De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei,
DISPOÑO:
Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I desta orde.
Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal funcionario de carreira que reúna os requisitos que se exixen para o desempeño do posto que se especifica no anexo I.
Terceiro. As solicitudes dirixiranse á Consellería do Medio Rural e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos no prazo de quince días contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, conforme ao modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar a devandita solicitude, na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, e para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realice a emenda.
Cuarto. As persoas aspirantes deberán achegar coa súa solicitude un currículo e xustificar documentalmente os méritos que aleguen.
Quinto. No caso de que resulte seleccionada para ocupar o posto de traballo anunciado no anexo I desta orde unha persoa que sexa funcionaria con destino definitivo noutra Administración pública, o seu nomeamento requirirá o informe favorable do departamento onde preste servizos, e considerarase favorable de non emitirse no prazo de quince días, segundo o establecido no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes. Unha vez tramitado o seu traslado a esta comunidade autónoma, procederase a adxudicarlle o posto para o cal foi seleccionada.
Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e, de considerarse oportuno, o posto de traballo poderá declararse deserto.
Sétimo. O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes.
O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar na data que se determine na resolución definitiva da libre designación con convocatoria pública. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar tamén desde a devandita data. As convocatorias resolveranse no prazo máximo de dous meses contados desde a data da súa publicación. En caso de non se resolver neste prazo, declararase a caducidade do procedemento.
Oitavo. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2026
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
ANEXO I
Denominación do posto: secretario/a do/da director/a.
Código: MR.O11.00.000.15770.003.
Nivel: 18.
Centro de destino: Dirección do Fogga.
Localidade: Santiago de Compostela.
Grupo: C1-C2.
Corpo/escala: xeral.
Adscrición administracións públicas: A11 (adscrición indistinta a persoal funcionario da Xunta de Galicia, Estado e comunidades autónomas).
