Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58-Bis Venres, 26 de marzo de 2021 Páx. 16805

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 26 de marzo de 2021 pola que se modifica a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptaron medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde prevía que as medidas serían obxecto de revisión constante co obxecto de avaliar a situación e adecualas á incidencia real da epidemia.

Posteriormente, revisáronse as medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, e ditouse a Orde do 4 de marzo de 2021, que incluíu pequenas modificacións das medidas adoptadas e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia; a Orde do 5 de marzo de 2021 por medio da cal se modificou o anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021; a Orde do 10 de marzo de 2021, coa que se modificaron diversos puntos do anexo I e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021, e a Orde do 12 de marzo de 2021, que modificou unicamente o anexo II.

Paralelamente, estas modificacións tiveron reflexo tamén no Decreto 39/2021, do 5 de marzo, no Decreto 40/2001, do 10 de marzo, e no Decreto 41/2021, do 12 de marzo, polos que se modificou o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Por outra banda, ante a proximidade da ponte de San Xosé e Semana Santa, o día 10 de marzo tivo lugar o Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, no cal se acordaron unha serie de medidas e recomendacións que foron declaradas polo Ministerio de Sanidade, mediante a Orde comunicada do 11 de marzo de 2021, como actuacións coordinadas en saúde pública, conforme o establecido no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e que teñen por obxecto responder á situación de especial risco de transmisión da COVID-19 derivada do incremento da mobilidade da poboación e do aumento das celebracións, agrupacións e reunións de persoas durante os festivos indicados. O Acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde foi publicado mediante a Resolución do 11 de marzo de 2021, da Secretaría de Estado de Sanidade (BOE do 12 de marzo).

Cabe destacar que, de acordo co número 2 do artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, as medidas contidas na declaración de actuacións coordinadas polo Ministerio de Sanidade resultan de obrigado cumprimento e, polo tanto, deben ser asumidas polas comunidades autónomas, aínda que no propio acordo se determina que lles corresponde ás propias comunidades ou cidades autónomas en que estean en vigor medidas máis restritivas que as previstas no dito acordo decidir sobre a conveniencia de flexibilizalas ou non «tendo en conta que iso suporía unha modificación dos hábitos establecidos ata agora e que están a ser cumpridas pola cidadanía».

En cumprimento do compromiso acadado en relación coa revisión das medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, ditáronse o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, modificado polo Decreto 49/2021, do 24 de marzo; e a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, modificada pola Orde do 24 de marzo de 2021.

III

De conformidade co compromiso acadado, procede realizar unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos distintos concellos.

Así, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 26 de marzo de 2021 establécese o seguinte:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo de 1 desde o 29 de xaneiro, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Non obstante, está a achegarse cada vez máis ao 1 e o seu intervalo de confianza superior está a superalo nestes últimos días. Non obstante, a estabilización das taxas desde o 28 de febreiro pode afectar que a Rt se achegue ao 1.

Do total de concellos de Galicia, 142 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 183. Isto supón un aumento en 5 e 4 concellos a 7 e 14 días, respectivamente.

Entre o 14 e o 20 de marzo realizáronse 50.416 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (39.053 PCR e 11.363 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 2,58, o que supón tres décimas máis que a reflectida no informe do 18 de marzo con datos entre o 8 e 14 de marzo, que era do 2,33 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 35 e 72 casos por cen mil habitantes, respectivamente, un pouco inferiores aos observados no anterior informe, en que eran de 38 e 74 casos por cen mil habitantes, respectivamente.

A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, tres tramos, un deles con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro e despois unha primeira decrecente cunha porcentaxe de cambio diario de -6,7 % e outro, cun descenso máis lento, cunha porcentaxe de cambio diaria de -0,8 %.

No que atinxe ás áreas sanitarias, as taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír a respecto de hai 7 días. Ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes nin taxas a 7 días superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes.

As taxas a 14 días das áreas están entre os 38,52 casos por 100.000 habitantes da área de Santiago e os 117,30 da área da Coruña.

Respecto dos datos de hospitalización, a media de pacientes COVID-19 en agudos nos últimos 7 días foi de 193,6, o que significa un descenso do -21,4 % respecto de hai sete días, o que sitúa a taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos en 7,2 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do -21,4 % a respecto de hai 7 días.

En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 48,3 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1,8 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -28,1 % a respecto de hai sete días, tanto na media como na taxa.

Respecto da situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, naqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), e ao igual que se observou hai unha semana, ningún presenta unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes.

No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 6 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, un máis que no informe anterior. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes nun destes concellos, que é o de Beade.

O informe constata que o cambio na tendencia da taxa de incidencia parece estabilizarse, superado o cumio da onda o 22 de xaneiro. Non obstante, obsérvase un aumento da Rt en varias áreas sanitarias, aínda que no global de Galicia non acada o 1. Non obstante, a pesar do sinalado respecto á Rt, cando as incidencias son baixas hai que observala con precaución, porque pode ter maior variabilidade.

O modelo de predición mostra que a onda se manterá estable nos próximos sete e catorce días. Non obstante, a información do modelo hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e non ten en conta as medidas de restrición que se están a tomar. Así, ao observar os intervalos de confianza, poderían darse todos os escenarios (estabilización, ascenso ou descenso da onda).

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes (c/105h), sen ningunha área cunha incidencia superior aos 250 c/105h, e agás a da Área Sanitaria da Coruña todas están por debaixo de 100 c/105h. Non obstante, esta área tamén está a diminuír a súa taxa.

O feito de que estea a circular cada vez máis a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión.

Non debe esquecerse que nos atopamos nun contexto de desescalada que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia, para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. A presión hospitalaria, aínda que vai descendendo, debe baixar máis. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven.

O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días, situando o nivel medio baixo por debaixo de 150, o medio entre 150 e por debaixo de 250, o alto entre 250 e por debaixo de 500, e o máximo na cifra de 500. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con rapidez e eficacia fronte aos gromos, utilízase tamén como criterio o da taxa de incidencia a 7 días. A análise da situación de cada concello prevese coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, e co estudo polos servizos de saúde pública e o comité ou o subcomité clínico das características específicas de cada gromo.

Por conseguinte, en vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, coa situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, proponse manter no nivel máximo de restrición o concello de Beade, na Área Sanitaria de Ourense, debido ás súas taxas a 7 e 14 días.

O concello de Maside, da Área Sanitaria de Ourense, descendería do nivel máximo actual ao nivel alto de restrición polas súas taxas de incidencia a 7 e 14 días.

Tamén se propón manter no nivel alto, polas súas taxas a 7 e 14 días ou por non ter estado neste nivel o tempo abondo para asegurar unha evolución favorable da súa situación epidemiolóxica, os concellos de Abegondo, Baiona, Ortigueira, Sanxenxo, O Saviñao e Vilardevós.

Ademais, ascenden do nivel medio baixo actual ao nivel alto os concellos de Cortegada e Padrenda, da Área Sanitaria de Ourense, debido, ademais das súas taxas a 7 e 14 días, pola evolución da situación epidemiolóxica dos dous concellos, que son limítrofes e a relación entre os casos de ambos.

Igualmente, ascende a este nivel alto o concello de Pazos de Borbén, da Área Sanitaria de Vigo, debido ao incremento nas súas taxas a 7 e 14 días.

No nivel medio, manteríanse os concellos de Arteixo, A Coruña, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Camariñas, Cangas, O Carballiño, Carral, Celanova, Culleredo, A Laracha, Laxe, Neda, Pantón, Ribadavia, Sober e Xinzo de Limia.

Ascenderían a nivel medio, desde o medio-baixo actual, os concellos de Carral (Área Sanitaria da Coruña) e Celanova (Área Sanitaria de Ourense), debido ás súas taxas a 7 e 14 días.

Finalmente, baixaría desde o nivel alto actual a este nivel medio, debido á melloría da súa situación epidemiolóxica, o concello de Neda, da Área Sanitaria de Ferrol.

O resto de concellos de Galicia permanecerá no nivel medio-baixo de restricións, con base nos criterios epidemiolóxicos.

Por outra banda, para os concellos enumerados nas letras B, C e D do anexo II da orde déixase sen efecto a medida de peche temporal das actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas (epígrafe II.8 do número 4.1 do punto 4 do anexo I da Orde do 17 de marzo de 2021), e dos establecementos para as citadas actividades (epígrafe III.2.6 do número 4.1 do punto 4 do citado anexo I), por tratarse de actividades ao aire libre en que, observando as limitacións de grupos vixentes, non se aprecia a concorrencia de niveis de risco sanitario distintos doutras actividades que se atopan permitidas.

Debe insistirse, en particular, en que as medidas resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos expostos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e, polo tanto, útiles para conseguir o fin proposto de protección da saúde pública, na espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen. Debe ponderarse que aínda non estamos en niveis de transmisión que se poidan entender de risco baixo.

Así mesmo, debe manterse a protección do sistema sanitario, que soporta niveis altos de ocupación, sobre todo en determinadas áreas sanitarias. As medidas de limitación de determinadas actividades resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros entre persoas, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social e de limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. Deste modo, as medidas de limitación de determinadas actividades van dirixidas a limitar os contactos e a interacción social e, polo tanto, a transmisión da enfermidade, en situacións nas cales cabe apreciar un maior risco polas circunstancias en que se realizan, especialmente en lugares pechados.

Tendo en conta o exposto, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos e visto o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, procede reiterar as medidas xa aprobadas na anterior orde coas modificacións do anexo II na redacción dada na presente orde.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38 ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactada segundo o anexo da presente orde

Un. Modifícase o número 4.1 do punto 4 do anexo I da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«4.1. Adóptase a medida de peche temporal, durante o período a que se estende a eficacia da medida conforme o punto quinto da orde, das seguintes actividades, conforme as definicións contidas no anexo do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia:

I. Espectáculos públicos:

I.3. Espectáculos taurinos.

I.4. Espectáculos circenses.

I.6. Espectáculos feirais e de exhibición.

I.7. Espectáculos pirotécnicos.

II. Actividades recreativas:

II.3. Actividades de lecer e entretemento.

II.4. Atraccións recreativas.

III. Establecementos abertos ao público:

III.1. Establecementos de espectáculos públicos.

III.1.4. Circos.

III.1.5. Prazas de touros.

III.2. Establecementos de actividades recreativas.

III.2.1. Establecementos de xogo.

III.2.1.1. Casinos.

III.2.1.2. Salas de bingo.

III.2.1.3. Salóns de xogo.

III.2.1.4. Tendas de apostas.

Nos concellos enumerados nas letras C do anexo II, os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o trinta por cento da súa capacidade permitida e ata as 21.00 horas.

Nos concellos enumerados nas letras D do anexo II, os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o cincuenta por cento da súa capacidade permitida e ata as 21.00 horas.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de catro persoas por mesa ou agrupación de mesas.

Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións, especialmente na disposición e uso das máquinas ou de calquera outro dispositivo de xogo nos locais e establecementos en que se desenvolvan actividades ou, na súa falta, para a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos na normativa vixente.

Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención, no caso de que se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, o réxime e horario de prestación deste servizo axustarase ao disposto para os establecementos de hostalaría.

III.2.3. Establecementos para atraccións e xogos recreativos.

III.2.3.1. Parques de atraccións e temáticos.

III.2.3.2. Parques acuáticos.

III.2.3.3. Salóns recreativos.

III.2.3.4. Parques multiocio.

III.2.7. Establecementos de lecer e entretemento.

III.2.7.1. Salas de festas.

III.2.7.2. Discotecas.

III.2.7.3. Pubs.

III.2.7.4. Cafés espectáculo.

III.2.7.5. Furanchos. A estes establecementos resultaranlles de aplicación as regras previstas no punto 3.22 do presente anexo.».

Dous. Engádese un punto 3.28 ao anexo I da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción.

«3.28. Acuarios, establecementos e actividades zoolóxicas, botánicas ou xeolóxicas.

1. Os acuarios, establecementos e actividades zoolóxicas, botánicas ou xeolóxicas, soamente poderán realizar a súa actividade cun límite máximo do 30 % de ocupación nos concellos enumerados na letra B do anexo I da presente orde, e dun 50 % nos concellos enumerados nas letras C e D do citado anexo I.

Nos concellos enumerados na letra A do anexo I permanecerán pechados.

2. Nas actividades grupais respectaranse as limitacións de permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados que estean vixentes no respectivo ámbito territorial e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade ou, na súa falta, medidas alternativas de protección física. En todo caso, o uso de máscara será obrigatorio.

3. Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, no caso de que se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, a dita prestación deste axustarase ao previsto no punto 3.22.».

Tres. Modifícase o anexo II da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo da presente orde.

Segundo. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 29 de marzo de 2021. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

«ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

Beade

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Abegondo

Baiona

Cortegada

Maside

Ortigueira

Padrenda

Pazos de Borbén

Sanxenxo

Saviñao (O)

Vilardevós

C) Concellos con nivel de restrición media.

Arteixo

Coruña (A)

Bergondo

Betanzos

Boimorto

Camariñas

Cangas

Carballiño (O)

Carral

Celanova

Culleredo

Laracha (A)

Laxe

Neda

Pantón

Ribadavia

Sober

Xinzo de Limia

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa.

Abadín

Agolada

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arzúa

Avión

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barco de Valdeorras (O)

Barreiros

Barro

Beariz

Becerreá

Begonte

Blancos (Os)

Boborás

Boiro

Bola (A)

Bolo (O)

Boqueixón

Bóveda

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Cambados

Cambre

Campo Lameiro

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carballo

Cariño

Carnota

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Catoira

Cedeira

Cee

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gomesende

Gondomar

Grove (O)

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Illa de Arousa (A)

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Larouco

Laza

Leiro

Lobeira

Lobios

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Marín

Mazaricos

Meaño

Meira

Meis

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Monforte de Lemos

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Moraña

Mos

Mugardos

Muíños

Muras

Muros

Muxía

Narón

Navia de Suarna

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nigrán

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Noia

Oia

Oímbra

Oleiros

Ordes

Oroso

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrón

Palas de Rei

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Pobra do Caramiñal (A)

Poio

Pol

Ponte Caldelas

Pontecesures

Ponteareas

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Rianxo

Ribadeo

Ribadumia

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Ribeira

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Santiso

Sarreaus

Sarria

Silleda

Sobrado

Somozas (As)

Soutomaior

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vigo

Vila de Cruces

Vilaboa

Vilagarcía de Arousa

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilanova de Arousa

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Viveiro

Xermade

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas».