Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198-Bis Mércores, 30 de setembro de 2020 Páx. 38021

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 30 de setembro de 2020 sobre levantamento das medidas de prevención específicas nos concellos de Lalín e Silleda como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos ditos concellos.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do devandito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lalín, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 11 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 11 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lalín.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto quinto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 12 de setembro de 2020, que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Lalín do 13 de setembro de 2020.

En cumprimento do disposto no punto quinto da Orde do 11 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente no concello de Lalín e noutros concellos da comarca de Deza. Tendo en conta o indicado no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, na Orde do 16 de setembro de 2020 dispúxose, atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca de Deza, o mantemento, no concello de Lalín, da eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 11 de setembro de 2020 citada, así como a aplicación das ditas medidas tamén no concello de Silleda.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra ditou o Auto número 72/2020, do 18 de setembro, sobre ratificación das medidas restritivas de dereitos fundamentais.

En cumprimento do disposto no punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente. Así, sobre a base do indicado no informe da Dirección Xeral de Saúde Pùblica e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para eses efectos, por Orde do 23 de setembro de 2020 acordouse o mantemento, nos concellos de Lalín e de Silleda, das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 11 de setembro de 2020.

Conforme o punto segundo da Orde do 23 de setembro de 2020, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En cumprimento do punto segundo da Orde do 23 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. Así, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 30 de setembro de 2020, indícase que a taxa de incidencia global dos últimos 14 días no Deza descendeu. O número reprodutivo instantáneo Rt acada un valor por debaixo de 1. As taxas máis elevadas son as dos concellos de Lalín e Silleda. En Lalín obsérvase unha taxa a 7 días menor e a 14 días practicamente a mesma que a estimada para o conxunto de Galicia. En Silleda obsérvase unha taxa a 7 días menor que a estimada para o conxunto de Galicia e unha taxa a 14 días tan só 1,3 veces a estimada para o conxunto de Galicia. Dada a melloría observada nos datos recollidos e a evolución epidemiolóxica, o informe recomenda retirar as medidas de restricións actualmente vixentes nos concellos de Lalín e Silleda.

Tendo en conta o indicado no informe, e tras escoitar tamén as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Lalín e Silleda non impón a necesidade de manter medidas de prevención específicas nestes concellos, polo que procede deixar sen efecto as medidas que se viñan aplicando no ámbito territorial dos concellos citados.

En consecuencia, nos ditos concellos aplicaranse as medidas de prevención xerais vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 contidas na redacción vixente do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para transición cara a unha nova normalidade.

En atención ao exposto, en aplicación do punto segundo da Orde do 23 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Lalín e Silleda e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Levantamento das medidas de prevención específicas nos concellos de Lalín e Silleda

Quedan sen efecto, nos concellos de Lalín e Silleda, as medidas de prevención específicas previstas na Orde do 11 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lalín.

Segundo. Aplicación das medidas de prevención establecidas con carácter xeral

Serán de aplicación, nos concellos de Lalín e Silleda, as medidas de prevención que con carácter xeral se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Terceiro. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 1 de outubro de 2020.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade