Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198-Bis Mércores, 30 de setembro de 2020 Páx. 37998

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 30 de setembro de 2020 sobre modificación de determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Conforme o punto sexto do dito acordo, as medidas preventivas previstas nel deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Neste sentido, mediante sucesivos acordos do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño, e do 17, do 23 e do 30 de xullo, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo. Deste modo, mediante sucesivas ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, introducíronse determinadas modificacións no anexo do acordo.

Concretamente no ámbito deportivo, e a través da Orde do 27 de agosto de 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia número 174, do 28 de agosto, incorporouse ao anexo do Acordo do Consello da Xunta un novo número, o 3.21.bis, que, baixo a rúbrica «Práctica da actividade deportiva federada», veu establecer determinadas excepcións á prohibición da práctica deportiva con contacto, así como medidas de prevención específicas respecto da celebración de competicións oficiais non profesionais de ámbito estatal en Galicia.

A experiencia derivada da celebración destas competicións ten posto de manifesto a necesidade de introducir modificacións nas medidas de prevención que, desde o punto de vista sanitario, procede adoptar, en particular, no que atinxe á celebración, en Galicia, de competicións oficiais de ámbito estatal e de carácter non oficial naquelas modalidades deportivas que poidan implicar contacto, co fin de evitar o maior risco de contaxio que tal contacto leva consigo. Nótese, neste sentido, que para o deporte federado de competencia autonómica, tras a modificación introducida no anexo do acordo do Consello da Xunta pola Orde do 17 de setembro de 2020, o número 3.21 do anexo prevé que na realización de adestramentos e na celebración de competicións dentro da actividade deportiva federada de competencia autonómica, se aplicará, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no protocolo das federacións deportivas respectivas aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte. En todo caso, no dito protocolo deberá preverse que cando a actividade deportiva supoña contacto físico entre as persoas que a practican deberá utilizarse a máscara, salvo que no protocolo respectivo se inclúan medidas alternativas de protección específicas. E no caso do deporte profesional tamén se teñen adoptado medidas específicas fronte ao maior risco de contaxio derivado do contacto.

En cambio, no caso de competicións oficiais non profesionais de ámbito estatal en modalidades deportivas que poidan implicar contacto, actualmente non se teñen establecido, con carácter obrigatorio, medidas de prevención de efecto similar polo que, ao abeiro das competencias autonómicas en materia sanitaria, e dado o risco que a celebración de tales competicións no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia pode implicar, procede recoller medidas de prevención específicas coa finalidade de coñecer a situación dos deportistas e dos restantes membros das expedicións e posibilitar a detección temperá de posibles positivos e abrochos. En todo caso, tales medidas deben entenderse dentro do necesario respecto ás competencias das autoridades deportivas e sanitarias estatais respecto de tales competicións, de xeito que as medidas introducidas pola presente orde serán aplicables sempre que resulten compatibles coas adoptadas polas ditas autoridades e mentres non existan medidas obrigatorias dimanantes destas autoridades que ofrezan un nivel de protección equivalente ou similar.

Xunto ao anterior, introdúcense modificacións puntuais de sistemática e redacción para unha mellor comprensión das medidas.

En atención ao exposto, de acordo co disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción vixente dada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 30 de xullo de 2020, e na condición de autoridade sanitaria conforme o previsto no artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, queda modificado como segue:

Un. O título do número 3.21 do anexo pasa a ser «Práctica da actividade deportiva federada».

Dous. Engádese un novo punto 3 no número 3.21 do anexo coa seguinte redacción:

«3. No ámbito das competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades deportivas que poidan implicar contacto que se celebren na Comunidade Autónoma de Galicia, serán de aplicación as seguintes medidas:

a) Os equipos e deportistas galegos que participen nas ditas competicións deberán realizar os adestramentos e a competición en grupos de composición estable e, en todo caso, deberán realizar test serolóxicos ou probas similares cada 14 días naturais.

b) A totalidade dos membros da expedición dos equipos e deportistas procedentes doutras comunidades autónomas que se despracen á Comunidade Autónoma de Galicia para participar nas ditas competicións deberán realizar test serolóxicos ou probas similares en orixe polo menos entre 72 e 24 horas previas á celebración da proba/partido/competición. Asemade, deberán comunicar con idéntica antelación ás autoridades sanitarias autonómicas a relación das persoas integrantes da expedición trasladada a Galicia, a data e hora de chegada á Comunidade Autónoma galega e o lugar de aloxamento, así como o tipo de proba de detección COVID-19 a que foron sometidas as ditas persoas.

As medidas previstas neste número 3 deben entenderse dentro do necesario respecto ás competencias das autoridades deportivas e sanitarias estatais, polo que serán aplicables sempre que resulten compatibles coas adoptadas polas ditas autoridades e mentres non existan medidas obrigatorias dimanantes delas que ofrezan un nivel de protección equivalente ou similar».

Tres. Suprímese o número 3.21.bis do anexo.

Segundo. Eficacia

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade