DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Mércores, 4 de novembro de 2026 Páx. 55323

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 128/2026, do 19 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Cangas, dunha franxa de dominio público viario (DPV) comprendida entre os puntos quilométricos 0+460 e 0+520, na marxe dereita da estrada PO-554.

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante un decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG) dispón que os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forman parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo, cando menos, equivalente.

O artigo 97 do RXEG delimita a zona de dominio público adxacente como a parte da zona de dominio público formada polos terreos adxacentes ás estradas e aos seus elementos funcionais adquiridos por título lexítimo pola Administración titular, pero non ocupados directamente pola explanación das estradas ou polas dos seus elementos funcionais.

O Concello de Cangas solicitou á Axencia Galega de Infraestruturas a transferencia da titularidade dunha superficie de dominio público viario da estrada PO-554, situada na súa marxe dereita, entre os puntos quilométricos 0+360 e 0+520.

A dita superficie delimítase ao oeste polo borde exterior da beirarrúa da PO-554 e ao leste pola liña de delimitación exterior da zona de dominio público viario da propia estrada, e presenta as seguintes características, segundo o tramo:

• Entre o p.q. 0+360 e o p.q. 0+460: a superficie de DPV inclúe parte da zona de explanación da estrada PO-554, dado que o terreo situado a partir da beirarrúa non se atopa á mesma cota que a estrada, polo que non é transferible ao Concello.

• Entre o p.q. 0+460 e o p.q 0+520: a superficie de DPV correspóndese coa zona oeste dun aparcadoiro existente, pavimentado e sinalizado, que se atopa na mesma cota que a beirarrúa da PO-554. Este espazo ten acceso polo leste desde unha vía de titularidade municipal (rúa Camiño da Rúa) e o seu uso principal está vinculado ao CEIP A Rúa. A transferencia desta superficie de DPV non supón a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forma parte a estrada PO-554, dado que o cambio de titularidade non afecta a súa continuidade, ao non incluír nin a calzada da estrada nin a súa beiravía.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade da superficie de dominio público viario da estrada PO-554, que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de outubro de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Cangas, da seguinte superficie de dominio público viario (DPV) da estrada PO-554 da Rede autonómica de estradas de Galicia:

Nº

Transferencia

Inicio

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29N)

Final

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29N)

Superficie

DPV (m²)

1

Franxa DPV PQ 0+460 ao PQ 0+520, marxe dereita, da PO-554

PQ 0+460 MD da PO-554

X = 519.301

y = 4.679.460

PQ 0+520 da PO-554

X = 519.303

y = 4.679.518

745

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Cangas, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da superficie de dominio público viario transferido, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de outubro de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas