O Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, o Departamento de Educación da Comunidade Autónoma do País Vasco, o Departamento de Educación e Formación Profesional da Generalitat de Cataluña e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Comunidade Autónoma de Galicia subscribiron, con data do 26 de outubro de 2026, un convenio para o desenvolvemento de formas institucionais de cooperación en materia de homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias, polo que, de conformidade co establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, procede á publicación do dito convenio no Diario Oficial de Galicia, como anexo desta resolución.
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2026
Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos
ANEXO
Convenio entre o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, o Departamento de Educación da Comunidade Autónoma do País Vasco, o Departamento de Educación e Formación Profesional da Generalitat de Cataluña e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento de formas institucionais de cooperación en materia de homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias
Reunidos:
Dunha parte, Milagros Tolón Jaime, ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, nomeada polo Real decreto 1184/2025, do 22 de decembro, que actúa en nome e representación do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, en virtude das competencias que lle atribúe o Real decreto 274/2024, do 19 de marzo, polo que se desenvolve a estrutura orgánica básica do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, e de acordo co artigo 48.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Doutra parte, Begoña Pedrosa Lobato, conselleira de Educación, nomeada polo Decreto 26/2024, do 24 de xuño, que actúa en nome e representación da Comunidade Autónoma do País Vasco, en virtude da autorización que se efectúa mediante o Acordo do Goberno do 17 de marzo de 2026.
Doutra, Esther Niubó Cidoncha, conselleira de Educación e Formación Profesional, nomeada polo Decreto 134/2024, do 11 de agosto, en nome e representación da Administración da Generalitat de Cataluña, en virtude da autorización que se efectúa mediante o Acordo do Goberno do 9 de xuño de 2026.
E doutra, Manuel Vila López, secretario xeral técnico, nomeado polo Decreto 122/2020, do 10 de setembro, que actúa en nome e representación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da Orde do 24 de setembro de 2025.
Todas as partes se recoñecen mutuamente a capacidade para obrigarse e convir, e para tal fin
Expoñen:
1. Que a Constitución española, no seu artigo 149.1.30ª, reserva para o Estado a competencia exclusiva sobre a regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais, e normas básicas para o desenvolvemento do artigo 27 da Constitución, co fin de garantir o cumprimento das obrigas dos poderes públicos nesta materia.
2. Que, sen prexuízo do anterior, as comunidades autónomas do País Vasco, Cataluña e Galicia asumiron as competencias relativas á regulación e administración do ensino, tal e como se recolle nos seus respectivos estatutos de autonomía.
3. Que, mediante o Real decreto 2808/1980, do 26 de setembro, o Real decreto 2809/1980, do 3 de outubro, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, se traspasaron as funcións e os servizos en materia de ensino á Comunidade Autónoma do País Vasco, á Generalitat de Cataluña e á Comunidade Autónoma de Galicia, respectivamente.
4. Que, posteriormente, mediante o Real decreto 1319/2008, do 24 de xullo; o Real decreto 1388/2008, do 1 de agosto, e o Real decreto 893/2011, do 24 de xuño, se traspasaron ás ditas comunidades autónomas as funcións de homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias, de acordo coas táboas de equivalencia vixentes en cada momento ou, se é o caso, dos criterios xerais e táboas de correspondencia elaboradas polo Ministerio de Educación.
5. Que os reais decretos citados no punto anterior dispoñen, no seu anexo único, alínea c), que, mediante convenio entre o Ministerio de Educación e a Administración educativa da correspondente comunidade autónoma se establecerá o procedemento para o acceso á base de datos de homologacións e validacións do Ministerio, así como o acceso e emprego do sistema de seguridade para evitar as posibles falsificacións. Dispoñen, ademais, que o dito convenio preverá a creación dunha comisión técnica para establecer os mecanismos de cooperación para homoxeneizar e harmonizar a aplicación dos criterios de homologación e validación.
En virtude do anterior, as partes arriba indicadas acordan subscribir este convenio que se rexerá polas seguintes
Cláusulas
Primeira. Obxecto do convenio
Este convenio ten por obxecto establecer o marco de colaboración que lles permita desenvolver ao Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, ao Departamento de Educación da Comunidade Autónoma do País Vasco, ao Departamento de Educación e Formación Profesional da Generalitat de Cataluña e á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Comunidade Autónoma de Galicia formas institucionais de cooperación en materia de homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias.
Segunda. Aplicación para a consulta dos datos identificativos dos expedientes
1. O Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes obrígase á creación, desenvolvemento, xestión e mantemento dunha aplicación informática mediante a cal se poderán consultar os datos básicos identificativos dos expedientes de validación e homologación de estudos e títulos estranxeiros non universitarios, independentemente de cal sexa a Administración educativa encargada da resolución dos ditos expedientes.
2. A configuración da aplicación informática deberá permitir que a consulta se poida realizar desde calquera das administracións públicas con competencias na materia. Para estes efectos, o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes habilitará un sitio web a través do cal os usuarios designados para efectuar consultas poderán realizar o acceso externo logo de autenticación mediante usuario e contrasinal. Así mesmo, o Ministerio poñerá á disposición dos usuarios un sistema de atención destinado a atender incidencias derivadas do emprego desta aplicación.
3. As partes comprométense a manter permanentemente actualizados os datos básicos identificativos dos expedientes dos seus respectivos ámbitos de xestión, para garantir a fiabilidade dos resultados presentados pola aplicación a que se refire esta cláusula. Con este obxectivo, colaborarán no desenvolvemento informático necesario para asegurar o acceso ás súas bases de datos desde a dita aplicación.
Terceira. Medidas de seguridade para evitar duplicidades e falsificacións
1. Co fin de evitar duplicidades e falsificacións de credenciais de validación e homologación de estudos e títulos estranxeiros non universitarios, as partes comprométense a establecer as medidas de seguridade necesarias para que a apertura dun novo expediente no seu ámbito de xestión requira da comprobación previa da posible existencia doutro expediente cos mesmos datos identificativos. A dita comprobación realizarase facendo uso da aplicación informática á cal se refire a cláusula anterior.
2. As partes tratarán as solicitudes oficiais de verificación das credenciais seguindo o procedemento que resulte de aplicación ás solicitudes de verificación relativas aos títulos e certificados acadados no sistema educativo español.
Cuarta. Tratamento e protección de datos
No que respecta ao tratamento de datos persoais, as partes comprométense a cumprir co disposto no acordo que se recolle no anexo.
Quinta. Ausencia de custo
Este convenio non comportará contraprestación económica ningunha para as partes, e as actividades, aplicacións e desenvolvementos informáticos previstos nel tampouco supoñerán ningún gasto nin darán lugar a repercusión orzamentaria de ningún tipo.
Sexta. Comisión Técnica
1. Constituirase unha comisión técnica formada por dous representantes de cada unha das comunidades autónomas asinantes do convenio, designadas pola persoa competente na materia, e seis representantes do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. En calidade de asesoras, con dereito a voz, pero sen voto, poderán incorporarse outras persoas con perfil técnico.
2. A Comisión Técnica terá atribuídas as seguintes funcións:
a) Velar polo cumprimento deste convenio, así como dos compromisos adquiridos polas partes asinantes.
b) Resolver, se é o caso, as cuestións de interpretación e posibles discrepancias que se poidan presentar na execución e desenvolvemento deste convenio.
c) Homoxeneizar e harmonizar a aplicación dos criterios de validación e homologación fixadas polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
d) Avaliar o funcionamento da aplicación informática prevista na cláusula segunda, das bases de datos e do sitio web que lles serve de soporte e, de ser o caso, formular propostas de mellora, sempre que iso non supoña contravir o previsto na normativa reguladora do procedemento de validación e homologación de estudos e títulos estranxeiros non universitarios.
3. Polo menos unha vez ao ano, o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes convocará esta comisión, cuxa Presidencia lle corresponderá a unha das persoas representantes do Ministerio. Así mesmo, a Comisión poderá reunirse cantas veces considere necesario, dentro do prazo de vixencia do convenio e sempre que algunha das partes o solicite.
4. A Comisión Técnica actuará de forma colexiada e rexerase en canto ao seu funcionamento e réxime xurídico, respecto ao non establecido expresamente nesta cláusula, polo disposto na sección terceira do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Sétima. Confidencialidade
1. As partes comprométense a manter a confidencialidade de todos os datos e informacións facilitados pola outra parte que sexan concernentes á execución do obxecto deste convenio. Esta obriga seguirá vixente mesmo despois da extinción deste convenio, sexa cal for a causa da extinción.
2. Todo isto sen prexuízo do debido cumprimento, por ambas as partes, en atención á súa propia natureza, das obrigas de publicidade e transparencia derivadas da normativa aplicable, en especial da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
Oitava. Réxime xurídico aplicable e orde xurisdicional competente
1. Este convenio ten natureza administrativa, conforme o establecido no artigo 47.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e está excluído do ámbito de aplicación do texto da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, consonte o disposto no seu artigo 6.1.
2. Este convenio subscríbese en castelán, vasco, catalán e galego. En caso de discrepancia entre as versións mencionadas, prevalecerá a versión en castelán.
3. As dúbidas ou controversias que xurdan entre as partes sobre os efectos, interpretación, modificación ou resolución del que non se poidan resolver por conciliación na Comisión Técnica serán sometidas aos tribunais competentes da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Novena. Modificación do convenio
O convenio poderá modificarse por acordo unánime das partes. A dita modificación deberá formalizarse mediante addenda, conforme os requisitos legalmente establecidos e logo de autorización do Ministerio de Facenda, tal e como establece o artigo 50 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.
Décima. Vixencia e eficacia do convenio
1. De conformidade co disposto no artigo 48.8 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, este convenio resultará eficaz unha vez que sexa rexistrado, no prazo de cinco días desde a súa formalización, no Rexistro electrónico estatal de órganos e instrumentos de cooperación do sector público estatal. Ademais, será obrigatoria a súa publicación no Boletín oficial del Estado no prazo de dez días hábiles desde a súa formalización, sen prexuízo da súa publicación facultativa no boletín ou diario oficial da correspondente comunidade autónoma.
2. O convenio terá unha vixencia de catro anos e, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, en calquera momento antes da finalización do dito prazo, os asinantes do convenio poderán acordar unanimemente a súa prórroga por un período de ata catro anos adicionais ou a súa extinción.
Decimo primeira. Extinción e resolución do convenio
1. De acordo co establecido no artigo 51 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, o convenio extinguirase polo cumprimento das actuacións que constitúen o seu obxecto ou por incorrer en causa de resolución.
2. Son causas de resolución as seguintes:
a) O transcurso do prazo de vixencia do convenio sen se ter acordado a súa prórroga.
b) O acordo unánime das partes asinantes, nas condicións que estas estipulen.
c) O incumprimento das obrigas e compromisos asumidos en virtude deste convenio por unha das partes.
Neste caso, a outra parte poderá notificarlle á parte incumpridora un requirimento para que cumpra nun determinado prazo coas obrigas ou compromisos que se consideran incumpridos. Este requirimento seralle comunicado á persoa que exerza a presidencia da Comisión Técnica.
Se, transcorrido o prazo indicado no requirimento e tras reunión da Comisión Técnica, persiste o incumprimento, a parte que o dirixiu notificaralle á parte incumpridora a concorrencia da causa de resolución e entenderase resolto o convenio sen que este feito xere ningún tipo de indemnización entre as partes.
d) Por decisión xudicial declaratoria da nulidade do convenio.
e) Por calquera outra causa distinta das anteriores prevista na lexislación.
3. Non obstante o anterior, se cando concorra calquera das causas de resolución do convenio existen actuacións en curso de execución, as partes poderán acordar, por proposta da Comisión Técnica, a continuidade e o remate das actuacións en curso que consideren oportunas, e establecerán un prazo improrrogable para a súa finalización.
Décimo segunda. Publicidade
As partes prestan expresamente o seu consentimento para que se lle dea a este convenio a publicidade exixida, de acordo co disposto no artigo 8.1.b) da Lei 19/2013, do 9 de decembro.
E en proba de conformidade co anteriormente exposto e estipulado, así como para a súa debida constancia, as partes asinan electronicamente o presente convenio.
ANEXO
Acordo de corresponsabilidade no tratamento de datos persoais
1. Obxecto.
As partes terán a consideración de responsables do tratamento (en diante, corresponsables do tratamento), conforme o establecido no artigo 26 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (en diante, RXPD), así como no artigo 29 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (en diante, LOPDGDD), e no resto da normativa vixente na materia.
En consecuencia, o acceso a datos de carácter persoal no marco deste acordo realízase co único fin de permitir unha adecuada prestación dos servizos e non se considerará como unha cesión ou comunicación de datos.
2. Obrigas das partes.
As partes obríganse a cumprir todos os compromisos derivados do RXPD, da LOPDGDD, así como da lexislación complementaria que poida substituílos en materia de protección de datos persoais. Igualmente, comprométense a colaborar entre elas para facilitar o seu cumprimento. As partes recoñecen actuar como corresponsables do tratamento dos datos persoais necesarios para a execución deste convenio e ter lexitimidade suficiente para tratalos. As partes comprométense a tratar os datos persoais necesarios para executar este acordo unicamente para darlle cumprimento ao seu obxecto, tendo en consideración que os datos poderán ser tratados polos corresponsables de acordo cos tratamentos lícitos e previstos nestes casos nas súas respectivas institucións, fóra do réxime de corresponsabilidade establecido neste acordo. As partes garantirán que cando lle faciliten datos persoais ao resto de partes o farán cumprindo todas as exixencias da normativa vixente. En especial, deberán garantir que o fan atendendo aos principios de licitude, lealdade e transparencia, así como ao principio de minimización de datos, e de xeito que se garanta a súa exactitude.
2.1. Deber de Información.
Cumprirá co deber de información aos interesados, recollido nos artigos 13 e 14 do RXPD e 11 da LOPDGDD, aquel corresponsable que realice a recollida de datos, que indicará a identidade de todos os corresponsables e o medio de cada un a través do cal os interesados poden exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión e oposición, limitación do tratamento, portabilidade de datos o dereito a non ser obxecto de decisións individualizadas (incluída a elaboración de perfís).
2.2. Resposta e xestión do exercicio de dereitos.
Cada parte será responsable de atender as solicitudes de exercicio de dereitos establecidos nos artigos 15 a 22, ambos incluídos, do RXPD, que correspondan a tratamentos en que teñan a consideración de responsable do tratamento. No caso de que un interesado se dirixa á parte que non teña baixo a súa responsabilidade o tratamento dos datos sobre os cales se exercen os dereitos en cuestión, esta remitiralle a solicitude de forma inmediata á parte responsable do tratamento. Malia o anterior, os interesados poderán exercer os dereitos que lles recoñece o RXPD fronte a, e en contra de, cada un dos responsables, atendendo ao disposto no artigo 26.3 do RXPD. As partes colaborarán entre si para a adecuada atención e satisfacción dos dereitos dos interesados. Os corresponsables deben comunicarlles ás outras partes por escrito a recepción das solicitudes de exercicio de dereitos co fin de que as poidan resolver conxuntamente dentro do prazo establecido. Será o corresponsable a quen se dirixise o/a interesado/a quen deberá contestarlle por escrito, salvo que as partes acorden outra cousa.
Para estes efectos, entenderanse como modo de notificación válido as contas de correo electrónico dos delegados de protección de datos das partes asinantes, establecidos no número 5 do anexo.
2.3. Medidas de seguridade.
As partes obríganse a implantar as medidas de seguridade técnicas e organizativas adecuadas ao risco para protexer os datos persoais obxecto de tratamento no marco deste acordo, de conformidade co artigo 32 do RXPD, as medidas de seguridade correspondentes ao previsto no Real decreto 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade, e coa Orde ECD/298/2018, do 12 de marzo, pola que se aproba a política de seguridade da información no ámbito da administración electrónica do MECD.
2.4. Confidencialidade e comunicación dos datos.
As partes manterán a confidencialidade no tratamento de todos os datos persoais facilitados polas partes e da información, de calquera clase ou natureza, resultante da execución deste acordo. Os datos de carácter persoal non lles serán comunicados a terceiros, salvo cando se lles cedan a encargados de tratamento autorizados ou a outros organismos ou administracións públicas conforme o previsto legalmente. A obriga xeral de confidencialidade será complementaria dos deberes de segredo profesional de conformidade coa súa normativa aplicable. Todas as persoas que, actuando en nome de cada responsable, teñan acceso aos datos persoais dos interesados deben recibir instrucións sobre o cumprimento das súas obrigas en materia de segredo, confidencialidade e protección de datos. As obrigas de confidencialidade e de segredo terán carácter indefinido, mesmo despois de que finalice o obxecto do convenio.
2.5. Incidentes de seguridade.
En caso de sufrir un incidente de seguridade que afecte os datos persoais obxecto deste acordo, débeselle notificar ao resto de corresponsables, sen dilación indebida, e o antes posible con toda a información relevante, incluíndo como mínimo:
a) Descrición da natureza da violación da seguridade dos datos persoais, incluíndo, cando sexa posible, as categorías e o número aproximado de interesados afectados, e as categorías e o número aproximado de rexistros de datos persoais afectados.
b) Datos da persoa de contacto do corresponsable afectado para obter máis información.
c) Descrición das posibles consecuencias da violación da seguridade dos datos persoais.
d) Descrición das medidas adoptadas ou propostas para poñer remedio á violación da seguridade dos datos persoais, incluíndo, se procede, as medidas adoptadas para mitigar os posibles efectos negativos.
Se non é posible facilitar a información simultaneamente, e na medida en que non o sexa, a información facilitarase de xeito gradual sen dilación indebida. Determinarase de forma conxunta o alcance do incidente e se constitúe un risco para os dereitos e as liberdades do/da interesado/a, para efectos de determinar se é necesario realizar unha notificación ante a autoridade de protección de datos competente e, se é o caso, unha notificación aos interesados.
Para estes efectos, entenderanse como modo de notificación válido as contas de correo electrónico dos delegados de protección de datos das partes asinantes, establecidos no número 5 do anexo.
2.6. Cesión.
Tratar os datos persoais conforme os fins e medios regulados neste acordo, e non comunicarlles ou ceder os citados datos a terceiros non autorizados, nin sequera para a súa conservación, sen a autorización correspondente, logo de autorización expresa e por escrito de todos os corresponsables do tratamento ou existencia de obriga legal.
2.7. Encargo do tratamento.
A intervención de encargados de tratamento requirirá o consentimento das partes e a subscrición do correspondente acordo de encargo conforme o previsto no artigo 28 do RXPD, que se anexará a este acordo. O dito consentimento non será necesario cando o encargo de tratamento se establecese nunha norma de rango legal.
2.8. Colaboración.
As partes quedan obrigadas a colaborar entre elas e a poñer á disposición do corresponsable que o solicite toda a información de que se dispoña para cumprir coa normativa en protección de datos, incluíndo o apoio na realización de avaliacións de impacto en protección de datos (AIPD), auditorías, inspeccións ou outros.
2.9. Responsabilidades.
O incumprimento por parte dalgunha das partes da normativa en protección de datos, así como das obrigas referidas neste acordo, comportará que responda directamente e de forma individual ante as autoridades de protección de datos, ou ante calquera terceira persoa das infraccións que se poidan ter cometido derivadas da execución deste acordo e/ou do cumprimento da lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal. No caso de que tal incumprimento lle cause un dano ao resto de corresponsables, estes poderán reclamarlles danos e perdas á parte ou partes incumpridoras. As partes responderán solidariamente fronte a terceiros dos tratamentos de datos persoais derivados deste acordo, nos cales actúen como corresponsables e lles sexan atribuíbles ou non poidan ser atribuídos a partes concretas, sen prexuízo da posibilidade das partes de reclamar contra a parte ou as partes incumpridoras.
3. Duración.
A duración deste acordo está vinculado á duración do convenio do cal deriva e das responsabilidades que calquera dos corresponsables manteña en cumprimento das súas obrigas legais.
4. Lexislación e xurisdición.
Este acordo rexerase e interpretarase conforme a lexislación española en todo aquilo que non estea expresamente regulado, e as partes someteranse, para as controversias que poidan xurdir con relación ao seu contido, á competencia dos xulgados e tribunais, con renuncia a calquera outro foro que lles poida corresponder.
5. Protección de datos. Información das partes.
Os representantes que asinan este acordo de corresponsabilidade e as persoas de contacto que aparezan nel non son informados de que os seus datos de carácter persoal serán obxecto de tratamentos responsabilidade de cada unha das partes.
Os datos persoais dos asinantes deste acordo e demais persoas de contacto serán tratados con base na execución do acordo, así como no cumprimento dunha misión de interese público, coa finalidade de xestionar o mantemento, cumprimento, desenvolvemento, control e execución do disposto neste acordo.
Poden exercer os dereitos dos artigos 15 ao 22 do Regulamento, na sede electrónica de cada unha das partes, presencialmente nas oficinas de rexistro ou por correo postal.
– Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deporte. Contacto do/da delegado/a de protección de datos: dpd@educacion.gob.es
– Departamento de Educación da Comunidade Autónoma do País Vasco. Contacto do/da delegado/a de protección de datos: dpd-dbo@euskadi.eus
– Departamento de Educación e Formación Profesional da Generalitat de Cataluña. Contacto do/da delegado/a de protección de datos: dpd.educacio@gencat.cat
– Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Comunidade Autónoma de Galicia. Contacto do/da delegado/a de protección de datos: dpd.educacioneciencia@xunta.gal
– Así mesmo, poden presentar reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos, autoridade de control en materia de protección de datos persoais (www.aepd.es/es).
