Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43-Bis Xoves, 4 de marzo de 2021 Páx. 12988

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 4 de marzo de 2021 pola que se modifican a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no devandito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no devandito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde prevía que as medidas serían obxecto de revisión constante co obxecto de avaliar a situación e adecualas á incidencia real da epidemia.

III

De conformidade co compromiso acadado en relación coa revisión das medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, cómpre axustalas co obxecto de manter a súa eficacia.

Así, o Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 3 de marzo de 2021, sinala o seguinte:

En canto á situación epidemiolóxica da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo de 1 desde o 29 de xaneiro, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Todas as áreas sanitarias se manteñen por debaixo do 1.

Do total de concellos de Galicia (N=313), 91 non tiveron casos nos últimos 14 días, o que supón 36 máis con respecto ao día 20 de febreiro. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días aumentou a 165 (107 con data do 20 de febreiro).

Entre o 19 e o 25 de febreiro, realizáronse 69.230 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (46.280 PCR e 22.950 test de antíxeno) cunha porcentaxe de positividade a sete días é do 3,77 %, o que supón un 6,2 % menos que a reflectida entre o 9 e 15 de febreiro, onde era do 4,02 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 54 e 131 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados o día 20 de febreiro (88 e 239 casos por cen mil habitantes a 7 e 14 días, respectivamente). A diminución da incidencia foi do 38,6 e 45,2 %, a 7 e 14 días, respectivamente.

A tendencia diaria mostra, desde o 20 de decembro, dous tramos con tendencia oposta, primeiro crecente, a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro, e despois decrecente, cunha porcentaxe de cambio diario de -6,4 %, o que segue a indicar un descenso continuo, xa que o 20 de febreiro a porcentaxe de cambio diaria observada era a mesma.

No que respecta á hospitalización de casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 418,9, o que significa un descenso de 34.9 % con respecto ao informe do 20 de febreiro, no cal era de 643,9. A taxa de pacientes COVID19 en hospitalización de agudos é de 108,6 ingresados por 100.000 habitantes nos últimos 7 días, cun descenso do 35 % con respecto aos ingresados hai 8 días, que foi de 167. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 104,9, o que supón un descenso do 36,6 % con respecto á semana anterior, que foi de 165,3. A taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 28,3 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso do 25,3 % con respecto a hai 8 días, en que era de 28,3 ingresados en UCI por 100.000 habitantes.

Respecto da situación epidemiolóxica máis concreta nos concellos de Galicia, o informe sinala que nos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 5 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 22 do informe anterior. Só un concello acada unha taxa a 14 días superior aos 300 casos por cen mil habitantes, que é Vilanova de Arousa, o que supón unha melloría con respecto ao día 20 de febreiro, onde eran 22 os concellos con esta taxa. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 23 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes (9 % do total dos concellos), 39 menos que no informe anterior. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en 5 destes concellos (2 % dos concellos de menos de 10.000 habitantes), 9 concellos menos que no informe anterior.

Á vista dos datos reflectidos, o informe destaca que o cambio na tendencia da taxa de incidencia segue a manterse en descenso, superado o cumio da onda o 22 de xaneiro.

O modelo de predición mostra que a onda continuará descendendo nos próximos sete e catorce días. Non obstante, o informe destaca que a información do modelo hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e non ten en conta as medidas de restrición que se están a tomar.

O informe destaca que o feito de que estea a circular cada vez máis a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión.

A ocupación por pacientes COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír con respecto ao informe anterior. Non obstante, o informe sinala que o número de ingresos debería baixar máis (especialmente nas unidades de críticos) xa que un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución.

Os datos recollidos no informe permiten constatar que se está a producir unha mellora na situación epidemiolóxica, o que demostra, inequivocamente, a eficacia das medidas adoptadas.

Atopámonos, pois, nun contexto de desescalada que permite seguir dando pasos de cara a unha apertura gradual, progresiva e segura que, en todo caso, debe estar guiada polo principio de prudencia para non comprometer os logros acadados. Non se pode esquecer que Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e que no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. A presión hospitalaria, cun alto número de persoas ingresadas nas UCI, segue a ser elevada, sobre todo en determinadas áreas sanitarias. En efecto, en virtude do principio de precaución, cómpre, con carácter xeral, manter as medidas adoptadas posto que aínda transcorreu pouco tempo desde a súa entrada en vigor, e é pronto para medir os seus efectos.

Por conseguinte, á vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, coa situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia óptase por manter, con carácter xeral, o modelo de limitacións que se viñan aplicando ata o momento, aínda que adaptadas á evolución da situación nos diferentes ámbitos territoriais da Comunidade Autonóma. Con esta finalidade, actualízase o anexo desta orde no cal se relacionan os concellos da Comunidade Autónoma aos cales lles son de aplicación as diferentes limitacións.

Cabe destacar a mellora da situación epidemiolóxica dos concellos de Corcubión, Curtis, Ponteceso, Moeche, O Corgo, Gomesende, A Gudiña, A Peroxa, Toques e Guitiriz, que determina que deixen de estar sometidos ás máximas restricións. Empeora, pola contra, a situación do concello de Soutomaior, que pasa a incluírse na letra A do anexo e, polo tanto, a aplicárselle o nivel de máximas restricións.

Dentro do contexto de desescalada gradual e progresiva antes aludido, cómpre indicar, de acordo cos principios de necesidade e de proporcionalidade, en particular, que non se modifica nesta orde a situación dos concellos das áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra, tendo en conta fundamentalmente a situación hospitalaria e, en particular, de ocupación de UCI por pacientes COVID-19, de acordo cos datos tidos en conta na elaboración desta orde, que aconsellan esperar a que se produza unha melloría. Porén, as medidas vixentes respecto destas áreas serán obxecto de seguimento e de avaliación no seguinte subcomité clínico, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria, para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento nos próximos días se se confirma e consolida a boa evolución apreciada.

En canto ás medidas que se manteñen, debe insistirse, en particular, que resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos expostos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e descenso do número de casos e, polo tanto, útiles para conseguir o fin proposto de protección da saúde pública, á espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen. Debe ponderarse que aínda non estamos en niveis de transmisión que se poidan entender de risco baixo. Así mesmo, debe manterse a protección do sistema sanitario, que soporta niveis altos de ocupación, sobre todo en determinadas áreas sanitarias. As medidas de limitación de determinadas actividades resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros entre persoas, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social e de limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. Deste modo, as medidas de limitación de determinadas actividades van dirixidas a limitar os contactos e a interacción social, e, polo tanto, a transmisión da enfermidade, en situacións nas cales cabe apreciar un maior risco polas circunstancias en que se realizan, especialmente en lugares pechados.

Tendo en conta o exposto, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, procede manter as medidas xa aprobadas na anterior Orde do 25 de febreiro, sen prexuízo das modificacións que se introducen nesta orde.

Entre as medidas que se adoptan nesta orde atópanse a ampliación do número de persoas nos velorios e enterros, a adaptación das regras sobre número de postos nos mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública, modificacións no número máximo de persoas nos actos e reunións laborais, institucionais, académicos ou profesionais, o establecemento de medidas que cómpre adoptar na celebración de procesos selectivos e a apertura en determinados concellos dos centros sociocomunitarios, centros cívicos, centros de convivencia, centros sociais e demais de natureza análoga.

En calquera caso, as medidas serán obxecto de revisión constante co obxecto de avaliar a situación e adecualas á incidencia real da epidemia, ou mesmo deixar sen efecto as medidas de alivio en caso necesario.

Por outra banda, aprovéitase esta orde para modificar a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, no sentido de prorrogar a obriga recollida no punto quinto, en canto á obriga de dispor dun cartel, e sétimo, en canto á obriga de obter un código QR ou de dispor dun código QR personalizado, e conceder un novo prazo dadas as dificultades tecnolóxicas acontecidas na descarga masiva dos citados elementos.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38 ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícanse os números 1 e 2 do punto 3.3 do anexo I da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que quedan redactados como segue:

«3.3. Velorios e enterros.

1. Os velorios poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, debidamente habilitadas cun límite máximo, en cada momento, de 10 persoas por túmulo, sexan ou non conviventes, e 25 persoas no exterior, sexan ou non conviventes.

2. A participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de vinte e cinco persoas, sexan ou non conviventes, entre familiares e achegados, ademais de, se é o caso, o ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.».

Dous. Modifícase o número 1 do punto 3.8 do anexo I da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.8. Mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública.

1. No caso dos mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública ao aire libre ou de venda non sedentaria, coñecidos como feiras, a capacidade virá determinada polo número de postos autorizados do xeito seguinte:

a) Nos mercados con menos de 50 postos autorizados, poderán dispoñer do 100 % dos postos habituais ou autorizados.

b) Nos mercados que teñan entre 50 e 100 postos autorizados, poderán dispoñer do 75 % dos postos habituais ou autorizados.

c) Nos mercados que teñan máis de 100 postos autorizados, poderán dispoñer do 50 % dos postos habituais ou autorizados.

En todo caso, limitarán a afluencia de clientes de maneira que se asegure o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

Os concellos poderán aumentar a superficie habilitada ou habilitar novos días para o exercicio desta actividade para compensar as limitacións previstas anteriormente, prestando especial atención á vixilancia do cumprimento das medidas sanitarias e protocolos aplicables nestes contornos.

Á hora de determinar os comerciantes que poden exercer a súa actividade, o concello poderá priorizar aqueles que comercializan produtos alimentarios e de primeira necesidade, asegurando que non se manipulen os produtos comercializados neles por parte dos consumidores.

Os concellos establecerán requisitos de distanciamento entre postos e condicións de delimitación do mercado co obxectivo de procurar manter a distancia de seguridade interpersoal entre traballadores, clientes e viandantes ou, na súa falta, será precisa a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, na súa redacción vixente.».

Tres. Modifícase o punto 3.14 do anexo I da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.14. Realización de actos e reunións laborais, institucionais, académicos ou profesionais.

A realización de actos e reunións laborais, institucionais, académicos, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativos, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacional poderanse realizar sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento, ben que se recomenda que se realicen de forma telemática sempre que sexa posible.

Non se poderá superar o trinta por cento da capacidade autorizada do local. En calquera caso, deberase respectar un máximo de 75 persoas para lugares pechados e de 150 persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado logo de autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, por solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade pola COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.».

O recollido neste número será tamén de aplicación para as reunións de xuntas de comunidades de propietarios.

Catro. Engádese un punto 3.23 no anexo I da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redación:

«3.22. Realización de procesos selectivos polas administracións públicas e entidades do sector publico.

A realización de procesos selectivos poderá desenvolverse, sempre que os asistentes permanezan sentados e que a capacidade se calcule, dentro da capacidade permitida, de forma que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 m en todas as direccións, cun límite máximo de duascentas cincuenta persoas aspirantes.

Co fin de evitar aglomeracións, a distribución dos asistentes será homoxénea polos asentos e haberá unha planificación axeitada para controlar os accesos e o fluxo de circulación dos asistentes. Debe preverse a apertura de todas as portas dispoñibles coa antelación suficiente. Organizaranse as entradas e saídas para evitar aglomeracións de persoas, tanto nos accesos como nas inmediacións, e distribuiranse proporcionalmente as persoas entre as portas dispoñibles.

Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no resto das instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física.

O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, mesmo no caso de que se manteña a distancia de seguridade interpersoal nos termos previstos nas medidas hixiénico-sanitarias.

Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por un prazo de, polo menos, 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e obrigatoriamente ao finalizar cada actividade. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e non se poderá empregar a función de recirculación do aire interior.

Deberá existir un rexistro de asistentes e custodialo durante un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias, cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

Deberán intensificarse as medidas de limpeza e desinfección das instalacións con produtos debidamente autorizados e rexistrados.

No caso de realización de procesos selectivos de máis de 250 aspirantes, ou se as probas non se realizan coas persoas sentadas en todo momento, solicitarase autorización á Dirección Xeral de Saúde Pública en que se comuniquen o evento, as datas, as actividades que se van realizar e as medidas concretas organizativas e de seguridade propostas para os riscos de contaxio.

A solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade pola COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.».

Cinco. Modifícase o punto 4.6 do anexo I da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«4.6. Nos centros sociocomunitarios, centros cívicos, centros de convivencia, centros sociais e demais de natureza análoga permanecerá suspendida a súa actividade ao público agás nos concellos enumerados na parte C do anexo II da presente orde, que poderán realizar a súa actividade sempre que se limite a súa capacidade total ao 30 % e se extremen as medidas de protección nas actividades de tipo grupal que se realizan neles, cun máximo de catro persoas sexan ou non conviventes, excluído o monitor ou guía, para as actividades grupais. En todo caso, será obligatorio o uso da máscara tanto en actividades individuais como grupais.

Permanecerán abertos, en todo caso, os centros de día de maiores e persoas con discapacidade e os ocupacionais, así como as casas do maior.».

Seis. Modifícase o anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo da presente orde.

Segundo. Modificación da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase o punto noveno da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

Noveno. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos a partir das 00.00 do 26 de febreiro de 2021. Malia o anterior, as medidas recollidas nos puntos quinto, en canto á obriga de dispor dun cartel, e sétimo, en canto á obriga de obter un código QR ou de dispor dun código QR personalizado, terán efectos a partir das 00.00 horas do día 12 de marzo de 2021, polo que as actuacións de control que con anterioridade se efectúen se limitarán a informar da súa exixibilidade a partir da indicada data, sen que proceda dar inicio a ningún procedemento sancionador por estas causas ata a indicada data. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Terceiro. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 5 de marzo de 2021. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

«ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

Soutomaior.

B) Concellos con nivel de restrición alta.

B1. Concellos con nivel de restrición alta da Área Sanitaria da Coruña-Cee:

Aranga.

Arteixo.

Cambre.

Carballo.

Carral.

Coruña (A).

Culleredo.

Laracha (A).

Malpica de Bergantiños.

Miño.

Muxía.

Paderne.

Sada.

Vilasantar.

Abegondo.

Bergondo.

Betanzos.

Cabana de Bergantiños.

Camariñas.

Cee.

Cerceda.

Coirós.

Coristanco.

Dumbría.

Fisterra.

Irixoa.

Laxe.

Oleiros.

Oza-Cesuras.

Sobrado.

Vilamaior.

Vimianzo.

Zas.

B.2. Concellos con nivel de restrición alta da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés:

Barro.

Cambados.

Catoira.

Cerdedo-Cotobade.

Cuntis.

Lama (A).

Marín.

Meaño.

Meis.

Ponte Caldelas.

Vilaboa.

Vilanova de Arousa.

Bueu.

Caldas de Reis.

Campo Lameiro.

Forcarei.

Grove (O).

Illa de Arousa (A).

Moraña.

Poio.

Pontevedra.

Portas.

Ribadumia.

Sanxenxo.

Vilagarcía de Arousa.

B.3. Concellos con nivel de restrición alta noutras áreas sanitarias.

Pobra do Brollón (A).

Guitiriz.

Lourenzá.

Porto do Son.

Tordoia.

Mos.

Mondariz.

Pazos de Borbén.

Cariño.

Boborás.

C) Concellos con nivel de restrición media.

Abadín.

Alfoz.

Antas de Ulla.

Baleira.

Barreiros.

Becerreá.

Begonte.

Bóveda.

Burela.

Carballedo.

Castro de Rei.

Castroverde.

Cervantes.

Cervo.

Chantada.

Cospeito.

Folgoso do Courel.

Fonsagrada (A).

Foz.

Friol.

Incio (O).

Láncara.

Lugo.

Meira.

Mondoñedo.

Monterroso.

Muras.

Navia de Suarna.

Negueira de Muñiz.

Nogais (As).

Ourol.

Palas de Rei.

Pantón.

Paradela.

Páramo (O).

Pastoriza (A).

Pedrafita do Cebreiro.

Pol.

Portomarín.

Quiroga.

Ribadeo.

Ribas de Sil.

Ribeira de Piquín.

Riotorto.

Samos.

Sarria.

Saviñao (O).

Taboada.

Trabada.

Triacastela.

Valadouro (O).

Vicedo (O).

Vilalba.

Viveiro.

Xermade.

Xove.

Allariz.

Amoeiro.

Arnoia (A).

Avión.

Baltar.

Baños de Molgas.

Barbadás.

Barco de Valdeorras (O).

Beariz.

Blancos (Os).

Bola (A).

Bolo (O).

Calvos de Randín.

Carballeda de Avia.

Carballeda de Valdeorras.

Carballiño (O).

Cartelle.

Castrelo de Miño.

Castrelo do Val.

Castro Caldelas.

Cenlle.

Chandrexa de Queixa.

Coles.

Cortegada.

Cualedro.

Entrimo.

Esgos.

Irixo (O).

Larouco.

Laza.

Leiro.

Lobeira.

Lobios.

Maceda.

Manzaneda.

Maside.

Melón.

Montederramo.

Monterrei.

Muíños.

Nogueira de Ramuín.

Oímbra.

Ourense.

Paderne de Allariz.

Padrenda.

Parada de Sil.

Pereiro de Aguiar (O).

Petín.

Piñor.

Pobra de Trives (A).

Pontedeva.

Porqueira.

Quintela de Leirado.

Rairiz de Veiga.

Ramirás.

Ribadavia.

Riós.

Rúa (A).

Rubiá.

San Amaro.

San Cibrao das Viñas.

San Cristovo de Cea.

San Xoán de Río.

Sarreaus.

Teixeira (A).

Toén.

Trasmiras.

Veiga (A).

Verín.

Vilamarín.

Vilamartín de Valdeorras.

Vilar de Barrio.

Vilar de Santos.

Vilardevós.

Vilariño de Conso.

Xinzo de Limia.

Xunqueira de Ambía.

Ames.

Baña (A).

Boimorto.

Boiro.

Boqueixón.

Brión.

Carnota.

Lousame.

Mazaricos.

Melide.

Mesía.

Muros.

Negreira.

Noia.

Oroso.

Outes.

Padrón.

Pino (O).

Pobra do Caramiñal (A).

Rianxo.

Ribeira.

Santa Comba.

Santiago de Compostela.

Santiso.

Teo.

Touro.

Trazo.

Val do Dubra.

Vedra.

Agolada.

Dozón.

Estrada (A).

Lalín.

Pontecesures.

Rodeiro.

Silleda.

Valga.

Vila de Cruces.

Arbo.

Baiona.

Cangas.

Cañiza (A).

Covelo.

Crecente.

Fornelos de Montes.

Gondomar.

Guarda (A).

Mondariz-Balneario.

Neves (As).

Nigrán.

Ponteareas.

Porriño (O).

Rosal (O).

Salceda de Caselas.

Salvaterra de Miño.

Tomiño.

Tui.

Vigo.

Corcubión.

Curtis.

Ponteceso.

Moeche.

Corgo (O).

Gomesende.

Gudiña (A).

Peroxa (A).

Toques.

Cedeira.

Ferrol.

Narón.

Neda.

Pontes de García Rodríguez (As).

San Sadurniño.

Ares.

Cabanas.

Capela (A).

Cerdido.

Fene.

Mañón.

Monfero.

Mugardos.

Ortigueira.

Pontedeume.

Somozas (As).

Valdoviño.

Baralla.

Guntín.

Monforte de Lemos.

Outeiro de Rei.

Pontenova (A).

Rábade.

Sober.

Bande.

Beade.

Celanova.

Merca (A).

Mezquita (A).

Punxín.

Sandiás.

Taboadela.

Viana do Bolo.

Verea.

Xunqueira de Espadanedo.

Arzúa.

Dodro.

Frades.

Ordes.

Rois.

Moaña.

Oia.

Redondela.