Antecedentes:
No Diario Oficial de Galicia núm. 119, do pasado 29 de xuño, publicouse a Orde do 17 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2026/27, e se procede á súa convocatoria.
No Diario Oficial de Galicia núm. 174, do 14 de setembro, publicouse a Resolución do 1 de setembro de 2026 pola que se publica a concesión das prazas para os grupos de tecnificación e de rendemento deportivo, ao abeiro da Orde do 17 de xuño de 2026.
Na dita resolución, concedeuse:
– A Celia López-Freire Francia, a praza de residente 1 en tecnificación na modalidade deportiva de Natación, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (en diante, CGTD). Segundo consta no anexo I da citada resolución, a deportista cursa 1º de bacharelato no curso 2026/27.
Con data do 1 de setembro de 2026, consta a súa renuncia á praza de residente 1 concedida.
– A Irene Álvarez Santos, a praza de residente 1 en tecnificación na modalidade deportiva de Natación Artística, no CGTD. Segundo consta no anexo I da citada resolución, a deportista cursa 4º da ESO no curso 2026/27.
Con data do 2 de setembro de 2026, consta a súa renuncia á praza de residente 1 concedida.
– A Lucía Vaquerizo Rey-Stolle, a praza de externo 1 en tecnificación na modalidade deportiva de Vela. Segundo consta no anexo I da citada resolución, a deportista cursa 1º de bacharelato no curso 2026/27.
Con data do 1 de setembro de 2026, consta a súa renuncia á praza de externo 1 concedida.
– A Iván González Costas, a praza de residente 1 en tecnificación na modalidade deportiva de Natación Artística. Segundo consta no anexo I da citada resolución, o deportista cursa 4º da ESO no curso 2026/27.
Con data do 3 de setembro de 2026, consta a súa renuncia á praza de residente 1 concedida.
Consideracións legais e técnicas:
O artigo 11.4 da Orde do 17 de xuño de 2026 dispón:
«As baixas que se produzan unha vez publicada a lista definitiva teñen que ser comunicadas inmediatamente e por escrito polo/a interesado/a ao enderezo de correo cgtd@xunta.gal para que poidan ser cubertas.
As baixas cubriranse, se así o considera oportuno a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, con deportistas pertencentes ás federacións nas cales se produzan as baixas e seguindo a lista de agarda dos deportistas valorados e que non acadaron praza.
No caso do grupo de tecnificación, poderase ter en conta, por cuestións organizativas da residencia, que cumpran cos requisitos de curso e xénero do deportista que causou baixa, e que a organización da residencia permita».
No anexo V.b) da Resolución do 1 de setembro de 2026 figura a relación de solicitudes denegadas para as instalacións do CGTD de Pontevedra do grupo de tecnificación (ordenadas por deporte e puntuación). Así mesmo, no anexo III da citada resolución figura a listaxe de solicitudes denegadas no grupo de tecnificación por orde alfabética, con indicación do motivo de denegación.
Con relación ás baixas presentadas no grupo de tecnificación, e seguindo os criterios do artigo 11.4 da Orde do 17 de xuño de 2026, proponse cubrir as prazas coas persoas deportistas que figuran na listaxe de solicitudes denegadas para tecnificación, da mesma modalidade deportiva que as que causaron baixa, condicionado á dispoñibilidade de praza segundo a organización das habitacións por xénero, e curso escolar.
As seguintes persoas deportistas da antedita listaxe son:
– Adrián Fernández Abel de 4º da ESO da modalidade deportiva de Natación.
– Enara Álvarez Quintela de 4º da ESO da modalidade deportiva de Natación Artística.
As prazas vacantes de Lucía Vaquerizo Rey-Stolle e de Iván González Costas non se poden cubrir pola lista de agarda das persoas deportistas valoradas e que non acadaron praza, por non haberen máis persoas candidatas nesas modalidades deportivas que cumpran os requisitos da convocatoria.
O artigo 18.3 da Orde do 17 de xuño de 2026 establece que «As prazas asignadas para cada sección deportiva, no caso de non se cubriren, tamén pasarán á cota de reserva da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes».
Tendo en conta o exposto, de acordo coa proposta da Secretaría Xeral para o Deporte, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar a Resolución do 1 de setembro de 2026 pola que se publica a concesión das prazas para os grupos de tecnificación e de rendemento deportivo, ao abeiro da Orde do 17 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o CGTD para a tempada 2026/27, e se procede á súa convocatoria, nos seguintes puntos:
1. Outorgar as prazas de residente 1 no grupo de tecnificación ás persoas deportistas Adrián Fernández Abel na modalidade deportiva de Natación e Enara Álvarez Quintela na modalidade deportiva de Natación Artística.
2. Pasar á cota de reserva da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes unha praza de externo 1 que correspondía a Lucía Vaquerizo Rey-Stolle e outra de residente 1 que correspondía a Iván González Costas por non haber máis persoas candidatas nas súas modalidades deportivas que cumpran os requisitos da convocatoria.
Segundo. Esta modificación publicarase no Diario Oficial de Galicia, exporase na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte https://deporte.xunta.gal/ e será comunicada á federación deportiva galega afectada.
Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse un recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do dia seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, un recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
P.D. (Orde do 12.6.2024; DOG núm. 117, do 18 de xuño)
Roberto García Fernández
Secretario xeral para o Deporte
