O Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, atribúen a esta consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos piscícolas.
O artigo 58 da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro), indica que por medio da orde anual de pesca continental, a consellería competente en materia de pesca continental establecerá, para cada tempada, as normas específicas de pesca das distintas especies pescables que habitan as augas continentais de Galicia, adoptará os réximes especiais que se coiden pertinentes en determinados tramos de auga e aprobará as modificacións e as revisións dos plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas que sexan necesarias.
As normas específicas de pesca fixarán as épocas hábiles, os tamaños mínimos, as cotas de captura, os cebos e as modalidades de pesca para cada especie en todas as augas continentais da Comunidade Autónoma, sen prexuízo do disposto nas normas específicas para cada tramo de auga.
O artigo 7 da Orde do 11 de decembro de 2025 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2026 (DOG núm. 246, do 22 de decembro), establece que «a pesca da lamprea autorízase unicamente nos ríos Tea e Ulla. As autorizacións para a pesca da lamprea regúlanse mediante unha normativa específica que publica anualmente a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático».
O artigo 65 da Lei de pesca continental de Galicia establece o seguinte:
«1. A pesca continental de carácter etnográfico gozará dunha especial protección administrativa polo seu especial interese socioeconómico e cultural.
Sen prexuízo do establecido no artigo 65 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, a consellería competente en materia de pesca continental poderá permitir o emprego de determinadas técnicas tradicionais de pesca continental de carácter etnográfico que se achen en previsible risco de desaparecer e sobre determinadas especies piscícolas, co obxectivo último de garantir a súa transmisión, promoción e posta en valor.
2. As condicións especiais que rexerán a práctica da pesca continental de carácter etnográfico, así como o título habilitante, as artes, os modelos e as técnicas necesarias para o seu desenvolvemento, determinaranse regulamentariamente.
3. Unicamente poderán ser obxecto da pesca continental de carácter etnográfico a lamprea e a anguía».
Esta orde ten por obxecto establecer a normativa especial para a pesca da lamprea (Petromyzon marinus) nun ámbito territorial e temporal determinado. A pesca da lamprea presenta aspectos específicos que quedan reflectidos na propia Lei de pesca continental de Galicia, que exceptúa esta especie, xunto coa anguía e o meixón, da prohibición de determinadas artes de pesca e da pesca nocturna. Esta circunstancia xustifica o establecemento dun réxime especial para a pesca destes seres vivos.
A lamprea é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no cal se seguen a utilizar procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies.
O Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, aprobado polo Decreto 130/1997, do 14 de maio, establece no seu artigo 88 os obstáculos, instrumentos, artes e aparellos prohibidos nas augas continentais galegas, coa excepción dos utilizados na pesca de anguías, meixóns, lampreas e especies de esteiro.
Co obxecto de realizar un aproveitamento ordenado da pesca da lamprea no río Tea, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2027.
Mediante a Orde do 22 de setembro de 2022 pola que se modifica a Orde do 23 de novembro de 2018 pola que se regulan o Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Fluvial, o Rexistro de Embarcacións e Artefactos Boiantes de Pesca Fluvial e os formularios normalizados que se van empregar en distintos procedementos en materia de pesca fluvial (códigos de procedemento MT807B, MT807C, MT823A e MT823B), publicada no Diario Oficial de Galicia número 190, do 5 de outubro de 2022, habilitouse na sede electrónica da Xunta de Galicia o procedemento MT823B co obxecto de tramitar as solicitudes de participación no sorteo de postos de lamprea no río Tea. Conforme o disposto no artigo 8.7 da citada orde, a normativa específica para cada tempada de pesca establecerá os prazos de admisión de solicitudes de participación nos sorteos de postos no río Tea.
Por todo o anterior, consonte o disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
É obxecto desta norma a regulación do aproveitamento específico da lamprea (Petromyzon marinus) nas augas do río Tea durante o ano 2027 (código de procedemento MT823B).
Artigo 2. Persoas solicitantes e ámbito de aplicación
1. Poderán presentar solicitudes as persoas físicas interesadas no aproveitamento das estacadas tradicionais situadas no río Tea tal e como se detallan no anexo («Situación das estacadas do río Tea») desta orde.
As persoas interesadas poderán participar no sorteo público que efectuará o Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra no lugar sinalado.
Non poderá participar no sorteo quen fora inhabilitado por incumprir as obrigas que establece o artigo 15 da Orde do 11 de novembro de 2025 pola que se regula a pesca de lamprea no río Tea e se fixan o período e as condicións para presentar as solicitudes para participar no sorteo de postos de pesca para o ano 2026 (DOG núm. 225, do 20 de novembro).
2. A zona de pesca é o tramo do río Tea comprendido entre a ponte do ferrocarril (Salvaterra de Miño) e a praia da Moscadeira (Ponteareas).
Artigo 3. Modalidade de pesca
Os medios autorizados para a pesca da lamprea no río Tea son a estacada, a fisga (unha por pescador/a) e a luz artificial. Enténdese por estacada a ponte ou pasarela de madeira ou similar que se coloca sobrevoando o río, perpendicularmente á dirección da corrente.
Artigo 4. Características das estacadas
1. As estacadas deberán cumprir as condicións seguintes:
a) Deberán ter acceso desde terra e en ningún caso a súa lonxitude máxima superará a metade do leito fluvial ocupado polas augas en cada momento.
b) Un extremo apoiarase na marxe do río e o resto sobre chantóns ou postes de madeira ou ferro, de xeito que non se impida a libre circulación das augas baixo elas.
c) Deberán estar debidamente numeradas e situadas de conformidade co recollido no anexo desta orde. A situación exacta será a indicada polo persoal da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e non se poderán instalar sen o pagamento previo do prezo público correspondente. Calquera cambio de lugar requirirá solicitude e a autorización previa do Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra.
No suposto de que as persoas adxudicatarias de dúas estacadas contiguas as queiran montar de xeito conxunto, solicitarano previamente e, se for o caso, montaranse no lugar correspondente á que estea sinalada augas máis abaixo.
d) Calquera modificación da vexetación de ribeira axustarase ao disposto na Lei 2/2021, de pesca continental de Galicia, e na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia (DOG núm. 149, do 7 de agosto).
No caso de que a suxeición da estacada á terra sexa ás árbores de ribeira, tomaranse as medidas necesarias para que as ditas árbores non resulten danadas.
e) As luces colocaranse en liña paralela á estacada de xeito que todo o tramo quede iluminado coa mesma intensidade. En ningún caso se colocarán as luces por debaixo da estrutura da estacada. Prohíbense os focos ou similares.
f) Unha vez finalizado o réxime especial o día 2 de maio de 2027, os pescadores e aspescadoras disporán dun prazo de quince (15) días naturais para retirar as estacadas e demais instalacións, debendo deixar a contorna libre de lixo.
2. Do incumprimento dos anteditos requisitos de instalación e da retirada das estacadas responderán solidariamente todas as persoas autorizadas.
Artigo 5. Período e horario hábil
1. O período hábil de pesca será desde o 1 de febreiro ás 21.00 horas ata o 2 de maio ás 8.00 horas, do ano 2027.
A pesca realizarase en días alternos, cos seguintes horarios hábiles: nas estacadas impares, desde as 21.00 horas dos luns ata as 8.00 horas dos martes, e desde as 21.00 horas dos venres ata as 8.00 horas dos sábados; nas estacadas pares, desde as 21.00 horas dos martes ata as 8.00 horas dos mércores, e desde as 21.00 horas dos sábados ata as 8.00 horas dos domingos.
2. Prohíbese a pesca desde as 8.00 horas dos domingos ata as 21.00 horas dos luns, e desde as 8.00 horas dos mércores ata as 21.00 horas dos venres.
Artigo 6. Prazo de solicitude
O prazo para solicitar a participación no sorteo será de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 7. Forma e lugar de presentación de solicitudes
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado do procedemento MT823B, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de maneira presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 8. Pluralidade de persoas solicitantes
As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderanse formular nunha única solicitude. Neste suposto deberase achegar canda a solicitude a listaxe completa de persoas solicitantes segundo o modelo dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento MT823B). As actuacións efectuaranse coa persoa representante ou coa persoa interesada que expresamente se sinale, e na súa falla, con quen figure en primeiro lugar.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar canda a solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación relativa á pluralidade de persoas solicitantes no caso de solicitudes conxuntas, na cal deberá constar a listaxe completa das persoas interesadas que formulan a solicitude segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
b) Acreditación da representación da persoa representante que asine a solicitude, por calquera dos medios sinalados no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 32 do Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos, aprobado polo Real decreto 203/2021, do 30 de marzo.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, a non ser que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de maneira presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou información orixinais.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 10. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, a non ser que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da primeira persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente accedendo á súa Carpeta cidadá. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites de maneira presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 12. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación efectuada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Listaxe provisional de participantes e reclamacións
1. Cando finalice o prazo de presentación de solicitudes publicarase unha listaxe provisional coas persoas admitidas e excluídas para participar no sorteo, que se fará pública mediante a súa exposición no taboleiro de anuncios do Distrito Forestal de Ponteareas, no refuxio da Freixa (Ponteareas) e no Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra. Na listaxe indicarase, se for o caso, a causa de exclusión e o prazo de emenda.
2. As persoas solicitantes terán un prazo de dez (10) días hábiles, contados desde a data de exposición pública da relación provisional de persoas admitidas e excluídas, para efectuaren as reclamacións que consideren oportunas. Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da listaxe definitiva, que se exporá nos mesmos lugares que a listaxe provisional.
Artigo 14. Realización do sorteo
1. O sorteo para adxudicar os postos de pesca en que se colocarán as estacadas terá lugar o día 15 de xaneiro de 2027, ás 11.00 horas, no refuxio da Freixa (Ponteareas). Calquera cambio no lugar de celebración ou na dinámica do sorteo será publicado no taboleiro de anuncios do Distrito Forestal de Ponteareas, no refuxio da Freixa (Ponteareas) e no Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra.
2. Cada solicitante elixirá un posto para a colocación da estacada segundo a orde de elección obtida no sorteo, para o cal deberá presentar o DNI/NIE. Non se poderá cambiar ningún posto despois da elección.
3. A elección farase escollendo os postos que figuran no anexo («Situación das estacadas do río Tea») desta orde, agás o posto número 11, no que, por razóns hidrobiolóxicas, se desaconsella a colocación de estacadas. Este posto queda fóra do sorteo temporalmente.
Artigo 15. Permisos
1. Cada persoa adxudicataria dun posto para a colocación da estacada deberá retirar no Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra un lote de permisos de 4ª categoría para toda a tempada de pesca. Para facelo deberá presentar a copia da taxa do pagamento do prezo público que corresponda e a licenza de pesca en vigor.
2. Os permisos serán persoais e intransferibles, polo que ningunha persoa adxudicataria poderá facer uso doutro permiso que non sexa o seu nin pescar desde un posto distinto a aquel que figura no seu permiso.
3. Xunto cos permisos entregarase un libro ou folla de rexistro de capturas, que deberá ser debidamente cuberto cada día de pesca e estar sempre á disposición do persoal do Servizo de Patrimonio Natural.
4. Unha vez rematada a tempada de pesca, o libro ou folla de rexistro deberá ser enviado no prazo de quince (15) días ao Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, na avenida María Victoria Moreno, número 43, 2º.
O cumprimento deste requisito será indispensable para optar ao sorteo da seguinte tempada.
Artigo 16. Condicións
Antes de iniciar a actividade, as persoas autorizadas deberán estar en posesión da licenza de pesca correspondente e ter os permisos de 4ª categoría para cada día. Deberán levar consigo estes documentos, xunto co DNI/NIE, durante a práctica desta actividade.
Artigo 17. Prohibicións
1. Prohíbese ter na estacada un número superior de fisgas ao de persoas adxudicatarias con permiso presentes nela, así como pedras ou calquera outro instrumento (ou realizar calquera acción) que sirva para bater as augas ou escorrentar os peixes de xeito que se facilite a súa captura.
2. Así mesmo, prohíbese atar as fisgas a calquera tipo de cordel.
3. A pesca desde as estacadas enténdese selectiva para a lamprea, polo que non se poderá causar dano a outras especies de peixes.
4. As embarcacións empregadas nos labores auxiliares da pesca da lamprea deberán estar en posesión da licenza clase E especial para embarcación e levar nun lugar ben visible o número de estacada que lles correspondeu no sorteo. En ningún caso estas embarcacións poderán ser accionadas por motor.
5. O persoal que designe o Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra revisará cada estacada, e cando non se axuste ás condicións fixadas ou non exista persoa autorizada para a pesca desde ela, procederase ao seu levantamento.
6. Do incumprimento destas condicións responderán solidariamente todas as persoas autorizadas.
Artigo 18. Infraccións e sancións
1. As infraccións contra esta regulación serán sancionadas de acordo co establecido na Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia.
2. Polo uso indebido da estacada responderá a persoa autorizada. Se nun mesmo posto hai varias persoas autorizadas, responderán solidariamente.
Disposición adicional única. Delegación
Delégase na persoa titular do Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Pontevedra a competencia para a concesión da autorización regulada nesta orde.
Disposición transitoria única
Para os efectos do establecido nos artigos 15 e 16 da presente orde, de acordo co disposto na disposición transitoria segunda do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, aprobado polo Decreto 130/1997, do 14 de maio, e mentres non se determinen os requisitos para a obtención da licenza da clase D, para o exercicio da pesca con aproveitamento no río Tea expedirase a correspondente licenza das outras clases segundo corresponda, na cal se indicará a especie autorizada (lamprea) e se especificará a masa de auga en que se pode practicar esta pesca (río Tea).
Disposición derradeira primeira
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural, baixo proposta do Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido nesta orde e adoptar as medidas excepcionais previstas no artigo 48 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, aprobado polo Decreto 130/1997, do 14 de maio.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026
Nicolás Vázquez Iglesias
Conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático
ANEXO
Situación das estacadas do río Tea
|
Núm. estacada-tramo do río |
Distancia entre puntos de localización das estacadas (m) |
|
Ponte do ferrocarril a 1 |
21 |
|
1 a 2 |
139 |
|
2 a 3 |
60 |
|
3 a 4 |
50 |
|
4 a 5 |
60 |
|
5 a 6 |
370 (ponte romana/ponte PO-412) |
|
6 a 7 |
100 |
|
7 a 8 |
105 |
|
8 a 9 |
70 |
|
9 a 10 |
305 |
|
10 a 11** |
100 |
|
11** a 12 |
120 |
|
12 a 13 |
120 |
|
13 a 14 |
100 |
|
14 a 15 |
352 |
|
15 a 16 |
50 |
|
16 a 17 |
677 |
|
17 a 18 |
173 |
|
18 a 19 |
280 (Ponte Cordeiro) |
|
19 a 20 |
1.160 |
|
20 a 21 |
120 |
|
21 a 22 |
410 |
|
22 a 23 |
100 |
|
23 a 24 |
290 |
|
24 a 25 |
210 |
|
25 a 26 |
200 |
|
26 a 27 |
1.350 |
|
27 a 28 |
1.850 |
|
28 a 29 |
180 |
|
29 a 30 |
300 (Ponte das Partidas) |
|
30 a 31 |
100 |
|
31 a 32 |
100 |
|
32 a 33 |
100 |
|
33 a 34 |
590 |
|
34 a 35 |
100 (desembocadura Uma) |
|
35 a 36 |
350 |
|
36 a 37 |
110 |
|
37 a 38 |
110 |
|
38 a 39 |
110 |
|
39 a 40 |
120 |
|
40 a 41 |
90 |
|
41 a 42 |
120 |
|
42 a 43 |
120 |
|
43 a 44 |
160 |
|
44 a 45 |
210 |
|
45 a 46 |
80 |
|
46 a 47 |
150 |
|
47 a 48 |
100 |
|
48 á praia da Moscadeira |
120 |
** O posto número 11 queda temporalmente fóra do sorteo.
