DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Luns, 23 de novembro de 2026 Páx. 58062

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2026 pola que se convocan eleccións para a renovación dos órganos reitores das confrarías de pescadores de Galicia, incluídas as súas agrupacións sectoriais, e das súas federacións.

De conformidade co disposto na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia; na Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia; no Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións; no artigo 2 da Orde do 29 de abril de 2014 pola que se regulan as eleccións para a renovación dos órganos reitores de confrarías de pescadores de Galicia e das súas federacións; e mais no Decreto 64/2018, do 7 de xuño, polo que se modifican o Decreto 8/2014 e a Orde do 29 de abril de 2014,

RESOLVO:

Primeiro. Convocar eleccións para a renovación dos órganos reitores de todas as confrarías de pescadores de Galicia, das súas agrupacións sectoriais e das súas federacións provinciais, así como da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, facendo constar:

1. As votacións terán lugar o día 23 de xaneiro de 2027.

2. As votacións comezarán ás 10.00 horas e os colexios electorais permanecerán abertos un mínimo de catro horas e un máximo de oito continuadas, segundo o plan electoral de cada confraría ratificado polo Servizo de Apoio e Relacións coas Organizacións Sectoriais.

3. Prazo para o exercicio do voto por correo:

a) O prazo de solicitude do voto por correo iniciarase o día seguinte ao da publicación do censo electoral definitivo e abranguerá ata a data de proclamación provisional das candidaturas.

b) O prazo límite para que a Comisión Electoral reciba os votos por correo finalizará vinte e catro horas antes das votacións.

4. As comisións e as mesas electorais empregarán o sistema de elaboración e comunicación electrónica de actas posto á disposición pola Consellería do Mar (XECONF). O/a secretario/a da Comisión Electoral e o/a secretario/a da mesa electoral remitirán á xunta electoral as actas nos prazos establecidos para cada caso na Orde do 29 de abril de 2014.

5. A sede da xunta electoral estará nas dependencias da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, sita en San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, e o seu enderezo electrónico é apoioconfrarias.mar@xunta.gal

Segundo. Durante o desenvolvemento do proceso electoral, os órganos reitores e as directivas das agrupacións sectoriais estarán en funcións e poderán realizar unicamente actos de simple trámite ou de xestión ordinaria, e os seus mandatos concluirán coa toma de posesión dos membros dos órganos reitores electos, todo isto consonte o disposto no artigo 92.2 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións.

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2026

Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar