Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158-Bis Venres, 7 de agosto de 2020 Páx. 31569

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020. Mediante sucesivos acordos do Consello da Xunta, do 25 de xuño, do 17, do 24 e do 30 de xullo de 2020, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

De acordo co informe sobre a situación epidemiolóxica na comarca da Coruña (concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada), elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 7 de agosto de 2020, despréndese que as cadeas de transmisión na dita comarca seguen en evolución, co cal é de esperar que sigan a aparecer máis casos, ademais de que os datos amosan un certo grao de transmisión comunitaria.

Preocupa, en particular, o incremento de casos positivos nas últimas horas, que pode anticipar una tendencia para os próximos días, o que aconsella adoptar canto antes medidas de prevención específicas.

Así, tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, cómpre, en consecuencia, adoptar con urxencia medidas de prevención específicas nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, para facer fronte aos abrochos e ás cadeas de transmisións existentes e garantir a súa contención, prevendo unhas medidas para todo o ámbito territorial indicado (conectadas cos factores de maior risco de transmisión, que son o lecer nocturno e o conectado coas festas, verbenas e outros eventos populares, por un lado, e as agrupacións de persoas, por outro) e, a maiores, outras medidas específicas, fundamentalmente relacionadas con limitacións de capacidade, aplicables naqueles concellos cunha incidencia máis alta.

En particular, considérase que as medidas tendentes a limitar os grupos de persoas para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, e as limitacións para o lecer nocturno e festas, verbenas e outros eventos populares, deben adoptarse para todo o ámbito da comarca, tendo en conta a natureza destas actividades, os riscos asociados a elas e a idade da poboación que está afectando de forma predominante o virus neste momento. Así mesmo, debe terse en conta que existe moita conexión e relación entre os concellos afectados, e a adopción das medidas para todo o ámbito tende a evitar desprazamentos indesexables entre eles, que poden contribuír a espallar máis o virus.

Pola súa parte, o resto das medidas específicas, fundamentalmente relacionadas con limitacións de capacidade, afectan o concello da Coruña, núcleo principal en que se concentran actualmente os contaxios, e os concellos que forman xeograficamente o seu cinto inmediato, onde tamén se observa unha maior incidencia en relación co resto da comarca.

Adicionalmente, de acordo co principio de precaución, deben adoptarse medidas en relación con determinados establecementos de servizos sociais nos concellos de toda a área sanitaria da Coruña e Cee, tendo en conta as específicas exixencias de protección da poboación afectada dada a súa especial vulnerabilidade.

Estas medidas teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En particular, cómpre salientar que a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, prevé, no seu artigo primeiro que, co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, as autoridades sanitarias das distintas administracións públicas poderán, dentro do ámbito das súas competencias, adoptar as medidas previstas na dita lei cando así o exixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade.

O artigo segundo habilita as autoridades sanitarias competentes para adoptaren medidas de recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios racionais que permitan supoñer a existencia de perigo para a saúde da poboación debido á situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de persoas ou polas condicións sanitarias en que se desenvolve unha actividade. E, para o caso concreto de enfermidades transmisibles, o artigo terceiro dispón que, co fin de controlalas, a autoridade sanitaria, ademais de realizar as accións preventivas xerais, poderá adoptar as medidas oportunas para o control dos enfermos, das persoas que estean ou teñan estado en contacto con estes e do contorno inmediato, así como as que se consideren necesarias en caso de risco de carácter transmisible. E o artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, prevé que as autoridades sanitarias poderán levar a cabo intervencións públicas nos supostos de riscos para a saúde de terceiras persoas, nos mesmos termos previstos nos artigos 2 e 3 da Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, antes citados.

Non se recolle, pois, unha lista pechada de medidas de prevención, senón que se poderán adoptar, de acordo cos principios de precaución e de proporcionalidade que deben rexer as actuacións en materia de saúde, as necesarias para facer fronte ao concreto risco sanitario de que se trate.

En todo caso, e en atención a tales principios, estas medidas serán reavaliadas nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación desta orde, en función da evolución da situación epidemiolóxica na zona.

Por outra banda, as medidas de prevención que se recollen nesta orde teñen un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de transmisión dunha enfermidade contaxiosa como a que nos ocupa, e a vixilancia, inspección e control do seu cumprimento corresponden aos concellos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas (artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia), as competencias dos concellos no control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía, dos lugares de convivencia humana (artigo 80.3 da lei citada), así como a súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

Polo tanto, os alcaldes e alcaldesas, como autoridade sanitaria, deben garantir, nas referidas actividades, servizos e lugares de convivencia humana, os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía (artigo 33.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia) e, polo tanto, garantir a vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas preventivas aprobadas pola Administración autonómica e daquelas que, no seu desenvolvemento e atendendo á situación concreta, poida establecer o Concello.

Así mesmo, as forzas e corpos de seguridade teñen un papel fundamental no necesario control do cumprimento das medidas de prevención, papel que veñen desempeñando durante toda esta crise sanitaria, a través da formulación das correspondentes denuncias e remisión ás autoridades competentes, nos casos en que se detecte o seu incumprimento. Débese lembrar a este respecto que o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. Tendo en conta a existencia dunha declaración de emerxencia sanitaria, resulta esencial a colaboración das forzas e corpos de seguridade coa finalidade de preservar a seguridade e a convivencia cidadá.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer determinadas medidas de prevención, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Segundo. Restricións ás agrupacións de persoas para a protección da saúde ante a existencia dun risco de carácter transmisible

1. Á vista da evolución da situación epidemiolóxica e coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade, adóptase, en todo o ámbito territorial incluído no punto primeiro, de modo temporal, durante o período ao cal se estenda a eficacia das medidas previstas na presente orde de acordo co seu punto sexto, a medida de limitar os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados a un máximo de dez persoas, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación.

2. O incumprimento da medida de prevención establecida neste punto poderá dar lugar á imposición das sancións e a outras responsabilidades previstas no ordenamento xurídico.

3. En particular, para os efectos da execución e control desta medida de prevención, no marco da situación de emerxencia sanitaria declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, solicitarase a colaboración das forzas e corpos de seguridade.

4. Para a execución da medida prevista neste punto buscarase sempre con preferencia a colaboración voluntaria das persoas destinatarias coas autoridades sanitarias. Non obstante, malia que esta medida non se individualiza en persoas determinadas dada a súa adopción con carácter xeral, tendo en conta que nos casos de ausencia de colaboración voluntaria a súa execución pode requirir a adopción de actos de imposición coactiva que poden supoñer restricións de dereitos fundamentais, e para coadxuvar na súa plena efectividade, solicitarase a súa ratificación xudicial, de acordo co previsto no número 6 do artigo 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Outras medidas

1. Acórdase, en todo o ámbito territorial incluído no punto primeiro, o peche das actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, das festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras, durante o período a que se estenda a eficacia das medidas previstas na presente orde de acordo co seu punto sexto.

Para estes efectos, quedan incluídos nos establecementos de lecer nocturno as discotecas, pubs, cafés espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, e a medida de peche abrangue as actividades que se desenvolvan tanto no interior dos locais como nas terrazas dos ditos establecementos.

2. Así mesmo, serán de aplicación, en todo o ámbito territorial incluído no punto primeiro, as medidas de prevención contidas nos números 1 e 2 do anexo.

3. Nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros aplicaranse, ademais, as limitacións de capacidade e as restantes medidas de prevención específicas recollidas no número 3 do anexo.

