Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233-Bis Mércores, 18 de novembro de 2020 Páx. 45687

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 186/2020, do 18 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se modifica o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

I

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6.2 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, á vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto de persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto, mediante a fixación de limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisións que poida resultar dos encontros colectivos, sen que a dita limitación poida afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, á vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

En concreto, no dito decreto recóllense, á vista do indicado no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de novembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, tres tipos de limitacións:

a) Limitacións de entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais, agás certas excepcións, contidas no punto primeiro do decreto.

b) Limitacións da permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público e de uso privado, agás supostos excepcionais e xustificados, contidas no punto segundo do decreto. Con carácter xeral, establécese unha limitación de grupos aos formados por un máximo de seis persoas, agás que sexan persoas conviventes. Non obstante, en determinados ámbitos territoriais e atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable existente neles ou en concellos cos cales existe unha forte interrelación, é aplicable a medida máis restritiva, consistente na limitación de grupos aos constituídos só por persoas conviventes. Actualmente, estes últimos ámbitos territoriais son os mesmos en que rexen as limitacións de entrada e saída de persoas.

c) Limitacións da permanencia de persoas en lugares de culto, contidas no punto terceiro do decreto, no cal se establecen limitacións de capacidade de carácter xeral para o territorio autonómico e limitacións de capacidade máis restritivas nos ámbitos territoriais en que rexen as limitacións de entrada e saída de persoas.

Conforme o punto quinto do decreto, as medidas previstas nel manterán a súa eficacia ata as 15.00 horas do 4 decembro de 2020. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Posteriormente ditouse o Decreto 181/2020, do 9 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, que deu nova redacción ao punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, relativo ás limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto, e o Decreto 182/2020, do 13 de novembro, polo que se dispuxo a aplicación, nos concellos da comarca de Bergantiños, agás o concello da Laracha, e no concello de Ribadavia, das limitacións de entrada e saída de persoas previstas no punto primeiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, e das limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto contidas, respectivamente, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do dito decreto.

III

Froito do seguimento e da avaliación previstos no punto quinto do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, e ante a evolución epidemiolóxica e sanitaria desfavorable que se produciu no concello de Sanxenxo, resulta necesario ampliar o ámbito territorial de aplicación das limitacións de entrada e saída de persoas contidas no punto primeiro daquel decreto, así como as limitacións máis estritas de permanencia de agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto que actualmente son de aplicación nos ámbitos territoriais onde rexen as limitacións de entrada e saída de persoas.

Neste sentido, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 18 de novembro de 2020, sobre a comarca do Salnés, indícase que a incidencia acumulada a 7 días amosa un claro ascenso desde primeiros de novembro para acabar presentando un discreto descenso nos últimos 10 días. A incidencia acumulada a 3 días amosa unha tendencia oscilante onde destacan, na última semana, uns valores (practicamente diarios) por riba dos 50 casos por cada cen mil habitantes. A media da taxa acumulada a 14 días amosa unha tendencia ascendente. O valor do número reprodutivo instantáneo amosa un valor por riba do limiar de 1, o que significa que segue a manterse a transmisión. A taxa acumulada a 14 días na comarca é de 1,10 veces maior que a da semana anterior e 1,5 veces maior que nas dúas semanas previas. Destaca o feito de que no Grove e en Sanxenxo, nos últimos sete días, se declararon casos a diario, así como tamén as súas taxas acumuladas a 14 días. Ademais, Sanxenxo é o concello con maior número de casos nos últimos 14 días. Ambos os dous concellos amosan taxas acumuladas a 3, 7 e 14 días superiores á estimada para o conxunto de Galicia neses mesmos momentos temporais. O grupo de idade coa porcentaxe de positividade máis elevada é o de 20 a 24 anos, que tamén é o grupo de idade coa taxa máis alta. Por outro lado, os indicadores do risco da comarca amosan criterios con valores de alto risco, como a incidencia acumulada a tres días na área e no período estudado ou o número de pacientes que ingresan en unidades de hospitalización; e criterios con valores de risco medio, como porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos. O informe considera que a situación na comarca non está controlada e nela destaca claramente a situación nos concellos do Grove e de Sanxenxo. Por tanto, o informe propón que todos os concellos da comarca do Salnés manteñan as medidas que xa teñan establecidas, salvo no caso do concello de Sanxenxo, para o que se propón adoptar as mesmas medidas restritivas que xa ten O Grove, concello co que, ademais, se propón establecer un peche perimetral.

Tendo en conta o indicado no dito informe e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Sanxenxo determina a necesidade de aplicación no dito concello, con urxencia, das limitacións de entrada e saída de persoas previstas no punto primeiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, e das limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto contidas, respectivamente, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do dito decreto, na súa redacción vixente.

En concreto, a limitación de entrada e saída de persoas, agás certas excepcións, establécese no ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Sanxenxo e do Grove (concello, este último, que xa tiña unha limitación deste tipo) e ten por finalidade controlar a transmisión da enfermidade e conter a irradiación a outros lugares limítrofes do correspondente ámbito territorial delimitado.

A medida consistente na limitación de agrupacións de persoas ás constituídas só por persoas conviventes ten por finalidade intentar controlar a transmisión aumentando no concello de Sanxenxo, atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable existente nel, o nivel de restrición dos contactos familiares e sociais. En efecto, nestes contactos cabe apreciar un maior risco de transmisión polas circunstancias en que se realizan, por existir unha maior confianza e relaxación das medidas de seguridade, xa que teñen lugar fóra de ambientes profesionais, laborais ou outros protocolizados, en que se debe usar máscara e que se rodean doutras garantías que dificultan a transmisión e o contaxio. Debe recordarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social, confinamento domiciliario e limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se demostraron eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. Procede advertir, ademais, de que a medida de limitación de grupos non é absoluta, senón que está matizada por unha serie de importantes excepcións.

Na mesma liña, debe estenderse ao concello de Sanxenxo a medida máis restritiva de limitación de capacidade nos lugares de culto a un terzo, prevista na redacción vixente do número 2 do punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, para os concellos cunha situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable, co fin de evitar concentracións de persoas e de manter a coherencia cos límites de capacidade máis restritivos que se prevén para outras actividades, co obxectivo de previr e reducir o risco de transmisión. Cabe indicar, neste sentido, que con esta mesma data se acorda, mediante orde da persoa titular da Consellería de Sanidade, no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica, a extensión ao concello de Sanxenxo da aplicación das medidas máis restritivas contidas nos anexos II e III da Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Procede, en consecuencia, introducir no Decreto 179/2020, do 4 de novembro, as modificacións necesarias, con fundamento normativo nos artigos 2, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, antes citados.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria do concello de Sanxenxo, amplíase o ámbito territorial de aplicación das limitacións de entrada e saída de persoas e das limitacións máis restritivas á permanencia de agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto contidas, respectivamente, no punto primeiro, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, modificando a letra q) do número 1 do punto primeiro do dito decreto, que pasa a ter a seguinte redacción:

«q) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Sanxenxo e do Grove».

Segundo. Eficacia

Este decreto terá efectos desde as 00.00 horas do 19 de novembro de 2020.

Terceiro. Recursos

Contra o presente decreto poderá interporse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, dezaoito de novembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia