I
Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.
Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.
Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.
Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.
Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.
En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.
Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.
Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.
II
Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptaron medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.
Esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.
Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde prevía que as medidas serían obxecto de revisión constante co obxecto de avaliar a situación e adecualas á incidencia real da epidemia.
Posteriormente, revisáronse as medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, e ditouse a Orde do 4 de marzo de 2021, que incluíu pequenas modificacións das medidas adoptadas e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia; a Orde do 5 de marzo de 2021 por medio da cal se modificou o anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021; a Orde do 10 de marzo de 2021, coa que se modificaron diversos puntos do anexo I e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021, e a Orde do 12 de marzo de 2021, que modificou unicamente o anexo II.
Paralelamente, estas modificacións tiveron reflexo tamén no Decreto 39/2021, do 5 de marzo, no Decreto 40/2001, do 10 de marzo, e no Decreto 41/2021, do 12 de marzo, polos que se modificou o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.
Por outra banda, ante a proximidade da ponte de San Xosé e Semana Santa, o día 10 de marzo tivo lugar o Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, no cal se acordaron unha serie de medidas e recomendacións que foron declaradas polo Ministerio de Sanidade, mediante a Orde comunicada do 11 de marzo de 2021, como actuacións coordinadas en saúde pública, conforme o establecido no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e que teñen por obxecto responder á situación de especial risco de transmisión da COVID-19 derivada do incremento da mobilidade da poboación e do aumento das celebracións, agrupacións e reunións de persoas durante os festivos indicados. O Acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde foi publicado mediante a Resolución do 11 de marzo de 2021, da Secretaría de Estado de Sanidade (BOE do 12 de marzo).
Cabe destacar que, de acordo co número 2 do artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, as medidas contidas na declaración de actuacións coordinadas polo Ministerio de Sanidade resultan de obrigado cumprimento e, polo tanto, deben ser asumidas polas comunidades autónomas, aínda que no propio acordo se determina que lles corresponde ás propias comunidades ou cidades autónomas en que estean en vigor medidas máis restritivas que as previstas no dito acordo decidir sobre a conveniencia de flexibilizalas ou non «tendo en conta que iso suporía unha modificación dos hábitos establecidos ata agora e que están a ser cumpridas pola cidadanía».
En cumprimento do compromiso acadado en relación coa revisión das medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, ditáronse o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2 (modificado polo Decreto 49/2021, do 24 de marzo, e polo Decreto 51/2021, do 26 de marzo), e a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, modificada pola Orde do 24 de marzo de 2021 e pola Orde do 26 de marzo de 2021.
III
De conformidade co compromiso acadado, procede realizar unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos distintos concellos.
Así, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 30 de marzo de 2021 establécese o seguinte:
O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, mantense por debaixo de 1 desde o 29 de xaneiro, aínda que nestes últimos días subiu do 1. As áreas sanitarias da Coruña, Lugo e Vigo tamén superaron o 1 estes últimos días. Non obstante, a estabilización das taxas desde o 28 de febreiro pode afectar que a Rt se achegue ao 1.
Do total de concellos de Galicia, 140 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 180. Isto supón unha diminución en 1 concello a 14 días e de 4 concellos a 7 días a respecto de hai 7 días, que era de 141 e 184, a 14 e 7 días.
Entre o 16 e o 22 de marzo realizáronse 46.968 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (35.867 PCR e 11.101 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 2,73, o que supón un lixeiro aumento a respecto da de entre o 12 e o 18 de marzo, que era do 3,53 %.
A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 35 e 70 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados hai 7 días, en que eran de 38 e 74 casos por cen mil habitantes, respectivamente (descenso do 8 % a 7 días e do 5,4 % a 14 días).
A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, tres tramos, un deles con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro e despois unha primeira decrecente cunha porcentaxe de cambio diario de -6,7 %, e outro, cun descenso máis lento, cunha porcentaxe de cambio diario de -0,7 %, menor, neste terceiro tramo, respecto de hai 7 días, no que era de -1,3, o que parece indicar a estabilización da tendencia neste tramo, a pesar de que aínda se identifique un comportamento descendente.
No que atinxe á situación das áreas sanitarias, as taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír a respecto de hai 7 días, e ningunha presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes nin taxas a 7 días superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes.
As taxas a 14 días das áreas están entre os 39,13 casos por 100.000 habitantes no caso de Ourense e os 105,98 da Coruña, que continúa en descenso.
A media de pacientes coa COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 163,4, o que significa un descenso do -19,3 % a respecto de hai sete días. A taxa de pacientes coa COVID-19 en hospitalización de agudos é de 6,0 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do -19,3 % respecto de hai 7 días. En canto aos ingresos pola COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 30,7 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1,1 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -39,1 % a respecto de hai sete días, tanto na media como na taxa.
A nivel de concellos, cómpre indicar que Sanxenxo presenta unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes.
No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 6 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, os mesmos que hai 7 días. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en 2 destes concellos: Beade e Cortegada.
En conclusión, o cambio na tendencia da taxa de incidencia segue a manterse en descenso, superado o cumio da onda o 22 de xaneiro. Non obstante, obsérvase un aumento do Rt no global de Galicia, que nestes últimos días superou 1. Estas oscilacións cando a incidencia é baixa son esperables.
O modelo de predición mostra que a onda se manterá estable nos próximos sete e catorce días. Non obstante, a información do modelo hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e non ten en conta as medidas de restrición que se están a tomar. Así, ao observar os intervalos de confianza, poderían darse todos os escenarios (estabilización, ascenso ou descenso da onda).
A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes, sen ningunha área cunha incidencia superior aos 250 casos por cen mil habitantes. A taxa de incidencia a 14 días máis elevada segue a ser a da área sanitaria da Coruña.
No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, nesta semana hai un concello con incidencia superior a 250 casos por cen mil habitantes. Nos de menos de 10.000 hai 6 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes, con 2 deles cunha taxa a 14 días superior aos 500 casos por cen mil habitantes.
O informe indica que o feito de que estea a circular cada vez máis a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión.
A ocupación por pacientes coa COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír a respecto de hai sete días. Non obstante, hai que manter a precaución, xa que un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución.
Non debe esquecerse que nos atopamos nun contexto de desescalada que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia, para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. A presión hospitalaria, aínda que vai descendendo, debe baixar máis. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven.
O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días, situando o nivel medio baixo por debaixo de 150, o medio entre 150 e por debaixo de 250, o alto entre 250 e por debaixo de 500, e o máximo na cifra de 500. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con rapidez e eficacia fronte aos gromos, utilízase tamén como criterio o da taxa de incidencia a 7 días. A análise da situación de cada concello prevese coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, e co estudo polos servizos de saúde pública e polo Comité ou Subcomité Clínico das características específicas de cada gromo.
Por conseguinte, en vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, coa situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, proponse manter o concello de Beade no nivel máximo de restricións debido ás súas taxas a 7 e 14 días.
Por outra banda, manteríanse no nivel alto, ben polas súas taxas a 7 e 14 días, ben por non ter estado neste nivel o tempo suficiente para asegurar unha evolución favorable da súa situación epidemiolóxica, os concellos de Abegondo, Ortigueira, O Saviñao, Padrenda, Sanxenxo, Pazos de Borbén e Baiona.
Soben ao nivel alto os concellos da Pobra do Brollón, Rábade e O Irixo xa que, a pesar de que as súas taxas a 7 e 14 días son as propias do nivel máximo de restricións, dado o tamaño e a poboación destes concellos, unido ao feito de que os casos proceden de brotes controlados, se considera suficiente o seu sometemento ao nivel alto de restricións. Polo mesmo motivo, mantense no nivel alto, e non pasa ao nivel de máximas restricións, o concello de Cortegada.
O Comité Clínico propón tamén manter no nivel medio os concellos de Bergondo, Carral, A Coruña, A Laracha, Arteixo, Betanzos, Camariñas, Boimorto, Celanova e O Carballiño, debido ou a que as súas taxas indican este nivel ou a que aínda non levan tempo suficiente nel para asegurar unha boa evolución da súa situación epidemiolóxica. O concello de Vilardevós debe pasar do nivel alto ao medio tendo en conta as súas taxas a 7 e 14 días. Pola súa banda, pasan do nivel medio baixo ao nivel medio os concellos de Meis, Moaña e Gondomar debido ás súas taxas a 7 e 14 días .
Debe insistirse, en particular, en que as medidas resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos expostos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e, polo tanto, útiles para conseguir o fin proposto de protección da saúde pública, na espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen. Debe ponderarse que aínda non estamos en niveis de transmisión que se poidan entender de risco baixo.
Así mesmo, debe manterse a protección do sistema sanitario. As medidas de limitación de determinadas actividades resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.
En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros entre persoas, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social e de limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. Deste modo, as medidas de limitación de determinadas actividades van dirixidas a limitar os contactos e a interacción social e, polo tanto, a transmisión da enfermidade, en situacións nas cales cabe apreciar un maior risco polas circunstancias en que se realizan, especialmente en lugares pechados.
Tendo en conta o exposto, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos e visto o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, procede reiterar as medidas xa aprobadas na anterior orde coas modificacións do anexo II na redacción dada na presente orde.
IV
As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38 ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.
Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,
DISPOÑO:
Primeiro. Modificación da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia
Un. Modificación do punto 1 do número 3.28 do anexo I da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia
As referencias ao anexo I recollidas no punto 1 do número 3.28 do anexo I da Orde do 17 de marzo de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, entenderanse realizadas ao anexo II da mesma orde.
Dous. Modificación do anexo II da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia
Modifícase o anexo II da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo da presente orde.
Segundo. Eficacia
As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 2 de abril de 2021. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.
Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021
Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade
ANEXO II
A) Concellos con nivel de restrición máxima.
Beade
B) Concellos con nivel de restrición alta.
Abegondo
Baiona
Cortegada
Irixo (O)
Ortigueira
Padrenda
Pazos de Borbén
Pobra do Brollón (A)
Rábade
Sanxenxo
Saviñao (O)
C) Concellos con nivel de restrición media.
Arteixo
Bergondo
Betanzos
Boimorto
Camariñas
Cangas
Carballiño (O)
Carral
Celanova
Coruña (A)
Gondomar
Laracha (A)
Meis
Moaña
Ribadavia
Vilardevós
Xinzo de Limia
D) Concellos con nivel de restrición media-baixa.
Abadín
Agolada
Alfoz
Allariz
Ames
Amoeiro
Antas de Ulla
Aranga
Arbo
Ares
Arnoia (A)
Arzúa
Avión
Baleira
Baltar
Bande
Baña (A)
Baños de Molgas
Baralla
Barbadás
Barco de Valdeorras (O)
Barreiros
Barro
Beariz
Becerreá
Begonte
Blancos (Os)
Boborás
Boiro
Bola (A)
Bolo (O)
Boqueixón
Bóveda
Brión
Bueu
Burela
Cabana de Bergantiños
Cabanas
Caldas de Reis
Calvos de Randín
Cambados
Cambre
Campo Lameiro
Cañiza (A)
Capela (A)
Carballeda de Avia
Carballeda de Valdeorras
Carballedo
Carballo
Cariño
Carnota
Cartelle
Castrelo de Miño
Castrelo do Val
Castro Caldelas
Castro de Rei
Castroverde
Catoira
Cedeira
Cee
Cenlle
Cerceda
Cerdedo-Cotobade
Cerdido
Cervantes
Cervo
Chandrexa de Queixa
Chantada
Coirós
Coles
Corcubión
Corgo (O)
Coristanco
Cospeito
Covelo
Crecente
Cualedro
Culleredo
Cuntis
Curtis
Dodro
Dozón
Dumbría
Entrimo
Esgos
Estrada (A)
Fene
Ferrol
Fisterra
Folgoso do Courel
Fonsagrada (A)
Forcarei
Fornelos de Montes
Foz
Frades
Friol
Gomesende
Grove (O)
Guarda (A)
Gudiña (A)
Guitiriz
Guntín
Illa de Arousa (A)
Incio (O)
Irixoa
Lalín
Lama (A)
Láncara
Larouco
Laxe
Laza
Leiro
Lobeira
Lobios
Lourenzá
Lousame
Lugo
Maceda
Malpica de Bergantiños
Manzaneda
Mañón
Marín
Maside
Mazaricos
Meaño
Meira
Melide
Melón
Merca (A)
Mesía
Mezquita (A)
Miño
Moeche
Mondariz-Balneario
Mondariz
Mondoñedo
Monfero
Monforte de Lemos
Montederramo
Monterrei
Monterroso
Moraña
Mos
Mugardos
Muíños
Muras
Muros
Muxía
Narón
Navia de Suarna
Neda
Negreira
Negueira de Muñiz
Neves (As)
Nigrán
Nogais (As)
Nogueira de Ramuín
Noia
Oia
Oímbra
Oleiros
Ordes
Oroso
Ourense
Ourol
Outeiro de Rei
Outes
Oza-Cesuras
Paderne de Allariz
Paderne
Padrón
Palas de Rei
Pantón
Parada de Sil
Paradela
Páramo (O)
Pastoriza (A)
Pedrafita do Cebreiro
Pereiro de Aguiar (O)
Peroxa (A)
Petín
Pino (O)
Piñor
Pobra de Trives (A)
Pobra do Caramiñal (A)
Poio
Pol
Ponte Caldelas
Pontecesures
Ponteareas
Ponteceso
Pontedeume
Pontedeva
Pontenova (A)
Pontes de García Rodríguez (As)
Pontevedra
Porqueira
Porriño (O)
Portas
Porto do Son
Portomarín
Punxín
Quintela de Leirado
Quiroga
Rairiz de Veiga
Ramirás
Redondela
Rianxo
Ribadeo
Ribadumia
Ribas de Sil
Ribeira de Piquín
Ribeira
Riós
Riotorto
Rodeiro
Rois
Rosal (O)
Rúa (A)
Rubiá
Sada
Salceda de Caselas
Salvaterra de Miño
Samos
San Amaro
San Cibrao das Viñas
San Cristovo de Cea
San Sadurniño
San Xoán de Río
Sandiás
Santa Comba
Santiago de Compostela
Santiso
Sarreaus
Sarria
Silleda
Sober
Sobrado
Somozas (As)
Soutomaior
Taboada
Taboadela
Teixeira (A)
Teo
Toén
Tomiño
Toques
Tordoia
Touro
Trabada
Trasmiras
Trazo
Triacastela
Tui
Val do Dubra
Valadouro (O)
Valdoviño
Valga
Vedra
Veiga (A)
Verea
Verín
Viana do Bolo
Vicedo (O)
Vigo
Vila de Cruces
Vilaboa
Vilagarcía de Arousa
Vilalba
Vilamarín
Vilamartín de Valdeorras
Vilanova de Arousa
Vilar de Barrio
Vilar de Santos
Vilariño de Conso
Vilarmaior
Vilasantar
Vimianzo
Viveiro
Xermade
Xove
Xunqueira de Ambía
Xunqueira de Espadanedo
Zas.