Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1-Bis Luns, 4 de xaneiro de 2021 Páx. 69

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 4 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do devandito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no devandito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no devandito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Tales medidas consistiron no establecemento de limitacións de entrada e saída de persoas de determinados ámbitos territoriais e en limitacións da permanencia de persoas en espazos de uso público e de uso privado, e en lugares de culto. Conforme o punto quinto do decreto, a eficacia destas medidas estendíase ata as 15.00 horas do día 4 de decembro de 2020, sen prexuízo de que debían ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento. Ademais, esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica. Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que foi modificada en diversas ocasións.

III

A situación da evolución epidemiolóxica xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coa duración inicial das medidas que se viñan aplicando, facía necesario acometer unha revisión delas, tanto das previstas con carácter xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia como das particulares aplicables en ámbitos territoriais concretos. Por outra banda, valorouse tamén a incidencia acumulada que a aplicación das medidas viña supoñendo para sectores concretos da actividade económica e o impacto que estaban a ter na realidade socioeconómica de Galicia.

En concreto, en vista do indicado nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 3 de decembro de 2020, e logo de escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia exixía a adopción das medidas que se estableceron na Orde do 3 de decembro de 2020, baseadas na distinción de diversos niveis de restrición, consistentes nun nivel básico, aplicable con carácter xeral en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e duns niveis medio, medio-alto e de máximas restricións, aplicables de forma progresiva e graduada naqueles concellos cunha situación epidemiolóxica máis desfavorable.

Tamén se tiveron en conta a regulación e as limitacións en canto aos grupos de persoas que recolle o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, de tal xeito que na orde se realizou unha revisión das medidas vixentes en canto aos grupos de persoas nas distintas actividades previstas nas medidas de prevención.

Coa finalidade de garantir a adecuación das medidas recollidas na Orde do 3 de decembro de 2020 á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma, estas son obxecto dun continuo seguimento e avaliación, que se plasma nas sucesivas modificacións operadas na devandita orde desde a súa entrada en vigor ata o día de hoxe.

Así, mediante a Orde do 4 de decembro de 2020 modificouse a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na cal se fixo constar a evolución favorable da situación dos concellos de Oleiros, Burela, Fene, Neda, Lalín e Oroso, que permitiu a aplicación neles das medidas previstas no anexo I da Orde do 3 de decembro de 2020, así como a evolución negativa do concello de Boiro, onde se pasou a aplicar o máximo nivel de restricións.

A continuación, mediante a Orde do 11 de decembro de 2020 levouse a cabo unha nova modificación da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, con base na cal pasaron ao nivel básico de restricións os concellos de Silleda, Ribadavia, A Laracha, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños, Vilanova de Arousa e Xinzo de Limia. Tamén mellorou a situación nos concellos de Pontevedra, O Porriño, Narón e Ferrol, que pasaron a un nivel de restricións medio-alto, e de Lugo, que pasou ao nivel medio. Por outro lado, empeorou a situación nos concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas, Tomiño e O Rosal, A Guarda, Sarreaus e A Rúa, nos cales se adoptaron medidas de nivel de restricións medio-alto.

Pola súa banda, na Orde do 16 de decembro de 2020 acométese outra modificación da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Nesta orde reflíctese a melloría da situación epidemiolóxica dos concellos de Barro, Coristanco, Cee, Laxe, Carballo e Ponteceso, que pasaron a un nivel básico de restricións. Pola contra, o empeoramento da situación epidemiolóxica fixo necesario elevar o nivel de restricións doutros concellos: Santiago de Compostela pasou ao nivel medio de restricións, mentres que Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa de Arousa e Fisterra pasaron ao nivel medio-alto e adoptáronse medidas de máxima restrición en Ribeira, Bueu e Baiona.

Posteriormente, mediante a Orde do 22 de decembro de 2020 volveuse modificar a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde recolleu a melloría da situación dos concellos de Meis, Ribadumia, Muxía, Cerdedo-Cotobade, Vilaboa e Ponte Caldelas, que pasaron ao nivel básico; de Moaña, que se atopaba no nivel de máximas restricións e pasou ao nivel medio de restricións, e de Vilalba, Tui e Ponteareas, nos cales se reduciron as restricións aplicables ao pasar do nivel máximo ao nivel medio-alto. Tamén recolleu o empeoramento da situación do concello de Rianxo, que ata este momento se encontraba no nivel básico de restricións e pasou ao máximo nivel de restricións.

Mediante a Orde do 29 de decembro de 2020 realizouse unha nova modificación da citada Orde do 3 de decembro de 2020. Así, de acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 29 de decembro de 2020, constatouse a evolución da situación epidemiolóxica positiva en diferentes concellos como Ponteareas, Rodeiro e Lugo, que pasaron ao nivel básico de restricións, e Redondela, que ata ese momento se atopaba no nivel de máxima restrición e que pasou ao nivel medio-alto.

Distinta foi a situación dos concellos de Barro, Xinzo de Limia, Muros, A Pobra do Caramiñal, Carral, Xove, Porto do Son, Outes, Noia e Lousame, nos cales se observou un empeoramento da evolución epidemiolóxica que fixo necesaria a adopción das medidas máis restritivas correspondentes ao nivel medio-alto. Pola súa parte, os concellos de Viveiro, Verín, Cualedro, Castrelo do Val e Monterrei, da comarca de Verín, pasaron ao nivel de máximas restricións.

Por outro lado, flexibilizáronse as restricións aplicables á hostalaría nos niveis de restrición medio-alto e de máximas restricións e ampliouse o horario de apertura das 17.00 horas ás 18.00 horas, para o cal se modificaron os anexos III e IV da Orde do 3 de decembro de 2020.

Así mesmo, adoptáronse medidas especiais para a hostalaría os días 31 de decembro de 2020 e 1 de xaneiro de 2021. Así, o día 31 de decembro de 2020, nos ámbitos territoriais en que se aplicaran as medidas previstas nos anexos I (nivel básico) e II (nivel medio) da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente, os clientes dos establecementos de hostalaría e restauración deberían abandonar os citados establecementos antes das 23.00 horas. A mesma medida sería aplicable nos establecementos e locais de xogo e apostas nos ámbitos territoriais en que se aplicaran as medidas previstas nos anexos I (nivel básico), II (nivel medio) e III (nivel medio-alto) da Orde do 3 de decembro de 2020. Por outra banda, o día 1 de xaneiro os establecementos de hostalaría e restauración non puideron abrir antes das 11.00 horas.

IV

A evolución epidemiolóxica e sanitaria de diversos concellos fai necesaria, neste momento, unha nova modificación da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de xaneiro de 2021, a mellora da evolución epidemiolóxica nos concellos de Carnota e das Pontes de García Rodríguez determinou que estes concellos pasen do nivel de restricións medio-alto e máximo, respectivamente, ao nivel básico. Tamén se observa unha evolución positiva no concello de Narón, ao que pasan a aplicárselle as medidas restritivas propias do nivel medio.

Tendo en conta o indicado nos devanditos informes, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, procede, en consecuencia, modificar a Orde do 3 de decembro de 2020.

Cómpre salientar tamén que, coa finalidade de acadar unha maior claridade e seguridade xurídica, se opta por recoller nos artigos desta orde a relación completa dos concellos aos cales lles son de aplicación en cada caso as medidas específicas de prevención que se corresponden cos niveis medio, medio-alto e de máxima restrición sen que, polo tanto, se identifiquen unicamente os concellos concretos cuxas medidas específicas de prevención cambian porque pasan a quedar sometidos a maiores ou menores restricións ca as que se lles viñan aplicando ata este momento.

V

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do número 4 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O número 4 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado como segue:

«4. Serán de aplicación as medidas máis restritivas do anexo II e, no que sexan compatibles con elas, as previstas no anexo I, no ámbito territorial dos seguintes concellos:

a) A Coruña, Culleredo, Arteixo e Cambre.

b) Santiago de Compostela.

c) Soutomaior.

d) Moaña.

e) Narón».

Segundo. Modificación do número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado como segue:

«5. Serán de aplicación as medidas máis restritivas do anexo III e, no que sexan compatibles con elas, as previstas no anexo I, no ámbito territorial dos seguintes concellos:

a) Ferrol.

b) Vigo, Mos, Nigrán, O Porriño, Gondomar e Redondela.

c) Vilagarcía de Arousa.

d) A Rúa.

e) Pontevedra, Marín e Poio.

f) Cangas.

g) Meaño.

h) Dumbría.

i) Vimianzo, Camariñas e Zas.

j) Sarreaus.

k) A Illa de Arousa.

l) Porto do Son.

m) Fisterra.

n) Santa Comba, Mazaricos e Negreira.

ñ) A Guarda, Tomiño e O Rosal.

o) Tui.

p) Vilalba.

q) A Pobra do Caramiñal.

r) Barro.

s) Xinzo de Limia.

t) Carral.

u) Xove.

v) Muros.

w) Outes».

Terceiro. Modificación do número 6 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O número 6 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado como segue:

«6. Serán de aplicación as medidas máis restritivas do anexo IV e, no que sexan compatibles con elas, as previstas no anexo III, no ámbito territorial dos concellos que se relacionan a seguir. Así mesmo, no que sexa compatible cos dous anexos citados, serán de aplicación as medidas recollidas no anexo I:

a) Ribeira.

b) Sanxenxo e O Grove.

c) Bueu.

d) Baiona.

e) Cambados.

f) Boiro.

g) Rianxo.

h) Viveiro.

i) Noia e Lousame.

j) Verín, Monterrei, Cualedro e Castrelo do Val».

Cuarto. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 5 de xaneiro de 2021.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade