BDNS (Identif.): 939494.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/939494
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social titulares dunha ou máis escolas infantís 0-3 en funcionamento, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Igualdade, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Que a escola infantil 0-3 da entidade que presta o servizo de comedor pola que se solicitan as axudas dispón do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo de escola infantil outorgado pola consellería competente en materia de servizos sociais.
c) Que a escola infantil 0-3 da entidade que presta o servizo de comedor pola que se solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación, de conformidade coa normativa de aplicación, e teñen a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Que a escola infantil 0-3 da entidade que presta o servizo de comedor pola que se solicitan as axudas estea aplicando, pola utilización do dito servizo, un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, daquela órgano competente na materia.
Segundo. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas destinadas ás entidades privadas de iniciativa social titulares de escolas infantís 0-3 anos, coa finalidade de bonificar e compensar os gastos derivados da prestación do servizo de comedor aos nenos e nenas como persoas usuarias da escola infantil e do dito servizo durante o curso escolar 2026/27, e proceder á súa convocatoria (código de procedemento BS420F).
2. Para os efectos desta orde, enténdese por servizo de comedor o prestado ben por persoal do propio centro, ben por persoal alleo a el e contratado con tal fin (servizo de catering), e que inclúe os alimentos.
Só poderán facer uso do servizo de comedor os nenos e nenas como persoas usuarias do servizo de atención educativa da escola infantil 0-3.
3. Non será subvencionable o uso do servizo de comedor por días soltos.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 29 de outubro de 2026 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas económicas para compensar os gastos do servizo de comedor das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social para o curso 2026/27, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420F).
Cuarto. Tipo de axuda e contía
A axuda consistirá nunha compensación para sufragar os gastos do uso do servizo de comedor por cada neno ou nena como persoas usuarias da escola infantil, que será a equivalente ao importe que deixasen de aboar as familias nas escolas infantís do sector público autonómico, de conformidade coa normativa reguladora do seu réxime de prezos, máis a contía de 25,95 €/mes por cada neno ou nena usuarios.
Subvencionarase un máximo de 11 meses, entre o 1 de setembro de 2026 e o 31 de xullo de 2027.
Quinto. Financiamento
Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 1.137.274,71 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.02.312B.481.3, código de proxecto 2025 00053, coa seguinte desagregación:
|
Aplicación orzamentaria |
Ano 2026 |
Ano 2027 |
Total |
|
08.02.312B.481.3 |
413.554,44 € |
723.720,27 € |
1.137.274,71 € |
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes comezará ás 8.00 horas do sexto día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 23.59 horas do día en que se cumpra un mes desde a data en que se abra o prazo de presentación de solicitudes. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2026
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Política Social e Igualdade
