DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Xoves, 19 de novembro de 2026 Páx. 57805

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se autoriza administrativamente o peche definitivo e desmantelamento da planta de coxeración de enerxía eléctrica que Cerámica Xunqueira, S.A., posúe no concello de Xunqueira de Espadanedo e se cancela a súa inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Cerámica Xunqueira, S.A. en relación coa autorización administrativa de peche e desmantelamento dunha central de coxeración situada no concello de Xunqueira de Espadanedo (Ourense) e a cancelación da súa inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da ComunidadE Autónoma de Galicia, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 30 de decembro de 1997 a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Cerámica Xunqueira, S.A. no concello de Xunqueira de Espadanedo (Ourense) e incluír a mesma no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994, expediente 97/3-3 AT.

Segundo. Con data do 19 de xullo de 1999 a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Economía e Comercio resolveu aprobar o proxecto reformado de execución da planta de coxeración de enerxía eléctrica autorizada á empresa Cerámica Xunqueira, S.A. no concello de Xunqueira de Espadanedo (Ourense), expediente 97/003 coas seguintes características técnicas:

– Catro grupos motoxeradores formados cada un deles por motor de combustión interna de gasóleo comercial de catro tempos de 760 kW e 1.500 r.p.m. e xerador síncrono trifásico de 750 kW cun factor de potencia de 0,98 e tensión de xeración de 380/220 V.

– Dous transformadores de potencia de 2.000 kVA e relación de transformación 20/0,38 kV.

– Un transformador para servizos auxiliares de 400 kVA e relación de transformación 20/0,38 kV.

Terceiro. Con data do 11 de febreiro de 2000 a Delegación Provincial de Ourense da Consellería de Industria e Comercio autorizou a posta en marcha da planta de coxeración de enerxía eléctrica.

Cuarto. Con data do 30 de maio de 2000 a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu efectuar a inscrición definitiva da planta de coxeración de enerxía eléctrica no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia ao abeiro do recollido no Real Decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, cunha potencia total de 3.040 kW outorgándolle o número RE-00-50.

Quinto. Con data do 11 de febreiro de 2026 Proelco Ingeniería, S.L., en nome e representación de Cerámica Xunqueira, S.A. solicitou a autorización administrativa de peche definitivo da planta de coxeración da súa titularidade ubicada no concello de Xunqueira de Espadanedo (Ourense).

Sexto. Con data 23 de febreiro de 2026 requíreselle a Cerámica Xunqueira, S.A. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A solicitante presentou o 4 de marzo de 2026 a documentación requirida incluíndo unha solicitude asinada de cancelación da inscrición da planta de coxeración no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sétimo. Con data do 25 de maio de 2026 Red Eléctrica de España, S.A. informou sobre a solicitude de peche da planta de coxeración, de conformidade co recollido no artigo 53.5 da Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, facendo constar que o peche definitivo da citada instalación non ten incidencia na garantía de cobertura da demanda nin na seguridade do sistema na rede de transporte.

Oitavo. Con data 9 de xuño de 2026 o Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria informou favorablemente á solicitude efectuada por Cerámica Xunqueira, S.A. no relativo á tramitación da autorización administrativa de peche de acordo co recollido no «Proxecto de peche e desmantelamento da planta de coxeración de cerámica Xunqueira en Xunqueira de Espadanedo», o cal así mesmo informouse o 29 de abril de 2026 por persoal do citado departamento territorial.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a transmisión e peche definitivo de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas, así como o peche temporal das instalacións de produción requirirán autorización administrativa previa.

Terceiro. O peche e desmantelamento do sistema de coxeración non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non atoparse contemplada nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental e na Lei 9/2013, de 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, de 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a Cerámica Xunqueira, S.A. a autorización administrativa de peche definitivo e desmantelamento da planta de coxeración de enerxía eléctrica que posúe no concello de Xunqueira de Espadanedo (Ourense) segundo o proxecto técnico de execución denominado «Proxecto de peche e desmantelamento da planta de coxeración de cerámica Xunqueira en Xunqueira de Espadanedo» asinado o 7 de xaneiro de 2026 pola enxeñeira eléctrica Lucía Ferreirós Esteban, colexiada nº 557 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense, e visado na mesma data co número V202600003.

Segundo. Cancelar a inscrición da planta de coxeración de enerxía eléctrica titularidade de Cerámica Xunqueira, S.A. debido ao seu peche, obxecto da presente autorización administrativa, no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia con número de rexistro autonómico RE-00-50.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. O peche definitivo e desmantelamento da instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto primeiro da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. O prazo para o peche e o desmantelamento da instalación será de dous anos contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Se transcorrido o dito prazo aquel non tivo lugar, producirase a caducidade desta autorización.

Unha vez rematado o desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante a o Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a Conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2026

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas