Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188-Bis Mércores, 16 de setembro de 2020 Páx. 36267

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca da Coruña.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca da Coruña, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 7 de agosto de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para eses efectos, ditouse a Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 8 de agosto de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña, do 8 de agosto de 2020.

Froito do seguimento e da avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria foron ditadas sucesivas ordes.

Así, na Orde do 12 de agosto de 2020, sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, mantivéronse as medidas de prevención contidas na Orde do 7 de agosto de 2020 e, ademais, estableceuse como medida de prevención adicional nos ditos concellos que os establecementos e locais comerciais deben prestar un servizo de atención preferente aos maiores de 75 anos, o cal deberá concretarse en medidas como control de accesos ou caixas de pagamento específicos, e/ou horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible nos ditos establecementos ou locais. Así mesmo, incorporouse na dita Orde do 12 de agosto de 2020 unha recomendación de autoprotección ás persoas maiores de 75 anos, ás persoas vulnerables ao COVID-19 e a aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que presenten algunha alteración que faga inviable a súa utilización, para que eviten na súa actividade diaria as saídas nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público, co fin de reducir os riscos derivados da coincidencia con outras persoas. Por outra parte, na parte expositiva da mesma orde insistiuse no ditado das instrucións oportunas para a limitación das visitas aos centros sanitarios da área da Coruña, establecendo, no caso de enfermos hospitalizados, a limitación de unha persoa por paciente, preferiblemente menor de 70 anos e que non padeza enfermidades crónicas e que, no caso da atención ambulatoria, soamente se permitirá un acompañante no caso de que a persoa atendida sexa dependente ou menor de idade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na Orde do 12 de agosto de 2020 foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 54/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña, do 14 de agosto de 2020.

Posteriormente, en virtude da Orde do 19 de agosto de 2020 mantívose a eficacia das medidas de prevención e recomendación de autoprotección existentes e modificouse o anexo da Orde do 7 de agosto de 2020, tendo en conta o disposto na Orde do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na Orde do 19 de agosto de 2020 foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 40/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña, do 21 de agosto de 2020.

A posterior Orde do 26 de agosto de 2020 mantivo as medidas de prevención e a recomendación de autoprotección anteriores e formulou unha serie de recomendacións dirixidas aos concellos da comarca da Coruña. As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas nesta orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 63/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña, do 28 de agosto de 2020.

En virtude da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Arteixo, establecéronse medidas máis restritivas no ámbito do dito concello. As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas nesta orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 4 da Coruña, do 29 de agosto de 2020.

Na Orde do 2 de setembro de 2020, sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, mantívose a eficacia das medidas de prevención e das recomendacións específicas previstas nas ordes citadas anteriormente nos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros e Arteixo, con algunhas modificacións puntuais. As medidas de prevención deixáronse sen efecto nos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, sen prexuízo de manter nestes concellos as recomendacións de autoprotección e dirixidas aos concellos da comarca contidas nas ordes do 12 e do 26 de agosto.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas polo Auto 44/2020, do 4 de setembro de 2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña.

Finalmente, en virtude da Orde do 9 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca da Coruña, mantivéronse as medidas de prevención e as recomendacións sanitarias específicas contidas nas ordes do 7, do 12 e do 26 de agosto de 2020 soamente en determinadas zonas do concello da Coruña e no concello de Arteixo, ben que, respecto das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración, se fixou no setenta e cinco por cento a limitación da capacidade, e tamén se suprimiu, como medida específica, a relativa ao uso de máscara no caso de actividade física ou deportiva en ximnasios ou espazos pechados, ao ser aplicable, en relación con este último punto, a modificación operada no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 por orde da mesma data do 9 de setembro de 2020. Ademais, quedaron sen efecto as medidas contidas nas ordes do 7, do 12 e do 26 de agosto de 2020, previstas para os restantes concellos aos cales se estaban aplicando (Cambre, Culleredo e Oleiros), así como as medidas máis restritivas previstas na Orde do 28 de agosto de 2020 para o concello de Arteixo.

O mantemento de medidas restritivas de dereitos fundamentais contido na Orde do 9 de setembro de 2020 foi obxecto de ratificación xudicial polo Auto número 65/2020, do 11 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña.

Conforme o punto terceiro da Orde do 9 de setembro de 2020, as medidas debían seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

De acordo co informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 16 de setembro de 2020, sobre a comarca da Coruña, obsérvase nesta comarca a tendencia descendente da incidencia acumulada diaria a 3 e 7 días, que tamén se observa en liñas xerais nos valores de taxa diaria recollidos. Igualmente, o número reprodutivo instantáneo e o seu intervalo de confianza están por debaixo de 1. A taxa a 14 días é dun valor menor que o observado nas dúas semanas anteriores, pero segue a ser máis alta que a taxa global de Galicia para o mesmo período temporal. As taxas máis altas seguen a observarse nos concellos de Arteixo e da Coruña. A pesar da mellora da situación epidemiolóxica nesta comarca, o brote non pode considerarse como controlado. Este brote segue a ter características de alto/medio risco como son: a taxa de incidencia nos últimos 3 días que, aínda que diminúe respecto ao último informe, mantén este indicador no nivel de risco alto; a porcentaxe de positividade de probas PCR realizadas na zona do brote, que apenas se modificou e segue situando este indicador no nivel de risco medio; e a porcentaxe de positividade das probas PCR realizadas aos contactos dos casos detectados, que mantén este brote no nivel de risco alto. Neste sentido, tendo en conta que os casos seguen a concentrarse en determinadas zonas da cidade da Coruña e no concello de Arteixo, o informe recomenda manter as medidas restritivas actuais nestas zonas de maior incidencia.

Así, tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca da Coruña impón, como consecuencia, o mantemento de medidas de prevención e das recomendacións sanitarias específicas soamente nas zonas do concello da Coruña e no concello de Arteixo en que xa se están aplicando, nos termos previstos nas ordes do 7, do 12 e do 26 de agosto de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas na Orde do 7 de agosto de 2020 polas posteriores ordes do 2 e do 9 de setembro, ás cales antes se aludiu.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto terceiro da Orde do 9 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca da Coruña, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención na comarca da Coruña

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca da Coruña, mantense a eficacia das medidas de prevención previstas na redacción vixente da Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, da medida de prevención adicional e da recomendación de autoprotección previstas nos puntos segundo e terceiro da Orde do 12 de agosto de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, así como das recomendacións contidas no punto segundo da Orde do 26 de agosto de 2020 sobre mantemento das medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, no seguinte ámbito territorial:

a) En todo o concello de Arteixo.

b) No concello da Coruña, no ámbito territorial constituído polo perímetro delimitado pola intersección das seguintes rúas (ambos os lados da rúa incluídos): rolda de Outeiro, rúa Manuel Murguía, Paseo de Ronda, rúa Gregorio Hernández, rolda de Nelle, rúa Fernando Rey, avenida de Alfonso Molina, rolda de Outeiro (tramo Estación de Ferrocarril), avenida de Salgado Torres, avenida de Cádiz, avenida do Ferrocarril, avenida de Arteixo, Polígono de Vioño, rúa Pasteur, avenida de Fisterra, rúa Alcalde Jaime Hervada, rúa Ágora, Travesía Antonio Pedreira Ríos e rolda de Outeiro (tramo desde Manuel Deschamps ata Manuel Murguía).

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 17 de setembro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade