Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56-Bis Mércores, 24 de marzo de 2021 Páx. 16294

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 49/2021, do 24 de marzo, polo que se modifica o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola dita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, con todo, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas. En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como, de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendíase, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas no territorio de cada comunidade autónoma ou en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes, e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto das persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación de limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisión que poida resultar dos encontros colectivos, sen que tal limitación poida afectar, en ningún caso, o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que se poden adoptar para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Posteriormente, ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditáronse o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, o Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, e o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, do presidente da Xunta de Galicia, polos que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Estes decretos foron obxecto de diversas modificacións para manter as medidas adaptadas á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

III

Por outra banda, ante a proximidade da ponte de San Xosé e Semana Santa, o día 10 de marzo tivo lugar o Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, no cal se acordaron unha serie de medidas e recomendacións que foron declaradas polo Ministerio de Sanidade, mediante a Orde comunicada do 11 de marzo de 2021, como actuacións coordinadas en saúde pública, conforme o establecido no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e que teñen por obxecto responder á situación de especial risco de transmisión da COVID-19 derivada do incremento da mobilidade da poboación e do aumento das celebracións, agrupacións e reunións de persoas durante os festivos indicados. O Acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde foi publicado mediante a Resolución do 11 de marzo de 2021, da Secretaría de Estado de Sanidade (BOE do 12 de marzo).

Cabe destacar que, de acordo co número 2 do artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, as medidas contidas na declaración de actuacións coordinadas polo Ministerio de Sanidade resultan de obrigado cumprimento e, polo tanto, deben ser asumidas polas comunidades autónomas aínda que no propio acordo se determina que lles corresponde ás propias comunidades ou cidades autónomas, nas cales estean en vigor medidas máis restritivas que as recollidas no dito acordo, decidir sobre a conveniencia de flexibilizalas ou non «tendo en conta que iso suporía unha modificación dos hábitos establecidos ata agora e que está a cumprir a cidadanía».

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria permite no momento actual que, ao abeiro do marco normativo derivado do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma adopte novas medidas na condición de autoridade competente delegada, sen prexuízo das que, de modo complementario e compatible con elas, adopte con esta mesma data a persoa titular da Consellería de Sanidade en exercicio das súas competencias como autoridade sanitaria autonómica, e respectando, en todo caso, as medidas obrigatorias recollidas no Acordo do Consello Interterritorial de Saúde.

Neste contexto ditouse o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

IV

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que o presidente da Xunta de Galicia adopte novas medidas na condición de autoridade competente delegada, sen prexuízo das que, de modo complementario e compatible con elas, adopte a persoa titular da Consellería de Sanidade en exercicio das súas competencias como autoridade sanitaria autonómica.

O Comité Clínico, na súa reunión do 23 de marzo de 2021, procedeu á revisión da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

Así, do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 24 de marzo, destácanse os seguintes datos:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo de 1 desde o 29 de xaneiro, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Non obstante, está a achegarse cada vez máis ao 1 e o seu intervalo de confianza superior está a superalo nestes últimos días. Non obstante, a estabilización das taxas desde o 28 de febreiro pode afectar que a Rt se achegue ao 1.

Do total de concellos de Galicia, 141 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 184. Isto supón un aumento en 6 concellos a 14 días e unha diminución en 8 concellos.

Entre o 12 e o 18 de marzo realizáronse 53.783 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (41.565 PCR e 12.218 test de antíxeno) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 2,53 %, o que supón un aumento de case un punto porcentual máis con respecto ao 16 de marzo, con datos entre o 5 e o 11 de marzo, que era do 1,87 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 38 e 74 casos por cen mil habitantes, respectivamente, manténdose a taxa a 7 días e diminuíndo a de a 14 días, que era de 36 e 78 casos por cen mil habitantes, respectivamente.

A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, tres tramos, un deles con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro e despois unha primeira decrecente cunha porcentaxe de cambio diaria de -6,7 % e outro, cun descenso máis lento, cunha porcentaxe de cambio diaria de -1,3 %.

Respecto da situación nas áreas sanitarias, o informe indica que as taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír con respecto ás de hai 7 días. Ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes nin taxas a 7 días superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes, e as taxas a 14 días das áreas están entre os 38,07 casos por 100.000 habitantes de Santiago de Compostela e os 119,81 da Área Sanitaria da Coruña.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 193,6, o que significa un descenso do -21,4 % con respecto a hai sete días. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 7,2 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do -21,4 % con respecto a hai 7 días. Pola súa banda, nos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 48,3 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1,8 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -28,1 % con respecto a hai sete días, tanto na media como na taxa.

Sobre a situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, constátase que nos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), igual que o observado hai unha semana, ningún presenta unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 5 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, 4 menos que no informe anterior. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes nun destes concellos.

Segundo os datos reflectidos no informe, constátase que a taxa de incidencia parece estabilizarse, superado o cumio da onda o 22 de xaneiro. Non obstante, obsérvase un aumento da Rt en varias áreas sanitarias, aínda que no global de Galicia non acada o 1.

O modelo de predición mostra que a onda se manterá estable nos próximos sete e catorce días. Non obstante, a información do modelo hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e non ten en conta as medidas de restrición que se están a tomar. Así, ao observar os intervalos de confianza, poderían darse todos os escenarios (estabilización, ascenso ou descenso da onda).

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes, sen ningunha área cunha incidencia superior aos 250 casos por cen mil habitantes. A taxa de incidencia a 14 días máis elevada segue a ser a da Área Sanitaria da Coruña, aínda que en descenso.

No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, ningún presenta unha taxa de incidencia igual ou superior a 250 casos por cen mil habitantes. Nos de menos de 10.000, hai 5 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes, con só un deles cunha taxa a 14 días superior aos 500 casos por cen mil habitantes.

O feito de que estea a circular cada vez máis a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión.

A ocupación por pacientes COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír con respecto a hai sete días. Non obstante, hai que manter a precaución, xa que un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución.

Non se debe esquecer que nos encontramos nun contexto de desescalada que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia, para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. A presión hospitalaria, aínda que vai descendendo, debe baixar máis. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven.

En particular, o informe recomenda manter o concello de Maside no nivel máximo de restrición, debido ás súas taxas a 7 e/ou 14 días, e ao pouco tempo transcorrido desde a aplicación deste nivel. Así mesmo, debido ás súas taxas de incidencia a 7 e/ou 14 días, o informe recomenda elevar ao nivel máximo de restricións o concello de Beade. Pola contra, a mellora da situación epidemiolóxica constatada nos concellos de Paradela e Vilardevós permítelles saír do máximo nivel de restricións.

V

Tendo en conta o indicado, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia determina que procede ditar un novo decreto en que se adopten as medidas existentes á indicada situación.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 5, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do anexo do Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

Modifícase o anexo do Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda redactado nos termos previstos no anexo deste decreto.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

A eficacia das medidas previstas neste decreto comezará ás 00.00 horas do día 26 de marzo de 2021.

Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Terceiro. Recursos

Contra este decreto poderase interpor recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, vinte e catro de marzo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

ANEXO

Concellos en que son aplicables limitacións específicas de entrada e saída
de persoas, de permanencia de grupos de persoas en espazos públicos
ou privados e de permanencia en lugares de culto

1. Beade.

2. Maside.