Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52-Bis Mércores, 17 de marzo de 2021 Páx. 15349

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 17 de marzo de 2021 pola que se modifica a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola devandita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, con todo, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas.

En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como, de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendíase, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do devandito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto.

As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Conforme o artigo 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida nese real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no devandito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, estas medidas non esgotan todas as que se poden adoptar para facer fronte á crise sanitaria.

Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma, as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

Debe terse en conta que a situación epidemiolóxica actual se caracteriza por unha elevada presión hospitalaria, cun número de persoas ingresadas nas UCI superior ao rexistrado no peor momento da primeira onda da pandemia, así como un nivel de hospitalizacións superior ao da segunda onda. Debe terse tamén presente que a situación de contaxio explosivo pode deberse á circulación en Galicia de novas variantes do virus.

Resulta, pois, necesario manter medidas que tendan á protección da cidadanía e do sistema sanitario, especialmente nunha comunidade autónoma como a galega, que conta cunha poboación envellecida e na cal o virus circulou menos ca noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, en espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados.

Debe destacarse que a evolución recente da situación epidemiolóxica demostra a eficacia das medidas adoptadas e, en particular, das recollidas no Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, e na Orde da Consellería de Sanidade do 26 de febreiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

As medidas preventivas resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. Estas medidas deben implantarse na totalidade do territorio da Comunidade Autónoma, independentemente do seu carácter urbano ou rural.

En concreto, trátase de evitar especialmente encontros de carácter familiar ou social entre persoas non conviventes, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.

Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social, confinamento domiciliario e limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data.

En particular, a medida da limitación das agrupacións de persoas, tanto en lugares de uso público coma privado, vai dirixida a previr ou, polo menos, restrinxir numericamente a participación en reunións familiares ou sociais nas cales cabe apreciar un maior risco de transmisión polas circunstancias en que se realizan, por existir unha maior confianza e relaxación das medidas de seguridade, xa que teñen lugar fóra de ambientes profesionais, laborais ou outros protocolizados en que se debe usar máscara e que se rodean doutras garantías que dificultan a transmisión e o contaxio.

Os establecementos de hostalaría e restauración son ambientes que favorecen os encontros entre persoas que comparten un mesmo espazo, con proximidade, e durante os cales se produce o consumo de alimentos ou bebidas e a consecuente necesidade de retirar a máscara nese momento.

Así, faise necesario velar polo cumprimento das medidas na totalidade dos locais de hostalaría da nosa Comunidade, dado o seu carácter de lugares de convivencia e interacción social, e establecer controis por parte dos corpos de inspección sanitarios e polos corpos e forzas de seguridade que operan en Galicia.

En efecto, na situación actual, na cal existe unha taxa de incidencia que se considera relevante en canto ao risco de infección, resulta imprescindible manter as medidas, tendentes en definitiva a limitar a interacción social e, polo tanto, a limitar os niveis de transmisión, con vistas a que se dean as condicións para unha apertura gradual, progresiva e segura.

III

Por outra banda, cómpre considerar a importancia socioeconómica deste sector en Galicia e a súa contribución ao PIB galego e ao mantemento dos niveis de ocupación, tendo en conta que na nosa Comunidade existen case 23.000 restaurantes, bares e establecementos de aloxamento.

O impacto da crise sanitaria no sector é tamén proporcional á súa importancia económica, polo que as medidas preventivas provocadas pola situación epidemiolóxica teñen un impacto directo e significativo na súa actividade e proxección.

A Xunta de Galicia, consciente da importancia do sector e da necesidade de manter a súa viabilidade, ten acordado cos representantes do sector hostaleiro de Galicia un compromiso de reactivación segura que se fundamentará en tres piares básicos: acadar a máxima seguridade no acceso aos establecementos, o máximo seguimento de posibles gromos e posibilitar o máximo control no cumprimento das disposicións sanitarias vixentes.

Para tal efecto, e co obxectivo de garantir a máxima seguridade tanto para as persoas traballadoras coma para as persoas usuarias, cómpre incidir no control dos niveis de ocupación e na necesidade de manter en todo momento as normas hixiénico-sanitarias básicas de limpeza de mans e superficies, nas distancias de seguridade interpersoal, no uso de máscara e na limitación dos tempos de contacto.

Ao mesmo tempo, cómpre establecer mecanismos que faciliten un rápido e eficaz rastrexo dos contactos no caso de detección de positivos, para a contención da propagación da enfermidade entre o resto das persoas traballadoras e usuarias.

Todo isto debe completarse tamén coa necesaria información que debe transmitirse ás persoas usuarias en relación coas capacidades dos locais e cos niveis de ocupación, tanto no interior como no exterior, lembrándolles en todo momento a necesidade de observar as medidas básicas de prevención, como xa temos manifestado.

Por tales motivos, ditouse a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal se conteñen as medidas necesarias para garantir unha apertura progresiva e segura do sector hostaleiro.

Desde a súa posta en marcha, téñense establecido canles de colaboración permanentes co sector, non só para garantir o cumprimento adecuado das medidas acordadas, senón tamén para ter información fluída sobre o impacto destas nos establecementos, co obxecto de posibilitar a realización dos axustes necesarios, facendo compatibles o mantemento dos niveis de seguridade necesarios e as necesidades e dúbidas dos operadores na súa posta en marcha e aplicación diaria.

Froito desta colaboración, xurdiron algúns mecanismos que cómpre axustar e outros aspectos que precisan de maior aclaración.

Neste sentido, a presente orde pretende abordar unha modificación puntual en relación coa eliminación do requisito da entrega de códigos QR personalizados, así como a eficacia demorada das disposicións modificativas que incidan nos niveis de ocupación ou nos mecanismos ou ferramentas de control destes.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o punto sétimo da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, suprimindo a alínea terceira, polo que queda redactado como segue:

«Sétimo. Rastrexabilidade

1. A persoa titular do establecemento obterá un código QR na páxina web:

https://coronavirus.sergas.gal/

2. A través da aplicación da Xunta de Galicia Passcovid, os usuarios do establecemento poderán rexistrar a súa presenza nel mediante a captura do código QR, o cal axudará a detectar posibles concentracións de contaxios con maior rapidez».

Dous. Modifícase o número 2 do punto quinto da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«2. A persoa responsable do establecemento virá obrigada a manter actualizada esta información cada vez que se produza un cambio no nivel de restricións aplicables ao ámbito territorial en que se atope o local, tanto na capacidade interior coma na exterior. Para estes efectos, disporán dun prazo de 3 días contados desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia para actualizar esta información».

Segundo. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos a partir das 00.00 do 19 de marzo de 2021. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade