Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55-Bis Venres, 20 de marzo de 2020 Páx. 17170

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 20 de marzo de 2020, polo que se aproba a Instrución acerca da execución dos contratos de obra da Xunta de Galicia ante a situación provocada polo coronavirus COVID-19.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte de marzo de dous mil vinte, adoptou o seguinte acordo:

«Aprobar a Instrución acerca da execución dos contratos de obra da Xunta de Galicia ante a situación provocada polo coronavirus COVID-19, que se xunta como anexo.

ANEXO

INSTRUCIÓN ACERCA DA EXECUCIÓN DOS CONTRATOS DE OBRA DA XUNTA DE GALICIA ANTE A SITUACIÓN PROVOCADA POLO CORONAVIRUS COVID-19

Ao abeiro do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19; o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19; o Protocolo de actuación para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19, publicado no DOG do 12 de marzo de 2020; o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego) como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (Resolución do 13 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19; DOG número 49 bis, do 13 de marzo de 2020); e o Acordo do 15 de marzo de 2020, do Centro de Coordinación Operativa, mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19 (Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19; DOG número 51, do 15 de marzo de 2020).

Dítanse as seguintes instrucións, relativas ao desenvolvemento da execución de obras:

1. Continuarase a execución dos contratos de obras xa iniciadas, así como dos contratos asociados de servizo para coordinación da seguridade e saúde, dirección de obra, dirección de execución, control e vixilancia e control ambiental e seguimento arqueolóxico, salvo que, por concorrer a situación de feito creada polo COVID-19 ou as medidas adoptadas polo Estado ou pola Comunidade Autónoma de Galicia, e cando esta situación xere a imposibilidade de continuar a execución do contrato, o contratista solicite a súa suspensión e esta se acorde de conformidade co establecido no artigo 34 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19.

2. No caso de trámites concretos dos procedementos de contratación que tivesen un prazo de remate fixado no Sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia, ou noutra plataforma similar, e que se visen afectados pola suspensión de prazos prevista no Real decreto 463/2020, iniciada o 14 de marzo, continuará o computo do prazo unha vez finalizada a causa que motivou a suspensión, axustándose nese momento as novas datas de finalización do prazo no Sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia, ou noutra plataforma similar.

3. No caso de expedientes de contratación interrompidos como consecuencia da previsión contida na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, poderase continuar a súa tramitación ata o momento previo á sinatura da acta de comprobación da implantación, sempre que se xustifique a súa estreita relación cos feitos xustificativos do estado de alarma ou ben que son indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos. Neste caso, se as circunstancias o permiten, será posible asinar a acta de comprobación de implantación e comezar a execución dos traballos.

4. Nas obras que continúen a súa execución avaliarase entre a empresa contratista e a dirección de obra a oportunidade de iniciar actividades ou tarefas que poidan implicar afeccións de longa duración, considerando como tales as que supoñan unha alteración prolongada da circulación como desvíos ou cortes de tráfico, ou por cuxa propia natureza sexan de difícil paralización unha vez iniciadas.

5. A actividade de construción non aparece identificada como actividade suspendida no anexo do Real decreto 463/2020 e no punto sétimo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, e no Acordo do 15 de marzo de 2020 do Centro de Coordinación Operativa. O risco de infección polo coronavirus COVID-19 non pode entenderse como un risco específico da actividade de construción, senón como un problema xeral de saúde pública. Por este motivo, deberán ser os propios servizos de prevención (por conta propia ou allea) de cada unha das empresas os que determinen as medidas de protección que se implementarán entre os traballadores atendendo para isto ás indicacións que se realicen desde os organismos competentes en saúde pública.

6. Serán os responsables de cada empresa contratista os encargados de transmitir as medidas adoptadas indicadas anteriormente aos respectivos coordinadores de seguridade. Con carácter xeral, non será preciso modificar os plans de seguridade e saúde vixentes nas obras. Soamente no suposto de que as medidas de prevención (adoptadas en cada empresa polos seus propios servizos de prevención) implicasen cambios no proceso construtivo dalgunha unidade de obra, sería necesaria a oportuna modificación do Plan de seguridade e saúde e, polo tanto, a realización e aprobación do anexo correspondente como se fai habitualmente noutras ocasións, con independencia da orixe do cambio. Se non é posible adoptar un proceso construtivo coas adecuadas garantías de seguridade e compatible coas medidas de prevención habería que determinar a suspensión temporal total da obra ou ben parcial da dita actividade como se indica a continuación.

7. Será o coordinador de seguridade da obra, en función das súas atribucións, o que determine en último caso a posible incidencia das medidas adoptadas pola empresa no desenvolvemento dos traballos de construción de xeito que se cumpran, coa debida garantía, as necesarias condicións de seguridade e saúde.

8. Se, segundo o criterio do coordinador de seguridade, as medidas propostas impedisen a normal execución dos traballos coas debidas garantías de seguridade para os traballadores, este estaría facultado a paralizar as ditas obras coa correspondente anotación no libro de incidencias.

9. No caso de imposibilidade de continuidade dos traballos por concorrer a situación de feito creada polo COVID-19 ou as medidas adoptadas polo Estado, e cando esta situación xere a imposibilidade de continuar a execución do contrato, o contratista poderá solicitar a súa suspensión de conformidade co establecido no artigo 34 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 .

10. No caso de suspensión de obras adoptaranse as medidas necesarias para o aseguramento físico destas de modo que non haxa riscos para terceiros e para a propia obra. No caso de obras en estradas, sinalizaranse axeitadamente para garantir a normal circulación de vehículos e a seguridade das persoas usuarias da vía.

11. Nas obras que se realicen en edificios nos cales exista persoal que deba permanecer nel en réxime de quendas segundo a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa, mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, o responsable do dito persoal permitirá aos traballadores da empresa contratista o acceso á zona do edificio en obras. Tamén permitirá o acceso aos técnicos facultativos das unidades técnicas e de servizos centrais, así como aos coordinadores da seguridade e saúde, dirección de obra e dirección de execución.

12. No caso no que o director de obra ou o coordinador de seguridade e saúde sexa un empregado público da Xunta de Galicia, o desenvolvemento das súas funcións deberá axustarse ao disposto na Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa, mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, e en todas as instrucións e protocolos en que se dispoñan medidas de prevención do COVID-19, en especial no referente á limpeza de vehículos que, de ser o caso, se utilicen para a visita ás obras».

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza