Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7-Bis Mércores, 13 de xaneiro de 2021 Páx. 1739

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 3/2021, do 13 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola devandita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, con todo, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas. En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendíase, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas no territorio de cada comunidade autónoma ou en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes, e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto de persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación de limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisión que poida resultar dos encontros colectivos, sen que tal limitación poida afectar, en ningún caso, o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no devandito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no devandito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que se poden adoptar para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Así, o dito decreto respondeu á situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a adopción, na condición de autoridade competente delegada, das seguintes medidas:

a) Establecemento, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, de limitacións da entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais, agás certas excepcións, coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade e de conter a irradiación a outros lugares limítrofes dos correspondentes ámbitos territoriais delimitados.

b) Limitación, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, e con carácter xeral no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, da permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público e de uso privado, agás supostos excepcionais e xustificados, aos formados por un máximo de seis persoas, agás que sexan persoas conviventes.

Malia o anterior, en determinados ámbitos territoriais e unha vez atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable existente neles ou en concellos cos cales existe unha forte interrelación, estableceuse a medida máis restritiva consistente na limitación de grupos aos constituídos por catro persoas, agás que fosen persoas conviventes.

c) Limitación da permanencia de persoas en lugares de culto. Mantivéronse, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, os límites de capacidade que se viñan aplicando actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia, adaptando a súa aplicación á nova situación existente. Todo isto co fin de evitar concentracións de persoas e de manter a coherencia cos límites de capacidade que se prevén para outras actividades, co obxectivo de previr e reducir o risco de transmisión.

Respecto da eficacia das medidas, de acordo co punto quinto do decreto, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, estas deben ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria, para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Por último, adoptáronse medidas temporais restritivas da mobilidade de entrada e saída de persoas do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de decembro de 2020.

Posteriormente, ditouse o Decreto 203/2020, do 4 de decembro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Neste decreto, dada a evolución favorable que se produciu nos concellos de Oleiros, Burela, Fene, Neda, Lalín e Oroso, levantáronse neles a limitación perimetral, así como as limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto que eran de aplicación nalgún deles, de acordo co número 2 do punto segundo e co número 2 do punto terceiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro. Por outra banda, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria do concello de Boiro determinou a necesidade de aplicar nese concello, con urxencia, as limitacións de entrada e saída de persoas previstas no punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, e as limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto, contidas, respectivamente, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do devandito decreto.

Así mesmo, mediante o Decreto 212/2020, do 11 de decembro, modificouse de novo o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Así, dada a evolución favorable que se produciu nos concellos de Silleda, Ribadavia, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Cabana de Bergantiños, Vilanova de Arousa e Xinzo de Limia, determinouse que se levantasen neses concellos a limitación perimetral, así como as limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto, que eran de aplicación nalgún deles de acordo co número 2 do punto segundo e co número 2 do punto terceiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro. Así mesmo, dada tamén a melloría observada no concello de Lugo, determinouse que se levantasen nese concello as limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto, que eran de aplicación nel de acordo co número 2 do punto segundo e co número 2 do punto terceiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro. Adicionalmente, a melloría observada no concello de Narón determinou que puidese pasar a integrarse no peche perimetral conxuntamente co concello de Ferrol e, tamén, a melloría do concello do Porriño permitiu que pasase a formar parte do peche perimetral que está xa establecido cos concellos de Mos, Vigo, Nigrán e Gondomar. Por outra banda, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria desfavorable dos concellos de Camariñas, Zas, Tomiño, O Rosal, Sarreaus e A Rúa determinou a necesidade de aplicar neses concellos, con urxencia, as limitacións de entrada e saída de persoas previstas no punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro.

Posteriormente, mediante o Decreto 213/2020, do 16 de decembro, modificouse o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Así, de acordo cos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 16 de decembro de 2020, os concellos de Barro, Carballo, Coristanco, Laxe, Ponteceso e Cee pasaron a un nivel de restricións básico.

No relativo á comarca de Fisterra, na cal existía restrición perimetral conxunta dos concellos de Cee, Dumbría e Muxía, polo descenso observado no concello de Cee dispúxose a súa saída do peche perimetral.

Así mesmo, detectáronse determinados concellos en que, debido aos seus valores altos nas taxas acumuladas a 14 días, se adoptaron medidas do nivel de restrición medio-alto e peche perimetral individualizado para cada un deles. Estes concellos foron os concellos de Rodeiro, A Illa de Arousa, Fisterra e Carnota.

Ademais, dada a taxa acumulada a 14 días observada no concello de Mazaricos e os valores das taxas acumuladas a 14 días de Santa Comba e Negreira, adoptáronse tamén nestes tres concellos restricións de nivel medio-alto e peche perimetral conxunto entre eles.

Na comarca da Barbanza, polo ascenso observado no concello de Ribeira, adoptouse neste concello o nivel de restricións máximo.

Na comarca do Morrazo, dada a taxa acumulada a 14 días no concello de Bueu, adoptouse neste concello o nivel de restricións máximo.

E na comarca de Vigo, no concello de Baiona, adoptáronse tamén as restricións máximas.

Por último, respecto do concello de Santiago de Compostela, dado o ascenso nos valores estimados das taxas a 3, 7 e 14 días, adoptáronse para tal concello medidas de nivel de restricións medio con peche perimetral do concello.

A evolución epidemiolóxica e sanitaria de diversos concellos fixo necesaria unha nova modificación do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, polo que se ditou o Decreto 222/2020, do 22 de decembro.

Nesa modificación, dada a súa evolución favorable, os concellos de Meis, Ribadumia, Muxía, Cerdedo-Cotobade, Vilaboa e Ponte Caldelas pasaron ao nivel de restricións básico; o concello de Moaña pasou a nivel medio; os concellos de Vilalba, Tui e Ponteareas pasaron a nivel medio-alto. O concello de Rianxo, que estaba no nivel básico de restricións, pasou ao nivel de máximas restricións.

Por outra banda, en cumprimento do Acordo do 2 de decembro de 2020, do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, adoptáronse unha serie de medidas especiais aplicables no período das festas de Nadal, debido a unha intensificación da interactuación social e mobilidade da poboación nas citadas datas, relativas ás seguintes materias:

a) Limitación temporal da entrada e saída de persoas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia entre o día 23 de decembro de 2020 ás 00.00 horas e o día 7 de xaneiro de 2021 ás 00.00 horas.

b) Encontros con familiares para celebrar as comidas e ceas de Nadal dos días 24 e 25 de decembro de 2020.

c) Limitación da mobilidade nocturna na noite do 24 ao 25 de decembro de 2020.

Así mesmo, recolleuse unha medida especial relativa á mobilidade dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia entre o día 23 de decembro ás 00.00 horas e o día 25 de decembro ás 23.00 horas.

Con posterioridade, ditouse o Decreto 226/2020, do 29 de decembro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Nese decreto, Ponteareas, Rodeiro e Lugo pasaron ao nivel de restricións básico. Redondela baixou do nivel de restricións máximas a medio-alto, polo que pasou a integrarse no ámbito territorial delimitado cos concellos de Vigo, Mos, Nigrán, Gondomar e O Porriño. Por outra banda, noutros concellos elevouse o nivel de restricións existente. Tal foi o caso dos concellos de Barro, Xinzo de Limia, Muros, A Pobra do Caramiñal, Carral e Xove, en que se adoptaron as medidas correspondentes ao nivel de restricións medio-alto. Así mesmo, nos concellos de Lousame, Noia, Outes e Porto do Son adoptáronse medidas do nivel de restricións medio-alto. As limitacións de entrada e saída aplicáronse no ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Porto do Son e Outes, e no ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Noia e Lousame. Pola súa parte, o concello de Viveiro pasou ao nivel de máximas restricións. Tamén nos concellos de Verín, Cualedro, Castrelo do Val e Monterrei se elevaron as medidas ao nivel de máximas restricións e se procedeu ao peche perimetral conxunto dos catro concellos.

Posteriormente, o Decreto 1/2021, do 4 de xaneiro, polo que se modificou o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, dispuxo que os concellos das Pontes de García Rodríguez e Carnota pasasen ao nivel de restricións básico, polo que se eliminaron as limitacións de entrada e saída nestes concellos, e dispúxose a aplicación neles da regra xeral de limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público ou privados nun número máximo de seis persoas, agás que se tratase de persoas conviventes. Así mesmo, dada a melloría dos datos epidemiolóxicos do concello de Narón, reduciuse o seu nivel de restricións a medio, polo que se separou do ámbito territorial delimitado co concello de Ferrol no cal se integraba. Por outra banda, vista a evolución da situación epidemiolóxica, estendeuse a medida de limitación temporal de entrada e saída de persoas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ata o día 11 de xaneiro de 2021 ás 00.00 horas.

Finalmente, mediante o Decreto 2/2021, do 8 de xaneiro, modificouse novamente o Decreto 202/2020, do 3 de decembro. Neste sentido, de acordo cos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 8 de xaneiro de 2021, tendo en conta o valor das taxas acumuladas a 14 días no ámbito territorial formado polos concellos da Coruña, Culleredo, Arteixo e Cambre, no ámbito territorial formado polos concellos de Ourense e Barbadás, e no ámbito territorial formado polos concellos de Santiago de Compostela, Ames e Teo, propúxose que se adoptase o nivel de restricións que inclúe medidas de peche perimetral dos ámbitos indicados e limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público ou privados a un número máximo de catro persoas, agás que se tratase de persoas conviventes.

III

O proceso constante de revisión da situación sanitaria e epidemiolóxica resulta indispensable para manter un nivel de perfecta correspondencia entre as medidas adoptadas e a situación sanitaria que as xustifica. Neste sentido, a evolución epidemiolóxica e sanitaria de diversos concellos fixo necesaria unha nova modificación do Decreto 202/2020, do 3 de decembro.

Neste sentido, de acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 13 de xaneiro de 2020, obsérvase que as taxas de incidencia acumuladas a 3, 7 e 14 días están, para o conxunto de Galicia, en niveis moi elevados, obténdose valores de 81,9, 192,4 e 306,3 casos por cen mil habitantes, respectivamente. A media de casos acumulados a 7 días para os últimos 28 días amosa unha clara tendencia ascendente.

Por áreas sanitarias, as taxas a 14 días acadan valores superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes en todas elas, agás Lugo e Pontevedra, que, aínda así, amosan tamén valores altos ao acadar taxas por riba dos 230 casos por 100.000 habitantes. Para o grupo de idade de máis de 64 anos, as taxas a 14 días están por riba dos 250 casos por 100.000 habitantes en todas as áreas sanitarias, agás Pontevedra, que, aínda así, amosa tamén valores altos ao superar os 180 casos por 100.000 habitantes.

Por outra banda, o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de casos secundarios que ocorren por cada caso activo, mostra unha tendencia ascendente e acada un valor próximo a 1,4 para o global de Galicia e mantense por riba do valor 1 en todas as áreas sanitarias, o que indica que continúa a haber transmisión.

A porcentaxe de positividade do total das probas PCR realizadas en Galicia mostra valores superiores ao 7 % nos últimos 12 días.

En Galicia temos, na actualidade, brotes identificados que están en vixilancia epidemiolóxica e baixo medidas restritivas, pero a situación actual caracterízase pola presenza de casos en practicamente todos os concellos da xeografía galega.

En relación coas hospitalizacións, nos últimos 28 días (desde o día 15.12.2020 ao 10.1.2021) superáronse os 20 ingresos diarios, rexistrándose máis de 35 ingresos en 12 deses días e chegando a superar os 50 ingresos nun deles. Así mesmo, cómpre ter en conta a maior porcentaxe de persoas de idade entre os hospitalizados e que, na actualidade, todas as áreas sanitarias teñen casos ingresados nas UCI.

O informe conclúe que a situación epidemiolóxica actual amosa taxas de incidencia en niveis elevados e con tendencia ascendente en todas as áreas sanitarias e cun número reprodutivo instantáneo superior ao 1 en todas elas, o que indica que cada caso podería deixar máis dun caso secundario e, polo tanto, a tendencia a curto prazo do número de casos será ascendente. O número de ingresos en camas de hospitalización e tamén en camas de coidados críticos está tamén a aumentar e prevese que siga esta mesma tendencia nos próximos días e semanas, sometendo o sistema asistencial a un aumento de presión que terá repercusións evidentes sobre a saúde da poboación, especialmente da máis vulnerable.

A nivel global, o informe recomenda que a comunidade continúe con peche perimetral e se limite a mobilidade ao máximo posible, só para facer exclusivamente o esencial, como ir ao médico, ao colexio, atender as persoas maiores e facer a compra do indispensable. Ademais, recomenda adiantar a hora do toque de queda ás 22.00 horas.

En particular, o informe recomenda adoptar as medidas correspondentes ao nivel máximo de restricións nos concellos de máis de 10.000 habitantes que teñen xa unha incidencia acumulada a 14 días superior a 250 casos por cada cen mil habitantes, ou que evolucionan de xeito acelerado cara a ese nivel. Así mesmo, considérase necesario elevar as restricións ata o nivel máximo nos concellos de menos de 10.000 habitantes que presentan unha incidencia a 14 días superior a 250 casos por cen mil habitantes nos cales concorren circunstancias específicas na evolución da súa incidencia acumulada, no número de casos activos e nas características específicas dos seus brotes.

En todos os concellos con este nivel máximo de restricións debe establecerse o peche perimetral para o ámbito territorial correspondente a cada concello.

Así mesmo, no resto dos concellos de Galicia o informe considera que debe establecerse o nivel medio-alto de restricións e, aínda que non se recomenda, salvo necesidade, permitirase a mobilidade entre eles, agás no caso dos concellos de Lugo, Pontevedra e Vigo, nos que se establece o peche perimetral para o ámbito territorial correspondente ao concello.

A aplicación destes niveis de restricións supón que en todo o territorio da Comunidade Autónoma as limitacións de permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados queda condicionada a que non se supere o número máximo de catro persoas, agás que se trate de persoas conviventes, coas excepcións que se establecen. Tamén supón que a asistencia a lugares de culto non poderá superar o terzo da súa capacidade.

Tendo en conta o indicado no informe, e logo de escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, procede, en consecuencia, modificar o Decreto 202/2020, do 3 de decembro.

Coa finalidade de acadar unha maior claridade e seguridade xurídica, óptase por unha reprodución completa dos puntos obxecto de modificación da norma anterior, na cal se recolle a enumeración total dos concellos afectados polas correspondentes limitacións, coa finalidade de mellorar a súa comprensión e estruturación.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 5, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

Un. Déixase sen contido o número 1 do punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Dous. Modifícase o número 2 do punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda redactado como segue:

«2. Recoméndase limitar a mobilidade o máximo posible. Queda restrinxida a entrada e a saída de persoas do ámbito territorial dos seguintes concellos, considerados individualmente:

1. Da provincia da Coruña:

a) A Coruña.

b) Ames.

c) A Pobra do Caramiñal.

d) Arteixo.

e) Boiro.

f) Cabanas.

g) Camariñas.

h) Cambre.

i) Carballo.

j) Cee.

k) Cerceda.

l) Culleredo.

m) Fene.

n) Ferrol.

ñ) Laxe.

o) Melide.

p) Narón.

q) Noia.

r) Oleiros.

s) Oroso.

t) Ortigueira.

u) Outes.

v) Pontedeume.

w) Porto do Son.

x) Rianxo.

y) Ribeira.

z) Santiago de Compostela.

aa) Trazo.

ab) Val do Dubra.

ac) Vimianzo.

2. Da provincia de Lugo:

a) Lugo.

b) Vilalba.

c) Viveiro.

d) Xove.

3. Da provincia de Ourense:

a) Allariz.

b) Barbadás.

c) Monterrei.

d) O Carballiño.

e) Ourense.

f) Verín.

g) Xinzo de Limia.

4. Da provincia de Pontevedra:

a) A Estrada.

b) A Guarda.

c) A Illa de Arousa.

d) Baiona.

e) Bueu.

f) Caldas de Reis.

g) Cuntis.

h) Moaña.

i) Oia.

j) O Rosal.

k) Poio.

l) Ponteareas.

m) Pontecesures.

n) Pontevedra.

ñ) Redondela.

o) Salvaterra do Miño.

p) Tomiño.

q) Tui.

r) Valga.

s) Vigo.

t) Vilagarcía de Arousa.

u) Vilanova de Arousa».

Tres. O punto segundo do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda redactado como segue:

«Recoméndase restrinxir ao máximo a interacción social e que os encontros queden limitados unicamente á unidade de convivencia. No territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de catro persoas, agás que se trate de persoas conviventes. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de catro persoas, agás que se trate de persoas conviventes.

A limitación prevista neste punto non será de aplicación no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Respecto das actividades previstas nos anexos I e II da Orde do 3 de decembro de 2020, serán de aplicación as limitacións de capacidade máxima e/ou de número global de persoas asistentes ou participantes previstas neles. A limitación de grupos dun máximo de catro persoas, agás conviventes, contida neste número 1, só se aplicará aos límites específicos para actividades grupais recollidos nos ditos anexos».

Catro. O punto terceiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, queda redactado como segue:

«Terceiro. Limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto

1. Na Comunidade Autónoma de Galicia, a asistencia a lugares de culto non poderá superar o terzo da súa capacidade e deberase garantir, en todo caso, o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas asistentes. A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.

Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.

2. Deberán establecerse medidas para ordenar e controlar as entradas e saídas aos lugares de culto para evitar aglomeracións e situacións que non permitan cumprir coa distancia de seguridade.

3. As limitacións previstas nos números anteriores non poderán afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa».

Cinco. O punto cuarto do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, queda redactado como segue:

«Cuarto. Limitación da mobilidade nocturna

Tendo en conta a evolución epidemiolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, e de conformidade co previsto no artigo 5 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, durante o período comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas, as persoas unicamente poderán circular polas vías ou espazos de uso público para a realización das seguintes actividades:

a) Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros bens de primeira necesidade.

b) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.

c) Asistencia a centros de atención veterinaria por motivos de urxencia.

d) Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.

e) Retorno ao lugar de residencia habitual, tras realizar algunhas das actividades previstas neste punto.

f) Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.

g) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

h) Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

i) Abastecemento en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización das actividades previstas nos parágrafos anteriores».

Segundo. Eficacia

Este decreto terá efectos desde as 00.00 horas do día 15 de xaneiro de 2021.

Terceiro. Recursos

Contra o presente decreto poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, trece de xaneiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia