DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 20 de novembro de 2026 Páx. 57976

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 13 de novembro de 2026 pola que se anuncia a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería (código do posto MA.C02.00.000.15770.060).

De conformidade co establecido nos artigos 88.2 e 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nos artigos 6.2 e 26 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I.

Segundo. Poderá concorrer o persoal funcionario de carreira que reúna os requisitos que para o posto de traballo se sinalan no anexo I.

A persoa funcionaria que, de ser o caso, desempeñe en comisión de servizos o posto obxecto desta convocatoria terá a obriga de participar nela. O incumprimento desta obriga dará lugar á revogación da comisión de servizos.

Terceiro. As solicitudes, segundo o modelo que se inclúe no anexo II, dirixiranse á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, no prazo de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas que presenten a súa solicitude presencialmente serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Cuarto. As persoas solicitantes deberán unir á petición o seu currículo e xustificar documentalmente os méritos que aleguen mediante certificación ou copia electrónica auténtica.

Non obstante, conforme o previsto na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro), e concretamente na súa instrución cuarta.2, referida a que os datos do expediente persoal electrónico se empregarán na tramitación dos procesos de provisión de postos de traballo e que, así mesmo, se poderán empregar en todos os procedementos en que interveña a persoa interesada nos cales se considere oportuno, dentro do establecido no dito punto, o persoal empregado público que teña ou tivese no pasado a condición de persoal funcionario ou laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, poderá indicar na súa solicitude que a información relativa ao seu currículo e méritos figura como validada no seu expediente persoal electrónico, e deberá achegar para os efectos xustificativos o informe dos méritos validados do expediente electrónico que se poderá xerar accedendo á Canle do emprego público de Galicia (Fides) a través do enderezo https://fides.xunta.gal

Os méritos alegados e non probados/validados non se terán en conta.

Quinto. Se a persoa seleccionada para ocupar o posto de traballo que se anuncia no anexo I ten destino noutras administracións públicas, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o previsto no artigo 29 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, e, de ser o caso, no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes.

Sexto. A convocatoria resolverase no prazo máximo de dous (2) meses, contado desde a data da súa publicación. En caso de non resolverse no dito prazo, declararase a caducidade do procedemento.

A resolución da convocatoria, coa adxudicación do posto a calquera das persoas funcionarias de carreira solicitantes que reúna os requisitos exixidos para o seu desempeño, ou a súa declaración como deserta, por considerar que ningunha das persoas candidatas reúne as características adecuadas para o posto de traballo ou non reúne a idoneidade necesaria para o seu desempeño, ou se non se presentase ningunha solicitude, farase pública no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. O prazo de toma de posesión será de tres (3) días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun (1) mes.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar na data que se determine na resolución definitiva da libre designación con convocatoria pública. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar tamén desde a dita data.

Oitavo. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous (2) meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2026

Nicolás Vázquez Iglesias
Conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANEXO I

Código do posto: MA.C02.00.000.15770.060.

Denominación: xefe/a do Servizo de Coordinación e Tramitación.

Centro de destino: Secretaría Xeral Técnica.

Consellería: Medio Ambiente e Cambio Climático.

Localidade: Santiago de Compostela.

Corpo e/ou escala: xeral.

Grupo(s)/subgrupo(s): A1/A2.

Nivel: 28.

Complemento específico: 19.990,04 €/ano.

Tipo de adscrición: AXG (adscrición exclusiva a persoal funcionario da Xunta de Galicia).

missing image file