De conformidade coa Oferta de Emprego Público (OEP) de persoal docente e investigador para o ano 2025, aprobada pola Resolución reitoral do 2 de xuño de 2025 (DOG do 10 de xuño) e logo do Acordo do Consello de Goberno desta universidade do 30 de setembro de 2026, este reitorado, no exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 126 dos estatutos da Universidade da Coruña, que foron aprobados polo Decreto 94/2025, do 6 de outubro, da Xunta de Galicia, resolve convocar o concurso de acceso das prazas que se relacionan no anexo I da presente resolución, de acordo coas seguintes bases:
1. Normativa aplicable.
O procedemento de selección rexerase por:
a) A Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema universitario (LOSU).
b) Real decreto 678/2023, do 18 de xullo, polo que se regula a acreditación estatal para o acceso aos corpos docentes universitarios e o réxime dos concursos de acceso a prazas dos devanditos corpos.
c) A Normativa para a selección de persoal docente e investigador aprobada polo Consello de Goberno da Universidade da Coruña (UDC) o 7.11.2024.
d) As instrucións de actuación telemática das comisións de selección publicadas no taboleiro electrónico oficial (TEO) o 31.10.2024.
e) Demais disposicións legais vixentes aplicables.
2. Requisitos dos/das aspirantes.
Os/as candidatos/as deberán cumprir os seguintes requisitos no último día de prazo de presentación de solicitudes:
2.1. Requisitos xerais:
a) Ter nacionalidade española ou algunha outra que permita o acceso ao emprego público, de acordo co disposto no artigo 52 da Lei 2/1015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
b) Estar en posesión da titulación exixida.
c) Non ser despedido mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se tratase de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do que a persoa fose separada ou inhabilitada.
No caso de nacionais doutros estados, non estar inhabilitado ou en situación equivalente, nin ser sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.
d) Cumprir os requisitos mínimos e máximos de idade legalmente establecidos para o acceso á Administración pública.
e) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.
O requisito e) deberá ser acreditado no acto de toma de posesión.
2.2. Requisitos específicos:
a) Posuír o título de doutor/a.
No caso de títulos obtidos no estranxeiro, deberá estar en posesión da correspondente declaración de equivalencia ao nivel académico de doutor/a, tal como establece a disposición adicional segunda do Real decreto 889/2022, do 18 de outubro, polo que se establecen as condicións e os procedementos de homologación, de declaración de equivalencia e de validación de ensinanzas universitarias de sistemas educativos estranxeiros e polo que se regula o procedemento para establecer a correspondencia ao nivel de MECES dos títulos universitarios oficiais pertencentes a ordenacións académicas anteriores.
b) Contar co certificado de acreditación para o acceso ao corpo de profesores/as titulares de universidade, emitido pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANACA) ou ben estar habilitado/a para o corpo de profesores/as titulares de universidade, de acordo co establecido no Real decreto 774/2002, do 26 de xullo.
c) Ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade, cun grao igual ou superior ao 33 %.
No caso de necesitar algunha adaptación, e co obxecto de garantir a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade e poder adoptar as medidas oportunas, xuntarase á solicitude de participación no concurso un escrito no que se soliciten as adaptacións de tempo e medios correspondentes. Entenderase que as persoas aspirantes ás que se refire este parágrafo que non soliciten as adaptacións no momento de presentar a solicitude de participación no concurso non as necesitan ou renuncian a elas, sen que poidan formular unha solicitude destas en ningún outro momento posterior do procedemento.
3. Presentación de solicitudes.
3.1. Prazo e forma de presentación:
As solicitudes deberanse presentar a través da sede electrónica da UDC (https://sede.udc.gal/), na sección de trámites de Xestión Académica, utilizando o modelo oficial adxunto no anexo II xunto co resto da documentación na forma que se indica no anexo III.
O prazo para a presentación de solicitudes será de dez días hábiles a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado (BOE). Cando o derradeiro día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, tal como establece o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3.2. Documentación requirida:
a) Copia do documento nacional de identidade (DNI) ou equivalente en vigor.
As persoas que se atopen nalgún dos supostos recollidos nos apartados c) e d) do punto 1 do artigo 52 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia deberán presentar, ademais, os documentos acreditativos do vínculo de parentesco e, de ser o caso, do feito de vivir a expensas ou estar a cargo dun nacional dun Estado membro da Unión Europea. A acreditación realizarase por medio de certificados expedidos polas autoridades competentes do seu país de orixe, traducidos a algunha das linguas oficiais da UDC.
b) Copia do anverso e reverso do título académico de doutor/a.
c) Copia do certificado de acreditación ou de habilitación para o acceso ao corpo de profesores/as titulares de universidade.
d) Documentación acreditativa da condición legal de persoa con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
4. Admisión de aspirantes.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, nos dez días hábiles seguintes, o Servizo de Persoal Docente e Investigador (PDI) publicará no TEO (https://sede.udc.gal/services/electronic_board) a resolución reitoral coa relación provisional de persoas admitidas e excluídas, e se é o caso, as causas de exclusión.
As persoas excluídas, disporán dun prazo de dez días hábiles, a partir do día seguinte ao da publicación da referida relación, para corrixir o defecto que motivou a exclusión ou presentar alegacións contra a eventual omisión na relación, a través do rexistro electrónico da universidade (https://sede.udc.gal/services/telematic_register).
Transcorrido este prazo, o reitor ditará resolución coa relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, que se publicará no TEO.
5. Procedemento de selección.
5.1. Comisións de selección:
As comisións estarán compostas por cinco membros titulares e cinco suplentes, dos cales polo menos tres titulares e tres suplentes serán alleos á UDC. Os vogais serán elixidos por sorteo público a partir dunha lista cualificada de profesorado e persoal investigador elaborada polo departamento correspondente.
O acto de constitución realizarase nos trinta días hábiles seguintes á publicación da relación definitiva de aspirantes.
As comisións quedarán validamente constituídas coa presenza de todos os seus membros. Se algún dos membros titulares non puidese asistir, será substituído polo correspondente suplente, para garantir o principio de composición paritaria entre mulleres e homes, excepto que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas debidamente motivadas.
No acto de constitución, a Comisión de Selección establecerá os criterios de valoración, tendo en conta as directrices establecidas no anexo IV da Normativa pola que se regula o procedemento para a selección de persoal docente e investigador (https://sede.udc.gal/services/electronic_board/EXP2024/008762). A presidencia da Comisión de Selección enviarallos ao Servizo de PDI (servizo.pdi@udc.es) para a súa publicación no TEO.
Para a válida actuación das comisións requírese, cando menos, a asistencia de catro dos seus membros.
Os acordos das comisións serán motivados e adoptaranse por maioría. No caso de empate, decidirá o voto de calidade da presidencia.
A participación dos membros alleos á UDC realizarase por defecto a través dos medios telemáticos institucionais. Os membros da UDC actuarán no centro ao que estea adscrito o departamento que solicite a praza ou, excepcionalmente, no centro da UDC do que formen parte a maioría dos membros da Comisión.
Os membros da Comisión de Selección terán dereito a percibir as indemnizacións establecidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.
5.2. Desenvolvemento do concurso:
5.2.1. Unha vez publicados os criterios de valoración, a persoa que ocupa a Presidencia da Comisión convocará as persoas aspirantes para o acto de presentación. A convocatoria farase a través do TEO cunha antelación mínima de sete días hábiles e deberá incluír o lugar, a data e a hora de presentación. Para estes efectos a presidencia enviará esta convocatoria ao servizo de PDI coa antelación suficiente.
No acto de presentación, que será público, as persoas candidatas entregaranlle á presidencia da comisión o currículo e a documentación acreditativa dos méritos en soporte electrónico (ver indicacións no anexo IV). De non actuar presencialmente a persoa que ocupe a presidencia, será entregada a quen ocupe a secretaría ou a quen desempeñe as funcións de custodia da documentación.
5.2.2. O concurso constará de dúas probas, ambas as dúas de carácter público e eliminatorio:
a) A primeira proba consistirá na exposición e defensa oral dos méritos e o historial académico, docente, investigador, incluído o de transferencia e intercambio do coñecemento, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial de cada persoa candidata. A exposición non poderá exceder dos sesenta minutos, e irá seguida dun debate coa comisión durante un tempo máximo de dúas horas. Unha vez rematada a proba, cada membro da comisión emitirá un informe razoado e axustado aos criterios de valoración previamente establecidos. Para superar a primeira proba será necesario obter, como mínimo, tres votos favorables.
A acta de votación publicarase no TEO xunto coa convocatoria para a segunda proba, que incluirá a data, a hora e o lugar de entrega en formato electrónico dos proxectos docente e investigador; así como, a data, a hora e o lugar de inicio da realización das probas, xunto coa orde de intervención das persoas aspirantes.
b) A segunda proba consistirá na exposición oral do proxecto docente e do proxecto investigador durante un tempo máximo de sesenta minutos. Seguidamente, a comisión debaterá con cada unha das persoas aspirantes sobre os contidos da súa exposición durante un tempo máximo de dúas horas. Unha vez finalizada a proba, cada membro da comisión emitirá un informe razoado e axustado aos criterios de valoración previamente fixados.
O proxecto docente deberá corresponder a unha materia obrigatoria ou de formación básica da área de coñecemento á que estea adscrita a praza. Terá unha extensión máxima de 100.000 caracteres (incluídos espazos) e deberá referirse, polo menos, aos seguintes aspectos: datos descritivos da materia, sentido da materia no plan de estudos, obxectivos, desenvolvemento do temario, metodoloxía de ensino-aprendizaxe, bibliografía e criterios de avaliación.
O proxecto investigador terá unha extensión máxima de 50.000 caracteres (incluídos espazos). Terá que ser un proxecto orixinal e deberá referirse, polo menos, aos seguintes aspectos: descrición da proposta científica; antecedentes, estado actual e xustificación (incluída bibliografía esencial); obxectivos xerais e específicos; metodoloxía e impacto científico-técnico esperado.
5.2.3. Cando exista unha única persoa aspirante e esta teña a condición de profesor/a titular de universidade, profesor/a contratado/a doutor/a ou profesor/a permanente laboral, a comisión, despois de analizar a documentación presentada, poderá eximila de realizar as probas, se considera por unanimidade que resulta suficiente para superar o concurso de selección.
5.2.4. A Secretaría da Comisión garantirá que a documentación entregada polos/as concursantes poida ser consultada antes do inicio das probas por todas as persoas candidatas que o desexen.
6. Resolución e reclamacións.
6.1. Publicación de resultados:
Unha vez realizadas as valoracións, a Comisión de Selección formulará a súa proposta de provisión, na que figurará/n a/s persoa/s candidata/s seleccionada/s, por orde de puntuación.
Se a comisión considera que ningunha das persoas candidatas reúne os méritos suficientes para desempeñar a praza obxecto do concurso, poderá propoñer a non provisión da praza xustificando as causas que motivan tal proposta. Neste caso, o reitor decidirá se procede deixar a praza deserta ou iniciar un novo procedemento.
A proposta de provisión deberá publicarse no TEO, no prazo máximo de trinta días hábiles desde a constitución da comisión, xunto coa acta de valoracións da segunda proba. Se por causa xustificada a comisión non puidese resolver no citado prazo, a Presidencia da Comisión poderá solicitar á vicerreitoría con competencias en profesorado un prazo adicional de quince días hábiles. De non se cumprir os prazos, nomearase unha nova presidencia.
6.2. Prazo de reclamacións:
Os/as concursantes poderán presentar reclamacións razoadas nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación dos resultados, a través do rexistro electrónico da UDC, dirixidas ao Servizo de PDI.
Logo de que transcorra o prazo, e no suposto de non haber reclamacións contra a proposta, a Presidencia da Comisión remitirá todas as actuacións realizadas ao Servizo de PDI en formato electrónico, para os efectos de que o reitor dite a resolución do concurso, que se publicará no BOE, no DOG e no TEO.
No suposto de que se presentase reclamación, a comisión trasladará o expediente administrativo do concurso, acompañado dun informe razoado sobre esta ao Servizo de PDI no prazo máximo de cinco días hábiles, que o remitirá á Presidencia da Comisión de reclamacións de prazas de profesorado dos corpos docentes universitarios. O nomeamento quedará suspendido ata que recaia a resolución reitoral.
A Comisión de Reclamacións deberá formular a súa proposta razoada no prazo máximo de tres meses desde a recepción das actuacións ou do expediente administrativo do concurso. Para estes efectos, poderá solicitar os asesoramentos que estime oportunos. Unha vez transcorrido o prazo sen notificar a resolución, entenderase desestimada a reclamación presentada.
A Comisión de Reclamacións escoitará os membros da comisión contra cuxa proposta se presentase reclamación e ás persoas candidatas que participasen nela, e examinará o expediente do concurso para velar polo cumprimento das garantías establecidas. Poderá ratificar ou non a proposta da Comisión de Selección.
6.3. Documentación que debe presentar a persoa proposta:
A persoa proposta en primeiro lugar deberá presentar no Servizo de PDI, no prazo de vinte días contados desde o seguinte á publicación da proposta, a seguinte documentación:
a) Declaración xurada ou promesa de que non foi separado/a de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin se atopa inhabilitado/a para o exercicio das funcións docentes.
As persoas candidatas que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar que non están sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que lles impida, no seu Estado, o acceso á función pública, segundo o establecido na Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro).
b) Certificado médico oficial ou informe de saúde que acredite non padecer enfermidade nin defecto físico ou psíquico que incapacite para o desempeño das funcións correspondentes a docente de universidade.
c) Declaración xurada ou promesa de non incorrer en incompatibilidade segundo o establecido na Lei 53/1984, do 26 de setembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.
7. Nomeamento.
O nomeamento como funcionario/a docente de carreira será efectuado polo reitor, despois de que a persoa proposta presente os documentos exixidos no apartado 6.3 dentro do prazo establecido. O nomeamento especificará a denominación da praza (corpo, área de coñecemento e departamento). O devandito nomeamento será publicado no BOE, no DOG, no TEO e comunicado ao Consello de Universidades.
No prazo máximo de vinte días hábiles, que se contarán desde o seguinte ao da publicación do nomeamento no BOE, a persoa candidata proposta deberá tomar posesión da praza, momento no que adquirirá a condición de funcionario/a do corpo docente universitario que lle corresponda, cos dereitos e deberes que lle son propios.
8. Protección de datos de carácter persoal.
As persoas aspirantes aceptan a política de privacidade da UDC, recollida na páxina web da UDC (https://www.udc.es/es/pe/politica_privacidade/) e especificada no formulario de solicitude de participación no proceso selectivo.
9. Norma final.
Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do Contencioso-Administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación. Non obstante, e sen prexuízo de que se poida exercer calquera outro que se considere procedente, pódese optar por interpoñer un recurso de reposición perante o reitor, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, neste caso non poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente mencionado en tanto non sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, conforme o previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro de 2015).
A Coruña, 27 de outubro de 2026
O reitor da Universidade da Coruña
P.D. (Resolución do 28.8.2026)
Luís María Hervella Nieto
Vicerreitor de Profesorado
ANEXO I
Prazas convocadas
Número de concurso: 26/020.
Número de prazas: 1.
OEP: 2025.
Corpo: profesor/a titular de universidade.
Área de coñecemento: Economía Financeira e Contabilidade.
Departamento: Empresa.
Centro: Facultade de Economía e Empresa.
– Comisión titular:
Presidenta: Muíño Vázquez, María Flora, profesor/a titular de universidade, Universidade da Coruña.
Secretario/a: Vizcaíno González, Marcos, profesor/a titular de universidade, Universidade da Coruña.
Vogal 1ª: Urquía Grande, María Elena, profesor/a titular de universidade, Universidade Complutense de Madrid.
Vogal 2º: López-Valeiras Sampedro, Ernesto, catedrático/a de universidade, Universidade de Vigo.
Vogal 3ª: Bel Oms, Inmaculada, profesor/a titular de universidade, Universidade de Valencia.
– Comisión suplente:
Presidente: Ruiz Lamas, Fernando Carlos, profesor/a titular de universidade, Universidade da Coruña.
Secretario: Puime Guillén, Félix, profesor/a titular de universidade, Universidade da Coruña.
Vogal 1ª: Ferrer Zubiate, Elena, catedrático/a de universidade, Universidade Publica de Navarra.
Vogal 2º: Serna Calvo, Gregorio Manuel, catedrático/a de universidade, Universidade de Alcalá de Henares.
Vogal 3ª: Suárez Suárez, Nuria, profesor/a titular de universidade, Universidade Autónoma de Madrid.
