DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Xoves, 12 de novembro de 2026 Páx. 56730

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 4 de novembro de 2026 pola que se modifica a Orde do 10 de abril de 2025 pola que se establecen os criterios de distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado á realización de investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, previsto na letra i) do artigo 60.catro da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025 (código de procedemento PR486E) (Diario Oficial de Galicia número 75, do 21 de abril).

Mediante a Orde do 10 de abril de 2025 establecéronse os criterios de distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado á realización de investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, previsto na letra i) do artigo 60.catro da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025, publicada no Diario Oficial de Galicia número 75, do 21 de abril, co código de procedemento PR486E.

O 16 de setembro de 2025, a directora xeral de Administración Local, por delegación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, con base na disposición derradeira primeira da orde reguladora, resolveu o procedemento iniciado en virtude desta e asignou as achegas do fondo aos concellos beneficiarios polos importes sinalados na mesma resolución.

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico realizou os pagamentos anticipados das achegas polo importe correspondente á asignación destinada a cada concello, en cumprimento da previsión contida no artigo 12 da citada orde reguladora.

No artigo 14.3 da mesma orde fíxase o 15 de novembro de 2026 como data límite para a realización dos investimentos, do acto de recepción definitiva da obra e para a presentación da documentación xustificativa da aplicación dada aos fondos. Co fin de posibilitar a execución dos proxectos e o procedemento de xestión administrativa e orzamentaria que resulte de aplicación, preténdese ampliar ata o 7 de decembro o referido prazo de execución e xustificación dos proxectos financiados polo fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local previsto na letra i) do artigo 60.catro da citada Lei 4/2024, do 27 de decembro.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, segundo o cal a Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder de oficio ou por petición dos interesados unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos de terceiros.

Con base en todo o anteriormente exposto, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, co Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e co disposto na Orde do 10 de abril de 2025 pola que se establecen os criterios de distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado á realización de investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, previsto na letra i) do artigo 60.catro da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 14.3 da Orde do 10 de abril de 2025, que queda redactado nos seguintes termos:

3. O prazo para a realización dos investimentos, do acto de recepción definitiva da obra e da presentación da documentación xustificativa da aplicación dada aos fondos remata o 7 de decembro de 2026.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes