DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Martes, 17 de novembro de 2026 Páx. 57270

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 6 de novembro de 2026 pola que se regulan os requisitos de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao, a proba de acceso á universidade e os procedementos de admisión ao Sistema universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias. A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia, determina no seu artigo 3 que o Sistema universitario de Galicia está integrado pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo e, se for o caso, por aqueloutras que sexan creadas ou recoñecidas por lei do Parlamento de Galicia. Así mesmo, establece no seu artigo 11 que, para os efectos do ingreso nos centros universitarios, as universidades públicas integrantes do Sistema universitario de Galicia se constitúen nun distrito único para os estudos de grao e de mestrado. Os e as estudantes poderán acceder a calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia sempre e cando reúnan os requisitos académicos necesarios.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, establece no artigo 38 que para acceder aos estudos universitarios será necesaria a superación dunha proba que, xunto coas cualificacións obtidas no bacharelato, valorará, con carácter obxectivo, a madurez académica e os coñecementos adquiridos nese tramo educativo, así como a capacidade para seguir con éxito os estudos universitarios. Nese mesmo artigo sinálase que o Goberno, logo de consulta ás comunidades autónomas, establecerá as características básicas da proba de acceso á universidade, logo de consulta á Conferencia Xeral de Política Universitaria e informe previo do Consello de Universidades e do Consello Escolar do Estado. Por outra banda, determínase que as administracións educativas e as universidades serán as encargadas de organizar a proba de acceso e que garantirán a adecuación da proba ás competencias vencelladas ao currículo de bacharelato, así como a coordinación entre as universidades e os centros que imparten bacharelato para a súa organización e realización.

A Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, establece no seu artigo 31 o dereito de acceso á universidade, de acordo co artigo 27 da Constitución. Nela determínase que lle corresponde ao Goberno, logo de informe da Conferencia Xeral de Política Universitaria e do Consello de Estudantes Universitarios, establecer as normas básicas de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais, sempre con respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Con este fin publícase o Real decreto 534/2024, do 11 de xuño, polo que se regulan os requisitos de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao, as características básicas da proba de acceso e a normativa básica dos procedementos de admisión. Nel recóllense os requisitos que, en cada caso, e en función da titulación que se posúe, serán exixibles para acceder ás ensinanzas universitarias oficiais de grao, e prevé outras vías de acceso para aquelas persoas que, non estando en posesión dalgún dos títulos previstos na norma, cumpran determinados criterios de idade e experiencia laboral e/ou profesional. Así mesmo, regula os criterios específicos para a adxudicación de prazas polas universidades públicas.

Por outra banda, no artigo 18 do dito decreto disponse que as administracións educativas, oídas as universidades, constituirán, nos seus respectivos ámbitos de xestión, unha comisión organizadora da proba de acceso. A dita comisión estará integrada por representantes das universidades públicas, da Administración educativa e do profesorado de bacharelato de centros públicos, así como doutras persoas expertas, de acordo coas normas que establezan as administracións educativas. En consecuencia, cómpre desenvolver a dita normativa básica para o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta orde adecúase aos principios de boa regulación, previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Respecto aos principios de necesidade e eficacia, trátase dunha norma necesaria para adaptar ao marco normativo autonómico o establecido no Real decreto 534/2024, do 11 de xuño. De acordo co principio de proporcionalidade, contén a regulación imprescindible para cumprir co seu obxecto ao non existir ningunha alternativa reguladora menos restritiva de dereitos. Conforme o principio de seguridade xurídica, resulta coherente co ordenamento actual ao concretar aspectos no contexto regulatorio da Administración educativa. Cumpre tamén cos principios de transparencia e accesibilidade.

En consecuencia, como conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, tendo en conta que as funcións de planificación, regulación e administración do ensino regrado son competencia da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e co obxecto de organizar a proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, facendo uso das competencias,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto organizar a proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao, regulada no artigo 38 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os procedementos de admisión ao Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG).

2. Esta orde será de aplicación no ámbito territorial de Galicia para os procedementos de acceso e admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao nas universidades do SUG, sen prexuízo de que quen reúna os requisitos regulados na normativa vixente para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao poida solicitar praza nas universidades españolas da súa elección.

Artigo 2. Principios xerais de acceso e admisión

1. O acceso e a admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao realizarase con respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

2. As universidades garantirán unha información transparente e accesible sobre os procedementos de admisión, a través dos seus sistemas de orientación ao alumnado. Así mesmo, velarán por que tanto o acceso á dita información como os procedementos de admisión teñan en conta as persoas con necesidades específicas de apoio educativo, e disporán dos servizos de apoio e asesoramento axeitados.

3. O alumnado que comezase os seus estudos nunha das universidades do SUG, superase, como mínimo, seis créditos do Sistema europeo de transferencia de créditos (ECTS) e abandonase temporalmente os ditos estudos, poderá continuar no mesmo centro sen necesidade de volver participar no procedemento de admisión, sen prexuízo das normas de permanencia que cada universidade poida ter establecidas.

Artigo 3. Requisitos para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao

1. Poderán acceder ás ensinanzas universitarias oficiais de grao ofertadas polo SUG as persoas que superen a proba de acceso á universidade, regulada no capítulo II, e reúnan calquera dos seguintes requisitos:

a) Alumnado en posesión do título de bacharel establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

b) Alumnado en posesión do título de bacharel establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

c) Certificado acreditativo de ter superado o curso de orientación universitaria (COU).

d) Certificado acreditativo de ter superado o curso preuniversitario.

e) Calquera outro título que o ministerio con competencias en Educación declare equivalente, para efectos académicos, ao título de bacharel regulado na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

2. Poderán acceder ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do SUG directamente, sen necesidade de realizar a proba de acceso á universidade, as persoas que reúnan calquera dos seguintes requisitos:

a) Alumnado co título de técnica/o superior de formación profesional, de técnica/o superior en Artes Plásticas e Deseño, e de técnica/o deportivo superior, sen prexuízo do establecido no artigo 20.2.

b) As persoas procedentes dos seguintes sistemas educativos estranxeiros, de acordo co previsto na disposición adicional trixésimo terceira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, sen prexuízo do disposto no artigo 20.2:

– Alumnado de sistemas educativos de Estados membros da Unión Europea ou doutros Estados cos cales se subscribisen acordos internacionais aplicables en materia de acceso á universidade, en réxime de reciprocidade, sempre que cumpra os requisitos académicos exixidos nos seus sistemas educativos para acceder ás súas universidades.

– Alumnado en posesión do título de bacharelato europeo, en virtude das disposicións contidas no convenio polo que se establece o Estatuto das Escolas Europeas, feito en Luxemburgo o 21 de xuño de 1994.

– Alumnado en posesión do diploma do bacharelato internacional, expedido pola Organización do Bacharelato Internacional, con sede en Xenebra (Suíza).

O alumnado destes sistemas educativos estranxeiros non necesitará tramitar a homologación do título, diploma ou estudo obtido ou realizado no estranxeiro para acceder á universidade.

3. Poderán acceder directamente ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do SUG as persoas cos seguintes estudos universitarios:

a) Persoas en posesión dun título universitario oficial de grao, mestrado ou título equivalente.

b) Persoas en posesión dun título universitario oficial de diplomatura universitaria, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, licenciatura, arquitectura, enxeñaría correspondente á anterior ordenación das ensinanzas universitarias, ou título equivalente.

c) Persoas que cursasen estudos universitarios parciais nalgunha universidade española, ás cales se lles recoñeza un mínimo de 30 créditos ECTS de acordo co disposto no artigo 10 do Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e o procedemento de seguridade da súa calidade.

d) Persoas que cursasen estudos universitarios parciais estranxeiros ou que, finalizando os estudos universitarios estranxeiros, non obtivesen a súa homologación ou declaración de equivalencia en España, sempre que a universidade na cal desexen continuar estudos recoñeza un mínimo de 30 créditos ECTS.

No caso de que non obteñan o dito recoñecemento, poderán acceder ao SUG nas mesmas condicións que o alumnado sen estudos universitarios procedente do seu mesmo sistema educativo. Aquel alumnado ao cal se refire a disposición adicional trixésimo sexta da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, deberá, ademais, cumprir os requisitos establecidos para a homologación do título, diploma ou estudo non universitario.

4. Poderán acceder ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do SUG de acordo co procedemento específico establecido na sección cuarta do capítulo II:

a) Persoas maiores de 25 anos que superasen a proba de acceso e que non posúan ningunha titulación académica que dea acceso por outra vía.

b) Persoas maiores de 40 anos con experiencia laboral ou profesional en relación cun ensino determinado, que non posúan ningunha titulación habilitante para acceder á universidade por outras vías de acceso.

c) Persoas maiores de 45 anos que superasen a proba de acceso á universidade e que non posúan ningunha titulación académica que dea acceso por outra vía.

5. As persoas incluídas no ámbito de aplicación da disposición adicional trixésimo sexta da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, poderán acceder ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do SUG de conformidade coa normativa que lles resulte aplicable.

CAPÍTULO II

Probas de acceso á universidade

Sección 1ª. A proba de acceso á universidade

Artigo 4. Características xerais da proba de acceso

1. Para os efectos desta orde, a denominación «Proba de acceso á universidade» (en diante, PAU) comprende tanto a proba de acceso regulada no capítulo III do Real decreto 534/2024, do 11 de xuño, polo que se regulan os requisitos de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao, as características básicas da proba de acceso e a normativa básica dos procedementos de admisión, como os procedementos para mellorar a nota de admisión, previstos nos artigos 22 e 23 da mesma norma.

2. A PAU organízase en dúas fases:

a) A fase xeral ten como finalidade valorar con carácter obxectivo, xunto coas cualificacións obtidas no bacharelato, a madurez académica e os coñecementos adquiridos na etapa, así como a capacidade para seguir con éxito os estudos universitarios. A fase xeral está conformada polo conxunto de exames de carácter obrigatorio que debe superar o alumnado que, estando en posesión do título de bacharel, queira acceder ás ensinanzas universitarias oficiais de grao. A súa superación é un requisito imprescindible para o acceso á universidade.

b) A fase específica é o conxunto de exames que voluntariamente pode realizar o alumnado que queira mellorar a súa nota de acceso.

3. Os exames da fase xeral e da fase específica adecuaranse ao currículo de bacharelato establecido no Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma, e na Orde do 13 de febreiro de 2023 pola que se establece o currículo das materias optativas do bacharelato e se regula a súa oferta.

Artigo 5. A fase xeral

1. A fase xeral da PAU consta dun total de cinco exames, correspondentes ás seguintes materias do segundo curso de bacharelato:

a) Historia de España ou Historia da Filosofía, á elección do alumnado no momento da matrícula na PAU.

b) Lingua Castelá e Literatura II.

c) Lingua Estranxeira II, na lingua seleccionada pola/o alumna/o no momento da matrícula na PAU, entre alemán, francés, inglés, italiano e portugués.

d) Lingua Galega e Literatura II.

e) A materia específica obrigatoria do segundo curso de bacharelato da modalidade ou vía cursada, de conformidade co artigo 11 do Decreto 157/2022, do 15 de setembro. No caso de que a/o estudante curse máis dunha materia obrigatoria de modalidade, deberá indicar a que elixe para examinarse nesta fase no momento da matrícula na PAU.

2. De acordo co previsto no artigo 12.4 do Real decreto 534/2024, do 11 de xuño, cando o título de bacharel se obtivese desde outras ensinanzas, de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, o alumnado, no lugar da materia específica obrigatoria, examinarase da materia que non escollese previamente ao optar entre Historia de España e Historia da Filosofía. Con todo, poderá substituír esta materia, e indicarao no momento da matrícula, por:

a) Ciencias Xerais, se o título obtido é o de técnica ou técnico de formación profesional.

b) Debuxo Artístico II, se o título obtido é o de técnica ou técnico en Artes Plásticas e Deseño.

c) Análise Musical II ou Artes Escénicas II, á elección do alumnado, se o título obtido é o de ensinanzas profesionais de música ou de danza.

3. Conforme a disposición adicional terceira do Real decreto 534/2024, do 11 de xuño, o alumnado que supere a proba externa para obter a dobre titulación de bacharelato e de baccalauréat e desexe acceder ás ensinanzas universitarias oficiais de grao mediante o título de bacharel poderá participar na PAU e non necesitará realizar os exames das materias de Historia de España e Lingua Estranxeira II. A nota das ditas materias será a obtida na proba externa nas materias Historia de España e de Francia e Lingua e Literatura Francesas, respectivamente. Para estes efectos, o centro onde curse a dobre titulación deberá remitir, antes de quince (15) días naturais ao do comezo da PAU, unha relación do alumnado que, tendo obtido a dobre titulación, vaia presentarse á proba e desexe acollerse a este procedemento de cualificación, xunto cunha certificación na cal se fará constar a cualificación obtida na proba externa nas materias de Historia de España e de Francia e Lingua e Literatura Francesas. O alumnado que, despois de finalizar as ensinanzas deste programa, desexe utilizar o título de baccalauréat para acceder á universidade, poderá realizar a fase específica para mellorar a súa nota de admisión. O alumnado que non supere a proba externa ou que, téndoa superado, desexe mellorar a súa cualificación de acceso á universidade, deberá realizar a fase xeral da PAU.

4. Poderá solicitar a exención da realización do exame correspondente á materia de Lingua Galega e Literatura II o alumnado que estea exento de recibir cualificación en Lingua Galega e Literatura II en segundo de bacharelato, conforme o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüísimo no ensino non universitario de Galicia.

Artigo 6. A fase específica

1. Na fase especifica da PAU o alumnado pode examinarse dun máximo de tres materias que elixirá de entre as materias comúns, as materias de modalidade obrigatorias e de opción. Ademais, poderá examinarse da materia optativa Segunda Lingua Estranxeira II nunha lingua distinta da que se examinou na fase xeral. A elección das ditas materias realizarase no momento en que se formalice a matrícula para a PAU.

2. O alumnado que se examine da fase xeral e da fase específica na mesma convocatoria deberá elixir, nesta fase, materias distintas das que se examine na fase xeral.

Artigo 7. Características dos exames

1. Os exames que conforman a PAU avaliarán o grao de consecución dos obxectivos das materias do segundo curso de bacharelato a través da aplicación dos criterios de avaliación previstos nos seus currículos.

2. Cada materia obxecto de avaliación disporá dunha única proposta de exame, estruturada en diferentes preguntas, que, pola súa vez, poderán conter varias epígrafes. O alumnado terá que responder, á súa elección, un número de preguntas determinado previamente polo órgano competente. Esta elección non poderá implicar en ningún caso a diminución do número de obxectivos obxecto de avaliación.

3. Cada exame conterá necesariamente preguntas abertas e semiconstruídas que requirirán do alumnado creatividade e capacidade de pensamento crítico, reflexión e madurez na súa resolución. De forma excepcional, ademais das anteriores, poderán utilizarse preguntas de opción múltiple, sempre que en cada unha das probas a puntuación asignada ao conxunto de preguntas abertas e semiconstruídas acade, como mínimo, o 70 por cento do total.

4. O exame de cada materia será determinado por sorteo público polo Tribunal Único, a partir das propostas presentadas pola persoa directora de cada grupo de traballo da materia. No caso de resultar invalidado un exame previsto, este será substituído polo exame de reserva e, se este tamén resulta invalidado, o exame desta materia será posposto. O Tribunal Único poderá solicitarlle ao grupo de traballo a elaboración inmediata dun novo exame.

5. O exame de cada materia terá unha duración de noventa minutos. No seu deseño, o grupo de traballo terá en conta que o número de preguntas se debe axustar á dita duración, incluíndo o tempo de lectura e a planificación da estratexia para a súa resolución. Establecerase un descanso entre exames consecutivos de, como mínimo, trinta minutos. Non se computará como período de descanso o utilizado para ampliar o tempo de realización dos exames do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo aos cales se lles prescriba a dita medida.

6. Os exames das materias Lingua Castelá e Literatura II, Lingua Galega e Literatura II, Lingua Estranxeira II e Segunda Lingua Estranxeira II deberán realizarse nos seus respectivos idiomas. Para o resto de exames, o alumnado poderá empregar, á súa escolla, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o cal se subministrarán os enunciados nas dúas linguas oficiais.

7. A utilización de documentos ou ferramentas auxiliares, como dicionarios, calculadoras, formularios ou táboas por parte do alumnado durante a resolución dos exames estará condicionada ás características de cada materia e aos criterios de avaliación aplicables. Para tal fin, as guías de cualificación de cada materia indicarán o material que se pode empregar e, se é o caso, o material que non se pode empregar.

8. En todos os exames incluirase información para o alumnado sobre os criterios de corrección e cualificación. Estes criterios incluirán, como mínimo:

a) O valor asignado a cada unha das preguntas do exame.

b) Outras consideracións que poidan ser necesarias para realizar unha valoración obxectiva respecto á adecuación ao solicitado nos enunciados e á coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos elaborados, así como á súa presentación.

9. Naqueles exames en que as preguntas propostas requiran a elaboración de textos por parte do alumnado, a valoración correspondente aos aspectos recollidos na letra b) non poderá ser inferior ao 10 por cento da nota da pregunta correspondente. Non obstante, a aplicación destes parámetros poderá flexibilizarse no caso de alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

Artigo 8. Cualificacións dos exames

1. Cada un dos exames das materias, tanto da fase xeral como da fase específica, cualificarase de 0 a 10 puntos con dúas cifras decimais e con intervalos de 0,25 puntos.

2. A cualificación da fase xeral será a media aritmética das cualificacións obtidas en cada un dos exames das materias establecidas nesa fase, expresada nunha escala de 0 a 10 con ata tres cifras decimais e redondeada á milésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior. Esta cualificación deberá ser igual ou superior a 4 puntos para que poida ser tida en conta.

3. Na cualificación da fase específica considerarase superado o exame da materia cando se obteña unha cualificación igual ou superior a 5 puntos. En todo caso, para o alumnado que se deba presentar á fase xeral e non a supere, consideraranse non superados os exames das materias da fase específica.

4. As cualificacións das materias superadas na fase específica terán validez durante o curso que se inicie inmediatamente despois da superación da proba e nos dous cursos académicos seguintes a este, sen prexuízo de que o alumnado, para mellorar as cualificacións obtidas, se poida presentar en sucesivas convocatorias a calquera das materias desta fase, caso en que se tomará en consideración a cualificación máis favorable.

Artigo 9. Nota de acceso á universidade

1. Para o alumnado que estea en posesión do título de bacharel, de acordo co artigo 15 do Real decreto 534/2024, do 11 de xuño, a cualificación de acceso á universidade calcularase mediante a media ponderada do 60 por cento da nota media do título de bacharel, calculada sen ter en conta a nota da materia de Relixión, e do 40 por cento da cualificación da fase xeral. A cualificación obtida por este procedemento expresarase con tres decimais, arredondadas á milésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior. Entenderase que se cumpren os requisitos de acceso á universidade cando a nota ponderada descrita sexa igual ou superior a 5 puntos. A nota de acceso será, como máximo, de 10 puntos.

2. A nota de acceso á universidade terá validez indefinida para o acceso ás distintas ensinanzas universitarias oficiais de grao. No caso de optar á mellora da cualificación da fase xeral, tomarase en consideración a cualificación obtida na nova convocatoria, sempre que esta sexa superior á anterior.

3. Para os efectos do cálculo indicado no número 1, terase en conta que a nota media de bacharelato para o alumnado ao cal lle fosen validados estudos estranxeiros polos de primeiro curso de bacharelato será a media entre a nota media do curso validado e a nota media do segundo curso de bacharelato, sen ter en conta a nota da materia de Relixión.

4. Para o alumnado que estea en posesión dun título de técnica/o superior de formación profesional, técnica/o superior en Artes Plásticas e Deseño, ou técnica/o deportivo superior, a nota de acceso á universidade será a nota do título ou, no caso de que esta non figure nel, a nota media do seu expediente.

5. Para o alumnado procedente dos sistemas educativos estranxeiros aos cales se refire o artigo 3.2.b), a nota de acceso á universidade será a cualificación obtida nas ensinanzas cursadas, determinada de conformidade co sistema de equivalencias establecido pola normativa de aplicación. Para estes efectos, tomarase a cualificación que conste na credencial expedida pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) ou, no caso de non constar, considerarase que a cualificación da credencial é de 5,000.

Artigo 10. Mellora na nota de acceso á universidade

1. De cara a mellorar a nota de acceso á universidade do alumnado, as universidades públicas do SUG, nos seus procedementos de admisión, terán en conta as cualificacións obtidas en ata dúas materias, sempre e cando se obteña nelas unha cualificación igual ou superior a 5 puntos. Estas materias serán seleccionadas polas universidades de entre todas as susceptibles de ser avaliadas na PAU.

2. As universidades públicas do SUG darán a coñecer, ao comezo de cada curso, os parámetros de ponderación que aplicarán as cualificacións das materias seleccionadas na admisión en cada grao universitario. A puntuación máxima que se pode obter neste procedemento de ponderacións é de 4 puntos.

3. Para o alumnado procedente do bacharelato internacional ou das Escolas Europeas (European Baccalauréat), o SUG considerará as materias cursadas e que ponderen na admisión aos diferentes graos, sen necesidade de que se examinen delas na fase específica.

Para o alumnado procedente doutros sistemas educativos estranxeiros referidos no artigo 3.2, letra b), o SUG poderá ter en consideración as cualificacións de materias concretas.

4. Na admisión do alumnado que estea en posesión dun título de técnica/o superior de formación profesional, de técnica/o superior en Artes Plásticas e Deseño, ou de técnica/o deportivo superior, as universidades do SUG poderán ter en consideración a correspondencia que, para tales efectos, establecesen o ministerio competente en materia de educación e a consellería correspondente nesa materia.

5. De conformidade co disposto no artigo 22.6 do Real decreto 534/2024, do 11 de xuño, de forma excepcional, as universidades poderán establecer condicións ou probas especiais para a admisión en determinadas ensinanzas. Estas condicións ou probas especiais deberán ser incluídas polas universidades na memoria do correspondente plan de estudos verificado e autorizado.

Artigo 11. Nota de admisión á universidade

1. A nota de admisión á universidade é a suma da nota de acceso á universidade máis a puntuación obtida no procedemento de mellora. A nota de admisión máxima do alumnado será de 14 puntos: de 0 a 10 na fase xeral e ata 4 puntos na fase específica.

2. A fórmula que se aplica para o cálculo da nota de admisión é a seguinte:

Nota de admisión = Nota de acceso + p1*M1 + p2*M2

Onde p1 e p2 corresponden ao parámetro de ponderación das materias indicadas polas universidades, segundo a súa idoneidade para seguir con éxito os estudos universitarios de grao, e tomará valores 0,1 ou 0,2. Os valores M1 e M2 corresponden á cualificación do exame das materias da PAU que as universidades decidan ponderar para cada grao.

3. No cálculo seleccionaranse as cualificacións das materias ponderables que sexan máis favorables para o alumnado.

Sección 2ª. Organización da proba de acceso á universidade

Artigo 12. A Comisión Organizadora

1. Conforme o artigo 17 do Real decreto 534/2024, do 11 de xuño, a PAU será organizada pola consellería con competencias en materia de educación e as universidades do SUG, que garantirán a súa adecuación ao currículo de bacharelato e a coordinación entre as universidades e os centros docentes que imparten a etapa de bacharelato.

2. A Comisión Organizadora da PAU é o órgano colexiado, adscrito á consellería competente en materia de educación, encargado de establecer os criterios xerais da PAU no ámbito territorial de Galicia.

3. A súa composición axustarase ao principio de composición equilibrada de mulleres e homes, salvo que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas. A Comisión Organizadora actuará con suxeición ao disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

4. A Comisión Organizadora estará integrada por representantes da Administración educativa e por representantes das universidades públicas.

En representación da Administración educativa, formarán parte da Comisión Organizadora:

a) A persoa titular do órgano superior ou de dirección con competencias en ordenación das ensinanzas de bacharelato, ou persoa en quen delegue.

b) A persoa titular do órgano superior ou de dirección con competencias en materia de universidades, ou persoa en quen delegue.

c) A persoa titular do órgano de dirección con competencias en inspección educativa, ou persoa en quen delegue.

En representación das universidades públicas do SUG, formarán parte da Comisión Organizadora:

a) A persoa delegada do/da reitor/a da Universidade da Coruña na Comisión Interuniversitaria de Galicia (en diante, CiUG).

b) A persoa delegada do/da reitor/a da Universidade de Santiago de Compostela na CiUG.

c) A persoa delegada do/da reitor/a da Universidade de Vigo na CiUG.

5. A presidencia da Comisión Organizadora será exercida pola persoa titular do órgano superior ou de dirección con competencias en ordenación das ensinanzas de bacharelato. A secretaría, de ser o caso, corresponderalle a unha persoa funcionaria administrativa, que non terá a condición de membro da Comisión.

6. De acordo co artigo18 do Real decreto 534/2024, do 11 de xuño, serán funcións propias da Comisión Organizadora as seguintes:

a) Establecer os criterios xerais sobre a organización e a coordinación da proba de acceso para o seu traslado á Comisión Técnica.

b) Definir os criterios xerais para a elaboración, avaliación e cualificación dos exames das materias.

c) Definir os criterios xerais para a elaboración das guías de cualificación de cada exame.

d) Aprobar a estrutura e a constitución dos grupos de traballo, comisións delegadas e tribunais cualificadores, nomeando os seus membros por proposta da Comisión Técnica.

e) Determinar, para a súa publicación, as datas das convocatorias anuais da PAU, de acordo cos prazos máximos fixados polo ministerio con competencias en educación e en universidades.

f) Aprobar o horario de realización dos exames da PAU, por proposta da Comisión Técnica, en función das modalidades e vías do bacharelato, así como a súa publicación e difusión antes do período de matrícula.

g) Aprobar o calendario xeral para a publicación e difusión de calquera información de interese para os centros docentes, alumnado e familias, relacionada coa PAU.

h) Establecer os mecanismos para achegarlles información aos centros docentes, ao profesorado, ao alumnado e ás familias, así como a outros persoas ou entidades relacionadas coa organización e participación na PAU.

i) Analizar o informe sobre a PAU elaborado pola Comisión Técnica.

j) Remitirlle ao Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, ao finalizar o curso escolar, os datos anuais da PAU desagregados por sexo.

k) Garantir a publicidade, ao inicio de cada curso en que se realice a proba, dos parámetros de ponderación acordados polo SUG e que serán de aplicación aos procedementos de admisión nas universidades públicas.

l) Aqueloutras funcións que lle sexan encomendadas pola consellería con competencias en educación.

7. Para o exercicio das súas funcións, a Comisión Organizadora contará coa Comisión Técnica, á cal lle corresponderán as actuacións relativas á xestión, organización e realización material da PAU.

Artigo 13. A Comisión Técnica

1. A Comisión Técnica é o órgano encargado da xestión, organización e realización material da PAU no ámbito territorial de Galicia, que se ocupará das comisións delegadas en cada centro onde se realice a proba, e dos grupos de traballo e tribunais cualificadores de cada unha das materias obxecto de exame.

2. A Comisión Técnica estará constituída:

a) Polas persoas que exerzan a presidencia e a secretaría do Tribunal Único, regulado no artigo 15.

b) Dúas persoas de recoñecida experiencia na docencia e xestión de probas de acceso, que serán nomeadas pola consellería con competencias en educación e actuarán como coordinadoras respectivas dos grupos de traballo e das comisións delegadas e tribunais cualificadores, así como da comunicación externa sobre a PAU.

3. A Comisión Técnica realizará as seguintes funcións:

a) Desenvolver materialmente a realización da PAU, atendendo aos criterios xerais establecidos pola Comisión Organizadora.

b) Asegurar a coordinación entre as universidades e os centros docentes onde se imparta bacharelato, para os efectos da matrícula e realización da PAU.

c) Proporlle á Comisión Organizadora o nomeamento das persoas integrantes dos grupos de traballo, das comisións delegadas e dos tribunais cualificadores, así como o procedemento para a cobertura inmediata de vacantes.

d) Establecer o número e a distribución das comisións delegadas.

e) Organizar e coordinar o labor dos grupos de traballo, das comisións delegadas e dos tribunais cualificadores, segundo os criterios xerais definidos pola Comisión Organizadora.

f) Publicar, ao inicio de cada curso escolar, conforme o disposto pola Comisión Organizadora, as pautas de organización, modelos de exame de cada materia e criterios xerais de avaliación.

g) Establecer as medidas que garantan o segredo do procedemento de elaboración, selección e custodia dos exames, así como o anonimato do alumnado na fase de corrección e cualificación.

h) Adoptar as medidas que garantan que o alumnado poida empregar, á súa escolla, calquera das linguas oficiais de Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 7.6.

i) Determinar as medidas oportunas que lle garantan ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo a realización da PAU nas debidas condicións de igualdade, conforme a normativa que resulte de aplicación.

j) Proporlle á Comisión Organizadora o horario de realización dos exames e o calendario de publicacións con información relevante da PAU, para a súa aprobación e posterior publicación.

k) Resolver as reclamacións relativas a cuestións de natureza distinta ás cualificacións.

l) Elaborar un informe sobre a PAU do ano correspondente, que recollerá as recomendacións para a súa mellora, e remitirllo á Comisión Organizadora.

m) Aqueloutras funcións que lle sexan encomendadas pola Comisión Organizadora.

Artigo 14. A Comisión Interuniversitaria de Galicia

1. A Comisión Interuniversitaria de Galicia (en diante, CiUG) é un órgano interuniversitario, sen personalidade xurídica, no cal se delegan as competencias propias das tres universidades públicas do Sistema universitario de Galicia en materia de acceso e admisión.

2. A CiUG estará composta polas tres persoas delegadas dos/das reitores/as das universidades públicas do SUG e os membros do Tribunal Único regulado no artigo 15.

3. A presidencia da CiUG terá carácter rotatorio entre as persoas delegadas dos/das reitores/as das universidades do SUG. A universidade á cal lle corresponda a presidencia da CiUG será a responsable xurídica da matrícula e das reclamacións da PAU do curso académico correspondente.

4. En relación coa PAU, este órgano interuniversitario estará representado, na Comisión Organizadora, polas persoas delegadas dos/das reitores/as das universidades públicas do SUG na CiUG e, na Comisión Técnica, polas persoas que exerzan a presidencia e secretaría do Tribunal Único, de acordo co establecido nesta orde.

5. As persoas delegadas dos/das reitores/as na CiUG encargaranse da loxística da PAU en canto á reserva de espazos nos centros universitarios para a realización da proba.

6. As persoas delegadas dos/das reitores/as na CiUG, a partir dos informes preceptivos achegados polos departamentos de orientación dos centros docentes ou polos equipos de orientación específicos, analizarán a situación académica do alumnado que presente necesidades específicas de apoio educativo, en función dos recursos de apoio e das adaptacións con que contase ao longo do bacharelato ou ciclo formativo de FP, e elevarán á Comisión Organizadora informe da casuística para que a Comisión Técnica adopte as medidas posibles no momento de realización das probas.

7. No proceso de admisión, propio das universidades públicas do SUG, cada unha delas atenderá as reclamacións derivadas da matriculación do alumnado nas súas titulacións, como responsable xurídica.

Artigo 15. O Tribunal Único

1. O Tribunal Único é un instrumento da CiUG que contará cunha estrutura composta de presidencia e secretaría, e, se for preciso, vicepresidencia; os ditos cargos serán nomeados polas persoas delegadas dos/das reitores/as na CiUG.

2. En relación coa PAU, como parte da Comisión Técnica, o Tribunal Único actuará de xeito coordinado coas persoas expertas nomeadas pola consellería con competencias en educación na ordenación e xestión dos grupos de traballo, comisións delegadas e tribunais cualificadores.

3. Ademais das ditas funcións como parte da Comisión Técnica, o Tribunal Único encargarase da custodia dos exames, da publicación das cualificacións e da resolución dos procedementos de reclamación sobre cualificacións na PAU.

Artigo 16. Os grupos de traballo

1. Cada ano constituiranse grupos de traballo para elaborar as propostas dos exames das materias que conforman a PAU, así como as guías de cualificación que empregarán os tribunais cualificadores. Con carácter xeral, estes grupos deberán estar constituídos antes do 1 de setembro de cada curso académico.

2. A Comisión Organizadora aprobará a estrutura e a constitución dos grupos de traballo, oída a proposta de nomeamentos da Comisión Técnica.

3. Cada grupo de traballo de materia estará formado polas seguintes persoas especialistas:

a) Un máximo de dúas persoas docentes das universidades do SUG, preferentemente vinculadas ao ámbito de coñecemento da materia.

b) Un máximo de catro docentes do sistema de ensino público cuxa especialidade teña atribución docente na materia ou do corpo de Inspección educativa.

4. Cada grupo de traballo estará dirixido, preferentemente, por unha persoa da universidade. A directora ou o director do grupo de traballo será responsable da elaboración das propostas de exame e da súa entrega ao Tribunal Único nas datas que se determinen para o efecto, segundo as características recollidas no artigo 7.

A dirección do grupo deberá adoptar as medidas precisas para favorecer a colaboración de todas as persoas integrantes do grupo e velará polo cumprimento das directrices ou pautas que traslade a Comisión Organizadora no relativo ao funcionamento interno do grupo de traballo ou aos mecanismos de revisión ou supervisión que se establezan.

Os seus membros asumen un compromiso de confidencialidade en canto a gardar segredo sobre as distintas achegas, contidos e procesos para a confección dos exames.

5. A directora ou director do grupo de traballo achegará, xunto cos exames, as súas respectivas guías de cualificación. Cada unha das guías incluirá, como mínimo, a estrutura do exame, os criterios de corrección e cualificación, os criterios para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, a puntuación de cada unha das preguntas, así como os instrumentos de avaliación ou calquera aclaración que se considere necesaria para avaliar obxectivamente as posibles respostas dadas polo alumnado.

6. Tanto a Comisión Organizadora como a Comisión Técnica poderán convocar os membros destes grupos de traballo a reunións formativas ou informativas para trasladar as directrices de traballo en cada curso académico.

7. Os membros do grupo de traballo recibirán un certificado de 20 horas de formación permanente do profesorado ao remate de cada curso escolar.

Artigo 17. As comisións delegadas

1. As comisións delegadas, que actuarán en cada un dos centros en que se realice a PAU, estarán distribuídas atendendo ao criterio de proximidade do alumnado. A Comisión Técnica, de forma coordinada coa CiUG, establecerá o número de comisións delegadas, a súa composición e funcións, así como a súa localización, tendo en conta a prioridade de utilización de centros universitarios.

2. Cada Comisión Delegada contará cunha presidencia, unha ou dúas secretarías, que serán persoal docente e investigador das universidades públicas galegas, e un número de vogais acorde á dimensión da Comisión. Os vogais nomearanse de entre o persoal docente e investigador das universidades públicas do SUG, persoal do sistema de ensino público dos corpos de catedráticos, profesorado de secundaria e profesorado de Artes Plásticas e Deseño que, de acordo coa lexislación vixente, poida impartir docencia nas materias de bacharelato, nun grao superior de formación profesional, nun grao superior de Artes Plásticas e Deseño ou nun grao superior de Ensinanzas Deportivas ou persoal do corpo de Inspección.

3. Cada centro educativo pode proporlle á Comisión Técnica unha persoa para que se incorpore á Comisión Delegada como representante, que colaborará na resolución das incidencias que se poidan producir co seu alumnado.

Artigo 18. Os tribunais cualificadores

1. Os tribunais cualificadores de cada materia estarán presididos polas directoras ou directores dos grupos de traballo e integrados por especialistas da materia, en número suficiente para o seu correcto funcionamento, nomeados de entre persoal docente e investigador das universidades públicas do SUG, persoal do sistema de ensino público dos corpos de catedráticos, profesorado de secundaria que, de acordo coa lexislación vixente, poida impartir docencia nas materias de bacharelato.

2. Deberase garantir, na medida do posible, que para cada materia polo menos o 40 % das persoas designadas sexan profesorado proposto polas universidades e, igualmente, que polo menos outro 40 % sexa profesorado do corpo de catedráticas e catedráticos ou do corpo de profesorado de ensino secundario que imparta, preferentemente, docencia no segundo curso de bacharelato, salvo causa xustificada. A súa designación axustarase ao principio de composición equilibrada de mulleres e homes, salvo que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas.

3. Os membros dos grupos de traballo de cada materia poderán formar parte dos tribunais cualificadores, excepto por encontrarse, durante o curso académico, nalgún dos motivos de abstención previstos no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. Cada tribunal cualificará os exames cumprindo as indicacións da/do coordinadora/coordinador de tribunais cualificadores e aplicando os criterios recollidos nas guías de cualificación. Tamén terá en conta as medidas de apoio educativo e as adaptacións necesarias para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo segundo o artigo 25.

5. Serán funcións da Presidencia de cada tribunal cualificador, entre outras determinadas pola Comisión Técnica:

a) Garantir o anonimato do alumnado e dos centros durante o proceso de corrección e cualificación dos exames.

b) Dar a coñecer ao resto de membros do tribunal, no momento da súa constitución, as directrices das comisións.

c) Elevar un informe final á Comisión Técnica, unha vez rematadas as actuacións, no cal figuren os resultados obtidos polo alumnado participante, así como calquera incidencia que se produza ao longo do proceso, relacionada co alumnado, cos centros ou co propio tribunal.

6. Os tribunais cualificadores actuarán con suxeición ao disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro.

Artigo 19. A participación do profesorado

1. A Comisión Técnica poderá establecer un prazo para que o profesorado interesado solicite formar parte como vogais das comisións delegadas e/ou dos tribunais cualificadores.

2. Co obxecto de garantir a imparcialidade do proceso, e tendo en conta o disposto nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, o profesorado que forme parte das comisións delegadas e dos tribunais cualificadores non poderá examinar ou avaliar o alumnado do seu centro de procedencia.

Sección 3ª. Participación na proba de acceso á universidade

Artigo 20. Participación

1. Poderá participar na fase xeral e na fase específica o alumnado que obteña o título de bacharel, establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, en calquera das súas modalidades ou vías, nos centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Poderá presentarse á fase específica para mellorar a súa nota de acceso á universidade o alumnado que, conforme o previsto na disposición adicional trixésimo terceira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, estea exento de realizar a fase xeral para acceder á universidade:

a) O alumnado que estea en posesión do título de técnica/o superior de formación profesional, técnica/o superior en Artes Plásticas e Deseño, ou técnica/o deportivo superior.

b) O alumnado de sistemas educativos de Estados membros da Unión Europea ou doutros Estados cos cales que se subscribisen acordos internacionais aplicables en materia de acceso á universidade, en réxime de reciprocidade, sempre que cumpra os requisitos académicos exixidos nos seus sistemas educativos para acceder ás súas universidades.

c) O alumnado en posesión do título de bacharelato europeo, en virtude das disposicións contidas no convenio polo que se establece o Estatuto das Escolas Europeas, feito en Luxemburgo o 21 de xuño de 1994.

d) O alumnado en posesión do diploma do bacharelato internacional, expedido pola Organización do Bacharelato Internacional, con sede en Xenebra (Suíza).

3. Nos supostos de obtención da titulación noutras comunidades autónomas ou no estranxeiro, o alumnado deberá acreditar a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia no curso de realización da proba.

Artigo 21. Convocatorias

1. En cada curso académico realizaranse unha convocatoria ordinaria e unha convocatoria extraordinaria da PAU. Con carácter xeral, cada convocatoria realizarase durante tres días de forma consecutiva.

2. O alumnado que se presente na convocatoria ordinaria poderá presentarse tanto na convocatoria extraordinaria do mesmo curso escolar como en convocatorias sucesivas para mellorar a cualificación de calquera das dúas partes. No caso de optar á mellora da cualificación na fase xeral, o alumnado deberá repetir toda a fase xeral. De optar á mellora da cualificación na fase específica, poderá examinarse de ata tres materias avaliadas ou non en convocatorias anteriores. Ademais, poderá examinarse da materia optativa Segunda Lingua Estranxeira II nunha lingua distinta da que se examinou na fase xeral. En todo caso, tomarase en consideración a cualificación obtida na nova convocatoria, sempre que esta sexa superior á anterior. A estas sucesivas convocatorias poderá presentarse exclusivamente quen durante o curso académico de realización das probas teña acreditada a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 22. Organización dos expedientes

1. Para os efectos administrativos, e tendo en conta a localización dos centros de educación secundaria, establécense os lugares de entrega e recollida de documentación (en diante, LERD) territorializados nos sete campus universitarios, para instruír os expedientes e executar os procedementos administrativos e informáticos no nivel de persoa usuaria (solicitante-centro de educación secundaria) asociados á xestión do alumnado na PAU e a preinscrición para o propio acceso á universidade (captura de datos, matrícula, solicitudes, etc.).

2. A consellería con competencias en materia de educación remitiralle en soporte informático á CIUG, durante o mes de febreiro de cada ano, os datos do alumnado matriculado en centros docentes do ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan necesarios para o proceso de acceso. Estes datos deberán ser rexistrados previamente polos centros docentes na plataforma educativa determinada para tales efectos.

3. A captura de datos, tanto académicos como persoais, será responsabilidade compartida da consellería con competencias en materia de educación e das universidades, nos formatos para a xestión informática previamente acordados co servizo de apoio ao SUG.

4. A Comisión Técnica porá á disposición das persoas interesadas os documentos correspondentes á solicitude de matrícula para a PAU.

5. A consellería con competencia en materia de educación porá á disposición das universidades unha aplicación informática para realizar a xestión da PAU e da admisión ás universidades públicas galegas.

6. A custodia dos expedientes e das actas de cualificación das persoas que participen na PAU correspóndelles de xeito compartido á consellería con competencias en materia de educación e a cada universidade pública do SUG, segundo o LERD asignado ao alumnado. Nas actas de cualificación deberán figurar os datos necesarios para a certificación e o traslado de expedientes.

7. As universidades, a través da CiUG, establecerán o sistema de recollida e transmisión de datos das persoas que soliciten o traslado de expediente para iniciaren estudos noutro distrito, e establecerán os mecanismos oportunos para garantir o cumprimento da lexislación vixente en materia de tratamento e protección de datos persoais.

Artigo 23. Matrícula na PAU

1. A Comisión Organizadora publicará, coa suficiente antelación, a convocatoria de matrícula, que establecerá, entre outros aspectos, un prazo para a convocatoria ordinaria e outro prazo diferente para a convocatoria extraordinaria.

2. O alumnado formalizará a súa solicitude de matrícula, no prazo determinado e de acordo coas directrices establecidas pola Comisión Técnica, a través da Secretaría do centro docente en que obtivese as titulacións de bacharelato, técnica/o superior de formación profesional, técnica/o superior en Artes Plásticas e Deseño, ou técnica/o deportivo superior. As persoas que obtivesen a titulación en convocatorias anteriores e o alumnado procedente dos sistemas educativos estranxeiros poderán presentar a súa solicitude no LERD que lle corresponda ao seu centro ou ao centro máis próximo ao seu lugar de residencia, ou mediante o procedemento telemático establecido na convocatoria de matrícula.

3. Na solicitude indicaranse os datos persoais e as materias elixidas para a realización da fase xeral e/ou da fase específica. De ser o caso, tamén se solicitará a exención do exame da materia Lingua Galega e Literatura II previsto no artigo 5.4. O alumnado que superase varias modalidades de bacharelato deberá indicar, no momento da matrícula, cal delas elixe para os efectos de determinar a materia específica obrigatoria da modalidade da que se debe examinar e do cálculo da cualificación de acceso á universidade.

4. Os centros docentes informatizarán os datos persoais, académicos e de matrícula para a PAU do seu alumnado. Os centros facilitarán, se procede, as actas e as certificacións das cualificacións de bacharelato, formación profesional, ensinanzas de artes plásticas e deseño e ensinanzas deportivas nos prazos e co procedemento que estableza a Comisión Técnica. O alumnado deberá revisar a súa matrícula e, se detecta algún erro, debe comunicalo no centro, no prazo establecido, para a súa emenda en calquera caso previo ao comezo das probas. Non será posible facer cambios na matrícula unha vez finalizado o prazo de revisión.

5. As persoas solicitantes deberán aboar as taxas correspondentes, de acordo co disposto no decreto en que se fixen os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario. A Comisión Técnica facilitarlles aos centros de educación secundaria e aos LERD os modelos de impresos para o pagamento das taxas e a relación de entidades bancarias en que se pode realizar o ingreso.

Artigo 24. Lugares de realización da PAU

1. O alumnado realizará a PAU, tanto na convocatoria ordinaria como na extraordinaria, na Comisión Delegada asignada ao centro en que obtivese a titulación que lle permite participar na proba.

2. O alumnado que se presente en sucesivas convocatorias co obxecto de superar a proba ou mellorar a cualificación obtida poderá realizala na Comisión Delegada asignada ao centro máis próximo ao seu lugar de residencia ou ao centro en que finalizou os ditos estudos.

3. O alumnado procedente dos sistemas educativos estranxeiros a que se refire o artigo 3.2, letra b), poderá realizar a proba na Comisión Delegada asignada ao centro máis próximo ao seu lugar de residencia.

4. No suposto de realizar a PAU en máis dun distrito universitario na mesma convocatoria, quedarán anuladas todas elas. Isto non será de aplicación para o alumnado en posesión do diploma do bacharelato internacional para os efectos da realización das probas na UNED.

Artigo 25. Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

1. A Comisión Organizadora, a partir dos informes preceptivos achegados polas persoas delegadas dos/das reitores/as na CiUG, analizados os informes dos departamentos de orientación dos centros docentes ou os equipos de orientación específicos, trasladaralle á Comisión Técnica a casuística das situacións académicas das persoas que presenten necesidades específicas de apoio educativo, en función dos recursos de apoio e das adaptacións con que contasen ao longo de toda a etapa educativa para obter o título de bacharel e/ou ciclo formativo de grao superior, para que se tomen as medidas técnicas posibles no momento da proba, para efectos de que este alumnado poida realizar a PAU coas debidas condicións de igualdade, non discriminación e accesibilidade universal.

2. Estas medidas poderán consistir na adaptación dos tempos, a elaboración de modelos especiais de probas e/ou a utilización de medios materiais (axudas técnicas) e humanos que se precisen. Así mesmo, deberá garantirse a accesibilidade á información e comunicación do proceso de avaliación e ao espazo físico en que se desenvolva cada exame. Ningunha das medidas consideradas poderá ser tida en conta para minorar as cualificacións obtidas.

3. A Comisión Técnica poderá requirirlles asesoramento e colaboración ás institucións e aos organismos competentes para garantir as actuacións previstas nesta orde para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

4. A Comisión Técnica organizará comisións especiais nos distintos campus co fin de prestarlle os apoios necesarios ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Tamén poderá organizar unha comisión propia para aquel alumnado con necesidades educativas especiais que non poida recibir atención nas comisións especiais distribuídas nos campus. A asignación da comisión correspondente comunicaráselle ao centro educativo e o alumnado terá a obriga de acudir a ela.

5. O alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que se volva presentar á PAU en cursos académicos posteriores e xa gozou de medidas ou adaptacións na proba deberá notificalo nos prazos establecidos no centro docente de matrícula.

Artigo 26. Revisión das cualificacións dos exames

1. De acordo co previsto no artigo 20 do Real decreto 534/2024, do 11 de xuño, o alumnado, ou as nais, os pais ou as persoas titoras legais no caso de menores de idade, poderá dirixirlle á presidencia do Tribunal Único unha solicitude de revisión da cualificación obtida nun ou en varios exames dos que compoñen a PAU nos cales se considere incorrecta a aplicación dos criterios xerais de avaliación e específicos de corrección e cualificación, no prazo de tres días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións. As solicitudes de revisión deberanse facer a través da aplicación informática que poña á disposición a consellería con competencias en materia educativa, empregando o código de acceso do alumnado.

2. Os exames sobre os cales se presente solicitude de revisión serán corrixidos de novo por unha persoa vogal especialista do tribunal cualificador diferente a quen realizou a primeira corrección. Esta persoa especialista levará a cabo unha revisión inicial co fin de comprobar que todas as preguntas foron avaliadas e que non existen erros materiais ou aritméticos no proceso de cálculo da nota final. De ser o caso, rectificarase a cualificación, que non poderá ser inferior á concedida na primeira corrección. A continuación, realizarase unha segunda corrección completa do exame co fin de comprobar que se aplicaron correctamente os criterios xerais de avaliación e os criterios específicos de cualificación e corrección. No caso de existir unha diferenza menor de dous puntos entre as dúas cualificacións, a cualificación final será a media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas correccións. De haber unha diferenza de dous ou máis puntos entre as dúas cualificacións, efectuarán, de oficio, unha terceira corrección outras dúas persoas especialistas diferentes das anteriores e a cualificación final será a consensuada por estas dúas persoas.

3. O procedemento de revisión deberá finalizar no prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir da data de finalización do prazo establecido para a presentación das reclamacións. Rematado o procedemento, o tribunal cualificador adoptará a resolución que estableza as cualificacións definitivas, cuxos resultados fará públicos, mediante acceso individualizado, na web establecida para o efecto e de acordo co calendario aprobado. A publicación desta resolución porá fin á vía administrativa. Poderá interporse recurso de reposición, ante o órgano que dite a resolución, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou impugnarse directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de acordo co disposto nos artigos 9.1 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora deste.

4. O alumnado, ou as nais, os pais ou persoas titoras legais no caso de menores de idade, terá dereito a ver os exames revisados no prazo máximo de dez días hábiles desde o día seguinte ao da notificación da resolución do procedemento de revisión.

Sección 4ª. Outras probas específicas

Artigo 27. Acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao para persoas maiores de 25 anos

As persoas maiores de 25 anos de idade que non posúan ningunha titulación académica que lles dea acceso á universidade por outras vías poderán acceder ás ensinanzas universitarias oficiais de grao mediante a superación dunha proba de acceso. Só poderán concorrer á dita proba de acceso as persoas con 25 anos de idade feitos antes de finalizar o ano natural en que se realice a dita proba.

Artigo 28. Estrutura da proba de acceso á universidade para persoas maiores de 25 anos

1. A proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos estruturarase en dúas fases:

a) A fase xeral da proba terá como obxectivo apreciar a idoneidade das persoas candidatas para seguir con éxito estudos universitarios, así como a súa capacidade de razoamento e de expresión escrita. Comprenderá catro exercicios referidos aos seguintes ámbitos:

– Comentario de texto ou desenvolvemento dun tema xeral de actualidade.

– Lingua galega.

– Lingua castelá.

– Lingua estranxeira, que elixirá entre alemán, francés, inglés, italiano ou portugués.

Poderán solicitar a exención do exercicio de lingua galega aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia por un tempo inferior a tres anos no momento da convocatoria da proba.

b) A fase específica da proba terá por finalidade valorar as habilidades, capacidades e aptitudes das persoas candidatas para cursar con éxito as diferentes ensinanzas universitarias. Estrutúrase en cinco opcións, vinculadas con ámbitos de coñecemento, conformadas cada unha delas por dúas materias obrigatorias e unha materia optativa. As materias de cada opción son as seguintes:

– Para a opción A. Artes e Humanidades: Historia de España e Historia da Filosofía como materias obrigatorias, e Latín ou Debuxo Artístico como posibles materias optativas.

– Para a opción B. Ciencias: Matemáticas e Física como materias obrigatorias, e Química ou Bioloxía como posibles materias optativas.

– Para a opción C. Ciencias da Saúde: Bioloxía e Química como materias obrigatorias, e Matemáticas ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais como posibles materias optativas.

– Para a opción D. Ciencias Xurídicas e Sociais: Historia de España e Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais como materias obrigatorias, e Segunda Lingua Estranxeira ou Empresa e Deseño de Modelos de Negocio como posibles materias optativas.

– Para a opción E. Enxeñaría e Arquitectura: Tecnoloxía e Enxeñaría e Matemáticas como materias obrigatorias, e Física ou Debuxo Técnico como posibles materias optativas.

2. O exercicio de cada materia da fase específica basearase no currículo regulado no Decreto 157/2022, do 15 de setembro.

3. Os exercicios correspondentes a lingua castelá, lingua galega e lingua estranxeira deberán realizarse nos seus respectivos idiomas. Para o resto de exercicios, as persoas candidatas poderán empregar, á súa escolla, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 29. Cualificación da proba de acceso para persoas maiores de 25 anos

1. Cada un dos exercicios que conforman a proba de acceso para persoas maiores de 25 anos, tanto da fase xeral como da fase específica, cualificarase de 0 a 10 puntos con dúas cifras decimais e con intervalos de 0,25 puntos.

2. A cualificación final da proba será a media aritmética das cualificacións obtidas na fase xeral e na fase específica, expresada en forma numérica de 0 a 10 puntos, con tres cifras decimais, arredondada á milésima máis próxima e, no caso de equidistancia, á superior. Para este cálculo, terase en consideración que:

– A cualificación da fase xeral será a media aritmética das cualificacións dos catro exercicios, expresada en forma numérica de 0 a 10 puntos, con tres cifras decimais, arredondada á milésima máis próxima e, no caso de equidistancia, á superior.

– A cualificación da fase específica será a media aritmética das cualificacións dos tres exercicios, expresada en forma numérica de 0 a 10 puntos, con tres cifras decimais, arredondada á milésima máis próxima e, no caso de equidistancia, á superior.

– A candidata ou o candidato superará a proba cando obteña unha puntuación en cada unha das dúas fases igual ou superior a catro puntos e un mínimo de cinco puntos na cualificación media final.

3. A nota de admisión para cursar ensinanzas universitarias oficiais de grao será a cualificación final obtida na proba.

4. Tras a publicación das cualificacións, as persoas candidatas poderán presentar reclamación no prazo de tres días naturais, mediante escrito razoado dirixido á CiUG, en calquera dos LERD ou mediante os medios telemáticos establecidos pola propia CiUG.

5. Poderá interporse recurso de reposición, ante o órgano que dite a resolución, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

6. O alumnado que presente reclamación, unha vez finalizado na súa totalidade o proceso de reclamación, terá dereito a ver os exercicios revisados na data, lugar e hora que estableza a CiUG, no prazo máximo de dez días hábiles desde o día seguinte ao da notificación da resolución da reclamación.

Artigo 30. Convocatoria da proba de acceso para persoas maiores de 25 anos

1. Anualmente realizarase unha convocatoria ordinaria de proba de acceso para persoas maiores de 25 anos para as universidades do SUG.

2. A persoa candidata poderá realizar a fase específica na opción ou nas opcións da súa elección, e terá preferencia para a admisión nas titulacións oficiais de grao en que cada universidade vincule a opción elixida.

3. A persoa candidata deberá realizar a matrícula de acordo co procedemento que arbitre a CiUG na convocatoria anual e deberá aboar as taxas correspondentes, de acordo co disposto no decreto en que se fixen os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais de ensino universitario. A Comisión Organizadora facilitará os modelos dos impresos de matrícula e pagamento das taxas e a relación de entidades bancarias en que se poderá realizar o ingreso.

4. A persoa candidata, no momento de efectuar a matrícula, deberá manifestar o idioma elixido para o exercicio de lingua estranxeira da fase xeral, así como a opción ou opcións e a/as materia/s optativa/s da fase específica.

5. Unha vez superada a proba de acceso, a persoa candidata que desexe mellorar a cualificación obtida poderá presentarse de novo en sucesivas convocatorias. Tomarase en consideración a cualificación obtida na nova convocatoria sempre que esta sexa superior á anterior.

Artigo 31. Organización da proba de acceso para persoas maiores de 25 anos

1. A proba de acceso á universidade para persoas maiores de 25 anos será organizada pola CIUG.

2. A CiUG ten atribuídas para este proceso, entre outras, as seguintes funcións:

a) Coordinación da proba de acceso.

b) Adopción das medidas necesarias para garantir o segredo do procedemento de elaboración e selección dos exercicios, así como o anonimato do alumnado durante o proceso de corrección dos exercicios.

c) Adopción das medidas necesarias para garantir que o alumnado poida empregar, á súa escolla, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 28.3.

d) Adopción das medidas para garantir que o alumnado que presente algunha discapacidade que lle impida realizar a proba de acceso cos medios ordinarios poida realizala nas debidas condicións de igualdade. Neste caso, poden adoptarse as medidas indicadas no artigo 25.

e) Designación e constitución dos tribunais, atendendo ao principio de composición equilibrada de mulleres e homes, salvo que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas debidamente motivadas.

f) Convocatoria da proba.

g) Establecemento das liñas xerais da metodoloxía, desenvolvemento e contidos dos exercicios que conforman a proba.

h) Establecemento dos criterios xerais de avaliación e cualificación.

i) Resolución das reclamacións.

Artigo 32. Acceso ás ensinanzas universitarias oficias de grao para persoas maiores de 40 anos

1. As persoas maiores de 40 anos que non posúan ningunha titulación académica que lles dea acceso á universidade por outras vías e conten con experiencia laboral ou profesional relacionada cun ensino determinado poderán acceder ás ensinanzas universitarias oficiais de grao participando no procedemento de acreditación establecido para estes efectos polas universidades. Só poderán concorrer a este procedemento de acceso aquelas que fixeron os 40 anos de idade antes de finalizar o ano natural de comezo do curso académico.

2. O acceso realizarase respecto dunhas ensinanzas concretas, ofertadas por cada universidade do SUG, e para este efecto as persoas candidatas dirixirán a correspondente solicitude na universidade da súa elección.

3. As universidades incluirán na memoria do plan de estudos verificado, de acordo co disposto no Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, os criterios de acreditación e ámbito da experiencia laboral ou profesional en relación con cada unha das ensinanzas, de forma que permitan ordenar as persoas solicitantes. Entre os ditos criterios incluirase, en todo caso, a realización dunha entrevista persoal coas persoas candidatas, que se poderá repetir en ocasións sucesivas.

Artigo 33. Acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao para persoas maiores de 45 anos

As persoas maiores de 45 anos de idade que non posúan ningunha titulación académica que lles dea acceso á universidade por outras vías poderán acceder ás ensinanzas universitarias oficiais de grao mediante a superación dunha proba de acceso. Só poderán concorrer á dita proba de acceso as persoas con 45 anos de idade feitos antes de finalizar o ano natural en que se realice a dita proba.

Artigo 34. Estrutura da proba de acceso á universidade para persoas maiores de 45 anos

1. A proba de acceso á universidade para maiores de 45 anos terá como obxectivo apreciar a idoneidade das persoas candidatas para seguir con éxito estudos universitarios, así como a súa capacidade de razoamento e de expresión escrita. Comprenderá tres exercicios referidos aos seguintes ámbitos:

– Comentario de texto ou desenvolvemento dun tema xeral de actualidade.

– Lingua galega.

– Lingua castelá.

Poderán solicitar a exención do exercicio de lingua galega aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia por un tempo inferior a tres anos no momento da convocatoria da proba.

2. Ademais, valoraranse as aptitudes das persoas candidatas a través dunha entrevista persoal.

3. Os exercicios correspondentes a lingua castelá e lingua galega deberán realizarse nos seus respectivos idiomas. No outro exercicio, as persoas candidatas poderán empregar, á súa escolla, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 35. Cualificación da proba de acceso para persoas maiores de 45 anos

1. A cualificación final da proba será a media aritmética das cualificacións obtidas nos tres exercicios expresada en forma numérica de 0 a 10 puntos, con tres cifras decimais, arredondada á milésima máis próxima e, no caso de equidistancia, á superior.

Para o cálculo da cualificación final é necesario obter unha puntuación mínima de catro puntos en cada un dos tres exercicios.

2. A candidata ou o candidato superará a proba cando obteña un mínimo de cinco puntos na cualificación media final e unha cualificación de apto na entrevista persoal.

A superación da proba permitiralle ser admitida unicamente nas universidades públicas do SUG.

3. Tras a publicación das cualificacións, as persoas candidatas poderán presentar reclamación no prazo de tres días naturais, mediante escrito razoado dirixido á CiUG, en calquera dos LERD ou mediante os medios telemáticos establecidos pola propia CiUG.

4. Poderá interporse recurso de reposición, ante o órgano que dite a resolución, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. O alumnado que presente reclamación, unha vez finalizado na súa totalidade o proceso de reclamación, terá dereito a ver os exercicios revisados na data, lugar e hora que estableza a CiUG, no prazo máximo de dez días hábiles desde o día seguinte ao da notificación da resolución da reclamación.

Artigo 36. Convocatoria da proba de acceso para persoas maiores de 45 anos

1. Anualmente realizarase unha convocatoria ordinaria de proba de acceso para persoas maiores de 45 anos para as universidades do SUG.

2. A persoa candidata debe realizar a matrícula de acordo co procedemento que arbitre a Comisión Organizadora na convocatoria anual e deberá aboar as taxas correspondentes, de acordo co disposto no decreto en que se fixen os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais de ensino universitario. A Comisión Organizadora facilitará os modelos dos impresos de matrícula e pagamento das taxas e a relación de entidades bancarias en que se poderá realizar o ingreso.

3. Unha vez superada a proba de acceso, a persoa candidata que desexe mellorar a cualificación obtida poderá presentarse de novo en sucesivas convocatorias. Tomarase en consideración a cualificación obtida na nova convocatoria sempre que esta sexa superior á anterior.

Artigo 37. Organización da proba de acceso para persoas maiores de 45 anos

1. A proba de acceso á universidade para persoas maiores de 45 anos será organizada pola CIUG.

2. A CiUG ten atribuídas para este proceso, entre outras, as seguintes funcións:

a) Coordinación da proba de acceso.

b) Adopción das medidas necesarias para garantir o segredo do procedemento de elaboración e selección dos exercicios, así como o anonimato do alumnado durante o proceso de corrección dos exercicios.

c) Adopción das medidas necesarias para garantir que o alumnado poida empregar, á súa escolla, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 34.3.

d) Adopción das medidas para garantir que o alumnado que presente algunha discapacidade que lle impida realizar a proba de acceso cos medios ordinarios poida realizala nas debidas condicións de igualdade. Neste caso, poden adoptarse as medidas indicadas no artigo 25.

e) Designación e constitución dos tribunais, atendendo ao principio de composición equilibrada de mulleres e homes, salvo que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas debidamente motivadas.

f) Convocatoria da proba.

g) Establecemento das liñas xerais da metodoloxía, desenvolvemento e contidos dos exercicios que conforman a proba.

h) Establecemento dos criterios xerais de avaliación dos exercicios.

i) Resolución das reclamacións.

CAPÍTULO III

Proceso de admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao no SUG

Artigo 38. Organización

1. A CiUG xestionará o proceso de admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao das universidades públicas do SUG cumprindo co principio de distrito único.

2. O organismo con competencias en universidades prestará servizos de apoio ao SUG asumindo os custos que deriven da prestación daqueles.

3. As universidades do SUG adoptarán todas as medidas que sexan necesarias para o desenvolvemento do proceso, tendo en conta as competencias delegadas na CiUG.

4. A elaboración do calendario dos distintos procedementos de admisión coordinarase desde a CiUG.

5. A CiUG establecerá unha única convocatoria de preinscrición na cal constarán:

– As datas correspondentes á inscrición ordinaria e extraordinaria para a entrega das solicitudes de admisión e das reclamacións á preinscrición que serán as mesmas para as universidades do SUG e respectarán os prazos mínimos que estableza a Conferencia Xeral de Política Universitaria (ou o órgano que corresponda) para todas as universidades. As persoas que accedan á universidade desde o bacharelato e que non superasen a PAU ou non a superen na convocatoria ordinaria non poderán presentar a súa solicitude de admisión á universidade no prazo establecido para a preinscrición ordinaria.

– O procedemento de preinscrición para cada colectivo (estudantes con datos informatizados, estudantes doutros distritos universitarios, persoas tituladas, persoas maiores de 25 anos, persoas maiores de 45 anos, etc.).

– A documentación necesaria.

– Os criterios para a adxudicación de prazas nas distintas cotas.

– Os procedementos de matrícula e confirmación nas listas de espera.

– Os prazos dos distintos chamamentos e o sistema de chamamentos para cubrir as vacantes.

6. A CiUG publicará o número de prazas de cada unha das cotas nas titulacións ofertadas polas universidades para o prazo ordinario e para o extraordinario.

7. O alumnado realizará todos os trámites administrativos do proceso de admisión a través dun LERD, tendo en conta a territorialización destes nos campus das universidades do SUG, ou a través dos procedementos telemáticos establecidos.

8. A consellería con competencias en materia de educación porá á disposición das universidades unha aplicación informática para realizaren a xestión de admisión ao SUG. Establecerase un protocolo de intercambio de datos entre as aplicacións informáticas das universidades e a da propia consellería.

9. A CiUG e o servizo con competencias de apoio ao SUG establecerán os formatos para a captura de datos. Os centros de educación secundaria facilitarán os datos persoais e académicos do seu alumnado que sexan necesarios para o proceso de admisión, no soporte informático correspondente, segundo as instrucións e dentro dos prazos establecidos pola CiUG.

10. Os procedementos de admisión e a aplicación informática avaliaranse anualmente e, se é o caso, modificaranse, en función dos correspondentes informes técnicos das universidades, da CiUG e o servizo con competencias de apoio ao SUG.

11. Os mecanismos de admisión estarán centralizados na CIUG e o sistema será único para todos os títulos de grao do SUG. A partir do 15 de outubro, a matrícula nos títulos con vacantes transferirase a cada universidade, que traballará de xeito independente.

Artigo 39. Solicitude de admisión

1. As persoas solicitantes de praza farán a súa solicitude dentro dos prazos establecidos pola CiUG e de acordo cos procedementos que estableza a convocatoria.

2. A convocatoria da CiUG indicará o número máximo de ensinanzas universitarias diferentes que se poden solicitar.

3. As universidades desacollerán as solicitudes de admisión que non cumpran cos requisitos exixidos na convocatoria de preinscrición. Contra esta decisión, o alumnado poderá presentar reclamación, nos prazos establecidos para o efecto, ante a Presidencia da CiUG, no LERD onde presentou a solicitude ou mediante o procedemento telemático establecido. A resolución da reclamación correspóndelle á CiUG e será asinada pola delegada ou delegado do Reitorado da universidade en que se impartise o ensino universitario que motivou a reclamación.

4. O feito de figurar na relación de persoas admitidas dunha titulación non presupón que se lle recoñeza á persoa interesada a posesión dos requisitos exixidos nos procedementos de admisión, ata que, unha vez efectuada a matrícula, a universidade correspondente proceda á comprobación dos datos.

Artigo 40. Oferta de prazas

1. O total de prazas que para cada título e centro oferten as universidades repartirase entre a cota xeral e as cotas de reserva establecidas no artigo 42.

2. A ordenación e adxudicación das prazas, dentro de cada cota, realizarase atendendo aos criterios establecidos para tales efectos.

3. As prazas obxecto de reserva que queden sen cubrir acumularanse ás ofertadas polas universidades pola cota xeral en cada unha das convocatorias de inscrición, sen prexuízo do previsto para as cotas de deportistas e de persoas con discapacidade.

4. As persoas candidatas que reúnan os requisitos para solicitar a admisión por máis dunha cota poderán facer uso da dita posibilidade.

Artigo 41. Cota xeral

As prazas da cota xeral adxudícanselles ás persoas que reúnan os requisitos para o acceso ao SUG establecidos nesta orde atendendo á súa nota de admisión.

Artigo 42. Cotas de reserva

1. Reservarase unha porcentaxe do total de prazas en cada título e centro que oferten as universidades para as seguintes cotas:

a) Cota para persoas maiores de 25 anos: reservarase un número non inferior ao dous por cento das prazas ofertadas, para as persoas que superasen a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos de idade e non teñan outra vía de acceso.

b) Cota para persoas maiores de 40 anos: reservarase un número non inferior ao un por cento das prazas ofertadas, naquelas ensinanzas concretas determinadas por cada universidade do SUG, para as persoas que accedan á universidade mediante o procedemento de acreditación da experiencia laboral ou profesional establecido no artigo 32.

c) Cota para persoas maiores de 45 anos: reservarase un número non inferior ao un por cento nin superior ao tres por cento das prazas ofertadas, para as persoas que superasen a proba de acceso á universidade para maiores de 45 anos de idade e non teñan outra vía de acceso.

d) Cota para as persoas con discapacidade: reservarase un número non inferior ao cinco por cento das prazas ofertadas para as persoas que, cumprindo os requisitos da cota xeral, teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, así como para o que presente necesidades de apoio educativo permanentes asociadas a circunstancias persoais de discapacidade que, nos seus estudos anteriores, precisasen de recursos e apoios para a súa plena inclusión educativa. Para estes efectos, as persoas con discapacidade deberán presentar certificado de cualificación e recoñecemento do grao de discapacidade expedido polo órgano competente de cada comunidade autónoma.

Non obstante, cando non se cubra a totalidade das prazas desta cota na convocatoria ordinaria para unha titulación e centro determinado por non haber suficientes solicitantes e se completase a totalidade das prazas con estudantes da cota xeral, as universidades poderán incrementar na convocatoria extraordinaria as prazas destinadas a este grupo ata completar o 5 por cento.

e) Cotas de deportistas: reservarase un mínimo do tres por cento das prazas ofertadas para as persoas que, cumprindo os requisitos da cota xeral, acrediten a súa condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento. No caso de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, de grao en Educación Primaria especialidade Educación Física e de grao en Fisioterapia, reservarase un mínimo do oito por cento das prazas ofertadas. Adicionalmente, no grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte reservarase un mínimo de dous por cento das prazas ofertadas para as persoas incluídas no ámbito de aplicación do artigo 23.1.a) do Decreto 165/2020, do 17 de setembro, polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia. As cotas de deportistas deberanse manter nas diferentes convocatorias que se realicen ao longo do ano.

f) Cota de tituladas/os universitarias/os: reservarase un número non inferior ao un por cento nin superior ao tres por cento para as persoas que estean en posesión dunha titulación universitaria oficial ou equivalente.

2. As universidades públicas poderán establecer outras cotas de reserva de prazas e diferentes regras de prelación, en función das diferentes formas de acceso e admisión, das ensinanzas universitarias oficiais de grao.

Artigo 43. Criterios e procedemento de admisión á universidade

1. Para a admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao en que se produza un procedemento de concorrencia competitiva, é dicir, en que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas ofertadas, as universidades adxudicarán as prazas atendendo aos seguintes criterios:

a) En primeiro lugar, adxudicaránselles prazas ás persoas que reúnan os requisitos académicos para o acceso á universidade na convocatoria ordinaria do ano en curso ou en convocatorias ordinarias ou extraordinarias de anos anteriores.

b) En segundo lugar, adxudicaránselles prazas ás persoas que reúnan os requisitos académicos para o acceso á universidade na convocatoria extraordinaria do ano en curso.

2. En todo caso, o alumnado que presente a súa solicitude de admisión para o ingreso no prazo ordinario de preinscrición terá prioridade sobre o que a presente no prazo extraordinario.

3. As solicitudes que, atendendo aos criterios recollidos no número 1, se encontren en igualdade de condicións, ordenaranse en función da nota de admisión que corresponda a cada unha das cotas, expresada con tres cifras decimais e arredondada á milésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

4. A nota de admisión das persoas solicitantes en cada cota será a seguinte:

a) Para a cota xeral calcúlase coa fórmula indicada no artigo 11.

b) Para a cota para maiores de 25 anos, a nota de admisión será a cualificación final obtida na proba.

c) Para a cota para maiores de 45 anos, a nota de admisión será a cualificación final obtida na proba.

d) Para a cota de persoas con discapacidade, a nota de admisión será a que lles corresponda segundo a súa pertenza á cota xeral.

e) Para a cota de deportistas, a nota de admisión será a que lles corresponda segundo a súa pertenza á cota xeral.

f) Para a cota de tituladas/os universitarias/os, a nota de admisión dependerá da titulación presentada:

– Para alumnado co título universitario de grao ou título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores, a nota de admisión é a nota media do título. A nota media deberá ser igual ou superior a cinco.

– Para alumnado co título de mestrado, a nota de admisión é a nota media, ponderada en función do número de créditos, da nota media do mestrado e da nota media do título universitario oficial que faculte para o acceso ás ensinanzas de mestrado. A nota media deberá ser igual ou superior a cinco e calcúlase coa seguinte fórmula: a suma dos créditos obtidos nos estudos de grao multiplicados pola nota media do título de grao, e dos créditos obtidos nos estudos de mestrado multiplicados pola nota media do título de mestrado, e dividida entre o número de créditos dos estudos de grao e dos estudos de mestrado.

Para titulacións distintas das de grao, consideraranse as diplomaturas e enxeñarías técnicas como titulacións de 180 créditos e as licenciaturas e enxeñarías como titulacións de 300 créditos.

– Para alumnado con títulos universitarios con cualificacións cualitativas das materias, a nota de admisión é a suma dos créditos obtidos no título universitario multiplicados cada un deles polo valor das cualificacións que correspondan, e dividida entre o número de créditos totais obtidos, mediante a aplicación do seguinte baremo: Matrícula de honra-10,00 puntos; Sobresaliente-9,00 puntos; Notable-7,50 puntos; Aprobado-5,50 puntos.

– Para alumnado con titulacións non estruturadas en créditos, a nota de admisión é a suma da cualificación das materias superadas dividida entre o número total desas materias superadas.

Artigo 44. Asignación de prazas

1. A CiUG asignará as prazas ofertadas para cada ensino universitario en cada un dos prazos de matrícula que se establezan. A cada estudante asignaráselle o ensino universitario de maior preferencia que lle corresponda en función da cota pola cal solicita o acceso e tendo en conta, en todo caso, o procedemento de admisión á universidade indicado no artigo anterior. No caso de estudantes que reúnan os requisitos para acceder pola cota xeral e por algunha das cotas de reserva e que teñan cualificación suficiente para a admisión pola cota xeral, asignaráselles praza pola cota xeral, ben que se conservarán os dereitos relativos á cota específica en que podería concorrer. Noutro caso, asignaráselles praza pola cota en que queden vacantes de entre as outras posibles, de ser o caso.

2. En cada prazo de matrícula publicarase a situación de cada estudante (convocada/o, en espera, etc.) en relación con cada unha das titulacións solicitadas.

3. A convocatoria de preinscrición recollerá o procedemento que debe seguir a persoa en función da súa situación, a forma de continuar na lista de espera e o funcionamento das convocatorias por vacantes no caso de que se produzan en titulacións que xa esgotasen as súas prazas.

4. As persoas admitidas no ensino universitario solicitado en primeiro lugar de preferencia deberanse matricular no prazo establecido para o efecto; de non o faceren, perderán os seus dereitos de matrícula nesa convocatoria. Enténdese por primeira preferencia aquela que o alumnado solicite en primeiro lugar, ou en lugares sucesivos se as ensinanzas universitarias solicitadas por riba dela esgotaron as súas prazas.

5. A CiUG coordinará as actuacións para a transferencia telemática de datos entre as aplicacións informáticas da consellería con competencias en materia de educación e as das universidades.

6. Na convocatoria extraordinaria non se ofertarán prazas nas ensinanzas universitarias que teñan a matrícula cuberta na convocatoria ordinaria ou naquelas en que a CiUG considere que existen datos obxectivos que permitan prever esa circunstancia. Tampouco se ofertarán prazas para as cotas de maiores de 25 anos, maiores de 45 anos, tituladas/os universitarias/os, deportistas e persoas con discapacidade se xa esgotasen as prazas ofertadas para as ditas cotas.

7. Non se poderán deixar prazas vacantes previamente ofertadas mentres existan solicitudes formalizadas dentro dos prazos establecidos. Non obstante, a CiUG poderá dar por finalizado o proceso de matrícula para as titulacións en que, transcorrido un mes desde o inicio de curso, teñan todas as prazas cubertas nese momento.

8. As universidades poderán establecer condicións ou probas especiais para o acceso a determinadas ensinanzas. Estas condicións ou probas especiais deberán ser incluídas polas universidades na memoria do plan de estudos verificado e autorizado, de acordo co disposto no Real decreto 822/2021, do 28 de setembro.

9. O alumnado poderá presentar reclamación á súa asignación de prazas no LERD en que presentou a solicitude de admisión, dirixida á Presidencia da CiUG, ou polo procedemento telemático que se estableza en cada convocatoria. A resolución da reclamación correspóndelle á CiUG e será asinada pola delegada ou delegado do Reitorado da universidade en que se imparta o ensino universitario obxecto da reclamación.

O resultado comunicaráselle á persoa interesada a través das listaxes de asignación de prazas ou dunha notificación persoal, indicando, se é o caso, o prazo para matricularse. Poderá interporse recurso de reposición, ante o órgano que dite a resolución, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, que porá fin á vía administrativa. No caso de presentar recurso contencioso-administrativo, tras a resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, a Administración demandada será a universidade responsable do ensino universitario en que a persoa solicita o ingreso. No caso de demanda, a responsabilidade en materia de persoal corresponderalle a cada universidade.

Artigo 45. Cambio de universidade ou de estudos universitarios oficiais españois

1. O Reitorado da universidade, de acordo cos criterios que, para estes efectos, determine o Consello de Goberno de cada universidade, resolverá as solicitudes de prazas presentadas por alumnado con estudos universitarios oficiais españois parciais que desexe ser admitido nunha universidade do SUG ou noutros estudos universitarios oficiais españois da mesma universidade, aos cales se lles recoñeza un mínimo de 30 créditos ECTS de acordo co disposto no artigo 10 do Real decreto 822/2021, do 28 de setembro.

2. O alumnado que non obteña recoñecemento de, polo menos, trinta créditos ECTS, de acordo co disposto no artigo 10 do Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, deberá participar no procedemento xeral de admisión organizado pola CiUG. Tamén se poderá acoller a este procedemento xeral de admisión o alumnado con recoñecemento de 30 ou máis créditos ECTS.

3. A admisión de praza noutra universidade dará lugar ao traslado do expediente académico correspondente, que deberá ser tramitado pola universidade de procedencia unha vez que a persoa interesada acredite ter sido admitida na outra universidade.

4. Para deportistas de alto nivel ou de alto rendemento que se vexan na obriga de cambiar de residencia por motivos deportivos, tomaranse as medidas necesarias para que poidan continuar a súa formación no seu novo lugar de residencia, de acordo co disposto no artigo 9.10 do Real decreto 971/2007, do 13 de xullo.

Artigo 46. Admisión de estudantes con estudos universitarios estranxeiros

1. As solicitudes de praza presentadas por alumnado con estudos universitarios estranxeiros que obtivesen a homologación ou equivalencia dos seus títulos, diplomas ou estudos en España resolveranse nas mesmas condicións que as establecidas para as persoas que cumpren os requisitos exixidos nas letras a) e b) do artigo 3.3. A nota media do expediente académico deste alumnado obterase de acordo coas equivalencias establecidas polo ministerio con competencias en universidade entre as cualificacións de ditos sistemas estranxeiros e as propias do sistema educativo español.

2. O Reitorado da universidade resolverá as solicitudes de prazas presentadas por alumnado con estudos universitarios estranxeiros parciais ou totais que non obtivesen a homologación ou equivalencia dos seus títulos, diplomas ou estudos en España, de acordo coas seguintes regras:

a) As solicitudes de praza de alumnado con estudos universitarios estranxeiros aos cales se lles recoñeza un mínimo de 30 créditos ECTS serán resoltas de acordo cos criterios que estableza o Consello de Goberno que, en todo caso, terán en conta o expediente universitario.

b) As materias recoñecidas terán a equivalencia en puntos correspondente á cualificación obtida no centro de procedencia, de conformidade coas equivalencias establecidas polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades entre as cualificacións do sistema estranxeiro e as propias do sistema educativo español. O recoñecemento de créditos ECTS en que non exista cualificación non se terá en conta para os efectos de ponderación.

3. O alumnado que non obteña recoñecemento de, polo menos, trinta créditos ECTS poderá acceder ás universidades do SUG nas mesmas condicións que o alumnado sen estudos universitarios procedente do seu mesmo sistema educativo. Tamén se poderá acoller a este procedemento o alumnado con recoñecemento de 30 ou máis créditos ECTS.

Disposición adicional primeira. Adaptación a situacións excepcionais

Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Real decreto 534/2024, do 11 de xuño, cando a PAU se deba realizar estando en vigor medidas excepcionais ditadas polas autoridades competentes, a Comisión Técnica e a CiUG velarán por que se dispoñan os procedementos necesarios para garantir a súa realización en condicións de seguridade conforme a normativa vixente nos respectivos lugares de realización.

Disposición adicional segunda. Persoas procedentes de normativas anteriores

1. De conformidade co previsto na disposición adicional quinta do Real decreto 534/2024, do 11 de xuño, poderán acceder ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do SUG, superando a PAU, as persoas que estean en posesión de calquera dos títulos ou certificados correspondentes a estes plans de estudos:

a) Alumnado en posesión do título de bacharel establecido na Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

b) Certificado acreditativo de ter superado o curso de orientación universitaria (COU).

c) Certificado acreditativo de ter superado o curso preuniversitario.

d) Calquera outro título que o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes declare equivalente, para efectos académicos, ao título de bacharel regulado na Lei 2/2006, do 3 de maio.

Este alumnado comunicaralle ao centro máis próximo ao seu lugar de residencia ou ao centro en que finalizou os seus estudos, nos prazos establecidos, a súa vontade de participar na PAU, e realizará a proba na Comisión Delegada asignada ao dito centro. Poderá elixir, no momento da matrícula na PAU, a materia específica obrigatoria de calquera das modalidades ou vías de bacharelato de que desexe examinarse na fase específica. Ademais, poderá mellorar a súa nota de admisión á universidade participando na fase específica.

2. Para as persoas coa proba de acceso superada segundo normativas anteriores, terase en conta que:

a) As persoas que superasen a avaliación final do bacharelato a que se refire o artigo 36.bis da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, tras a redacción dada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, manterán con carácter indefinido a cualificación obtida nela para o acceso ás ensinanzas universitarias oficias de grao.

b) As persoas que superasen a proba de acceso establecida no artigo 38 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, con anterioridade á súa modificación pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, manterán con carácter indefinido a cualificación obtida na fase xeral da proba de acceso á universidade.

c) As persoas que superasen a proba de acceso á universidade previa á implantación da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, manterán con carácter indefinido a cualificación obtida nela.

Este alumnado comunicaralle ao centro máis próximo ao seu lugar de residencia ou ao centro en que finalizou os seus estudos, nos prazos establecidos, a súa vontade de participar na PAU, e realizará a proba na Comisión Delegada asignada ao dito centro. Poderá presentarse tanto á fase xeral como á fase específica para mellorar a súa nota, e tomarase en consideración a cualificación máis alta das obtidas. Para as persoas ás cales se refire a letra a), manterase a cualificación obtida na fase xeral con carácter indefinido. No caso de ter superado a fase xeral, as cualificacións obtidas na fase específica terán validez no curso que se inicia inmediatamente despois da superación das probas e nos dous cursos académicos seguintes.

2. Aplicaránselles as seguintes particularidades no cálculo da cualificación de acceso ás seguintes persoas procedentes de ordenacións educativas anteriores:

– Para as persoas que superasen o curso de orientación universitaria con anterioridade ao curso 1974/75, a cualificación de acceso é a media entre a nota media de bacharelato unificado polivalente (BUP) ou, de ser o caso, do bacharelato superior, e do curso de orientación universitaria (COU).

– Para as persoas que superasen as probas de madurez, a cualificación de acceso é a media da puntuación obtida, no seu día, nas probas de madurez e a nota media do expediente académico do bacharelato superior e do curso preuniversitario.

– Para as persoas de plans de estudos anteriores ao ano 1953, a cualificación de acceso é a media do expediente académico de bacharelato.

De ter que transformar en expresión numérica as cualificacións cualitativas, aplicarase a Resolución do 11 de abril de 2008, da Secretaría Xeral de Educación, pola que se establecen as normas para a conversión das cualificacións cualitativas en cualificacións numéricas do expediente académico do alumnado de bacharelato e cursos de acceso á universidade de plans anteriores á Lei orgánica 1/1990, de 3 de maio, de ordenación xeral do sistema educativo.

Disposición adicional terceira. Título de grao en ensinanzas artísticas superiores

De acordo coa disposición adicional sétima do Real decreto 534/2024, do 11 de xuño, todos os recoñecementos que para efectos de acceso e admisión se lles outorgan aos títulos universitarios oficiais de grao nesta orde se estenderán tamén aos títulos de grao de ensinanzas artísticas superiores.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogada a Orde do 24 de marzo de 2011 pola que se regulan as probas de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e o proceso de admisión ás tres universidades do Sistema universitario de Galicia.

2. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Calendario de implantación

O disposto nesta orde aplicaráselles aos procedementos de acceso e admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao a partir do curso 2027/28.

Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízanse a Secretaría Xeral de Universidades e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditaren as medidas precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2026

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional