Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52-Bis Luns, 16 de marzo de 2020 Páx. 16659

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 15 de marzo de 2020 pola que se adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19 no ámbito dos servizos de transporte público regular interurbano de viaxeiros.

O 14 de marzo de 2020 entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e se establecen medidas dirixidas a limitar a mobilidade dos cidadáns e, ao tempo, a garantir a prestación de servizos de transporte público que garantan a posibilidade dos cidadáns de realizar desprazamentos vinculados ás actividades expresamente previstas.

Neste sentido, o 13 de marzo de 2020 publicouse no DOG nº 50 Bis o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do COVID-19.

Logo das anteriores declaracións, e no marco das competencias ás que habilitan as ditas disposicións, procede establecer normas complementarias no ámbito do transporte público da competencia da Xunta de Galicia.

En concreto, na actual situación cómpre ditar normas que contribúan a facilitar a diminución na mobilidade da poboación, sen prexuízo de manter un mínimo de servizos que tamén faciliten a mobilidade daqueles cidadáns que, respectando as normas de prevención establecidas, deban realizar desprazamentos.

Polo exposto, no marco das competencias exclusivas que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de transporte público que se desenvolva integramente no territorio galego, consonte coa habilitación establecida no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto a adopción de medidas de carácter obrigatorio no ámbito dos servizos de transporte público de viaxeiros por estrada da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco das medidas establecidas polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Artigo 2. Limitación da oferta de servizos en transporte público

1. Os operadores de servizos de transporte público regular de uso xeral de viaxeiros por estrada titularidade da Xunta de Galicia reformularán a súa oferta de servizos reducíndoa un mínimo dun cincuenta por cento sobre a oferta total de servizos existente nos seus respectivos contratos de concesión.

2. Os servizos prestados mediante a modalidade de transporte baixo demanda manterán a súa oferta íntegra para aqueles supostos nos cales as persoas usuarias realicen reservas previas de prazas nos termos establecidos con carácter xeral para esta modalidade de prestación, prestándose unicamente nos casos nos que esta reserva se realice.

3. Para os efectos do indicado neste artigo, durante a situación de estado de alarma e, en todo caso, ata que se retome a actividade lectiva no ensino obrigatorio, os servizos de transporte público regular de viaxeiros por estrada da titularidade da Xunta de Galicia prestaranse de acordo co calendario «non lectivo».

4. Nestes servizos, as prazas dos vehículos dispoñibles limitaranse á metade da súa capacidade, e deberase garantir que non se ocupe máis dun asento da mesma fila nin asentos contiguos da mesma fila.

5. Deberán cumprirse, igualmente, o conxunto daquelas medidas preventivas que xa fosen establecidas pola Administración xeral da Xunta de Galicia con antelación á publicación da presente disposición.

6. Nos vehículos con prazas de pé, a ocupación da superficie destinada para estas persoas viaxeiras deberá ser, cando menos, dun metro cadrado por viaxeiro.

7. As empresas ou unións temporais de empresas que presten os servizos indicados neste artigo reformularán a oferta de servizos dos seus respectivos contratos atendendo aos anteriores criterios, así como coa finalidade de axeitar os horarios de prestación dos servizos ás franxas horarias que garantan que os cidadáns poidan acceder aos seus postos de traballo e aos servizos básicos.

8. Esta explotación será comunicada á dirección xeral competente en materia de transportes, utilizando exclusivamente medios electrónicos e anexando unha declaración responsable da persoa que teña a representación legal da empresa ou unión temporal de empresas, na que manifeste expresamente que a dita explotación se adapta plenamente aos ditos criterios. As anteriores comunicacións referentes aos contratos de concesión XG600 ao XG743 serán comunicadas respectando estritamente os formatos habilitados para tal fin na aplicación informática habilitada pola Xunta de Galicia para a explotación destes contratos.

9. A dita comunicación cursarase no prazo máximo de vinte e catro horas desde a entrada en vigor desta disposición; non obstante, cando por razóns técnicas ou operativas, non resulte viable a aplicación e comunicación das indicadas minoracións no prazo sinalado, efectuarase o axuste no prazo máis rápido posible, que non poderá durar máis de cinco días naturais.

10. A comunicación realizada consonte o anterior será inmediatamente executiva.

11. Coa finalidade de garantir a acomodación da oferta de transporte ás necesidades esenciais da poboación, por resolución da persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de transportes, poderá acordarse, en calquera momento, tanto a reposición de servizos como horarios de obrigado cumprimento por parte das empresas de transporte. A dita resolución, que poderá ser ditada sen necesidade de procedemento administrativo previo ningún, resultará inmediatamente executiva.

Artigo 3. Regras que hai que ter en conta no acceso aos servizos

Nos servizos de transporte público regular interurbano de viaxeiros de uso xeral que se desenvolvan nas áreas de transporte metropolitano de Galicia (A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo), utilizarase preferentemente como medio de pagamento a tarxeta de transporte de Galicia (TMG) e as tarxetas equivalentes integradas (TMG Xente Nova, Millenium e Cidadá).

Nos servizos que se presten no resto do territorio da Comunidade Autónoma, as empresas garantirán a súa prestación preferente con vehículos que dispoñan de sistemas de cancelación que admitan o pagamento cos indicados medios electrónicos, sempre que dispoñan dos mesmos.

Artigo 4. Medidas informativas

1. As empresas e unións temporais de empresas concesionarias dos servizos de transporte obxecto das minoracións establecidas nesta disposición darán a máxima información ás persoas usuarias da oferta de servizos que resulte de aplicación e utilización para tal fin a totalidade de canles das que dispoñan, incluída, se é posible, a publicación en medios de comunicación e en soportes web. Igualmente, remitirán a información da oferta de servizos ao conxunto de estacións de autobuses nas que teñan parada de xeito simultáneo á comunicación que realicen á Administración.

2. As empresas e unións temporais de empresas concesionarias dos servizos de transporte público aos que se fai referencia nesta disposición, e as estacións de autobuses de viaxeiros, darán a máxima difusión de todas as pautas que publiquen as autoridades sanitarias e que resulten pertinentes.

Para iso serviranse dos medios de transmisión da información máis adecuados e dispoñibles, xa sexan:

– Carteis dentro dos vehículos

– Carteis en expositores nas estacións e paradas.

– Imaxes e vídeos nas pantallas de información dos vehículos, estacións e paradas.

– Mensaxes nas diferentes Apps, en páxinas web corporativas, e en redes sociais.

Disposición derradeira. Entrada en vigor e recursos

1. A presente disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Contra a presente orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala de Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2020

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade