Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50-Bis Venres, 13 de marzo de 2020 Páx. 16402

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do trece de marzo de dous mil vinte, adoptou o seguinte acordo:

«ACORDO POLO QUE SE DECLARA A SITUACIÓN DE EMERXENCIA SANITARIA NO TERRITORIO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA E SE ACTIVA O PLAN TERRITORIAL DE EMERXENCIAS DE GALICIA (PLATERGA) NO SEU NIVEL IG (EMERXENCIA DE INTERESE GALEGO), COMO CONSECUENCIA DA EVOLUCIÓN DA EPIDEMIA DO CORONAVIRUS COVID-19

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do doce de marzo de dous mil vinte, aprobou o Acordo mediante o que se adoptaron as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Os coronavirus son unha ampla familia de virus que, normalmente, adoitan afectar só os animais, aínda que algúns teñen a capacidade de transmitirse dos animais ás persoas, provocando cadros clínicos que van desde o arrefriado común ata enfermidades máis graves, como acontece co coronavirus que causou a síndrome respiratoria aguda grave (SARS-CoV) e o coronavirus causante da síndrome respiratoria de Oriente Medio (MERS-CoV).

A aparición do coronavirus COVID-19 no mes de decembro de 2019 creou un escenario mundial que require a adopción de medidas preventivas e de accións que permitan facer un seguimento da situación do avance dos casos, o que implica para as autoridades a previsión de escenarios e o deseño de protocolos que permitan prever e afrontar os múltiples escenarios que se poidan dar, coa maior eficacia posible.

O Regulamento sanitario internacional (RSI 2005) establece a figura da emerxencia de saúde pública de importancia internacional (ESPII) ante eventos extraordinarios que se determine que constitúen un risco para a saúde pública doutros Estados, por mor da propagación internacional dunha enfermidade, e que poderían exixir unha resposta internacional coordinada.

O xoves día 30 de xaneiro tivo lugar a segunda reunión do Comité de Emerxencias do RSI en relación co abrocho polo novo coronavirus COVID-19 na República Popular da China. Como resultado das deliberacións, o director xeral da OMS declarou que o dito abrocho constitúe unha ESPII.

Neste sentido, todas as actividades propostas pola OMS e polo Comité de Emerxencias neste momento están en marcha en todo o Estado, en coordinación coas comunidades autónomas.

Na Comunidade Autónoma de Galicia constituíuse unha Comisión interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19 e outras enfermidades emerxentes, que ten atribuídas as funcións de coordinación, seguimento e avaliación das actuacións adoptadas, tanto preventivas como paliativas, en función da situación epidemiolóxica concreta en Galicia e no Estado, a proposta de sistemas de vixilancia, a aprobación dos niveis de decisión e de responsabilidade das actuacións para preparar a resposta e de coordinación coa Administración xeral do Estado, así como a aprobación dos plans e protocolos de preparación e resposta e a coordinación da información.

A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, establece no seu artigo 1 que, co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, as autoridades sanitarias das distintas administracións públicas poderán, dentro do ámbito das súas competencias, adoptar as medidas previstas na mesma lei cando así o exixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade.

Segundo o artigo 2 da mesma Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, as medidas inclúen o recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios racionais que permitan supoñer a existencia de perigo para a saúde da poboación por mor da situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de persoas ou polas condicións sanitarias en que se desenvolva unha actividade.

O artigo 3 da mesma lei orgánica prevé tamén que, co fin de controlar as enfermidades transmisibles, a autoridade sanitaria, ademais de realizar as accións preventivas xerais, poderá adoptar as medidas oportunas para o control dos enfermos, das persoas que estean ou estivesen en contacto con eles e do ambiente inmediato, así como as que se consideren necesarias en caso de risco de carácter transmisible.

Por outra banda, o artigo 24 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, prevé que as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias negativas para a saúde serán sometidas polos órganos competentes ás limitacións preventivas de carácter administrativo, de acordo coa normativa básica do Estado.

O artigo 26 da mesma Lei 14/1986, do 25 de abril, prevé a posibilidade de que as autoridades sanitarias poidan adoptar as medidas preventivas pertinentes cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e extraordinario para a saúde. A duración das ditas medidas fixarase para cada caso, sen prexuízo das prórrogas sucesivas acordadas por resolucións motivadas, e non excederá o que exixa a situación de risco inminente e extraordinario que as xustificou.

Pola súa banda, os artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, prevé, así mesmo, a adopción de medidas por parte das autoridades sanitarias en situación de risco para a saúde das persoas.

Na mesma liña, o artigo 34 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, inclúe, entre as intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde, adoptar as medidas preventivas que se consideren pertinentes en caso de que exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e extraordinario para a saúde.

Tamén o artigo 38 da mesma lei prevé que as autoridades sanitarias poderán levar a cabo intervencións públicas nos supostos de riscos para a saúde de terceiras persoas, nos mesmos termos previstos nos artigos 2 e 3 da Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril.

O artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, atribúe a condición de autoridade sanitaria ao Consello da Xunta de Galicia.

A situación e evolución do COVID-19, con case 120.000 casos e 114 países afectados en 11 de marzo, provocou que a OMS definise a epidemia como pandemia global.

Sobre esta base e tendo en conta que diversos estudos indican que, de non poñer en marcha medidas extraordinarias de distanciamento social, ata un 60% da poboación no peor escenario podería infectarse -o que provocaría unha onda epidémica sensiblemente elevada, que ademais, polos datos publicados na literatura científica, incidiría de maneira especial na poboación maior de 70 anos, que constitúe un 19% da poboación galega, onde a taxa de mortalidade podería superar o 2% entre os afectados-, pódese afirmar que a situación actual supón un risco inminente e extraordinario para a saúde da poboación.

Por outra banda, a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece no seu artigo 36.1 que, cando a situación de perigo ou os danos ocorridos sexan, pola súa especial extensión ou intensidade, particularmente graves, o Consello da Xunta, por solicitude da persoa titular da consellería competente en materia de protección civil, poderá acordar a declaración de emerxencia de interese galego.

Segundo o artigo 8 da citada lei, en canto sexa activado un plan de protección civil ou nas situacións de risco ou emerxencia declarada, a autoridade de protección civil competente poderá ordenar á cidadanía a prestación de servizos persoais, de acción ou omisión, sempre de forma proporcionada á situación de necesidade e á capacidade de cada individuo. Así mesmo, sempre que a emerxencia o faga necesario e tendo en todo momento presente o principio de proporcionalidade, a autoridade de protección civil poderá ordenar a intervención e a ocupación temporal e transitoria dos bens dos/das cidadáns/ás.

O Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) determina que se activará o nivel IG “emerxencia de interese galego”, segundo a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, cando se produza unha emerxencia declarada como de interese galego polo Consello da Xunta.

Ante a evolución da situación en Galicia que motivou a declaración polo Consello da Xunta/Consellería de Sanidade da emerxencia sanitaria a causa do COVID-19, que pode exixir a necesidade de adoptar medidas disruptivas tales como a restrición de movementos ou o confinamento, garantindo o correcto equilibrio no exercicio de dereitos e obrigas da cidadanía galega, así como coordinar as actuacións necesarias de todos os organismos e a mobilización de medios e recursos dispoñibles na Comunidade Autónoma baixo a unidade de acción, mediante o establecemento dun mando único, por proposta do conselleiro competente en materia de protección civil e de acordo co disposto nos artigos 11.2.e) e 36 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.

E, en consecuencia, de conformidade coas previsións normativas antes indicadas, e vista a solicitude de declaración de emerxencia sanitaria de interese galego formulada pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade,

ACÓRDASE:

Primeiro. Declarar a situación de emerxencia sanitaria de interese galego, por solicitude da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Esta declaración poderá implicar a reorganización funcional dos servizos administrativos e as modificacións orzamentarias precisas para afrontar a emerxencia.

Segundo. Activar o Plan territorial de emerxencias de Galicia coa conseguinte asunción de todas as actividades de emerxencia polo titular da presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en que delegue.

O director do Plan acordará a participación de todos aqueles operativos que se consideren necesarios.

A activación do Plan implicará, en todo caso:

a) A constitución do Centro de Coordinación Operativa do Plan e, se é o caso, do Centro de Control Operativo Integrado.

b) O enlace co posto de mando avanzado.

c) A mobilización inmediata dos diversos grupos operativos.

d) A información á poboación e a comunicación das instrucións pertinentes.

Terceiro. Constituír, co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan, un Centro de Coordinación Operativa (Cecop) presidido polo director do Plan ou persoa en quen delegue do que forman parte, ao menos, os seguintes membros:

Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Delegación do Goberno

Conselleiro de Sanidade

Consellería de Política Social: secretaria xeral técnica de Política Social

Consellería de Cultura e Turismo: secretario xeral técnico de Cultura e Turismo

Consellería de Economía, Emprego e Industria: Secretaría Xeral de Emprego

Consellería de Medio Ambiente: presidente de Sogama

Director xeral de Emerxencias e Interior

Xerente da Axega

Asesoría Xurídica Xeral

Director xeral de Saúde Pública

Xerente do Sergas

Director do 061

Secretaria xeral de Medios

Dirección do Gabinete do Presidente

Presidente da Fegamp ou persoa en quen delegue

Establécese a creación dunha Sala de Coordinación Operativa (Sacop) no CIAE112, en que estarán:

1. Sergas 061

2. Axega 112

3. Garda Civil

4. Policía Nacional

5. UPA

Para os efectos de centralizar, coordinar, preparar e difundir entre a poboación toda a información sobre a evolución da situación establécese un gabinete de información dependente directamente da Dirección do Plan, que formará parte do Cecop.

Cuarto. Para o desenvolvemento do Plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptar medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer.

En particular, habilítase o Cecop para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas neste acordo.

O Plan territorial de protección civil de Galicia (Platerga) considera como medidas de protección as  accións encamiñadas a impedir  ou  diminuír os danos a persoas e bens, materiais, naturais ou culturais, que se poidan producir, ou que se producen, en calquera tipo de emerxencia.

E, entre as medidas de protección referidas á poboación, establece as seguintes:

– Avisos á poboación afectada

– Confinamento en lugares seguros

– Evacuación e asistencia social

– Seguridade cidadá

– Control de accesos

Quinto. A desactivación do Plan será declarada formalmente polo seu director, unha vez superada totalmente a situación de emerxencia, comunicando esta situación á Axencia Galega de Emerxencias a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia.

Sexto. A declaración de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia entenderase sen prexuízo das competencias estatais e das medidas que o Goberno ou a Administración do Estado aprobe no marco das súas competencias e en coordinación con elas.

No caso de que sexa precisa a adaptación das medidas previstas neste acordo ás actuacións que poida aprobar o Goberno ou a Administración do Estado, habilítase para iso o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Sétimo. Como medida adicional ás previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020 e, tendo en conta a evolución da situación, disponse a suspensión da actividade durante 14 días naturais, contados desde a publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia, de todos os establecementos de espectáculos públicos e actividades recreativas incluídos no anexo do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia e, nomeadamente:

– Cines

– Teatros

– Auditorios

– Circos

– Establecementos de espectáculos deportivos

– Recintos feirais

– Casinos

– Salas de bingo

– Salóns de xogo

– Tendas de apostas

– Estadios deportivos

– Pavillóns deportivos

– Recintos deportivos

– Pistas de patinaxe

– Ximnasios

– Piscinas de competición

– Piscinas recreativas de uso colectivo

– Parques acuáticos

– Salóns recreativos

– Parques multiocio

– Museos

– Bibliotecas

– Salas de conferencias

– Salas polivalentes

– Salas de concertos

– Restaurantes

– Salóns de banquetes

– Cafetarías

– Bares

– Establecementos para actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas

– Salas de festas

– Discotecas

– Pubs

– Cafés-espectáculo

– Furanchos

– Centros de ocio infantil

Oitavo. Os establecementos de restauración, como cafetarías, bares e restaurantes, permanecerán cerrados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio.

A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

Noveno. O peche non afecta os bares e restaurantes localizados en establecementos hoteleiros ou no interior das instalacións destinadas á prestación de servizos públicos, sempre que a súa actividade se limite estritamente aos seus clientes aloxados ou aos traballadores das instalacións.

Décimo. Suspéndese, polo mesmo prazo establecido anteriormente, a actividade comercial retallista en todo o territorio da Comunidade Autónoma, a excepción dos establecementos comerciais retallistas de alimentación e produtos e bens de primeira necesidade recollidos a continuación segundo a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009):

47 Comercio ao retallo, agás de vehículos de motor e motocicletas

47.1 Comercio ao retallo en establecementos non especializados.

47.11 Comercio ao retallo en establecementos non especializados, con predominio en produtos alimenticios, bebidas e tabaco.

47.2 Comercio ao retallo de produtos alimenticios, bebidas e tabaco en establecementos especializados.

47.21 Comercio ao retallo de froitas e hortalizas en establecementos especializados.

47.22 Comercio ao retallo de carne e produtos cárnicos en establecementos especializados.

47.23 Comercio ao retallo de peixe e mariscos en establecementos especializados.

47.24 Comercio ao retallo de pan e produtos de panadaría, confeitaría e pastelaría en establecementos especializados.

47.25 Comercio ao retallo de bebidas en establecementos especializados.

47.26 Comercio ao retallo de produtos de tabaco en establecementos especializados.

47.29 Outro comercio ao retallo de produtos alimenticios en establecementos especializados.

47.3 Comercio ao retallo de combustible para a automoción en establecementos especializados.

47.30 Comercio ao retallo de combustible para a automoción en establecementos especializados.

47.4 Comercio ao retallo de equipamentos para as tecnoloxías da información e as comunicacións en establecementos especializados.

47.41 Comercio ao retallo de ordenadores, equipamentos periféricos e programas informáticos en establecementos especializados

47.42 Comercio ao retallo de equipamentos de telecomunicacións en establecementos especializados

47.43 Comercio ao retallo de equipamentos de audio e vídeo en establecementos especializados

47.6 Comercio ao retallo de artigos culturais e recreativos en establecementos especializados.

47.62 Comercio ao retallo de xornais e artigos de papelaría en establecementos especializados

47.7 Comercio ao retallo doutros artigos en establecementos especializados.

47.73 Comercio ao retallo de produtos farmacéuticos en establecementos especializados

47.74 Comercio ao retallo de artigos médicos e ortopédicos en establecementos especializados.

47.75 Comercio ao retallo de produtos cosméticos e hixiénicos en establecementos especializados.

47.76 Comercio ao retallo de flores, plantas, sementes, fertilizantes, animais de compañía e alimentos para estes en establecementos especializados.

47.9 Comercio ao retallo non realizado nin en establecementos, nin en postos de venda nin en mercados.

47.91 Comercio ao retallo por correspondencia ou internet.

No caso de equipamentos comerciais colectivos, tales como mercados municipais, centros, parques e/ou galerías comerciais, suspenderase a actividade comercial daqueles establecementos integrados nestes e non incluídos na lista anterior.

A permanencia nos establecementos comerciais cuxa apertura estea permitida deberá ser a estritamente necesaria para que os consumidores poidan realizar a adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade, quedando suspendida a posibilidade de consumo de produtos nos propios establecementos. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

Décimo primeiro. Así mesmo, disponse por igual tempo a suspensión da actividade dos establecementos balnearios regulados na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a dos espazos termais e piscinas termais de uso lúdico, reguladas na Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.

Décimo segundo. Suspéndese polo tempo previsto neste acordo a actividade dos albergues de peregrinos da rede pública da Xunta de Galicia.

Décimo terceiro. Durante o tempo previsto neste acordo, a cabida de edificios de culto, tanatorios ou calquera instalación asimilada quedará reducida a un terzo da súa capacidade máxima. Así mesmo, os cortexos fúnebres quedarán reducidos a un máximo de 25 persoas».

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza