Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249-Bis Venres, 11 de decembro de 2020 Páx. 48776

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de decembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021 e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da comunidade autónoma como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. As ditas medidas consistiron no establecemento de limitacións de entrada e saída de persoas de determinados ámbitos territoriais e en limitacións da permanencia de persoas en espazos de uso público e de uso privado, e en lugares de culto. Conforme o punto quinto do decreto, a eficacia destas medidas estendíase ata as 15.00 horas do día 4 de decembro de 2020, sen prexuízo de que debían ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento. Ademais, as ditas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica. Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que foi modificada en diversas ocasións.

III

A situación da evolución epidemiolóxica xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coa duración inicial das medidas que se viñan aplicando, facía necesario acometer unha revisión delas, tanto das previstas con carácter xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia como das particulares aplicables en ámbitos territoriais concretos. Por outra banda, valorouse tamén a incidencia acumulada que a aplicación das medidas viña supoñendo para sectores concretos da actividade económica e o impacto que estaban a ter na realidade socioeconómica de Galicia.

En concreto, á vista do indicado nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 3 de decembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia exixía a adopción das medidas que se estableceron na Orde do 3 de decembro de 2020, baseadas na distinción de diversos niveis de restrición, consistentes nun nivel básico, aplicable con carácter xeral en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e duns niveis medio, medio-alto e de máximas restricións, aplicables de forma progresiva e graduada naqueles concellos cunha máis desfavorable situación epidemiolóxica.

Tamén tiveron en conta a regulación e as limitacións en canto aos grupos de persoas que recolle o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, de tal modo que na orde se realizou unha revisión das medidas vixentes en canto aos grupos de persoas nas distintas actividades previstas nas medidas de prevención.

Tendo en conta o anterior, ditouse a Orde do 4 de decembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así, en primeiro lugar, de acordo cos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de decembro de 2020, a evolución favorable que se producira nos concellos de Oleiros, Burela, Fene, Neda, Lalín e Oroso permitía a aplicación neles das medidas previstas no anexo I da Orde do 3 de decembro de 2020 e, en consecuencia, levantáronse as medidas máis restritivas que se viñan aplicando nestes concellos.

Por outra banda, o concello de Boiro amosaba unha evolución negativa, o que obrigou á aplicación das medidas máis restritivas previstas no anexo IV da citada orde e, no que sexan compatibles con elas, das previstas no anexo III.

IV

A evolución epidemiolóxica e sanitaria de diversos concellos fai necesaria unha nova modificación da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 11 de decembro de 2020, a melloría observada nas taxas a 14 días dos concellos de Silleda, Ribadavia, A Laracha, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños, Vilanova de Arousa e Xinzo de Limia recomenda que tales concellos pasen a un nivel de restrición básico.

No que se refire ao concello de Pontevedra, e dada a melloría observada nas taxas acumuladas, recoméndase que se abandonen as medidas restritivas de máximas restricións para pasar a un nivel de restrición medio-alto.

Así mesmo, no concello de Lugo, dada a melloría observada tamén nas taxas acumuladas, recoméndase que se abandonen as medidas restritivas de nivel medio-alto para pasar a un nivel de restrición medio.

Pola súa banda, Narón, que tiña un nivel de restrición máximo, ao amosar unha clara melloría na situación, recoméndase que pase a un nivel de restrición medio-alto, en que tamén está o concello de Ferrol.

Respecto do Porriño, dado o descenso observado na taxa a 14 días, recoméndase que neste concello se restrinxan as medidas de nivel máximo que se lle aplicaban, para pasar a recomendar que se lle apliquen medidas de nivel medio-alto. Deste xeito, o concello do Porriño pasaría a formar parte do peche perimetral que está xa establecido cos concellos de Mos, Vigo, Nigrán e Gondomar.

Por outro lado, debido á súa situación epidemiolóxica, recoméndase a outros concellos aumentar o seu nivel de restricións. Así, os concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas, Tomiño e O Rosal, que se unen á Guarda, Sarreaus e A Rúa, adoptarán medidas de nivel de restrición medio-alto.

En particular, Camariñas e Zas presentan taxas a 14 días por riba dos 300 casos por cada cen mil habitantes, con máis de 20 casos declarados nos últimos 14 días en cada un destes concellos, e a taxa acumulada a 7 días amosa unha tendencia ascendente. Tomiño, cunha taxa acumulada a 14 días de 274,1 casos por cada cen mil habitantes, amosa un ascenso. O Rosal segue a presentar valores maiores aos 250 casos por cada cen mil habitantes. O concello de Sarreaus presenta unha taxa a 14 días de máis de 3.600 casos por cada cen mil habitantes e o concello da Rúa, unha taxa a 14 días de máis de 340 casos por cada cen mil habitantes.

Tendo en conta o indicado nos ditos informes e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, procede, en consecuencia, modificar a Orde do 3 de decembro de 2020 no que atinxe aos concellos citados anteriormente.

V

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

A Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia queda modificada como segue:

Un. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Lugo, quedan sen efecto no dito concello as medidas máis restritivas do anexo III e serán de aplicación nel as medidas previstas no anexo II da dita orde.

En consecuencia, procede modificar a letra d) do número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada e a letra b) do número 4 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda redactada como segue:

«b) Lugo».

Dous. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Silleda, quedan sen efecto no dito concello as medidas máis restritivas do anexo II e serán de aplicación nel as medidas previstas no anexo I da dita orde.

En consecuencia, procede modificar a letra d) do número 4 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda sen contido.

Tres. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Narón, quedan sen efecto no dito concello as medidas máis restritivas do anexo IV e serán de aplicación nel as medidas previstas no anexo III da dita orde.

En consecuencia, procede modificar a letra h) do número 6 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda sen contido, e modificar a letra a) do número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda redactada como segue:

«a) Ferrol e Narón».

Catro. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello do Porriño, quedan sen efecto no dito concello as medidas máis restritivas do anexo IV e serán de aplicación nel as medidas previstas no anexo III da dita orde.

En consecuencia, procede modificar a letra j) do número 6 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda sen contido, e modificar a letra b) do número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda redactada como segue:

«b) Vigo, Mos, Nigrán, O Porriño e Gondomar».

Cinco. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Vilanova de Arousa, quedan sen efecto no dito concello as medidas máis restritivas do anexo III e serán de aplicación nel as medidas previstas no anexo I da dita orde.

En consecuencia, procede modificar a letra c) do número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda redactada como segue:

«c) Vilagarcía de Arousa».

Seis. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello da Rúa, seranlle de aplicación as medidas máis restritivas previstas no citado anexo III.

En consecuencia, procede modificar a letra d) do número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda redactada como segue:

«d) A Rúa».

Sete. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Pontevedra, Marín e Poio, quedan sen efecto nos ditos concellos as medidas máis restritivas do anexo IV e serán de aplicación neles as medidas previstas no anexo III da dita orde.

En consecuencia, procede modificar a letra a) do número 6 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda sen contido, e modificar a letra e) do número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda redactada como segue:

«e) Pontevedra, Marín e Poio».

Oito. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Cabana de Bergantiños e Malpica de Bergantiños, quedan sen efecto nos ditos concellos as medidas máis restritivas do anexo III e serán de aplicación neles as medidas previstas no anexo I da dita orde.

En consecuencia, procede modificar a letra g) do número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda redactada como segue:

«g) Coristanco e Ponteceso».

Nove. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Camariñas e Zas, resultan de aplicación nos ditos concellos as medidas máis restritivas do anexo III da dita orde.

En consecuencia, procede modificar a letra k) do número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda redactada como segue:

«k) Vimianzo, Camariñas e Zas».

Dez. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Ribadavia, quedan sen efecto no dito concello as medidas máis restritivas do anexo III e serán de aplicación nel as medidas previstas no anexo I da dita orde. Por outra banda, tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Sarreaus, serán de aplicación neste concello as medidas máis restritivas previstas no citado anexo III.

En consecuencia, procede modificar a letra l) do número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda redactada como segue:

«l) Sarreaus».

Once. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Xinzo de Limia, quedan sen efecto no dito concello as medidas máis restritivas do anexo III e serán de aplicación nel as medidas previstas no anexo I da dita orde.

En consecuencia, procede modificar a letra m) do número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda sen contido.

Doce. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Tomiño e O Rosal, aplicaranse nos ditos concellos as medidas máis restritivas do anexo III da dita orde.

En consecuencia, procede modificar a letra o) do número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda redactada como segue:

«o) A Guarda, Tomiño e O Rosal».

Trece. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello da Laracha, quedan sen efecto no dito concello as medidas máis restritivas do anexo IV e serán de aplicación nel as medidas previstas no anexo I da dita orde.

En consecuencia, procede modificar a letra c) do número 6 do punto segundo da Orde do 3 de decembro citada, que queda redactada como segue:

«c) Carballo».

Segundo. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 12 de decembro de 2020.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade