Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74-Bis Mércores, 21 de abril de 2021 Páx. 20335

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 21 de abril de 2021 pola que se modifica a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptaron medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde prevía que as medidas serían obxecto de revisión constante co obxecto de avaliar a situación e adecualas á incidencia real da epidemia.

Posteriormente, revisáronse as medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, e ditouse a Orde do 4 de marzo de 2021, que incluíu pequenas modificacións das medidas adoptadas e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia; a Orde do 5 de marzo de 2021 por medio da cal se modificou o anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021; a Orde do 10 de marzo de 2021 coa que se modificaron diversos puntos do anexo I e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021, e a Orde do 12 de marzo de 2021, que modificou unicamente o anexo II.

Paralelamente, estas modificacións tiveron reflexo tamén no Decreto 39/2021, do 5 de marzo, no Decreto 40/2001, do 10 de marzo, e no Decreto 41/2021, do 12 de marzo, polos que se modificou o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

En cumprimento do compromiso acadado en relación coa revisión das medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, ditáronse o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2 (modificado polo Decreto 49/2021, do 24 de marzo, polo Decreto 51/2021, do 26 de marzo, polo Decreto 54/2021, do 7 de abril, polo Decreto 58/2021, do 9 de abril, polo Decreto 59/2021, do 14 de abril, e polo Decreto 60/2021, do 16 de abril), e a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, modificada polas ordes do 24 de marzo de 2021, do 26 de marzo de 2021, do 31 de marzo de 2021, do 7 de abril de 2021, do 9 de abril de 2021, e do 14 de abril de 2021.

Posteriormente, realizouse unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia, que tivo o oportuno reflexo na Orde do 16 de abril de 2021 pola que se modifica o anexo II da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

III

De conformidade co compromiso acadado, procede realizar unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos distintos concellos.

Así, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 21 de abril de 2021, establécese o seguinte:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, está por riba do 1, con todas as áreas sanitarias superándoo, agás as de Santiago, Ferrol e Ourense, en que baixou do 1. Non obstante, a relativa estabilización das taxas pode afectar que o Rt se achegue ao 1 ou o supere.

Do total de concellos de Galicia, 135 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 175. Isto supón unha diminución en 7 concellos a 14 días e o mesmo número de concellos a 7 días desde hai unha semana, que era de 142 e 175, a 14 e 7 días, respectivamente.

Entre o 9 e o 15 de abril, realizáronse 61.745 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (44.315 PCR e 17.430 tests de antíxenos). A porcentaxe de positividade é practicamente a mesma que a de entre o 2 e o 8 de abril, que era do 2,40 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 47 e 89 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores superiores aos observados hai 7 días, en que eran de 42 e 75 casos por cen mil habitantes, respectivamente, o que significa un aumento do 10,6 % aos 7 días e do 15,7 % aos 14.

A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, tres tramos, un deles con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 7,1 % ata o 22 de xaneiro e despois unha primeira decrecente cunha porcentaxe de cambio diaria de -6 % e outro, cun aumento máis lento, cunha porcentaxe de cambio diaria de 0,8 %.

No que atinxe á situación das áreas sanitarias, as taxas de incidencia a 14 días aumentaron respecto de hai 7 días. A Área de Santiago diminuíu a súa taxa a 7 días. Ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes, non obstante, a 14 días as áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo superan os 100 casos por 100.000 habitantes. Ningunha das áreas sanitarias ten taxas a 7 días superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes.

As taxas a 14 días das áreas están entre os 50,04 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 129,81 de Pontevedra.

A media de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 155,3, o que significa un descenso do 11,3 % a respecto de hai sete días. A taxa de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos é de 5,7 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do 11,3 % a respecto de hai 7 días.

En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 27,6 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1,0 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do 10,3 % a respecto de hai sete días, tanto na media como na taxa.

No que atinxe á situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia, naqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 3 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, o que supón 2 concellos máis que hai 7 días. Estes concellos son Cambre, O Grove e Vilanova de Arousa. O Grove presenta unha taxa a 14 días superior aos 500 casos por 100.000 habitantes.

No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 13 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, 6 máis que hai unha semana. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en 6 destes concellos.

O informe conclúe que a tendencia da taxa de incidencia parece que presenta un lixeiro ascenso, despois do descenso observado a partir do cumio da onda o 22 de xaneiro. Igualmente, obsérvase un aumento no Rt, que no global de Galicia está por riba do 1, pero practicamente igual que hai 7 días.

O informe destaca que a información do modelo de predición, en que indica que a incidencia a 7 días permanece estable e a 14 días semella que tamén, hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e non ten en conta as medidas de restrición que se están a tomar.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes (c/105h), e as áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo presentan unha incidencia superior aos 100 casos por cen mil habitantes.

No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, hai tres concellos con taxas de incidencia iguais ou superiores a 250 por cen mil habitantes. Nos de menos de 10.000, hai 13 concellos que superen unha taxa de incidencia de 250 por cen mil habitantes, con 6 deles cunha taxa a 14 días superior aos 500 por cen mil habitantes.

O informe engade que o feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión, ao que se suma a aparición de novas variantes como a P1 de Brasil e a de Sudáfrica.

A ocupación por pacientes con COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír.

Non debe esquecerse que nos atopamos nun contexto de desescalada que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia, para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven.

O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días, situando o nivel medio baixo por debaixo de 150; o medio, entre 150 e por debaixo de 250; o alto, entre 250 e por debaixo de 500, e o máximo, na cifra de 500. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con rapidez e eficacia fronte aos gromos, utilízase tamén como criterio o da taxa de incidencia a 7 días. A análise da situación de cada concello prevese coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, e co estudo polos servizos de saúde pública e polo comité e subcomité clínico das características específicas de cada gromo.

Por conseguinte, en vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, coa situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, formúlanse as seguintes propostas:

Manteríanse no nivel máximo de restricións os concellos do Grove (Área Sanitaria de Pontevedra), os concellos de Carballeda de Valdeorras e Cualedro (Área Sanitaria de Ourense) debido ás súas taxas de incidencia a 7 e/ou 14 días. Tamén se propón manter no nivel máximo, en lugar de baixalo ao nivel alto que indican as súas taxas, ao concello da Pobra do Caramiñal, da Área Sanitaria de Santiago, debido á existencia dun abrocho con, polo menos, 79 casos, en que se identificaron as variantes británica e sudafricana, altamente transmisibles, polo que o risco de aumento da incidencia é moi alto.

Manteríanse no nivel alto de risco, ben polas súas taxas a 7 e/ou 14 días, ben por non ter estado neste nivel o tempo suficiente para asegurar unha evolución favorable da súa situación epidemiolóxica, mesmo se, nalgún deles, as súas taxas indican que poden baixar de nivel, os concellos de Cambre (Área Sanitaria da Coruña); Padrenda, na Área Sanitaria de Ourense; O Barco de Valdeorras e Rubiá, tamén da Área Sanitaria de Ourense. Nestes dous últimos concellos porque, ademais de non levaren tempo suficiente neste nivel para asegurar unha boa evolución da súa situación epidemiolóxica, e que poidan baixar ao nivel que xa indican as súas taxas, pertencen a unha comarca que no seu global estaría afectada por abrochos que se estenderon entre os seus diferentes concellos.

Igualmente, manteríase neste nivel, aínda que as súas taxas indican un nivel máximo, o concello de Cortegada (Área Sanitaria de Ourense), dado que no abrocho que alí se desenvolveu todo parece indicar que está en vías de resolución. Non obstante, mantense neste nivel alto debido á necesidade de asegurar a súa boa evolución. Tamén se mantén no nivel alto o concello de Lobeira, debido a que os casos están nun abrocho perfectamente delimitado e se trata dun concello de pouca poboación, co cal as súas taxas aumentan con facilidade.

Proponse aumentar ao nivel alto, tal como indican as súas taxas a 7 e/ou 14 días, porque os casos que conforman os abrochos que alí se desenvolven non están perfectamente controlados, ou non se coñece ben a súa orixe, os concellos de Meaño, Ribadumia, Vilanova de Arousa e Marín, da Área Sanitaria de Pontevedra.

Tamén se propón que estean neste nivel alto, aínda que polas súas taxas lles correspondería estar no nivel máximo, os concellos de Muíños e Petín (Área Sanitaria de Ourense) e Meira (Área Sanitaria de Lugo), debido a que os casos que están notificados nestes concellos pertencen a abrochos en que se coñece a súa orixe, polo que se considera que non é preciso un nivel máximo de restrición, xa que se considera que coas medidas do nivel que se propoñen sería suficiente para o control da súa situación epidemiolóxica. Ademais, son concellos de pequeno tamaño de poboación co cal un número pequeno de casos aumenta artificialmente a súa taxa de incidencia.

Igualmente, proponse aumentar ao nivel alto de restrición, en lugar de mantelo no nivel medio actual, o concello de Ribeira, na Área Sanitaria de Santiago, debido a que a situación dos casos do concello, dispersos en varios abrochos sen relación entre eles, e cabeceira da comarca da Barbanza, en que a situación epidemiolóxica non é boa, xa que no concello da Pobra do Caramiñal, da mesma comarca, se identificaron casos de variante británica e sudafricana, que facilmente se puideron expandir dada a alta interconectividade entre os concellos desta comarca. Todos estes datos aconsellan elevar o nivel de restrición para tentar controlar a situación epidemiolóxica deste concello e, polo tanto, de toda a comarca da Barbanza.

Proponse manter no nivel medio, tal como indican as súas taxas de incidencia a 7 e/ou 14 días e para asegurar unha boa evolución da súa situación epidemiolóxica, se non levan tempo suficiente neste nivel para que isto aconteza, ou porque o/os abrochos que se están a desenvolver neles non se pode considerar que están baixo control: os concellos de Carral e Muxía da Área Sanitaria da Coruña; Cambados, Catoira, Vilagarcía de Arousa, da Área Sanitaria de Pontevedra; e os concellos de Cangas e Gondomar, da Área Sanitaria de Vigo.

Tamén se propón manter no nivel medio actual, aínda que as súas taxas indicarían o nivel máximo, porque os casos están controlados nun abrocho de orixe coñecida, o concello de Trabada da Área Sanitaria de Lugo.

Igualmente, proponse manter neste nivel, aínda que as súas taxas indicarían o seu posible descenso ao nivel medio baixo, xa que non levan o tempo suficiente neste nivel para asegurar que a situación epidemiolóxica nestes concellos está baixo control, os concellos das Pontes de García Rodríguez e Ortigueira, da Área Sanitaria de Ferrol.

Nesta mesma situación de manter no nivel medio quedarían os concellos da Illa de Arousa, Meis e Sanxenxo, da Área Sanitaria de Pontevedra, debido a que, ou ben non levan o tempo suficiente neste nivel para garantir a evolución da súa situación epidemiolóxica e/ou a situación da comarca a que pertencen, O Salnés, está a padecer unha serie de abrochos que afectan os concellos que a conforman, que ten unha alta mobilidade entre os concellos, cun concello en nivel máximo e unha situación epidemiolóxica que fai que sexa a que contribúe a aumentar a taxa de incidencia de toda a área sanitaria.

Proponse, tamén, aumentar a este nivel medio, desde o medio baixo actual, tal como indican as súas taxas a 7 e/ou 14 días, e porque a súa situación epidemiolóxica foi, nalgúns deles, como os de Rianxo, Ponteareas e Vigo empeorando paulatinamente, os concellos de: Lobios (Área Sanitaria de Ourense), Rianxo (Área Sanitaria de Santiago) e Ponteareas e Vigo da Área Sanitaria de Vigo.

Tamén se propón para este nivel medio, aínda que polas súas taxas lle correspondería o nivel alto, o concello de Cartelle da Área Sanitaria de Ourense, xa que neste concello se está a desenvolver un abrocho, de orixe importada, perfectamente controlado.

Proponse descender, a este nivel medio, desde o alto actual, os concellos de Boiro (Área Sanitaria de Santiago), xa que as súas taxas e a evolución dos casos así o indican, e o de Barreiros, da Área Sanitaria de Lugo, aínda que as súas taxas indican o nivel alto, debido a que os casos pertencen a un abrocho de orixe importada, que se mantén no mesmo número de casos desde hai uns días, e as cribaxes realizadas na zona onde están os casos deron resultados negativos, polo que se espera que o brote se extinga.

O resto de concellos de Galicia permanecen no nivel medio baixo de restricións, con base nos criterios reflectidos anteriormente ou á espera de comprobar a evolución da súa situación epidemiolóxica.

Por outra banda, dentro do proceso de desescalada gradual, progresiva e segura, o comité abordou tamén a necesidade de incorporar medidas concretas respecto de actividades determinadas, ben para reinicialas ou ben para establecer parámetros máis acaídos á evolución da situación, respectando sempre os principios de prudencia e de revisión continua.

Así, o comité abordou a necesidade de avanzar tamén a regulación da actividade dos mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública ao aire libre ou de venda non sedentaria, coñecidos como mercadillos (punto 3.8 do anexo I da Orde do 17 de marzo de 2021), co obxecto de adaptala á evolución da situación sanitaria. Neste sentido, distínguese a capacidade en función do número de postos habilitados, establecendo que os mercados con menos de 150 postos autorizados poderán dispor do 100 % dos postos habituais ou autorizados, os mercados que teñan entre 150 e 250 postos autorizados poderán dispor do 75 % dos postos habituais ou autorizados, e os que teñan máis de 250 postos autorizados poderán dispor do 50 % dos postos habituais ou autorizados.

Por outra banda, tamén tratou a modificación do punto 3.21 do anexo I da citada Orde do 17 de marzo, relativo á celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos, e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. A modificación introducida consiste na ampliación da capacidade a 500 persoas en espazos pechados, no caso de eventos realizados nos concellos enumerados na letra D do anexo II da Orde do 17 de marzo de 2021, na súa redacción vixente.

Finalmente, o comité aprobou tamén o reinicio da actividade das atraccións de feira, establecendo unhas condicións sanitarias de aplicación a este tipo de estruturas, tendo en conta tamén o Protocolo aprobado pola Orde do 30 de xuño de 2020, en materia de lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feiras para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Para tal efecto, modifícase o número dous do punto segundo da Orde e engádese un punto 3.29 ao anexo I da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, equiparando as capacidades ás existentes para a realización doutros eventos.

Debe insistirse, en particular, en que as medidas resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos expostos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e, polo tanto, útiles para acadar o fin proposto de protección da saúde pública, na espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen. Debe ponderarse que aínda non estamos en niveis de transmisión que se poidan entender de risco baixo.

Así mesmo, debe manterse a protección do sistema sanitario. As medidas de limitación de determinadas actividades resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros entre persoas, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social e de limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. Deste modo, as medidas de limitación de determinadas actividades van dirixidas a limitar os contactos e a interacción social e, polo tanto, a transmisión da enfermidade, en situacións nas cales cabe apreciar un maior risco polas circunstancias en que se realizan, especialmente en lugares pechados.

Tendo en conta o exposto, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos e visto o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, procede reiterar as medidas xa aprobadas coas modificacións previstas na presente orde.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38 ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modificase o número dous do punto segundo da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«2. Mantense, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, o peche das actividades de festas, verbenas e outros eventos populares».

Dous. Modifícase o número primeiro do punto 3.8 do anexo I da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.8.Mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública.

1. No caso dos mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública ao aire libre ou de venda non sedentaria, coñecidos como feiras, a capacidade virá determinada polo número de postos autorizados do xeito seguinte:

a) Nos mercados con menos de 150 postos autorizados, poderán dispoñer do 100 % dos postos habituais ou autorizados.

b) Nos mercados que teñan entre 150 e 250 postos autorizados, poderán dispoñer do 75 % dos postos habituais ou autorizados.

c) Nos mercados que teñan máis de 250 postos autorizados, poderán dispoñer do 50 % dos postos habituais ou autorizados.

En todo caso, limitarán a afluencia de clientes de maneira que se asegure o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

Os concellos poderán aumentar a superficie habilitada ou habilitar novos días para o exercicio desta actividade para compensar as limitacións previstas anteriormente, prestando especial atención á vixilancia do cumprimento das medidas sanitarias e protocolos aplicables nestes contornos.

Os concellos establecerán requisitos de distanciamento entre postos e condicións de delimitación do mercado co obxectivo de procurar manter a distancia de seguridade interpersoal entre traballadores, clientes e viandantes ou, na súa falta, será precisa a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, na súa redacción vixente».

Tres. Modifícase o punto 3.21 do anexo I da Orde do 17 de marzo pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado do xeito seguinte:

«3.21. Celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos, e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecemento destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.

A celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas, poderá desenvolverse, sen superar o trinta por cento da capacidade permitida, con público, sempre que este permaneza sentado e que a capacidade se calcule, dentro da capacidade permitida, de forma que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 m nas catro direccións entre os asistentes, salvo que se trate de persoas conviventes, cun límite máximo de duascentas cincuenta persoas para lugares pechados e de cincocentas persoas, se se trata de actividades ao aire libre.

No obstante, nos concellos enumerados na letra D do anexo II o límite máximo poderá chegar ás cincocentas persoas para lugares pechados e ás mil persoas, se se trata de actividades ao aire libre.

Co fin de evitar aglomeracións, a distribución dos asistentes será homoxénea polas butacas e haberá unha planificación axeitada para controlar os accesos e o fluxo de circulación dos asistentes. Debe preverse a apertura de todas as portas dispoñibles coa antelación suficiente.

Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no resto das instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física.

O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, mesmo no caso de que se manteña a distancia de seguridade interpersoal nos termos previstos nas medidas hixiénico-sanitarias.

Nas butacas ou asentos preasignados, as persoas asistentes non poderán quitar a máscara.

Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por espazo de, polo menos, 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e obrigatoriamente ao finalizar cada actividade. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e non se poderá empregar a función de recirculación do aire interior.

Deberá existir un rexistro de asistentes ao evento e custodialo durante un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias, cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

Deberán intensificarse as medidas de limpeza e desinfección das instalacións con produtos debidamente autorizados e rexistrados.

No caso de celebración de congresos, encontros, eventos e actos similares, se os asistentes non permanecen sentados en todo momento, solicitarase autorización á Dirección Xeral de Saúde Pública en que se comuniquen o evento, as datas, as actividades que se van realizar e as medidas concretas organizativas e de seguridade propostas para os riscos de contaxio.

En todo caso, nas actividades a que se refire o presente punto nas cales se pretenda superar as capacidades máximas previstas conforme a cada nivel de restricións, a Dirección Xeral de Saúde Pública, logo de solicitude dos titulares ou promotores da actividade, disporá a realización dunha avaliación do risco para outorgar a autorización de acordo co disposto nas «Recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade por COVID-19 en España», acordado na Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. O prazo para realizar a avaliación do risco será de 10 días, sen prexuízo dunha revisión de oficio posterior, se a situación epidemiolóxica así o exixe».

Catro. Engádese un punto 3.29 no anexo I da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, co seguinte contido:

«3.29. Atraccións de feira.

1. Nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II da presente orde manterase o peche das atraccións de feira.

No caso dos concellos enumerados nas letras C e D do anexo II da presente orde, poderán iniciar a súa actividade cumprindo coas seguintes medidas:

a) Nos recintos en que se desenvolvan atraccións de feira respectarase unha capacidade máxima dunha persoa por cada tres metros cadrados de superficie útil do recinto, ata un máximo de 500 persoas para os espazos cunha superficie útil menor ou igual a 8.000 metros cadrados. No caso de que a superficie do recinto sexa superior aos 8.000 metros cadrados, o límite máximo será de 1.000 persoas, sempre que se manteña a capacidade dunha persoa por cada tres metros cadrados de superficie. Para o cálculo da superficie útil do recinto, non se terá en conta a superficie ocupada por todas as estruturas instaladas.

b) Deberase acoutar o espazo destinado ao recinto en que se desenvolvan as atraccións de tal maneira que se facilite o establecemento de puntos diferenciados para a entrada e saída do recinto, que deberán estar identificados con claridade.

c) Estableceranse controis da capacidade nas entradas e saídas do recinto e adoptaranse as medidas necesarias para evitar aglomeracións nestes puntos. Nese sentido, poderanse empregar métodos como subministrar pulseiras ou entradas para facilitar o control da capacidade.

d) Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no interior e no exterior do recinto e para evitar aglomeracións, e poderán establecerse medidas para acoutar ou sectorizar zonas, tendo en conta, en calquera caso, a normativa de seguridade que sexa de aplicación.

e) Tanto os asistentes como o persoal das atraccións deberán portar máscara de maneira obrigatoria e lembraráselles aos asistentes, por medio de carteis visibles e mensaxes de megafonía, a dita obrigatoriedade, así como as normas de hixiene e prevención que deben observar. A organización non deberá permitir a presenza no recinto daquelas persoas que incumpran esta obriga.

f) No caso das atraccións que dispoñan de asentos, poderá ocuparse ata un máximo que permita manter a distancia de seguridade interpersoal entre os ocupantes e reducirase ao cincuenta por cento o número de asentos de cada fila que se poidan ocupar, en caso de que esta distancia non se poida asegurar. Esta limitación non será de aplicación no caso de persoas conviventes.

No caso de atraccións que non teñan asentos incorporados, a súa capacidade máxima será do trinta por cento da capacidade máxima da atracción.

g) Disporanse dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados nos puntos de entrada e saída do recinto e de cada unha das atraccións. No caso de que só exista unha única atracción será suficiente na entrada e saída da citada atracción.

2. Será de aplicación supletoria o previsto para as atraccións de feira na Orde do 30 de xuño de 2020 pola que se aproba o Protocolo en materia de lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feira para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19».

Cinco. Modifícase o anexo II da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo da presente orde.

Segundo. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 23 de abril de 2021. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

Carballeda de Valdeorras

Cualedro

Grove (O)

Pobra do Caramiñal (A)

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Barco de Valdeorras (O)

Cambre

Cortegada

Lobeira

Marín

Meaño

Meira

Muíños

Padrenda

Petín

Ribadumia

Ribeira

Rubiá

Vilanova de Arousa

C) Concellos con nivel de restrición media.

Barreiros

Boiro

Cambados

Cangas

Carral

Cartelle

Catoira

Gondomar

Illa de Arousa (A)

Lobios

Meis

Muxía

Ortigueira

Ponteareas

Pontes de García Rodríguez (As)

Rianxo

Sanxenxo

Trabada

Vigo

Vilagarcía de Arousa

D) Concellos con nivel de restrición media baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Bola (A)

Bolo (O)

Boqueixón

Bóveda

Boimorto

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Camariñas

Campo Lameiro

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballedo

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Carnota

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Cedeira

Cee

Celanova

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Culleredo

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gomesende

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laxe

Laza

Leiro

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Maside

Mazaricos

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Monforte de Lemos

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Moraña

Mos

Mugardos

Muras

Muros

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nigrán

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Noia

Oia

Oímbra

Oleiros

Ordes

Oroso

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrón

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Poio

Pol

Ponte Caldelas

Pontecesures

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontevedra

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Ribadavia

Ribadeo

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Sada

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Santiso

Sarreaus

Sarria

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Soutomaior

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Viveiro

Xermade

Xinzo de Limia

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas