DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Martes, 24 de novembro de 2026 Páx. 58333

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 2026, da Comisión Provincial de Vivenda de Ourense, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias, en réxime de alugueiro, para 64 vivendas de promoción pública do expediente OU-2023/010 de Cambedo da Raia, no concello de Ourense.

De conformidade co establecido nos artigos 22 a 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como das acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Comisión Provincial de Vivenda de Ourense, na sesión do 17 de novembro de 2026,

ACORDOU:

Iniciar o proceso de selección de persoas adxudicatarias para 64 vivendas de promoción pública, que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro. Características das vivendas

– Número de vivendas: 64

– Localización das vivendas: praza Cambedo da Raia, no concello de Ourense.

– Tipoloxía das vivendas:

Núm. vivendas

Núm. dormitorios

17

2

3 adaptadas para mobilidade reducida

39

3

8

4

Cada vivenda leva vinculada unha praza de garaxe e un rocho.

– Composición familiar para cada vivenda:

Tipoloxía das vivendas

Núm. de membros

2 dormitorios

1, 2 e 3 membros

3 dormitorios

4 e 5 membros

4 dormitorios

6 ou máis membros

Reserva: vivendas adaptadas para mobilidade reducida

Segundo. Cualificación das vivendas

As vivendas foron cualificadas provisionalmente como vivendas de promoción pública pola Resolución da directora territorial do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Ourense do 18 de marzo de 2025.

Terceiro. Réxime de adxudicación das vivendas

As vivendas adxudicaranse en réxime de arrendamento.

Cuarto. Condicións xerais das persoas beneficiarias

Poderán acceder a estas vivendas de promoción pública as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade e con plena capacidade de obrar que, como titulares dunha unidade familiar ou convivencial, reúnan os seguintes requisitos:

1. Conforme o disposto no artigo 63.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, poderán resultar adxudicatarias das vivendas as persoas residentes en Galicia, así como as persoas emigrantes retornadas, que reúnan, na data desta resolución de inicio, os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda na sección 1ª (demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública) para o concello de Ourense como concello preferente.

b) Acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial, no último exercicio fiscal vencido, entre 0,7 e 4 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) ou 4,5 veces, no caso de familias numerosas, ao abeiro da Resolución do 6 de maio de 2026 pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 4 de maio de 2026, polo que se determinan os ingresos para acceder ás vivendas protexidas e se fixan os seus prezos máximos de venda e renda.

c) Residir ou traballar no concello de Ourense, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

d) Carecer, calquera membro da unidade familiar ou convivencial, dunha vivenda en calidade de propietario/a, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:

• Acreditar que a vivenda de que se dispón é inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012 do IGVS. Neste suposto, quedarán obrigados a ofertarlle ao IGVS a dita vivenda para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007, do 13 de decembro.

• Habitar unha vivenda suxeita a un expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable á persoa interesada, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.

e) Non encontrarse en ningunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou convivencial:

• Que xa fosen titulares de vivendas de protección oficial de promoción pública e que a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou que a alleasen por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados ao xuízo da Comisión Provincial.

• Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.

f) Para a quenda de menores de 36 anos, constituír unha familia ou unidade convivencial cuxa persoa titular teña menos de 36 anos.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a falta de renovación da inscrición, de resultar obrigado/a a iso nos termos do artigo 15 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, en calquera momento anterior ao acordo da Comisión que aprobe a súa inclusión na lista definitiva de persoas adxudicatarias, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

Quinto. Condicións xerais de carácter económico

a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de sete anos prorrogables por períodos anuais e estarán prohibidos, en todo caso, a cesión ou o subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións a que dea lugar.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 2 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, de ser o caso, determinado segundo o dito Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 4 de maio de 2026.

c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo do pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.

Sexto. Procedemento de adxudicación

De acordo co Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, antes mencionado, o procedemento de adxudicación será o de sorteo entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Ourense ata a data desta resolución.

O feito de resultar adxudicatario/a provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicatario/a definitivo/a, mentres non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio cuarto desta resolución.

Sétimo. Reservas

De conformidade co establecido no artigo 74 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, no artigo 34 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, e no artigo 22.2.e) do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, faise a seguinte reserva:

1. Reserva de 3 vivendas adaptadas para persoas con mobilidade reducida de carácter permanente.

Clasificaranse as persoas integrantes desta reserva coa seguinte orde de preferencia:

1º. As que precisen cadeira de rodas para os seus desprazamentos ou dependan absolutamente de dous bastóns para deambular.

2º. As que acrediten unha enfermidade ou discapacidade permanente que, polo seu desenvolvemento, poida chegar a impedir desprazarse sen axuda ou que afecte notoriamente a súa mobilidade.

Consonte o disposto no artigo 23.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, anteriormente nomeado, realizarase un sorteo diferenciado para aquelas persoas que declaren reunir os requisitos establecidos na normativa reguladora deste colectivo específico.

2. As vivendas asignadas á reserva previstas no punto 1 que queden sen adxudicar por inexistencia de solicitudes non pasarán a formar parte do número de vivendas adxudicables na cota xeral.

3. Reserva dun 40 % das vivendas para persoas menores de 36 anos.

4. As prazas reservadas para persoas menores de 36 anos que figuran no punto 3 que, por calquera circunstancia, non poidan ser adxudicadas ás persoas que figuren nestas cotas na lista definitiva, serán adxudicadas, segundo a tipoloxía da vivenda, ás persoas da cota xeral de reserva que corresponda. Esta regra aplicarase tamén en sentido contrario.

Así mesmo, no caso de que algunha das persoas integrantes das cotas de menores de 36 anos resulte tamén adxudicataria nalgunha das cotas xerais, o seu posto na cota xeral será ocupado na lista pola persoa da cota de reserva que corresponda.

5. No caso de que resulte vacante algunha das vivendas por esgotamento da lista de reserva dalgunha das cotas e non se poida cubrir de acordo co establecido no parágrafo anterior, a vivenda será adxudicada á persoa integrante da lista de reserva inmediatamente inferior en atención ao número de membros, e atendendo á cota, xeral ou de menores de 36 anos, a que pertenza a vivenda vacante. No caso de que esta lista tamén estea esgotada, acudirase sucesivamente ás listas inmediatamente inferiores de reserva seguintes.

De non resultar posible a adxudicación por esgotamento das listas de reserva, realizarase, de acordo co disposto no artigo 27.2 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, un novo sorteo, no cal participarían todas aquelas persoas que, tendo participado no sorteo inicial, non obtivesen a condición de adxudicatarias ou de integrantes das listas de reserva.

Oitavo. Lotes

De acordo co previsto no artigo 22.2.h) do mencionado Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, establécense lotes segundo o número de dormitorios das vivendas, e realizarase un sorteo diferenciado para cada un deles, que comezará en todo caso pola reserva de mobilidade reducida e seguidamente polas cotas a menores de 36 anos, e atendendo a seguinte orde:

Primeiro lote: vivendas adaptadas a persoas con mobilidade reducida.

Confeccionarase unha única lista co total de demandantes de mobilidade reducida para as vivendas desta cota de reserva.

Segundo lote: vivendas de 4 dormitorios para unidades familiares/convivenciais de 6 ou máis membros.

Cota xeral

Cota menores de 36 anos

Adxudicatarios/as

5

3

Reservas

15

9

Terceiro lote: vivendas de 3 dormitorios para unidades familiares/convivenciais de 4 ou 5 membros.

Cota xeral

Cota menores de 36 anos

Adxudicatarios/as

23

16

Reservas

69

48

Cuarto lote: vivendas de 2 dormitorios para unidades familiares/convivenciais de 1, 2 ou 3 membros.

Cota xeral

Cota menores de 36 anos

Adxudicatarios/as

8

6

Reservas

24

18

A orde de confección das referidas listas virá determinada pola orde de selección que derive do sorteo, agás a cota de mobilidade reducida, que se determinará prioritariamente de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS.

Noveno. Publicidade

A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas adxudicatarias provisionais resultante do sorteo e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias e en espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello de Ourense, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web do organismo.

Esta publicidade substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a publicación da lista provisional, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

Décimo. Asignación das vivendas

A Área Provincial do IGVS, logo do sorteo, determinará a vivenda que lle corresponde a cada adxudicatario/a tendo en conta a mellor adecuación das vivendas á composición da unidade familiar e convivencial daqueles, ao abeiro do establecido no artigo 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro.

Esta determinación deberá ser notificada a cada persoa adxudicataria. Tal notificación deberá conter, entre outros, os seguintes datos:

– Tipo de vivenda.

– Superficie útil.

– Réxime de adxudicación.

– Prezo de renda.

As persoas adxudicatarias definitivas disporán dun prazo de dez días hábiles para aceptar ou renunciar á adxudicación e, no caso de aceptar, deberán efectuar, dentro do prazo indicado, o ingreso da fianza e os gastos que procedan.

Décimo primeiro. Procedemento na realización do sorteo

Participarán no sorteo (tanto para a reserva de vivendas adaptadas a persoas con mobilidade reducida como para o resto das vivendas), todas as persoas demandantes inscritas que reúnan as características específicas exixidas.

A orde de realización do sorteo será a establecida no punto oitavo desta resolución.

Décimo segundo. Data do sorteo

O sorteo será público e realizarase ante notario ás 10.00 horas do día 1 de decembro de 2026, no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, situado na avenida de La Habana, 79, en Ourense.

Ourense, 17 de novembro de 2026

Pilar Fernández León
Presidenta da Comisión Provincial de Vivenda de Ourense