Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190-Bis Venres, 18 de setembro de 2020 Páx. 36672

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 18 de setembro de 2020 sobre levantamento das medidas de prevención específicas nos concellos da Guarda e O Rosal como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos ditos concellos.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Guarda e O Rosal, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 11 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 11 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Guarda e O Rosal.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas encóntrase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto quinto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 12 de setembro de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Tui do 13 de setembro de 2020.

De acordo co Informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca do Baixo Miño, do 16 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 16 de setembro de 2020 acordouse o mantemento, nos concellos da Guarda e O Rosal, das medidas de prevención previstas na Orde do 11 de setembro de 2020.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 83/2020, do 18 de setembro de 2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Ourense.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto segundo da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 17 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

En cumprimento do disposto no punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Guarda e O Rosal, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente nestes concellos. Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 18 de setembro de 2020, sobre a comarca do Baixo Miño, indícase que a incidencia acumulada diaria a 3 e 7 días está a descender nesta comarca. Este descenso obsérvase tamén nas taxas medias acumuladas a 3 e 7 días. Igualmente, o número reprodutivo instantáneo e o seu intervalo de confianza están por debaixo de 1, o que significa que cada persoa infectada infecta a menos doutra persoa, polo que a evolución da transmisión sería favorable. A evolución dos concellos da Guarda e O Rosal no momento actual é boa, téndose identificado un único caso nos últimos 3 días en cada un destes concellos. Tendo en conta a súa boa evolución epidemiolóxica, o informe considera que non habería inconveniente en suspender as restricións impostas aos concellos da Guarda e O Rosal.

Así, atendido o disposto no informe, e tras escoitar tamén as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos da Guarda e O Rosal non impón a necesidade de manter medidas de prevención específicas nestes concellos, polo que procede deixar sen efecto as adoptadas na Orde do 11 de setembro de 2020, en todo este ámbito territorial. En consecuencia, nos ditos concellos aplicaranse as medidas de prevención xerais vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 contidas na redacción vixente do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para transición cara a unha nova normalidade.

En atención ao exposto, en aplicación do punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Guarda e O Rosal, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Levantamento das medidas de prevención específicas nos concellos da Guarda e O Rosal

Quedan sen efecto, nos concellos da Guarda e O Rosal, as medidas de prevención específicas previstas na Orde do 11 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Guarda e O Rosal.

Segundo. Aplicación das medidas de prevención establecidas con carácter xeral

Serán de aplicación, nos concellos da Guarda e O Rosal, as medidas de prevención que con carácter xeral se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Terceiro. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 19 de setembro de 2020.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade