Expediente: IN407A 2026/150-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTS, CT polígono As Gándaras 47.
Concello: O Porriño.
Feitos:
1. O 15 de xuño de 2026, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS, CT polígono As Gándaras 47.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Begoña Muñoz Sotelino, colexiada 4013 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, e contén un orzamento total de 53.494,38 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade atender a petición de subministración de enerxía eléctrica para a carga de vehículos eléctricos, mediante a instalación dun centro de transformación de 250 kVA e a súa liña de acometida.
2. Este departamento territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello do Porriño, a Demarcación de Estradas do Estado e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello do Porriño.
A Demarcación de Estradas do Estado informou de que as instalacións previstas se encontran fóra das zonas de protección da estrada A-56.
O Servizo do Patrimonio Cultural non emitiu o condicionado técnico e, en consecuencia, enténdese a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.
3. O 14 de setembro de 2026, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable sobre as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS, CT polígono As Gándaras 47.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación a este expediente é:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3x(1x240) mm2 Al en dous tramos. O primeiro é de 19 metros de lonxitude, con orixe no punto de acceso á rede existente e final no centro de transformación (CT) proxectado. O segundo tramo é de 19 metros de lonxitude, con orixe no CT proxectado e final no punto de acceso á rede existente.
Centro de transformación compacto de 250 kVA, telecontrolado GSM/GPRS/FO 2L1P, con relación 15.000/400 V, situado na parcela con referencia catastral 1250003NG3615S0001HW, no polígono As Gándaras, no concello do Porriño (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CT polígono As Gándaras 47, expediente IN407A 2026/150-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se encontren afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación, ante este departamento territorial, xunto coa seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado de dirección final de obra no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• De ser o caso, a acreditación ou declaración de que a instalación non se encontra incursa nas prohibicións establecidas no artigo 13 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 19 de outubro de 2026
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