4. En todo o non previsto nesta orde, e no que sexa compatible con ela, serán de aplicación, en todo o ámbito territorial previsto no punto primeiro, as medidas que, con carácter xeral, se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Cuarto. Medidas adicionais específicas respecto de determinados centros de servizos sociais na área sanitaria da Coruña e Cee

De acordo co principio de precaución, tendo en conta as específicas exixencias de protección da poboación afectada dada a súa especial vulnerabilidade, aplicaranse as seguintes medidas nos concellos da área sanitaria da Coruña e Cee:

a) Permanecerán pechados, mentres non se dite resolución da consellería competente en materia de política social que acorde a súa reapertura, os centros de atención diúrna para persoas maiores ou persoas con discapacidade e os centros ocupacionais, agás para a realización de terapias individuais en domicilios ou centros con cita previa, e as casas do maior.

b) De acordo cos protocolos existentes para estes efectos, suspéndense as visitas e as saídas dos residentes dos centros residenciais de persoas maiores e persoas con discapacidade. Esta suspensión poderá ser levantada pola consellería competente en materia de política social cando se dean as condicións precisas para isto.

Quinto. Control do cumprimento das medidas e réxime sancionador

1. A vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención que se recollen nesta orde, e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía, corresponderán aos concellos dentro das súas competencias e sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas de acordo co artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e as competencias dos concellos de control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e dos lugares de convivencia humana, de acordo co artigo 80.3 do mesmo texto legal, así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

2. Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento das medidas de prevención aplicables.

3. As forzas e corpos de seguridade darán traslado ás autoridades competentes das denuncias que formulen polo incumprimento das medidas de prevención.

Sexto. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 8 de agosto de 2020. Non obstante, as medidas recollidas nela serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Medidas de prevención específicas

1. Obrigas xerais.

1.1. Obrigas de cautela e protección.

Todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos. Este deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade.

Así mesmo, deberán respectarse as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención do COVID-19.

1.2. Persoas con sintomatoloxía.

Calquera persoa que experimente algún dos síntomas máis comúns compatibles co COVID-19, tales como febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos, deberá permanecer no seu domicilio e comunicalo ao seu servizo sanitario coa maior brevidade.

Igualmente, se existen conviventes no domicilio, deberá evitar o contacto con eles e, se é posible, usar un cuarto de forma exclusiva ata recibir instrucións do seu servizo sanitario.

1.3. Distancia de seguridade interpersoal.

Deberá cumprirse a medida de mantemento da distancia de seguridade interpersoal establecida polo Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 de, polo menos, 1,5 metros ou, na súa falta, medidas alternativas de protección física con uso de máscara, de hixiene adecuada e etiqueta respiratoria.

1.4. Obrigatoriedade do uso de máscaras.

Será obrigatorio o uso da máscara nas condicións establecidas no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción dada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de xullo de 2020.

Os titulares dos establecementos, espazos ou locais deberán garantir o cumprimento desta obriga neles.

1.5. Medidas específicas para casos e contactos estreitos.

As persoas que sexan consideradas caso sospeitoso ou probable de infección polo virus SARS-CoV-2, por teren infección respiratoria aguda grave con cadro clínico ou radiolóxico compatible co COVID-19, ou que estean pendentes dos resultados de probas diagnósticas por este motivo, as que sexan consideradas como caso confirmado con infección activa e as consideradas contacto estreito dun caso sospeitoso, probable ou confirmado, deberán seguir as condicións de illamento ou corentena que lles sexan indicadas desde os dispositivos asistenciais ou de saúde pública, sen poderen abandonar o seu domicilio ou lugar de illamento ou corentena en ningún caso, salvo autorización expresa do servizo sanitario por causas debidamente xustificadas.

2. Medidas xerais de hixiene e prevención.

Sen prexuízo das normas ou protocolos específicos que se establezan, serán aplicables a todos os establecementos, locais de negocio, instalacións e espazos de uso público e actividades de carácter público as medidas xerais de hixiene e prevención establecidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción vixente.

3. Limitacións de capacidade e medidas de prevención específicas por sectores aplicables nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.

3.1. Velorios e enterros.

1. Os velorios poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, debidamente habilitadas, cun límite máximo, en cada momento, de vinte e cinco persoas en espazos ao aire libre ou de dez persoas en espazos pechados, sexan ou non conviventes.

2. A participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de vinte e cinco persoas, entre familiares e achegados, ademais, de ser o caso, do ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.

3.2. Lugares de culto.

1. A asistencia a lugares de culto non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade. A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.

2. Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.

3.3. Cerimonias nupciais e outras celebracións relixiosas ou civís.

1. No caso de que estas cerimonias ou celebracións se leven a cabo en lugares de culto, deberán aplicarse as regras de capacidade e as medidas de hixiene e prevención na celebración de actos de culto relixioso recollidas especificamente nesta orde e, no que sexa compatible co disposto nela, no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción vixente. Deberanse evitar, en calquera caso, as aglomeracións á entrada e saída dos lugares de culto.

2. As celebracións que poidan ter lugar tras a cerimonia en establecementos de hostalaría e restauración axustaranse ás condicións e á capacidade previstas para a prestación do servizo nestes establecementos.

3.4. Establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais.

1. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade total. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.

Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nos locais e establecementos ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.4 deste anexo».

2. Procurarase a atención con servizo preferente para maiores de 65 anos.

3.5. Establecementos que teñan a condición de centros e parques comerciais ou que formen parte deles.

1. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público situados en centros e parques comerciais non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade total. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.

2. Non se permitirá a permanencia de clientes nas zonas comúns excepto para o tránsito entre os establecementos, salvo na actividade de hostalaría e restauración que se leve a cabo nas ditas zonas, a cal se deberá axustar ao previsto especificamente para estas actividades. Queda prohibida a utilización de zonas recreativas como poden ser zonas infantís, ludotecas ou áreas de descanso, que deben permanecer pechadas.

3. Deberanse establecer as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no interior dos locais e establecementos e nas zonas comúns ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.4 deste anexo. Ademais, deberán evitarse as aglomeracións de persoas que comprometan o cumprimento destas medidas.

4. Procurarase a atención con servizo preferente para maiores de 65 anos.

3.6. Mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública.

1. No caso dos mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública ao aire libre ou de venda non sedentaria, coñecidos como feiras, non poderán superar o cincuenta por cento dos postos habituais ou autorizados, limitando a afluencia de clientes de maneira que se asegure o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

Os concellos poderán aumentar a superficie habilitada ou habilitar novos días para o exercicio desta actividade para compensar esta limitación.

Á hora de determinar os comerciantes que poden exercer a súa actividade, o Concello poderá dar prioridade a aqueles que comercializan produtos alimentarios e de primeira necesidade, asegurando que os consumidores non manipulen os produtos comercializados neles.

3.7. Actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación e actividade formativa xestionada ou financiada pola Administración autonómica en centros e entidades de formación.

A actividade que se realice nestes centros poderá impartirse dun modo presencial sempre que non se supere unha capacidade do cincuenta por cento respecto do máximo permitido e cun máximo de dez persoas por grupo.

3.8. Establecementos de hostalaría e restauración.

1. Os establecementos de hostalaría e restauración non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade para consumo no interior do local.

2. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes ou, de ser o caso, grupos de clientes. Non está permitido o consumo na barra.

3. As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao cincuenta por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

Consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.

No caso de que o establecemento de hostalaría e restauración obtivese o permiso do Concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderase incrementar o número de mesas previsto no primeiro parágrafo deste número 3, respectando, en todo caso, unha proporción do cincuenta por cento entre mesas e superficie dispoñible e sempre que se manteña o espazo necesario para a circulación peonil no tramo da vía pública en que se sitúe a terraza.

4. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas.

5. Os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde das 00.30 horas, sen que se poida permitir o acceso de ningún cliente nin expedir consumición ningunha desde esa hora, e cun período máximo de desaloxamento de trinta minutos.

3.9. Condicións para ocupación de zonas comúns de hoteis e aloxamentos turísticos.

1. A ocupación das zonas comúns dos hoteis e aloxamentos turísticos non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade.

Para iso, cada establecemento deberá determinar a capacidade dos distintos espazos comúns, así como aqueles lugares en que se poderán realizar eventos e as condicións máis seguras para a súa realización conforme a capacidade máxima prevista e de acordo coas medidas de hixiene, protección e distancia mínima establecidas.

2. As actividades de animación ou clases grupais deberán deseñarse e planificarse cunha capacidade máxima de dez persoas, incluídos os monitores, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas conviventes.

3.10. Albergues turísticos.

Na modalidade de aloxamento turístico de albergue permitirase unha capacidade máxima do cincuenta por cento da máxima permitida.

3.11. Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais.

1. Nas bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais, tanto de titularidade pública como privada, poderán realizarse actividades presenciais sen superar o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida.

2. Este límite de ocupación será aplicable tamén á realización de actividades culturais nestes espazos e cun máximo de ata dez persoas nas actividades de grupos, incluído o monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

3.12. Actividade en cines, teatros, auditorios, circos de toldo e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.

1. Os cines, teatros, auditorios, circos de toldo e espazos similares poderán desenvolver a súa actividade contando con butacas preasignadas, sempre que non superen o cincuenta por cento da capacidade permitida en cada sala.

2. No caso doutros recintos, locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas distintos dos previstos no parágrafo anterior, poderán desenvolver a súa actividade sempre que o público permaneza sentado e que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida.

3. En calquera caso, será de aplicación un límite máximo de sesenta persoas para lugares pechados e de cento cincuenta persoas no caso de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cen persoas para lugares pechados e trescentas persoas no caso de actividades ao aire libre, logo da autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios, de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación do Ministerio de Sanidade, ou aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

3.13. Centros de lecer infantil.

Os centros de lecer infantil poderán levar a cabo a súa actividade cumprindo o Protocolo en materia de lecer infantil para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 aprobado pola Orde da Consellería de Sanidade do 30 de xuño de 2020, e cunha capacidade máxima do cincuenta por cento do seu total.

3.14. Actividades e instalacións deportivas.

1. A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de dez persoas de forma simultánea.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata dez persoas, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de dez persoas simultaneamente no caso dos adestramentos. Non se aplicará este límite nas competicións onde as regras federativas garantan espazos diferenciados para cada equipo. No caso de realizarse en instalacións deportivas, a práctica axustarase, ademais, aos termos establecidos no parágrafo anterior.

3.15. Celebración de eventos deportivos, de adestramentos e de competicións deportivas con público.

A celebración de eventos deportivos, adestramentos, competicións deportivas que se celebren en instalacións deportivas ou na vía pública poderán desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado, que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida da instalación ou do espazo de que se trate e cun límite de sesenta persoas para lugares pechados, e de cento cincuenta persoas no caso de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cen persoas para lugares pechados e trescentas persoas no caso de actividades ao aire libre, logo da autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios, de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación do Ministerio de Sanidade, ou aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

3.16. Piscinas.

1. As piscinas ao aire libre ou cubertas, para uso deportivo ou recreativo, deberán respectar o límite do cincuenta por cento da súa capacidade, tanto no relativo ao acceso como durante a propia práctica deportiva ou recreativa e sen poderen exceder o límite de cen persoas de ocupación. Quedan exentas destas limitacións as piscinas unifamiliares de uso privado.

2. Nas zonas de estadía das piscinas establecerase unha distribución espacial para manter a distancia de seguridade interpersoal entre os usuarios e cun máximo de dez persoas por grupo, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación.

3. Exceptúase o uso da máscara nas piscinas durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas piscinas.

3.17. Especificidades para determinadas actividades de natureza e turísticas.

Poderán realizarse actividades de turismo activo e de natureza, organizadas por empresas habilitadas como empresas de turismo activo, e a actividade de guía turístico, para grupos de ata un máximo de dez persoas, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

3.18. Centros de interpretación e visitantes, aulas da natureza, casetas e puntos de información.

Nos centros de interpretación e visitantes, nas aulas da natureza, casetas e puntos de información da Rede galega de espazos protexidos non se poderá exceder o cincuenta por cento da súa capacidade e deberá respectarse o máximo de dez persoas nas actividades de grupos, incluído o monitor ou guía. Ademais, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

3.19. Realización de actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil.

1. Poderanse realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil, cando estas se leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes ao cincuenta por cento da súa asistencia máxima habitual, cun máximo de cen participantes, incluídos os monitores. Cando estas actividades se realicen en espazos pechados, non se deberá superar o cincuenta por cento da capacidade máxima do recinto, cun máximo de cincuenta participantes, incluídos os monitores.

2. As actividades deberán realizarse en grupos de ata dez persoas participantes, incluídos os monitores correspondentes, que deberán traballar sen contacto entre os demais grupos.

3.20. Uso das praias.

1. Os concellos deberán establecer limitacións tanto de acceso como de capacidade das praias co fin de asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade entre usuarios. Para os efectos de calcular a capacidade máxima permitida por cada praia, considerarase que a superficie de praia que vai ocupar cada usuario será de, polo menos, catro metros cadrados.

2. A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a outros usuarios. Deberá, ademais, respectarse o límite máximo de dez persoas por grupo, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación.

3. Exceptúase o uso da máscara nas praias durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias.

3.21. Centros recreativos turísticos, zoolóxicos, acuarios ou similares.

1. Os centros recreativos turísticos, zoolóxicos, acuarios ou similares poderán realizar a súa actividade sempre que se limite a súa capacidade total ao cincuenta por cento.

2. As visitas de grupos serán dun máximo de dez persoas, incluído o monitor ou guía, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

3.22. Parques e zonas deportivas de uso público ao aire libre.

Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.

3.23. Celebración de congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias, eventos e actos similares.

1. Poderanse celebrar congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias e eventos e actos similares promovidos por calquera entidade, de natureza pública ou privada, sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida do lugar de celebración e cun límite máximo de sesenta persoas para lugares pechados e de cento cincuenta persoas no caso de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cen persoas para lugares pechados e trescentas persoas no caso de actividades ao aire libre, logo da autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios, de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade por COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación do Ministerio de Sanidade, ou aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

O recollido neste número será tamén de aplicación para reunións profesionais, xuntas de comunidades de propietarios e eventos similares.

3.24. Establecementos e locais de xogo e apostas.

1. Os casinos, establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida.

2. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas. En calquera caso, deberase respectar un máximo de cen persoas en espazos ao aire libre ou de cincuenta persoas en espazos pechados.

3. Os establecementos e locais deberán pechar non máis tarde das 00.30 horas, sen que poida permitirse o acceso de ningún cliente nin expedir consumición ningunha desde esa hora, e cun período máximo de desaloxamento de trinta minutos.

3.25. Limitación de capacidade para outros locais ou establecementos comerciais.

1. Con carácter xeral, calquera outro local ou establecemento comercial para o cal non se recollan expresamente unhas condicións de capacidade na presente orde, nin en protocolos ou normativa específica que lles sexa aplicable, non poderá superar o cincuenta por cento da capacidade autorizada ou establecida. En calquera caso, deberase respectar un máximo de sesenta persoas para lugares pechados e de cento cincuenta persoas no caso de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cen persoas para lugares pechados e trescentas persoas no caso de actividades ao aire libre, logo da autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios, de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade por COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación do Ministerio de Sanidade, ou aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

O disposto neste número 1 non será de aplicación nos establecementos comerciais de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade, establecementos farmacéuticos, servizos médicos ou sanitarios, ópticas, produtos ortopédicos, produtos hixiénicos, salóns de peiteado, prensa e papelaría, combustible para a automoción, estancos, equipamentos tecnolóxicos e de telecomunicacións, alimentos para animais de compañía, comercio pola internet, telefónico ou correspondencia, tinturarías e lavandarías, sen prexuízo da necesidade de cumprir as obrigas xerais previstas na presente orde e as medidas xerais de hixiene e protección.

2. As actividades en grupos deberán realizarse ata un máximo de dez persoas participantes, incluídos os monitores, guías ou encargados correspondentes, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

3. En calquera caso, poderase suspender a actividade de calquera establecemento que, a xuízo da autoridade competente, poida supor un risco de contaxio polas condicións en que se estea desenvolvendo.