Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115-Bis Sábado, 13 de xuño de 2020 Páx. 23550

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 90/2020, do 13 de xuño, polo que se declara a superación da fase III do Plan para a desescalada das medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte á pandemia do COVID-19, aprobado mediante o Acordo do Consello de Ministros do 28 de abril de 2020 e, polo tanto, a entrada na nova normalidade, con efectos desde as 00.00 horas do día 15 de xuño de 2020.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus COVID-19 a nivel de pandemia internacional. Esta expansión está a xerar unha crise sen precedentes recentes na saúde pública que afecta todos os sectores e individuos. As distintas administracións, organismos e institucións, nacionais e internacionais, tiveron que adoptar medidas drásticas e urxentes para a prevención e loita contra a pandemia.

Neste sentido, o 13 de marzo de 2020, o Consello da Xunta de Galicia, aprobou o Acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego) como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, coa conseguinte asunción da dirección do Plan e de todas as actividades de emerxencia polo titular da Presidencia da Xunta de Galicia, de acordo co previsto nel.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, dentro das medidas previstas para facer fronte á situación ocasionada pola extensión do COVID-19. A declaración afectou todo o territorio nacional por un período inicial de quince días naturais e que foi obxecto de ata seis prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados. Tras o período inicial de quince días naturais e o correspondente á primeira e á segunda prórrogas do estado de alarma, iniciouse, durante a terceira prórroga, un proceso de redución progresiva das medidas extraordinarias de restrición da mobilidade, do contacto social e do exercicio de actividades establecidas na versión inicial do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, en especial con motivo da aprobación, polo Consello de Ministros na súa reunión do 28 de abril, do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. No dito plan prevese un proceso gradual de volta á normalidade dividido en catro fases: unha fase cero ou preliminar e tres fases de desescalada, diferenciadas en función das actividades permitidas en cada unha delas, polas que poderán transitar os diferentes territorios en función de diversos criterios e indicadores ata chegar á denominada nova normalidade, en que se porá fin ás medidas de contención, pero se manterá a vixilancia epidemiolóxica, a capacidade reforzada do sistema sanitario e as medidas de autoprotección da cidadanía.

Durante a vixencia da sexta e última prórroga do estado de alarma, fixada ata as 00.00 horas do 21 de xuño, o Real decreto 555/2020, do 5 de xuño, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, prevé, no seu artigo 5, que a superación de todas as fases previstas no Plan para a desescalada das medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte á pandemia de COVID-19, aprobado polo Consello de Ministros na súa reunión do 28 de abril de 2020, determinará que queden sen efecto as medidas derivadas da declaración do estado de alarma nas correspondentes provincias, illas ou unidades territoriais. Ademais, conforme o artigo 6 do mesmo real decreto, serán as comunidades autónomas as que poidan decidir, para os efectos do artigo 5 e consonte criterios sanitarios e epidemiolóxicos, a superación da fase III nas diferentes provincias, illas ou unidades territoriais da súa Comunidade e, polo tanto, a súa entrada na nova normalidade.

De acordo coa normativa estatal citada, o 12 de xuño de 2020 o Consello da Xunta de Galicia, como autoridade sanitaria de conformidade co artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, por proposta do conselleiro de Sanidade e á vista do informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, con base en criterios sanitarios e epidemiolóxicos, adoptou o acordo de que a Comunidade Autónoma de Galicia, como unidade territorial, está en condicións de superar a fase III do Plan para a desescalada das medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte á pandemia de COVID-19, aprobado mediante o Acordo do Consello de Ministros do 28 de abril de 2020.

En efecto, o Consello da Xunta de Galicia tivo en conta que, de acordo co informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, a evolución da epidemia en Galicia segue unha clara curva descendente en todas as provincias, cunhas cifras de casos claramente por debaixo de 5 por día en toda a Comunidade nos últimos días. En consonancia con isto, as taxas de incidencia acumulada a tres e sete días mostran unha clara evolución descendente. Por outra banda, nos 10 primeiros días deste mes, o número de casos diagnosticados con PCR e de taxas por 100.000 habitantes diminuíu moi apreciablemente no período de 7 e no de 14 días, onde se observa un descenso de ambos os parámetros nun 70 % e case un 50 %, respectivamente, en relación cos devanditos períodos. Tamén a distribución territorial dos casos mostra que se consolida a tendencia no crecemento do número de municipios que non tiveron casos nos últimos 14 e 28 días, o que indica a tendencia á desaparición da circulación do virus en cada vez máis parte do territorio. Considerando dous períodos de incubación (28 días), habería 256 municipios sen ningún caso neste tempo (229 anteriormente ao 1 de xuño) e 286 en 14 días (273 antes). Ademais, cabe destacar que para casos diagnosticados nos últimos 7 e 14 días a incidencia acumulada (IA) de Galicia é a menor de España, máis de dez veces inferior á IA española. A capacidade de detección mostra unha situación favorable, cunha porcentaxe de positivos moi inferior ao 2 % de probas realizadas de maneira sostida durante o último mes en todas as provincias. Ademais, nas últimas semanas non se detectou ningunha agregación de casos ou brote.

Este acordo, así como os criterios sanitarios e epidemiolóxicos en que se basea, foi comunicado no propio día da súa adopción pola persoa titular da Consellería de Sanidade á persoa titular do Ministerio de Sanidade, na súa condición de autoridade competente delegada para os efectos do estado de alarma, de acordo co disposto no artigo 6 do Real decreto 555/2020, do 5 de xuño, para o seu coñecemento e debida coordinación. O Goberno, en comparecencia pública do ministro de Sanidade e a través de nota oficial, fixo pública a súa conformidade co acordo do Consello da Xunta de Galicia sobre a superación da fase III do Plan para a desescalada.

O acordo do Consello da Xunta de Galicia indica que, unha vez efectuada a comunicación aludida, o presidente da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 6.2 do Real decreto 555/2020, do 5 de xuño, poderá dispoñer formalmente, mediante decreto publicado no Diario Oficial de Galicia, a superación da fase III e, polo tanto, a entrada na nova normalidade, indicando o día a partir do cal terá efectos esta decisión.

A superación da fase III, ben que implica que queden sen efecto as medidas extraordinarias derivadas do estado de alarma adoptadas polo Goberno do Estado e polas súas autoridades competentes delegadas, non implica, naturalmente, a fin da crise sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma nin o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego.

En efecto, a superación da fase III debe levar consigo a adopción, por parte das administracións competentes, das necesarias medidas de prevención que permitan seguir facendo fronte e controlando a pandemia, tendo en conta a subsistencia dunha situación de crise sanitaria. Neste sentido, no ámbito estatal ditouse o Real decreto lei 21/2020, do 9  de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, as cales, conforme o disposto no seu artigo 2.2, serán de aplicación naquelas unidades territoriais que superasen a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

No ámbito autonómico, a resposta, necesaria e urxente, á crise sanitaria que aínda subsiste, malia a superación da fase III, debe ser, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, a adopción de medidas de prevención con fundamento nas previsións da normativa sanitaria que habilitan para iso.

Por tanto, o afrontamento da crise seguirá efectuándoo en Galicia a Administración autonómica no pleno exercicio das súas competencias, de acordo coas potestades que lle recoñece a lexislación sanitaria e de emerxencias.

Deste modo, con data do 13 de xuño de 2020, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, en que se recollen as medidas de prevención aplicables tras a superación da dita fase e ata o levantamento da declaración de situación de emerxencia sanitaria, as cales, conforme o indicado no dito acordo, serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

En consecuencia, de conformidade coas previsións normativas indicadas, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, e ao abeiro do disposto no artigo 6.2 do Real decreto 555/2020, do 5 de xuño,

DISPOÑO:

Primeiro. Superación da fase III no territorio da Comunidade Autónoma

Declárase a superación na Comunidade Autónoma de Galicia, como unidade territorial, da fase III do Plan para a desescalada das medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte á pandemia do COVID-19, aprobado mediante o Acordo do Consello de Ministros do 28 de abril de 2020 e, polo tanto, a entrada na nova normalidade, con efectos desde as 00.00 horas do día 15 de xuño de 2020.

Segundo. Perda de efectos das medidas derivadas da declaración do estado de alarma

De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 555/2020, do 5 de xuño, a partir das 00.00 horas do día 15 de xuño, coa superación de todas as fases previstas no Plan para a desescalada das medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte á pandemia de COVID-19, quedarán sen efecto as medidas derivadas da declaración do estado de alarma adoptadas polo Goberno do Estado e polas súas autoridades competentes delegadas na unidade territorial formada pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Afrontamento da crise por parte da Administración autonómica no pleno exercicio das súas competencias, de acordo coas potestades que lle recoñece a lexislación sanitaria e de emerxencias

A superación da fase III debe levar consigo a adopción, por parte das administracións competentes, das necesarias medidas de prevención que permitan seguir facendo fronte e controlando a pandemia, tendo en conta a subsistencia dunha situación de crise sanitaria, polo que o afrontamento da crise seguirá efectuándoo en Galicia a Administración autonómica no pleno exercicio das súas competencias, de acordo coas potestades que lle recoñece a lexislación sanitaria e de emerxencias. Para estes efectos, manterase a declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

En particular, será aplicable o disposto no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, de conformidade co seu artigo 2.

Así mesmo, no marco indicado, serán aplicables, desde as 00.00 horas do día 15 de xuño, as medidas de prevención recollidas no Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, publicado no Diario Oficial de Galicia número 115, do 13 de xuño de 2020, pola Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, nos termos indicados no dito acordo.

Santiago de Compostela, trece de xuño de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente