Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183-Bis Mércores, 9 de setembro de 2020 Páx. 35548

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 9 de setembro de 2020 sobre levantamento das medidas de prevención específicas no concello de Santa Comba como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no dito concello.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santa Comba, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 2 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santa Comba.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 3 de setembro de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 144/2020, do 4 de setembro de 2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela.

En cumprimento do disposto no punto sexto da Orde do 2 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas previstas nela co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente no concello de Santa Comba. Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 9 de setembro, sobre a situación na comarca de Xallas, indícase que a incidencia acumulada a 3 días e a 7 días baixou de forma significativa e que o número reprodutivo instantáneo se mantén por debaixo do 1. No concello de Santa Comba a taxa a tres días xa está por debaixo da taxa xeral de Galicia. O informe considera que a redución de casos e taxas indica que as medidas restritivas tiveron efecto, pero que neste momento non habería inconveniente en levantalas e que este concello poida quedar coas limitacións que afectan outros territorios de Galicia en que non existen brotes.

Así, tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Santa Comba non impón a necesidade de manter medidas de prevención específicas neste concello, polo que procede deixar sen efecto as adoptadas na Orde do 2 de setembro de 2020 citada. En consecuencia, no dito concello aplicaranse as medidas de prevención xerais vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 contidas na redacción vixente do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para transición cara a unha nova normalidade.

En atención ao exposto, en aplicación do punto sexto da Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santa Comba, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Levantamento das medidas de prevención específicas no concello de Santa Comba

Quedan sen efecto as medidas de prevención específicas previstas na Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santa Comba.

Segundo. Aplicación das medidas de prevención establecidas con carácter xeral

Serán de aplicación, no concello de Santa Comba, as medidas de prevención que con carácter xeral se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Terceiro. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 10 de setembro de 2020.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade