonas e que, á vez, conectan o parque cos sistemas xerais territoriais.

2. Sistema de espazos libres e zonas verdes: zonas verdes e bandas de espazos libres que configuran zonas e integran o parque na paisaxe, con plena compatibilidade co trazado de infraestruturas.

3. Reservas de infraestruturas: redes e nodos infraestruturais comúns ao funcionamento dos servizos do parque, que se desenvolven nas áreas reservadas para tal efecto.

Artigo 31. Sistema de equipamentos públicos

1. Vencéllanse ao uso público, destinados a prestación dos servizos que sexan necesarios (sanitarios, culturais, deportivos ou outros).

2. As dotacións de carácter público localízanse no plano 3.1, Asignación de usos pormenorizados, deste proxecto de interese autonómico.

Artigo 32. Cesións de solo

Este proxecto de interese autonómico determina, no ámbito do sector, os seguintes elementos destinados ao uso e dominio públicos que poderán ser, pola súa vez, obxecto de cesión.

Solos de uso e dominio público constitutivos dos sistemas básicos:

• Sistemas viarios.

• Infraestruturas.

• Espazos libres públicos.

• Equipamento público.

Sección 2ª. Ordenanzas de uso

Artigo 33. Definición e clasificación

1. Os usos poderán clasificarse en:

a) Uso característico: considérase uso característico o predominante no sector de planeamento, é dicir, o uso industrial.

b) Usos permitidos: son os usos que, ademais de axeitarse a un tipo concreto de solo e aos fins da ordenación, poden coexistir co uso característico, por non seren incompatibles con el. A superficie dedicada a estes usos non poderá supoñer máis do 50 % da superficie dedicada ao uso característico da parcela.

c) Usos prohibidos: son os que, por non axeitarse a un tipo concreto de solo, aos fins da ordenación ou por seren incompatibles co uso característico dunha zona concreta, se exclúen desta.

2. Para os efectos deste proxecto de interese autonómico, establécense os seguintes usos:

a) Uso principal: industrial e almacén en todas as categorías.

b) Outros usos: terciario, dotacional e residencial.

Artigo 34. Uso industrial: definición e clasificación

1. Dentro do uso industrial diferéncianse os seguintes grupos:

a) Grupo 1: produción industrial. Comprende todas as actividades que teñen por obxecto a obtención ou transformación de produtos por procesos industriais e inclúe funcións técnicas, económicas e especialmente ligadas á función principal, tales como reparación, garda ou depósito de medios de produción ou materias primas, así como a almacenaxe de produtos acabados para a súa subministración a comerciantes, instaladores, fabricantes, etc., sen venda directa ao público.

b) Grupo 2: produción artesanal e oficios artísticos. Comprende as actividades en que a súa función principal é a obtención ou transformación de produtos, xeralmente individualizables, por procedementos non seriados ou en pequenas series, que poden ser vendidos directamente ao público ou a través de intermediarios.

c) Grupo 3: talleres de automoción. Comprende as actividades destinadas ao mantemento e reparación de vehículos.

d) Grupo 4: almacenaxe. Comprende actividades dedicadas ao depósito, garda, custodia, clasificación e distribución de bens, produtos e mercadorías con exclusiva subministración a comerciantes por xunto, instaladores, fabricantes, distribuidores e, en xeral, servizos de venda por xunto.

e) Grupo 5: servizos empresariais. Comprenden as actividades baseadas fundamentalmente en novas tecnoloxías, manexo de información, cálculo e procesamento de datos, desenvolvemento de software e sistemas informáticos e, en xeral, actividades de investigación e desenvolvemento.

2. En caso de usos industriais non incluídos expresamente na clasificación desta normativa, serán de aplicación as condicións daquel ao cal, polas súas características, máis se poida asemellar.

Artigo 35. Réxime do uso industrial

1. Usos permitidos. Cando o uso industrial sexa o característico da parcela, poderán admitirse dentro da mesma parcela os usos permitidos seguintes:

• Terciario-oficinas: vencelladas ao uso industrial.

• Terciario-comercial: como exposición e venda en relación directa co uso industrial, e cunha ocupación inferior ao 50 % da superficie construída.

• Garaxe aparcadoiro.

• Vivenda, en parcelas de máis de 5.000 m2 de superficie, e cunha superficie máxima de 150 m2.

2. Usos incompatibles. Cando o uso industrial sexa o característico da parcela, non poderán admitirse dentro da mesma parcela os usos incompatibles seguintes:

Listaxe de actividades incompatibles con outros usos:

– Sector da construción:

Plantas clasificadoras de agregados.

Plantas de fabricación de formigón.

Fabricación de aglomerados asfálticos.

Instalacións destinadas a extracción de amianto, así como o tratamento e transformación do amianto e dos produtos que conteñen amianto.

– Industrias agroalimentarias:

Fábricas de féculas industriais.

Fábricas de pensos compostos.

– Industrias téxtiles e de papel:

Lavado, desengraxado e branqueo de la.

Obtención de fibras artificiais.

Tinguidura de fibras.

Tratamento de celulosa e industrias da reciclaxe do papel.

Industrias de fabricación de pasta de celulosa.

– Instalacións siderúrxicas:

Fundición.

Estirado.

Laminación.

Trituración e calcinación de minerais metálicos.

Embutición e corte de metais.

Revestimento e tratamentos superficiais.

Construción de estruturas metálicas.

– Industria química:

Fabricación e formulación de pesticidas, produtos farmacéuticos, pinturas, vernices, elastómeros e peróxidos.

Fabricación e tratamento doutros produtos químicos.

Fabricación e tratamento de produtos a base de elastómeros.

Fabricación de fibras minerais artificiais.

Instalacións de fabricación de explosivos.

Fabricación de biocombustibles.

Produción de plásticos por extrusión, laminación ou operacións similares.

– As instalacións de xestión dos residuos en xeral, de residuos sólidos urbanos e asimilables a urbanos.

3. Usos prohibidos: todos os demais.

Artigo 36. Uso terciario: definición e clasificación

1. O uso terciario comprende todas as actividades relacionadas coa prestación de servizos do tipo comercial, hoteleiro, oficinas, recreativo e similares.

2. Dentro do uso terciario, diferéncianse os seguintes usos pormenorizados:

a) Comercial. O uso comercial comprende os edificios ou locais de servizo público destinados a:

– Compra e venda de mercadorías de todas as clases, incluído o almacenamento destas.

– Prestación de servizos persoais ao público en xeral.

– Uso mixto, con uso comercial, talleres ou pequena industria e almacenaxe de mercadorías para a súa venda e distribución, sempre que predomine a parte comercial e de almacenaxe.

– Estacións de servizo, subministración de carburantes e combustibles, e puntos de carga ou similares.

b) Oficinas. Comprende os edificios e locais de carácter público ou privado destinados á prestación de servizos profesionais, financeiros, de información ou outros, así como as actividades de oficina asociadas a outras actividades principais como industrial e terciario que consomen un espazo propio e independente.

c) Hoteleiro. Comprende os edificios e locais de servizos ao público destinados a satisfacer o aloxamento temporal de persoas, en establecementos suxeitos á súa lexislación específica como hoteis, moteis, aparthoteis, etc., así como as actividades de residencia móbil, como os campamentos de turismo xuvenil, cámpings e similares.

d) Hostaleiro, espectáculos e recreativo. Corresponde este uso aos edificios e locais de servizo ao público destinados a expender e consumir no seu interior alimentos ou bebidas, como bares, cafés, cafés bar, restaurantes, bodegas e similares, así como os edificios e locais ao servizo público con fins de ocio e lecer xeral, como casinos, cines, teatros, bingos, salas de xogos e similares.

Artigo 37. Réxime do uso terciario

1. Usos permitidos.

Cando o uso terciario é o principal da parcela, permítense os usos seguintes:

• Industrial: en planta baixa e semisoto, sempre que non sexan os usos industriais incompatibles, determinados na listaxe do artigo 35 (Réxime do uso industrial).

• Dotacional.

• Garaxe aparcadoiro.

2. Usos prohibidos: todos os demais.

Artigo 38. Uso dotacional: definición e clasificación

1. O uso dotacional comprende todas as actividades públicas ou privadas destinadas a dotar a poboación dos servizos, as prestacións sociais e os medios que fagan posible o desenvolvemento integral da vida comunitaria.

2. Dentro do uso dotacional establécense as seguintes clases:

a) Dotacional de equipamentos.

• O uso dotacional de equipamentos comprende todos os locais, edificacións e espazos de carácter público ou privado destinados a satisfacer as necesidades educativas, sanitarias, culturais, etc. da poboación.

• Dentro do uso dotacional de equipamentos establécense as seguintes clases:

– Docente.

– Sanitario-asistencial.

– Sociocultural.

– Deportivo.

– Relixioso.

– Administrativo-institucional.

– Comercial.

– Funerario.

b) Dotacional de espazos libres e zonas verdes.

• O uso dotacional de espazos libres e zonas verdes comprende as zonas verdes e os espazos libres dedicados a plantacións de arboredo e xardinaría destinados a garantir a salubridade, o repouso e lecer da poboación, a mellorar as condicións estéticas e ambientais, a protexer e illar as vías de tránsito rodado, a protexer as marxes dos ríos, ao desenvolvemento de xogos infantís, etc.

• Os espazos libres e zonas verdes, para seren incluídos no cómputo de espazos libres e zonas verdes, deberán ser de dominio e uso público e cumprir coas condicións establecidas na ordenanza particular e na lexislación vixente.

c) Dotacional de garaxe aparcadoiro.

• Comprende os espazos, instalacións e edificacións destinados á estancia ou detención prolongada de vehículos, situado en espazos ou vías públicas, en edificacións principais, en edificacións auxiliares ou en espazos libres destinados a tal fin no plano de ordenación.

• Dentro do uso dotacional de garaxe aparcadoiro distínguense as seguintes categorías:

– Garaxe aparcadoiro en plantas baixas e plantas baixo rasante como uso vinculado ao principal do edificio.

– Aparcadoiro en vías ou espazos públicos.

– Garaxe aparcadoiro subterráneo, baixo vías públicas ou espazos libres públicos.

– Garaxe aparcadoiro de transportes públicos (comprende os locais e instalacións dedicados ao estacionamento de vehículos de transporte público, autobuses, camións, cocheiras municipais, etc.).

• Dimensións das prazas de aparcadoiro.

– As dimensións mínimas das prazas de aparcadoiro en vías ou espazos libres públicos serán as seguintes:

– Aparcadoiro en fila: 2,20 m x 4,70 m.

– Aparcadoiro en batería: 2,40 m x 4,70 m.

• Prazas de aparcadoiro adaptadas.

As prazas de aparcadoiro adaptadas cumprirán as seguintes condicións:

– Sen prexuízo das exixencias relativas a aparcadoiro establecidas en cada uso, nos garaxes e aparcadoiros de uso público que estean ao servizo dun edificio de uso público, reservaranse prazas de aparcadoiro adaptadas tan cerca como sexa posible dos accesos peonís e de forma permanente.

– As prazas adaptadas, itinerarios e espazos anexos cumprirán as condicións establecidas na lexislación vixente en materia de accesibilidade.

d) Dotacional de comunicacións.

e) Dotacional de infraestruturas de servizos.

• Ten uso dotacional de infraestruturas de servizos o dos espazos, edificacións e instalacións destinados aos servizos de abastecemento de auga, saneamento e depuración de augas, subministración de enerxía eléctrica, gas, telecomunicacións e outros servizos que sexan necesarios.

• O uso dotacional das infraestruturas de servizos regúlase nas normas particulares do sistema de infraestruturas de servizos, así como nas normas xerais desta normativa.

Sección 3ª. Ordenanzas de urbanización

Artigo 39. Contidos dos proxectos de urbanización

1. Os proxectos de urbanización ou proxectos técnicos que desenvolvan as determinacións deste proxecto estarán constituídos polos seguintes documentos:

a) Memoria e anexos.

b) Planos.

c) Prego de prescricións técnicas particulares.

d) Medicións e orzamento.

e) Estudo de seguridade e saúde.

2. Na memoria descritiva incluiranse as consideracións xerais que se consideren oportunas, así como os antecedentes da actuación. Deberá incluírse a descrición do deseño das infraestruturas do parque, que contará, con carácter xeral, coas seguintes alíneas:

a) Movemento de terras e pavimentación de vías.

b) Explanación de parcelas.

c) Saneamento.

d) Abastecemento.

e) Distribución de enerxía eléctrica.

f) Rede de iluminación pública.

g) Rede de telecomunicacións.

h) Xardinaría e mobiliario urbano.

i) Obras complementarias.

j) Revisión de prezos, clasificación do contratista, prazo proposto e programa de traballos.

3. Nos anexos incluiranse os cálculos, táboas e procedementos que permiten chegar ás conclusións contidas na memoria.

4. O contido mínimo dos planos será o seguinte:

a) Planos xerais: situación, delimitación, servizos existentes...

b) Movemento de terras: vías e parcelas.

c) Trazado: perfís lonxitudinais e transversais.

d) Pavimentación.

e) Saneamento.

f) Abastecemento.

g) Electricidade: MT e BT.

h) Iluminación pública.

i) Telecomunicacións.

j) Sinalización, balizamento e defensas.

k) Xardinaría, arboredo e integración estética e paisaxística.

l) Mobiliario urbano.

m) Reposicións.

n) Obras complementarias.

5. O prego de prescricións técnicas xerais reflectirá a normativa legal aplicable e as condicións técnicas que deberán cumprir a maquinaria e os materiais empregados nas obras, así como as condicións de execución. Tamén debe recoller a forma de medición e aboamento das unidades de obra, así como o número e a natureza das probas e ensaios de aseguramento da calidade necesarios.

6. As medicións e os orzamentos recollerán a valoración económica da obra. Deberán conter:

a) Medicións.

b) Cadros de prezos.

c) Orzamentos.

Artigo 40. Rede viaria

1. Para calcular a pavimentación, terase en conta tanto o grosor das capas de firme como o material que se vai empregar na capa de rodadura, atendendo ao tráfico previsto.

2. As calzadas realizaranse con pavimentos flexibles mediante o emprego de firmes asfálticos, a base de mesturas bituminosas en quente, ou con pavimentos ríxidos de formigón.

3. O pavimento das beirarrúas será antiesvaramento. Pódese utilizar baldosas hidráulicas ou cerámicas, ou pavimentos continuos de formigón.

4. Deberase prever a drenaxe profunda das vías, sobre todo en casos onde o nivel freático do terreo estea próximo á superficie.

5. Os bordos serán prefabricados de formigón de dobre capa, de sección maciza, asentados sobre soleira de formigón HM-20 con 10 cm de recubrimento.

6. O deseño e o dimensionamento das beirarrúas, bordos, accesos a edificios, etc. axustarase ás disposicións contidas na Lei 10/2014 de accesibilidade, e demais normas vixentes en materia de accesibilidade e supresión de barreiras.

7. Os proxectos de urbanización sinalizarán as prazas de aparcadoiro previstas na rede viaria, reservando as prazas que regulamentariamente correspondan para persoas con mobilidade reducida, que contarán coa correspondente sinalización.

8. A sección tipo prevista neste proxecto, o trazado e sección do carril bici, así como os materiais e acabados citados, poderán ser obxecto de modificación de maneira xustificada nos correspondentes proxectos de urbanización.

Artigo 41. Infraestruturas de servizos e elementos de urbanización

1. Enténdese por infraestruturas de servizos as construcións, instalacións e espazos asociados destinados aos servizos de abastecemento de auga, evacuación e depuración de augas residuais, subministración de enerxía eléctrica, gas e telecomunicacións.

2. Para os efectos de aplicar o Regulamento sobre accesibilidade e supresión de barreiras, considéranse elementos de urbanización calquera compoñente das obras de urbanización, entendendo por estas as referentes a pavimentación, xardinaría, saneamento, rede de sumidoiros, iluminación, redes de telecomunicación e redes de subministración de auga, electricidade, gases e as que materializan as indicacións contidas neste plan.

3. Os elementos de urbanización integrados en espazos de uso público posuirán, con carácter xeral, unhas características de deseño e execución tales que non constitúan obstáculo á liberdade de movementos das persoas con limitacións e mobilidade reducida.

4. En caso de existencia de tapas, rexistros... na calzada, orientaranse tendo en conta as xuntas dos elementos do pavimento, e nivelaranse de forma que non resalten sobre el. Os ditos elementos deberán reforzarse mediante cerco de formigón.

5. O deseño construtivo e de detalle das redes remítese ao proxecto de urbanización, pero coa obriga de respectar os deseños de mínimos propostos nos documentos deste PIA, e coa opción de libre deseño nos aspectos non previstos.

6. Igualmente, serán respectadas as conexións exteriores propostas no PIA, no que se refire á medida de conexión, depuracións, tratamento, ou calquera outra índole similar, sen prexuízo de que se poidan adaptar os trazados ou volumes por motivos construtivos ou de funcionamento. Exclúense deste artigo as conexións exteriores para a rede eléctrica, que se remiten ao proxecto de urbanización, sen prexuízo de que se deba manter a conexión a nivel conceptual.

7. A execución de calquera tipo de actuación que se encontre dentro das zonas de protección das estradas estatais quedará regulada polo establecido na Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas, e no Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas, en especial polo establecido no seu título III, Uso e defensa das estradas.

Artigo 42. Rede de abastecemento de auga

1. Todos os novos desenvolvementos residenciais e industriais deberán dispoñer dun sistema de abastecemento que conte coa correspondente autorización de aproveitamento de augas do organismo de bacía, con carácter vinculante, para obter a correspondente licenza de obra. No entanto, se a conexión é a redes de abastecemento preexistentes xa autorizadas e con capacidade suficiente de recurso, será o órgano titular do dito abastecemento o encargado de outorgar esa autorización.

2. Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, o abastecemento de auga cumprirá as seguintes condicións:

a) A dotación mínima de auga para o proxecto da rede será de 0,5 litros/segundo/ha.

b) A rede xeral deberá ser mallada, excepto nos seus ramais de menor xerarquía, con válvulas de corte nos cruzamentos, de forma que permita obter treitos independentes. As ditas válvulas serán de fundición dúctil, estarán dotadas de volante e irán aloxadas en arqueta.

c) Canalizacións: o diámetro mínimo da rede xeral será de 90 mm e empregaranse tubos de fundición dúctil ou polietileno de alta densidade. Poderanse deseñar ramais secundarios e acometidas con diámetros menores.

d) A presión normalizada de proba en fábrica de todos os elementos da rede non será inferior a 16 atmosferas.

e) A presión mínima de traballo das tubaxes será de 1 atm.

f) As canalizacións irán preferentemente baixo as beirarrúas, a unha profundidade mínima de 60 cm, a un nivel sempre superior ao da rede de saneamento, e cunha distancia mínima desta de 30 cm.

g) As tapas de rexistro levarán gravada a denominación da rede e serán de fundición dúctil de 40 t de resistencia, con sistema de apertura antirroubo e abisagradas. Serán asentadas na estrada mediante un marco de formigón HM-25 de 25 cm de grosor.

h) Executaranse acometidas de auga de tal xeito que, a partir dunha única derivación, se poidan abastecer dúas parcelas.

i) Dispoñeranse bocas de rega cada 50-70 metros, conectadas á rede de distribución ou en rede independente.

j) A protección contra incendios resolverase mediante hidrantes.

3. As características, os materiais e os acabados citados poderán ser obxecto de modificación de maneira xustificada nos correspondentes proxectos de urbanización.

Artigo 43. Redes de saneamento

1. Todos os desenvolvementos urbanos ou industriais deberán dispoñer dun sistema de depuración para os novos caudais de augas residuais xerados e, así mesmo, estes sistemas de depuración e outros que se executen en núcleos existentes deberán obter a autorización de vertedura correspondente para conseguir a licenza de obra. Non obstante, se a conexión fose a redes de saneamento preexistentes xa autorizadas e con capacidade suficiente de recurso, será o órgano titular da dita vertedura o encargado de outorgar esa autorización.

2. As condicións mínimas exixibles á rede de saneamento de augas fecais e pluviais serán as seguintes:

a) Sistema: separativo.

b) Velocidade de circulación da auga: entre 0,5 e 3 metros/segundo.

c) Acometidas: terán unha pendente mínima do 2 % e conectaranse directamente a pozo. Instalaranse arquetas de acometida independentes á rede de fecais e á de pluviais en todas as parcelas.

d) Pozos: executaranse os pozos de tal xeito que se poidan conectar como mínimo dúas parcelas. A distancia máxima entre pozos de rexistro será de 50 metros.

e) Profundidade da rede: a profundidade mínima da rede será de 1,00 metro á xeratriz superior da canalización. As conducións irán preferentemente baixo zona de aparcadoiro ou beirarrúas.

f) Canalizacións: o diámetro mínimo será de 315 mm e o material que se utilice será PVC, PEAD de dobre parede corrugada ou formigón armado con enchufe de campá e xunta de goma. A pendente mínima será do 0,5 % en caso de tubos de PVC ou PEAD, ou do 1 % en caso de tubos de formigón; a pendente máxima non poderá superar o 6 %. No caso da conexión exterior e os emisarios, non se permitirá o uso de PEAD como material, para asegurar a súa durabilidade en ambientes máis agresivos.

g) Caudais: os valores dos caudais de augas fecais que cómpre ter en conta para calcular o saneamento serán os mesmos que os obtidos para a rede de distribución de auga potable.

h) As tapas de rexistro levarán gravada a denominación da rede e serán de fundición dúctil de 40 t de resistencia, con sistema de apertura antirroubo e abisagradas. En caso de situarse na calzada ou na zona de aparcadoiro, serán asentadas na estrada mediante un marco de formigón HM-25 de 25 cm de grosor.

3. As características, os materiais e os acabados citados poderán ser obxecto de modificación de maneira xustificada nos correspondentes proxectos de urbanización.

4. En virtude do artigo 124 do Real decreto 899/2025, do 9 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas, a xeratriz superior da tubaxe de protección que se vai instalar deberá quedar a unha cota mínima suficiente, debidamente xustificada no proxecto, por debaixo da rasante da estrada e dos distintos elementos que a compoñen. En vista disto, será o proxecto de urbanización quen determine tal distancia, e esta será en todo caso superior ou igual a 2,10 m na A-6 e N-VI, para respectar unha sección de firme 0031 máis 1,50 m de soterramento da tubaxe medida desde a súa xeratriz superior.

5. En cumprimento dese mesmo artigo, os cruzamentos coas estradas N-VI e A-6 serán executados mediante fincamento ou perforación mecánica, estando prohibida a escavación a ceo aberto. Esas tubaxes irán aloxadas noutras de maior tamaño que actúen como funda, cunha pendente de sentido único que permita detectar as fugas se existisen.

6. Os pozos e arquetas, igual que as conducións lonxitudinais, serán situadas fóra do DPC e da ZS, e poden estar dentro desta última se existen requirimentos técnicos ou de interese xeral que o motiven.

7. As obras a realizar no contorno de protección dos bens culturais identificados na prospección arqueolóxica deberán someterse a control arqueolóxico.

Artigo 44. Redes de enerxía eléctrica

As condicións exixibles ás redes de enerxía eléctrica serán as seguintes:

a) Consumo medio mínimo que hai que considerar no cálculo da instalación: 25 W/m2 de superficie neta.

b) Todas as parcelas deberán ter posibilidade de subministración en BT, independentemente da previsión da potencia que teña adscrita.

c) As parcelas con demanda previsible superior a 50 kW dispoñerán de subministración de MT. Cando a subministración posible sexa inferior a 50 kW, a subministración realizarase unicamente en BT.

d) Os centros de transformación irán sobre superficie ou enterrados, con casetas prefabricadas ou de obra de fábrica. A súa localización será en parcela de uso lucrativo. Non se permitirá a colocación de centros de transformación de electricidade en superficie nos espazos públicos (vías, espazos libres e zonas verdes).

e) Deberanse consensuar o deseño e o dimensionamento da rede coa compañía distribuidora.

Artigo 45. Iluminación pública

1. A rede de iluminación pública será soterrada e executarase preferentemente baixo a beirarrúa.

2. A instalación de iluminación pública cumprirá o Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

3. Os valores lumínicos serán establecidos segundo o tipo de vía polos correspondentes proxectos técnicos, cumprindo os niveis do Regulamento de eficiencia enerxética en instalacións de iluminación exterior.

4. Establécese un nivel de iluminación medio de 20 lux en vías.

Artigo 46. Telecomunicacións

1. Realizarase unha rede común con capacidade suficiente para que poida dar servizo a máis dun operador.

2. Para elaborar o proxecto da rede, teranse en conta os criterios técnicos establecidos no Decreto 77/2018, do 26 de xullo, polo que se regulan as infraestruturas de soporte e os espazos de reserva para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas en áreas empresariais promovidas polas administracións públicas de Galicia, e, sempre que sexa posible e economicamente viable, as normativas das compañías subministradoras.

3. A rede realizarase con tubos normalizados de PVC ou polietileno, encaixados en prisma de formigón. As arquetas serán de formigón prefabricado ou realizadas in situ, de xeito que haxa arqueta de acometida das dúas parcelas, desde a que se estenderá un tubo de acometida de 40 mm a cada unha delas.

4. As características, os materiais e os acabados citados poderán ser obxecto de modificación de maneira xustificada nos correspondentes proxectos de urbanización.

Artigo 47. Conservación da urbanización

1. Unha vez recibidas as obras de urbanización e os solos que lles sirvan de soporte, constituirase unha entidade urbanística de conservación que asumirá o seu mantemento, tal e como se prevé no artigo 45.f).2ª da LOT, na cal se integrarán todos os titulares das parcelas resultantes da execución do proxecto de interese autonómico.

2. A totalidade dos gastos de conservación das obras de urbanización correrán a cargo da entidade urbanística por un prazo máximo de 10 anos.

Sección 4ª. Ordenanzas da edificación

Artigo 48. Condicións de estética e integración ambiental

1. Edificacións.

a) A composición das edificacións será libre.

b) Nas edificacións destinadas a uso industrial, os bloques representativos situaranse coa fachada principal orientada á vía de acceso á parcela. Nas parcelas en esquina, o bloque representativo poderá ter a súa fachada principal orientada a unha das vías de acceso ou a ambas as dúas.

c) As construcións auxiliares e instalacións complementarias das industrias deberán tratarse con similares niveis de rematado que a edificación principal.

2. Fachadas.

As fachadas dos edificios e as súas paredes medianeiras, así como as fachadas que resulten visibles desde os espazos públicos, deberán ter tratamento de fachada e conservarse nas debidas condicións de seguridade, hixiene e estética.

3. Cubertas.

Nas edificacións industriais prohíbese o uso de fibrocemento na súa cor natural cando poida quedar visto.

4. Materiais.

Prohíbese o emprego de materiais de deficiente conservación, así como a utilización nos paramentos exteriores de pinturas facilmente alterables polos axentes atmosféricos ou de combinacións agresivas de cor.

5. Cerramentos.

a) Os cerramentos das parcelas terán unha altura máxima de 2,50 m. Poden ser macizos nos primeiros 0,80 metros e o resto con materiais diáfanos: celosía lixeira, enreixado, balaustrada ou solucións semellantes.

b) Na formación de portais de acceso, poderase chegar ata unha altura máxima de 3,00 metros, nunha lonxitude que non supere os 5,00 metros de fronte.

c) A construción do cerramento común a dúas parcelas correrá a cargo da industria que primeiro se estableza, e a segunda debe aboarlle o custo que correspondería á metade do cerramento tipo antes citado; este aboamento deberá realizarse antes do comezo da construción.

d) No suposto de parcelas lindeiras con diferenzas de alturas entre as cotas do terreo, construiranse muros seguindo o límite da parcela para a contención de terras, que serán sufragados a partes iguais entre os propietarios das dúas parcelas. Así mesmo, no caso de que se establecese unha delas en primeiro lugar e realizase pola súa conta o muro de contención, a segunda que se estableza deberá realizarlle o aboamento correspondente.

e) Exceptúanse de cumprir as condicións anteriores os edificios que, en razón do seu destino, requiran medidas de seguridade especiais, que deberán ser motivadas. Nestes casos, o cerramento axustarase ás súas necesidades particulares.

6. Espazo libre de parcela.

a) Serán usos admisibles os de aparcadoiro, almacenamento en superficie, instalacións de infraestruturas soterradas, casetas de servizos e zona axardinada.

b) Prohíbese utilizar estes espazos como depósitos de residuos.

Artigo 49. Condicións de accesibilidade

Son as condicións ás cales teñen que someterse as edificacións para garantir a axeitada accesibilidade aos distintos locais e pezas, instalacións ou servizos propios que as compoñen. Son de obrigado cumprimento as disposicións contidas na Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade na Comunidade Autónoma de Galicia, e noutras normas existentes nesta materia.

Artigo 50. Condicións de seguridade e hixiene

1. Axustaranse ao disposto no Real decreto 2267/2004, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de seguridade contra incendios en establecementos industriais; no Documento básico de seguridade contra incendios do Código técnico da edificación; na Ordenanza xeral de seguridade e hixiene no traballo, e demais disposicións legais vixentes que lles sexan de aplicación.

2. O ámbito de aplicación do Regulamento de seguridade contra incendios en establecementos industriais son os establecementos industriais. Para estes efectos, entenderanse como tales:

a) As industrias, tal e como se definen no artigo 3.1 da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria.

b) Os almacenamentos industriais.

c) Os talleres de reparación e os estacionamentos de vehículos destinados ao servizo de transporte de persoas e de mercadorías.

d) Os servizos auxiliares ou complementarios das actividades comprendidas nos parágrafos anteriores.

e) Aplicarase, ademais, a todos os almacenamentos de calquera tipo de establecemento cando a súa carga de lume total, calculada segundo o anexo I, sexa igual ou superior a tres millóns de megajoules (MJ).

3. Quedan excluídas do ámbito de aplicación deste regulamento as actividades industriais e talleres artesanais e semellantes, cuxa densidade de carga de lume, calculada de acordo co anexo I, non supere os 10 Mcal/m2 (42 MJ/m2), sempre que a súa superficie útil sexa inferior ou igual a 60 m2, agás no recollido nos números 8 e 16 do anexo III do mencionado Real decreto 2267/2004.

Artigo 51. Condicións de hixiene

1. As edificacións axustaranse ás disposicións establecidas na lexislación laboral, sanitaria e sectorial vixente, así como ás disposicións da lexislación vixente sobre emisións á atmosfera, augas residuais, ruídos e vibracións. Así mesmo, teranse en conta as condicións establecidas nas normas de sustentabilidade e protección do ambiente destas ordenanzas reguladoras.

2. O límite da parcela na súa fronte e nos demais lindeiros, obxecto de recuamento, materializarase cos cerramentos tipo que se establezan para o polígono.

3. No caso de edificios independentes dentro dunha parcela, a separación mínima entre eles non será inferior a 5,00 metros.

4. Permítense semisotos cando se xustifique debidamente, de acordo coas necesidades da actividade, e poderanse dedicar a locais de traballo cando os ocos de ventilación teñan unha superficie non menor a 1/8 da superficie útil do local.

5. Permítense sotos cando se xustifique debidamente, de acordo coas necesidades da actividade. Non se poderán utilizar como locais de traballo.

Sección 5ª. Ordenanzas de sustentabilidade ambiental e protección do ambiente

Artigo 52. Protección do ambiente.

1. Con carácter xeral, para a protección do ambiente teranse en conta determinacións contidas na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

2. Deberán integrarse todas as medidas que se establecen no documento XI: Informe de sustentabilidade ambiental e memoria ambiental (número 7), e no documento VIII do Plan sectorial de ordenación das áreas empresariais de Galicia, e obter as autorizacións e/ou informes precisos dos organismos correspondentes.

Artigo 53. Protección dos recursos hídricos

1. A protección das augas, así como a regulación das verteduras de actividades que poidan contaminar o dominio público hidráulico, realizarase conforme o disposto en:

a) Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba a Lei de augas.

b) Real decreto 125/2007, do 2 de febreiro, polo que se fixa o ámbito territorial das demarcacións hidrográficas.

c) Real decreto lei 4/2007, do 13 de abril, polo que se modifica o texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo.

d) Real decreto 907/2007, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da planificación hidrolóxica.

e) Real decreto 266/2008, do 22 de febreiro, polo que se modifica a Confederación Hidrográfica do Norte e se divide na Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

f) Real decreto 1/2016, do 8 de xaneiro, polo que se aproba a revisión dos plans hidrolóxicos das demarcacións hidrográficas do Cantábrico Occidental, Guadalquivir, Ceuta, Melilla, Segura e Xúcar, e da parte española das demarcacións hidrográficas do Cantábrico Oriental, Miño-Sil, Douro, Texo, Guadiana e Ebro.

2. Garantiranse os requirimentos de calidade da auga de consumo humano conforme o disposto na lexislación sobre os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano.

3. Sen prexuízo do disposto no artigo 25 do anexo III do Plan hidrolóxico Miño-Sil, será de aplicación o principio de non deterioración.

4. Nos solos situados sobre a zona de fluxo preferente que se atopaban en situación básica de urbanización na data do 30 de decembro de 2016, soamente se poderán realizar as obras e construcións que cumpran co preceptuado no artigo 9.ter do RDPH. No resto dos solos, os usos na devandita zona de fluxo preferente están limitados polo disposto no artigo 9 bis do mesmo texto legal, e para calquera obra ou traballo nesa zona é necesaria a oportuna autorización.

5. En todos os solos delimitados sobre a lámina de inundación correspondente á avenida extraordinaria de período de retorno de 500 anos e fóra da zona de fluxo preferente, observaranse as limitacións aos usos previstas no artigo 14.bis do RDPH, e para calquera obra ou traballo nesa zona é necesaria a oportuna autorización.

6. Respecto ás infraestruturas previstas para o tratamento das augas fecais e pluviais xeradas na ampliación do parque, será necesario tramitar durante a elaboración dos correspondentes proxectos construtivos da nova EDAR e da nova balsa de tratamento de pluviais as correspondentes autorizacións e puntos de vertedura ante o organismo de bacía. Estas instalacións deberán localizarse detrás da liña límite de edificación definida pola Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas, para a autovía A-6.

7. No caso de verteduras asimilables a augas residuais urbanas, que hai que realizar na rede de saneamento xeral, estas deberán realizarse segundo a normativa municipal de verteduras, tendo en conta as seguintes limitacións:

a) En relación coa protección da rede: ningunha persoa física ou xurídica descargará, depositará ou permitirá que se descargue ou deposite no sistema de saneamento calquera auga residual que conteña:

• Aceites e graxas: concentracións ou cantidades de sebos, ceras, graxas e aceites totais que superen os índices de calidade dos afluentes industriais, xa sexan emulsións ou non, ou que conteñan substancias que poidan solidificarse ou volverse viscosas a temperaturas de entre 0 e 40 graos centígrados no punto de descarga.

• Mesturas explosivas: líquidos, sólidos ou gases que pola súa natureza e cantidade sexan ou poidan ser suficientes, por si ou por interacción con outras substancias, para provocar lumes ou exposicións ou ser prexudiciais en calquera outra forma para as instalacións da rede de sumidoiros ou para o funcionamento dos sistemas de depuración. Os materiais prohibidos inclúen, en relación non exhaustiva: gasolina, queroseno, nafta, benceno, tolueno, xileno, éteres, alcohois, cetonas, aldehidos, peróxidos, cloratos, percloratos, bromatos, carburos, hidruros e sulfuros.

• Materiais nocivos: sólidos, líquidos ou gases fedorentos ou nocivos que, xa sexa por si ou por interacción con outros refugallos, sexan capaces de crear unha molestia pública ou perigo para a vida, ou que sexan ou que poidan ser suficientes para impedir a entrada nun sumidoiro para o seu mantemento ou reparación.

• Residuos sólidos ou viscosos: refugallos sólidos ou viscosos que provoquen ou poidan provocar obstrucións no fluxo dos sumidoiros e interferir en calquera outra forma co adecuado funcionamento do sistema de depuración. Os materiais prohibidos inclúen, en relación non exhaustiva: lixo non triturado, tripas ou tecidos de animais, esterco ou sucidades intestinais, ósos, pelos, peles ou carnazas, entrañas, plumas, cinza, escouras, areas, cal, pos de pedra ou mármore, metais, vidro, palla, labras, recortes de céspede, trapos, grans, lúpulo, refugallos de papel, madeiras, plásticos, alcatrán, pinturas, residuos do procesamento de combustibles ou aceites lubricantes e substancias similares.

• Substancias tóxicas inespecíficas: calquera substancia tóxica en cantidades non permitidas por outras normativas ou leis aplicables, compostas por químicos ou substancias capaces de producir cheiros indesexables, ou toda substancia que non sexa susceptible de tratamento ou que poida interferir nos procesos biolóxicos ou na eficiencia do sistema de tratamento ou que pase a través do sistema.

• Materiais coloreados: materiais con coloracións obxecionais, non eliminables co proceso de tratamento empregado.

• Materiais quentes: a temperatura global da vertedura non superará os 40 graos centígrados.

• Refugallos corrosivos: calquera refugallo que provoque corrosión ou deterioración da rede de sumidoiro ou no sistema de depuración. Todos os refugallos que se descarguen á rede de sumidoiros deben ter un valor do índice de pH comprendido no intervalo de 5,5 a 10 unidades. Os materiais prohibidos inclúen, en relación non exhaustiva: ácidos, bases, sulfuros, sulfatos, cloruros e fluoruros concentrados, e substancias que reaccionen coa auga para formar produtos ácidos.

• Gases ou vapores: o contido en gases ou vapores nocivos ou tóxicos debe limitarse na atmosfera de todos os puntos da rede onde traballe ou poida traballar o persoal de saneamento.

Para os gases máis frecuentes, as concentracións máximas permisibles na atmosfera de traballo serán:

Dióxido de xofre: 5 partes por millón.

Sulfuro de hidróxeno: 20 partes por millón.

Monóxido de carbono: 100 partes por millón.

Cianuro de hidróxeno: 10 partes por millón.

Cloro: 1 parte por millón.

Para tal fin, limitarase nas verteduras o contido en substancias potencialmente produtoras de gases ou vapores a valores tales que impidan que, nos puntos próximos aos de descarga da vertedura onde poida traballar o persoal, se superen as concentracións máximas admisibles.

• Índices de calidade: segundo o anexo II do Decreto 141/2012, do 21 de xuño, polo que se aproba o Regulamento marco do servizo público de saneamento e depuración de augas residuais de Galicia, as verteduras de augas residuais á rede de saneamento non deberán superar as seguintes concentracións máximas que se relacionan:

Parámetros

Valor límite

Unidades

pH

5,5 - 9

1,2-dicloroetano

0,40

mg/l

Aceites e graxas

100,00

mg/l

Aldehidos

2,00

mg/l

Aluminio

10

mg/l

Amoníaco

30

mg/l

AOX

2

mg/l

Arsénico

1

mg/l

Bario

10

mg/l

Boro

3

mg/l

BTEX

5,00

mg/l

Cadmio

0,10

mg/l

Cianhídrico

10,00

cc/m3 de aire

Cianuros

0,50

mg/l

Cianuros disoltos

1,00

mg/l

Cloro

1,00

Cloruros

2.000,00

mg/l

Cobre

3,00

mg/l

Condutividade eléctrica (25 ºC)

5.000,00

μs/cm

Color

Inapreciable en dilución 1/30

Cromo hexavalente

0,5

mg/l

Cromo total

2,00

mg/l

DBO5

500,00

mg/l

DQO

1.000,00

mg/l

Deterxentes

6,00

mg/l

Dióxido de xofre

15,00

mg/l

Estaño

3,00

mg/l

Fenois totais

1,00

mg/l

Fluoruros

10,00

mg/l

Fosfatos

60,00

mg/l

Fósforo total

40,00

mg/l

Hidrocarburos

15,00

mg/l

Hidrocarburos aromáticos policíclicos

0,20

mg/l

Ferro

10,00

mg/l

Manganeso

5,00

mg/l

Materias inhibidoras

20,00

equitox

Mercurio

0,01

mg/l

Níquel

2,00

mg/l

Nitratos

50,00

mg/l

Nitróxeno amoniacal

30,00

mg/l

Nitróxeno total Kjeldahl

40,00

mg/l

Nonilfenol

1,00

mg/l

Percloroetileno

0,40

mg/l

Pesticidas

0,10

mg/l

Praguicidas

0,10

mg/l

Chumbo

1,00

mg/l

Selenio

0,50

mg/l

Sólidos en suspensión

500,00

mg/l

Sulfatos

400,00

mg/l

Sulfhídrico

20,00

cc/m3 de aire

Sulfuros disoltos

0,30

mg/l

Sulfuros totais

1,00

mg/l

Temperatura

30,00

ºC

Deterxentes aniónicos

6,00

mg/l

Triacinas totais

0,30

mg/l

Tributilestaño

0,10

mg/l

Triclorobenceno

0,20

mg/l

Zinc

2,00

mg/l

A disolución de calquera vertedura de augas residuais practicada coa finalidade de incumprir estas limitacións será considerada unha infracción a esta ordenanza, salvo nos casos declarados de emerxencia ou perigo.

• Residuos radioactivos: refugallos radioactivos ou isótopos de tal vida media ou concentración que non cumpran cos regulamentos ou ordes emitidos pola autoridade pertinente de que dependa o control sobre o seu uso, ou que provoquen ou poidan provocar danos ou perigos para as instalacións ou ás persoas encargadas do seu funcionamento.

Toda instalación industrial quedará sometida ás especificacións, controis e normas contidas nas ordenanzas municipais.

b) En relación coa protección da estación depuradora:

– Non se admitirán corpos que poidan producir obstrucións nas conducións e grupos de bombeo.

– Non se admitirán substancias capaces de producir fenómenos de corrosión e/ou abrasión nas instalacións electromecánicas.

– Non se admitirán substancias capaces de producir espumas que interfiran nas operacións das sondas de nivel e/ou afecten as instalacións eléctricas, así como os procesos de depuración.

– Non se admitirán substancias que poidan producir fenómenos de flotación e interferir nos procesos de depuración.

c) En relación coa composición química e biolóxica do efluente:

Os establecementos industriais que produzan augas residuais cuxas composicións cualitativas ou cuantitativas sexan superiores aos límites establecidos nas ordenanzas municipais ou, en ausencia destes, aos establecidos nesta normativa, estarán obrigados a depurar as súas augas previamente á súa vertedura aos colectores públicos.

Artigo 54. Protección do ambiente atmosférico

1. Emisións atmosféricas.

a) As emisións máximas permitidas á atmosfera regularanse polas disposicións vixentes na materia.

b) Prohíbese a queima de calquera tipo de residuos ou materiais que non conte coa autorización correspondente.

c) As industrias e as instalacións que desenvolvan actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera adoptarán as medidas necesarias e as prácticas axeitadas nas actividades e instalacións que permitan evitar ou reducir a contaminación atmosférica aplicando, na medida do posible, as mellores técnicas dispoñibles e empregando os combustibles menos contaminantes.

d) Durante o movemento de terras, transporte de materiais e, en xeral, en todas as accións que poidan provocar a emisión de partículas á atmosfera, tomaranse as precaucións necesarias para reducir a contaminación ao mínimo posible, evitando a dispersión. Deste xeito, tomaranse medidas preventivas como realizar os labores en condicións atmosféricas favorables, recubrir os materiais que se van transportar, regar as zonas e materiais afectados polas obras, etc.

2. Contaminación lumínica.

a) Preservaranse o máximo posible as condicións naturais das horas nocturnas en beneficio da fauna, a flora e os ecosistemas en xeral, e reducirase a intrusión lumínica en zonas distintas ás que se pretende iluminar.

b) Teranse en conta a frecuencia, a distancia e a tipoloxía das luminarias para evitar a sobreiluminación.

c) Axustaranse os horarios de acendido e apagado, recomendándose a instalación de redutores de fluxo.

Artigo 55. Protección contra a contaminación acústica e vibratoria

1. Observarase o disposto no Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia; na Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e no Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, que a desenvolve.

2. Durante a fase de urbanización, evitarase a realización de obras ou movementos de maquinaria fóra do período diúrno (das 7.00 ás 19.00 horas).

3. Con carácter xeral, priorizaranse as medidas de redución da fonte emisora, nas máquinas, nas infraestruturas, nos motores, nos pavimentos, nas actividades industriais, etc., empregando, na medida do posible, as mellores tecnoloxías dispoñibles e as boas prácticas ambientais que minimicen a emisión e limiten a transmisión do ruído e as vibracións.

Artigo 56. Xestión dos residuos

1. Para a xestión dos residuos do parque empresarial, serán de aplicación as disposicións contidas na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados; na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, así como calquera outra normativa ou instrumentos de planificación vixentes.

2. No proxecto de urbanización, habilitaranse lugares axeitados para instalar as illas de recollida selectiva de residuos durante a execución das obras de urbanización. Prohíbese a provisión de residuos en condicións en que non se poida garantir a prevención da contaminación do sistema de saneamento, o sistema de drenaxe superficial, o solo ou o subsolo, e será obrigatorio o acondicionamento das zonas de provisión de forma previa, de xeito que, ademais de previr a contaminación, se impida o acceso visual a estas provisións desde as vías ou as zonas habitadas.

3. No referente aos residuos de construción e demolición, a súa xestión farase de conformidade co disposto no Decreto 352/2002, do 5 de decembro, polo que se regula a produción dos residuos da construción e demolición para a Comunidade Autónoma galega, e no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición.

Artigo 57. Protección do solo

1. Durante o movemento de terras, realizarase un tratamento selectivo das terras no cal, logo dos procesos de roza da cuberta vexetal, cuxos materiais serán convenientemente triturados e esparexidos para incorporalos de forma homoxénea ao solo, se amorearán as capas fértiles do solo e se conservarán en condicións axeitadas (cordóns de 1,5 a 2 m de altura, ben drenados). A terra vexetal será reempregada nos labores de axardinamento (conformando a primeira capa sobre a que se realizarán as plantacións), así como nos labores de restauración das áreas ocupadas temporalmente e das deterioradas polas obras.

2. Evitarase a degradación dos solos por materiais, residuos ou substancias potencialmente contaminantes procedentes das obras ou da maquinaria, acondicionando espazos para o seu almacenamento e xestión, conformes coa lexislación.

3. Deberá prestarse especial atención á definición das áreas de circulación e estacionamento e almacenamento de materiais co obxectivo de reducir as superficies de alteración, evitar a invasión de terreos adxacentes e protexer os cursos fluviais e as súas proximidades.

4. Empregaranse solos permeables nas áreas de aparcadoiro que favorezan a drenaxe das augas pluviais e o desenvolvemento de liques e vexetación herbácea.

5. Definiranse as medidas precisas para consolidar, o antes posible, os noiros, desmontes e terrapléns, seleccionando as que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendido de mantas de fibras naturais, etc.).

6. Nas zonas verdes, restauraranse e revexetaranse con prontitude as superficies espidas para evitar perdas de solo, usando as especies autóctonas do lugar e de acordo coas súas características edafolóxicas e climáticas.

Artigo 58. Protección do medio natural

1. Co fin de protexer a flora e a fauna silvestres, teranse en conta as medidas previstas na lexislación aplicable e, en especial, as establecidas nas seguintes disposicións:

2. Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

3. Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, modificada pola Lei 7/2018, do 20 de xullo.

4. Real decreto 439/1990, do 4 de abril, polo que se regula o Catálogo nacional de especies ameazadas (modificado pola Orde do 29 de agosto de 1996, pola Orde do 1 de xullo de 1998, pola Orde do 9 de xullo de 1998, pola Orde do 10 de marzo de 2000, pola Orde do 28 de maio de 2001, pola Orde MAM/2734/2002, do 21 de outubro, pola Orde MAM/1653/2003, do 10 de xuño, pola Orde MAM/2784/2004, do 28 de maio, pola Orde MAM/2231/2005, do 27 de xuño, e pola Orde MAM/1498/2006, do 26 de abril).

5. Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

6. Decreto 167/2011 (modificación do Catálogo galego de especies ameazadas, Real decreto 88/2007).

7. As plantacións realizaranse con especies herbáceas, arbóreas e arbustivas propias da rexión bioxeográfica, co fin de garantir a súa viabilidade e reducir posteriores labores de mantemento.

8. A poda da vexetación non poderá realizarse na primavera, ao ser o período reprodutor das especies e afectar a nidificación das especies silvestres.

Artigo 59. Paisaxe

1. Teranse en conta as directrices de paisaxe de Galicia (DX. 18) aprobadas mediante o Decreto 238/2020, do 29 de decembro, no referente aos novos desenvolvementos urbanísticos e de uso industrial ou terciario (DX. 10).

2. No referente a materiais e cores, observarase o disposto na Guía de cor e materiais de Galicia para a GAP Chairas e Fosas Luguesas , instrucións de uso U07 polígonos industriais.

3. As condicións naturais do medio físico, e en especial as masas arboradas e cursos de auga existentes no ámbito, deberán integrarse no tratamento das zonas verdes e espazos libres, coa finalidade de garantir un bo nivel ambiental e paisaxístico.

4. Someteranse os noiros e desmontes a un tratamento paisaxístico e garantirase a súa conservación e mantemento.

5. Realizarase a elección do mobiliario urbano tendo sempre en conta a súa integración na paisaxe.

6. Utilizaranse pantallas vexetais para ocultar ou fragmentar elementos impactantes ou de gran tamaño co fin de reducir a súa visibilidade.

7. Empregaranse barreiras vexetais para ocultar zonas de acumulación ou depósito permanente de materiais que poidan producir un impacto visual na contorna. Para iso, utilizaranse especies arbóreas e arbustivas autóctonas de diferente porte, evitando as plantacións lineais e distribuíndo as especies de maior porte nas zonas que teñan un maior impacto visual, co fin de mitigar a súa visibilidade.

CAPÍTULO III

Ordenanzas particulares

Artigo 60. División en zonas

1. De acordo coa ordenación establecida, o ámbito divídese en zonas nas cales serán de aplicación as seguintes ordenanzas:

• Ordenanza 1ª (O-1): edificación de uso industrial e/ou terciario.

• Ordenanza 2ª (O-2): zonas verdes.

• Ordenanza 3ª (O-3): equipamentos.

• Ordenanza 4ª (O-4): vías.

2. As zonas indicadas gráfanse no plano 3.1, Asignación de usos pormenorizados.

Artigo 61. Ordenanza 1ª (O-1). Uso industrial/terciario

1. Tipoloxía edificatoria: na zona de aplicación desta ordenanza establécese a tipoloxía de edificación exenta ou acaroada, en función da superficie da parcela.

2. Fronte mínima de parcela: 14 m.

3. Recuamentos:

a) Ao lindeiro frontal: respectaranse os recuamentos frontais establecidos no plano 3.1, Asignación de usos pormenorizados.

b) Ao lindeiro de fondo: establécese un recuamento mínimo da edificación ata unha distancia de 3 metros do lindeiro, salvo nos casos de edificación acaroada, mesmo coas parcelas existentes do parque empresarial actual ou no caso de parcelas inferiores a 1.000 m2, que poderá ser 0.

c) Ao lindeiro lateral: establécese un recuamento mínimo da edificación ata unha distancia de 3 metros do lindeiro, salvo nos casos de edificación acaroada, mesmo coas parcelas existentes do parque empresarial actual, que poderá ser 0, e no caso de parcelas que limiten co sistema xeral de espazos libres e zonas verdes, que será como mínimo de 5 metros (segundo se reflicte nos planos).

4. Ocupación máxima: será a resultante de aplicar os recuamentos mínimos exixibles á parcela.

5. Edificabilidade máxima: será a definida no cadro de características para cada parcela.

6. Altura máxima e número de plantas:

a) A altura máxima de cornixa será de 15 metros, medida segundo se establece no artigo 18 desta normativa (Medición da altura da edificación).

b) O número máximo de plantas será de dúas (baixo + 1).

c) Por encima da altura máxima de cornixa permítense as cubertas, elementos e instalacións que cumprirán as condicións establecidas nas ordenanzas reguladoras.

d) Poderanse permitir alturas maiores á máxima de cornixa mediante a aprobación dun estudo de detalle que a xustifique en función das exixencias dos procesos produtivos.

7. Servizos urbanos. Poderán implantarse sen teren que cumprir as condicións de parcela mínima, de volume ou de edificación indicadas anteriormente, e axustaranse ás necesarias segundo o tipo da instalación.

8. Espazos libres de parcela. Os espazos libres de parcela cumprirán as condicións establecidas no artigo 48 desta normativa.

9. Sotos e semisotos. Autorizaranse, gardando as condicións previstas no artigo 24 desta normativa.

10. Voos e peiraos de carga. Autorizaranse, gardando as condicións previstas no artigo 25 desta normativa.

11. Condicións de uso.

a) Uso característico: industrial en todas as categorías.

b) Usos permitidos:

• Uso terciario: compatible coas actividades industriais comprendidas na listaxe da regulación de usos destas ordenanzas (artigo 35) ou os regulados polo artigo 36.

• Uso dotacional: uso de garaxe aparcadoiro, e aqueloutros usos compatibles vinculados á actividade (servizos urbanos, educativos, deportivos…). Poderanse definir no proxecto de parcelación parcelas con uso dotacional en categoría de servizos urbanos para a localización de centros de transformación ou outras instalacións, que estarán exentas das restricións fixadas no punto anterior. Estas parcelas serán de dominio público, excepto as que sexan cedidas ás empresas subministradoras. O seu uso principal será o de dotacional en categoría de servizos urbanos, prohibíndose expresamente o resto. As construcións e instalacións que se desenvolvan non consumirán ocupación de solo nin edificabilidade lucrativa.

• Uso residencial. Destinado exclusivamente ao persoal encargado da vixilancia e conservación de industria, coas determinacións establecidas na lexislación vixente e cunha única vivenda de 150 m2 como máximo, por cada parcela edificable de superficie maior ou igual a 5.000 m2. A superficie destinada a este uso computará na edificabilidade.

• Autorizaranse ademais todos os usos e instalacións vinculados á propia actividade, como poden ser os educativos para formación interna da empresa.

c) Usos prohibidos: todos os usos non incluídos nos puntos anteriores.

12. Condicións de estética e de accesibilidade, seguridade e hixiene: serán de aplicación as establecidas nas ordenanzas xerais desta normativa.

13. Prazas de aparcadoiro: no interior da parcela será necesario dispoñer de espazos para prazas de aparcadoiro en proporción a 1 praza por cada 142 m2 construídos.

14. Agrupación e segregación de parcelas: permítese a agrupación e segregación das parcelas nos termos establecidos no artigo 27 ao artigo 29 desta normativa.

Artigo 62. Ordenanza 2ª (O-2). Zonas verdes

1. Esta ordenanza será de aplicación nas zonas do plano 3.1, Asignación de usos pormenorizados, coa denominación (O-2) e coas zonas de reserva.

2. As zonas de reserva deberán acondicionarse co arboredo necesario que garanta a integración do ámbito na contorna, minimizando a visibilidade exterior e de veciñanza con áreas rústicas, de conformidade coas directrices de paisaxe de Galicia. No caso de proxectarse unha nova ampliación do parque empresarial, estes espazos poderán reordenarse para destinalos a usos industriais, sempre e cando se continúe garantindo a integración paisaxística do conxunto.

3. Nos parques definidos como O-2, ademais do uso como tal zona, tamén se admiten os deportivos e aparcadoiro coas seguintes restricións:

a) A ocupación do solo por todos eles non será superior ao 15 % da extensión total do parque.

b) No caso de instalacións deportivas descubertas, a porcentaxe de ocupación poderá chegar ao 25 %.

c) Permítese a localización de aparcadoiros para bicicleta.

d) Permítese a execución de redes de servizos e a implantación de instalacións e equipamentos necesarios para o tratamento das augas pluviais.

Artigo 63. Ordenanza 3ª (O-3). Equipamentos

1. Esta ordenanza será de aplicación nas zonas sinaladas no plano 3.1, Asignación de usos pormenorizados, coa denominación (O-3).

2. Condicións da edificación:

a) Tipoloxía: a tipoloxía da edificación será exenta ou acaroada.

b) Aliñacións: as aliñacións corresponderanse coas establecidas no plano 3.1, Asignación de usos pormenorizados.

c) Recuamentos mínimos:

• Ao lindeiro frontal: mínimo 5 m.

• Ao lindeiro de fondo: mínimo 3 m.

• Ao lindeiro lateral: mínimo 3 m.

d) Ocupación máxima: a ocupación máxima será do 70 % da superficie neta da parcela.

e) Edificabilidade máxima: será a definida no cadro de características para cada parcela.

f) Altura máxima: a altura máxima de cornixa será de 9 metros, cun máximo de plantas de baixo + 1. Por encima da altura máxima de cornixa permítense as cubertas, elementos e instalacións que cumprirán as condicións establecidas nas ordenanzas reguladoras.

3. Sotos e semisotos: autorizaranse, gardando as condicións previstas no artigo 24 desta normativa.

4. Condicións de uso.

a) Uso característico: dotacional de equipamento, en todas as categorías.

b) Usos permitidos: tamén se autorizan usos vencellados ao equipamento principal, como oficinas, almacenaxe, garaxe-aparcadoiro, etc., e o uso de vivenda destinada exclusivamente ao persoal encargado da vixilancia e conservación dos usos desenvolvidos e cunha única vivenda en todo o ámbito e que non poderá ser superior a 150 m2. A superficie destinada a vivenda computará na edificabilidade.

c) Poderanse definir no proxecto de parcelación parcelas con uso dotacional en categoría de servizos urbanos para a localización de centros de transformación ou outras instalacións, que estarán exentas das restricións fixadas no punto anterior. Estas parcelas serán de dominio público, excepto as que sexan cedidas ás empresas subministradoras. O seu uso principal será o de dotacional en categoría servizos urbanos, prohibíndose expresamente o resto. As construcións e instalacións que se desenvolvan non consumirán ocupación de solo nin edificabilidade lucrativa.

d) Usos prohibidos: todos os usos non incluídos nos puntos anteriores.

5. Condicións de estética e de accesibilidade, seguridade e hixiene: serán de aplicación as establecidas nas ordenanzas xerais desta normativa.

6. Prazas de aparcadoiro: no interior da parcela será necesario dispoñer de espazos para prazas de aparcadoiro definidas no cadro de características.

Artigo 64. Ordenanza 4ª (O-4). Vías

1. Esta ordenanza será de aplicación á rede viaria comprendida no ámbito e grafada no plano 3.1, Asignación de usos pormenorizados, coa denominación (V) e (AP).

2. A rede viaria cumprirá as condicións establecidas nas ordenanzas de urbanización destas ordenanzas reguladoras.

3. Outras consideracións:

a) Na rede viaria establecida neste proxecto admítese a instalación soterrada das infraestruturas de servizos necesarias para o funcionamento do parque empresarial.

b) Nos terreos que se vexan afectados polas zonas de protección da estrada autonómica LU-P-1611, deberán solicitar as autorizacións específicas que sexan pertinentes.