Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 260-Bis Martes, 29 de decembro de 2020 Páx. 50843

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 29 de decembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021 e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. As ditas medidas consistiron no establecemento de limitacións de entrada e saída de persoas de determinados ámbitos territoriais e en limitacións da permanencia de persoas en espazos de uso público e de uso privado, e en lugares de culto. Conforme o punto quinto do decreto, a eficacia destas medidas estendíase ata as 15.00 horas do día 4 de decembro de 2020, sen prexuízo de que debían ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento. Ademais, as ditas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica. Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que foi modificada en diversas ocasións.

III

A situación da evolución epidemiolóxica xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coa duración inicial das medidas que se viñan aplicando, facía necesario acometer unha revisión delas, tanto das previstas con carácter xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia como das particulares aplicables en ámbitos territoriais concretos. Por outra banda, valorouse tamén a incidencia acumulada que a aplicación das medidas viña supoñendo para sectores concretos da actividade económica e o impacto que estaban a ter na realidade socioeconómica de Galicia.

En concreto, á vista do indicado nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 3 de decembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia exixía a adopción das medidas que se estableceron na Orde do 3 de decembro de 2020, baseadas na distinción de diversos niveis de restrición, consistentes nun nivel básico, aplicable con carácter xeral en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e duns niveis medio, medio-alto e de máximas restricións, aplicables de forma progresiva e graduada naqueles concellos cunha máis desfavorable situación epidemiolóxica.

Tamén se tiveron en conta a regulación e as limitacións en canto aos grupos de persoas que recolle o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, de tal modo que na orde se realizou unha revisión das medidas vixentes en canto aos grupos de persoas nas distintas actividades previstas nas medidas de prevención.

Coa finalidade de garantir a adecuación das medidas recollidas na Orde do 3 de decembro á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma, estas son obxecto dun continuo seguimento e avaliación, que se plasma nas sucesivas modificacións operadas na dita orde desde a súa entrada en vigor ata o día de hoxe.

Así, mediante a Orde do 4 de decembro de 2020 modificouse a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na cal se fixo constar a evolución favorable da situación dos concellos de Oleiros, Burela, Fene, Neda, Lalín e Oroso, que permitiu a aplicación neles das medidas previstas no anexo I da Orde do 3 de decembro de 2020, así como a evolución negativa do concello de Boiro, onde se pasou a aplicar o máximo nivel de restricións.

A continuación, mediante a Orde do 11 de decembro de 2020 levouse a cabo unha nova modificación da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia con base na cal pasaron a nivel básico de restricións os concellos de Silleda, Ribadavia, A Laracha, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños, Vilanova de Arousa e Xinzo de Limia. Tamén mellorou a situación nos concellos de Pontevedra, O Porriño, Narón e Ferrol, que pasaron a un nivel de restricións medio-alto, e de Lugo, que pasou ao nivel medio. Por outro lado, empeorou a situación nos concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas, Tomiño e O Rosal, A Guarda, Sarreaus e A Rúa, nos cales se adoptaron medidas de nivel de restricións medio-alto.

Pola súa banda, na Orde do 16 de decembro de 2020 acométese outra modificación da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Nesta orde reflíctese a melloría da situación epidemiolóxica dos concellos de Barro, Coristanco, Cee, Laxe, Carballo e Ponteceso, que pasaron a un nivel básico de restricións. Pola contra, o empeoramento da situación epidemiolóxica fixo necesario elevar o nivel de restricións doutros concellos: Santiago de Compostela pasou a nivel medio de restricións, mentres que Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa de Arousa e Fisterra pasaron ao nivel medio-alto e adoptáronse medidas de máxima restrición en Ribeira, Bueu e Baiona.

Posteriormente, mediante a Orde do 22 de decembro de 2020 volveuse modificar a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde recolleu a melloría da situación dos concellos de Meis, Ribadumia, Muxía, Cerdedo-Cotobade, Vilaboa e Ponte Caldelas, que pasaron a nivel básico; de Moaña, que se atopaba no nivel de máximas restricións e pasou ao nivel medio de restricións, e de Vilalba, Tui e Ponteareas, nos cales se reduciron as restricións aplicables ao pasar do nivel máximo ao nivel medio-alto. Tamén recolleu o empeoramento da situación do concello de Rianxo, que ata este momento se encontraba no nivel básico de restricións e pasou ao máximo nivel de restricións.

IV

A evolución epidemiolóxica e sanitaria de diversos concellos fai necesaria, neste momento, unha nova modificación da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 29 de decembro de 2020, a evolución da situación epidemiolóxica é positiva en diferentes concellos. Así ocorre nos concellos de Ponteareas, Rodeiro e Lugo, que pasan ao nivel básico de restricións, e en Redondela, que ata este momento se atopaba no nivel de máxima restrición e que pasa ao nivel medio-alto.

Distinta da anterior é a situación dos concellos de Barro, Xinzo de Limia, Muros, A Pobra do Caramiñal, Carral, Xove, Porto do Son, Outes, Noia e Lousame, nos cales se observa un empeoramento da evolución epidemiolóxica que fai necesaria a adopción das medidas máis restritivas correspondentes ao nivel medio-alto. Nas últimas datas a taxa de incidencia acumulada ascendeu a 815,2 casos por cada cen mil habitantes no concello de Barro; a 380,9 casos por cada cen mil habitantes en Xinzo de Limia; a 315,6 casos por cada cen mil habitantes en Muros; a 246,3 casos por cen mil habitantes no concello da Pobra do Caramiñal; a 530,6 casos por cada cen mil habitantes no concello de Carral; a 1.069,4 casos por cada cen mil habitantes no concello de Xove; a 419,4 casos por cada cen mil habitantes no concello de Lousame; a 343,5 casos por cada cen mil habitantes no de Noia; a 525,3 casos por cada cen mil habitantes no concello de Outes, e a 479,8 casos por cada cen mil habitantes no de Porto do Son. Este incremento determina que o comité clínico propoña nestes concellos a adopción das medidas do nivel de restrición medio-alto. Tamén se incrementa a taxa de incidencia acumulada a 14 días no concello de Viveiro, que sobe ata os 355,6 casos por cada cen mil habitantes, o que amosa o empeoramento da situación epidemiolóxica deste concello, que pasa, en consecuencia, ao nivel de máximas restricións.

Pola súa parte, os concellos de Verín, Cualedro, Castrelo do Val e Monterrei, da comarca de Verín, aumentaron as súas taxas de incidencia, a 14 días, desde o 20 de decembro, pasando Verín de 225,9 casos por cada cen mil habitantes a 349,8 o día 27; Cualedro aumentou de 119,1 casos por cada cen mil habitantes a 714,7; Castrelo do Val de cero casos a 609,8 casos por cada cen mil habitantes e Monterrei de 158,2 casos por cada cen mil habitantes a 593,1. Estes datos da situación epidemiolóxica destes concellos, cun aumento da súa taxa de incidencia, que indica un empeoramento notable da situación, en concellos que no momento actual están con medidas de restrición de nivel básico, fan que no informe se propoña que se eleven as medidas ao nivel de máximas restricións.

Por outro lado, flexibilízanse as restricións aplicables á hostalaría nos niveis de restrición medio-alto e de máximas restricións, ampliando o horario de apertura das 17.00 horas ás 18.00 horas, para o cal se modifican os anexos III e IV da Orde do 3 de decembro de 2020.

Así mesmo, adóptanse medidas especiais para a hostalaría os días 31 de decembro de 2020 e 1 de xaneiro de 2021. Así, o día 31 de decembro de 2020, nos ámbitos territoriais en que resulten de aplicación as medidas previstas nos anexos I (nivel básico) e II (nivel medio) da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente, os clientes dos establecementos de hostalaría e restauración deberán abandonar os citados establecementos antes das 23.00 horas. A mesma medida será aplicable nos establecementos e locais de xogo e apostas nos ámbitos territoriais en que resulten de aplicación as medidas previstas nos anexos I (nivel básico), II (nivel medio) e III (nivel medio-alto) da Orde do 3 de decembro de 2020. Por outra banda, o día 1 de xaneiro os establecementos de hostalaría e restauración non poderán abrir antes das 11.00 horas.

Tendo en conta o indicado nos ditos informes, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, procede, en consecuencia, modificar a Orde do 3 de decembro de 2020 no que atinxe aos concellos citados anteriormente.

Cómpre salientar tamén que, coa finalidade de acadar unha maior claridade e seguridade xurídica, se opta por recoller no articulado desta orde a relación completa dos concellos aos cales lles son de aplicación en cada caso as medidas específicas de prevención que se corresponden cos niveis medio, medio-alto e de máxima restrición sen que, polo tanto, se identifiquen unicamente os concellos concretos cuxas medidas específicas de prevención cambian porque pasan a quedar sometidos a maiores ou menores restricións que as que se lles viñan aplicando ata este momento.

V

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do número 4 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O número 4 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado como segue:

«4. Serán de aplicación as medidas máis restritivas do anexo II, e no que sexan compatibles con elas as previstas no anexo I, no ámbito territorial dos seguintes concellos:

a) A Coruña, Culleredo, Arteixo e Cambre.

b) Santiago de Compostela.

c) Soutomaior.

d) Moaña.».

Segundo. Modificación do número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado como segue:

«5. Serán de aplicación as medidas máis restritivas do anexo III, e no que sexan compatibles con elas as previstas no anexo I, no ámbito territorial dos seguintes concellos:

a) Ferrol e Narón.

b) Vigo, Mos, Nigrán, O Porriño, Gondomar e Redondela.

c) Vilagarcía de Arousa.

d) A Rúa.

e) Pontevedra, Marín e Poio.

f) Cangas.

g) Carnota.

h) Meaño.

i) Dumbría.

j) Vimianzo, Camariñas e Zas.

k) Sarreaus.

l) A Illa de Arousa.

m) Porto do Son.

n) Fisterra.

ñ) Santa Comba, Mazaricos e Negreira.

o) A Guarda, Tomiño e O Rosal.

p) Tui.

q) Vilalba.

r) A Pobra do Caramiñal.

s) Barro.

t) Xinzo de Limia.

u) Carral.

v) Xove.

w) Muros.

x) Outes.».

Terceiro. Modificación do número 6 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O número 6 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado como segue:

«6. Serán de aplicación as medidas máis restritivas do anexo IV, e no que sexan compatibles con elas as previstas no anexo III, no ámbito territorial dos concellos que se relacionan a continuación. Así mesmo, no que sexa compatible cos dous anexos citados serán de aplicación as medidas recollidas no anexo I:

a) Ribeira.

b) Sanxenxo e O Grove.

c) Bueu.

d) Baiona.

e) Cambados.

f) As Pontes de García Rodríguez.

g) Boiro.

h) Rianxo.

i) Viveiro.

j) Noia e Lousame.

k) Verín, Monterrei, Cualedro e Castrelo do Val.».

Cuarto. Modificación do número 4 do punto 1 do anexo III da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O punto 4 do punto 1 do anexo III da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado como segue:

«4. O horario de peche ao público será ás 18.00 horas. Non obstante, poderán prestar servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio. A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.».

Quinto. Modificación do punto 1 do anexo IV da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O punto 1 do anexo IV da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado como segue:

«1. Nos concellos a que se refire o número 6 do punto segundo desta orde adóptase a medida de peche temporal, durante o período a que se estenda a eficacia da medida conforme o punto cuarto da orde, das seguintes actividades (conforme as definicións contidas no anexo do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia):

I. Espectáculos públicos:

I.3. Espectáculos taurinos.

I.4. Espectáculos circenses.

I.6. Espectáculos feirais e de exhibición.

I.7. Espectáculos pirotécnicos.

II. Actividades recreativas:

II.1. Actividades culturais e sociais.

II.3. Actividades de lecer e entretemento.

II.4. Atraccións recreativas.

II.7. Actividades de restauración.

II.8. Actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas.

III. Establecementos abertos ao público:

III.1. Establecementos de espectáculos públicos.

III.1.4. Circos.

III.1.5. Prazas de touros.

III.1.7. Recintos feirais.

III.2. Establecementos de actividades recreativas.

III.2.1. Establecementos de xogo.

III.2.1.1. Casinos.

III.2.1.2. Salas de bingo.

III.2.1.3. Salóns de xogo.

III.2.1.4. Tendas de apostas.

III.2.2. Establecementos para actividades deportivas.

III.2.2.4. Pistas de patinaxe.

III.2.2.7. Piscinas recreativas de uso colectivo.

III.2.3. Establecementos para atraccións e xogos recreativos.

III.2.3.1. Parques de atraccións e temáticos.

III.2.3.2. Parques acuáticos.

III.2.3.3. Salóns recreativos.

III.2.3.4. Parques multiocio.

III.2.4. Establecementos para actividades culturais e sociais.

III.2.4.5. Salas de concertos.

III.2.5. Establecementos de restauración.

III.2.5.1. Restaurantes.

III.2.5.1.1. Salóns de banquetes.

III.2.5.2. Cafetarías.

III.2.5.3. Bares.

O interior dos establecementos de restauración permanecerá pechado ao público e só poderán abrir as terrazas ata un máximo do 50 % ata as 18.00 horas. Non obstante, poderán prestar servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio. A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo que limiten a súa actividade aos traballadores deles ou, no caso dos centros sanitarios, tamén a acompañantes de doentes poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante. Non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. A ocupación máxima será de catro persoas por mesa ou agrupación de mesas.

III.2.6. Establecementos para actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas.

III.2.7. Establecementos de lecer e entretemento.

III.2.7.1. Salas de festas.

III.2.7.2. Discotecas.

III.2.7.3. Pubs.

III.2.7.4. Cafés-espectáculo.

III.2.7.5. Furanchos.

III.2.8. Centros de lecer infantil.».

Sexto. Medidas especiais para a hostalaría e os establecementos e locais de xogo e apostas os días 31 de decembro de 2020 e 1 de xaneiro de 2021

1. Establecementos de hostalaría e restauración:

O día 31 de decembro de 2020, nos ámbitos territoriais en que resulten de aplicación as medidas previstas nos anexos I (nivel básico) e II (nivel medio) da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente, os clientes dos establecementos de hostalaría e restauración deberán abandonar os citados establecementos antes das 23.00 horas.

O día 1 de xaneiro os establecementos de hostalaría e restauración non poderán abrir antes das 11.00 horas.

2. Establecementos e locais de xogo e apostas:

O día 31 de decembro de 2020, nos ámbitos territoriais en que resulten de aplicación as medidas previstas nos anexos I (nivel básico) II (nivel medio) e III (nivel medio-alto) da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente, os clientes dos establecementos e locais de xogo e apostas deberán abandonar os citados establecementos antes das 23.00 horas.

Sétimo. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 30 de decembro de 2020.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade