Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84-Bis Mércores, 5 de maio de 2021 Páx. 22844

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 5 de maio de 2021 pola que se modifica o anexo II da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptaron medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde prevía que as medidas serían obxecto de revisión constante co obxecto de avaliar a situación e adecualas á incidencia real da epidemia.

Posteriormente, revisáronse as medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, e ditouse a Orde do 4 de marzo de 2021, que incluíu pequenas modificacións das medidas adoptadas e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia; a Orde do 5 de marzo de 2021, por medio da cal se modificou o anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021; a Orde do 10 de marzo de 2021, coa cal se modificaron diversos puntos do anexo I e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021, e a Orde do 12 de marzo de 2021, que modificou unicamente o anexo II.

Paralelamente, estas modificacións tiveron reflexo tamén no Decreto 39/2021, do 5 de marzo, no Decreto 40/2001, do 10 de marzo, e no Decreto 41/2021, do 12 de marzo, polos que se modificou o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

En cumprimento do compromiso acadado en relación coa revisión das medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, ditáronse o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2 (modificado polo Decreto 49/2021, do 24 de marzo; polo Decreto 51/2021, do 26 de marzo; polo Decreto 54/2021, do 7 de abril; polo Decreto 58/2021, do 9 de abril; polo Decreto 59/2021, do 14 de abril, e polo Decreto 60/2021, do 16 de abril), e a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, modificada polas ordes do 24 de marzo de 2021, do 26 de marzo de 2021, do 31 de marzo de 2021, do 7 de abril de 2021, do 9 de abril de 2021, do 14 de abril de 2021, do 16 de abril de 2021, do 21 de abril de 2021, do 23 de abril de 2021 e do 28 de abril de 2021.

Posteriormente, realizouse unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia, que tivo o oportuno reflexo na Orde do 30 de abril de 2021 pola que se modifica a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

III

De conformidade co compromiso acadado, procede realizar unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos distintos concellos.

Así, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 5 de maio de 2021, establécese o seguinte:

No que se refire á situación epidemiolóxica de Galicia, constatouse que o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, baixou do 1. Este dato, de manterse nese nivel, sería un indicativo da diminución da transmisión.

Neste sentido, cómpre salientar que unicamente as áreas sanitarias de Santiago de Compostela, Pontevedra e Lugo se encontran preto dese nivel.

Tamén se constou que, do total de concellos de Galicia, 139 concellos non notificaron casos nos últimos 14 días e que o número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 169, o que supón o aumento na cifra de concellos que non notificaron casos nos últimos 14 días (esta cifra era de 138 a semana pasada) e unha diminución do número dos que non os notificaron nos últimos 7 días (esta cifra era de 179 a semana pasada).

Cómpre indicar tamén que entre o 23 e o 29 de abril se realizaron 69.810 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (56.050 PCR e 13.760 tests de antíxenos), cunha porcentaxe de positividade do 2,42 %, que é lixeiramente inferior á detectada entre o 16 e o 22 de abril (2,46 %).

Ademais, as cifras de incidencia acumulada a 7 e 14 días foron de 44 e 94 casos por cen mil habitantes, respectivamente, que son valores inferiores aos de hai unha semana (50 e 97 casos por cen mil habitantes, respectivamente). Prodúcese, polo tanto, un descenso do -13,6 % nas taxas de incidencia acumulada a 7 días e do -3,2 % nas taxas de incidencia acumulada a 14 días.

No que atinxe á situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días sitúanse entre os 38,33 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 134,05 casos de Pontevedra.

Así mesmo, as taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír con respecto ás de hai 7 días. As taxas a 14 días son iguais ou superan os 100 casos por 100.000 habitantes nas áreas da Coruña, Pontevedra e Vigo e só aumentaron as taxas a 14 días nas áreas de Santiago de Compostela, Ourense e Pontevedra. As taxas a 7 días aumentaron nas das áreas de Santiago de Compostela, Lugo e Pontevedra.

A media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 157,6. Este dato pon de manifesto un descenso do - 2,7 % respecto dos datos no período anterior.

A taxa total de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos foi de 5,8 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón tamén un descenso do -2,7 % no mesmo período.

En canto á taxa de ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 44,1 e a taxa a 7 días foi de 1,6 por cada 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -10,4 %.

Sobre a situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, daqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), só os concellos de Cambados, Marín e Vilanova de Arousa presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes.

No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), só 11 concellos presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes.

Porén, acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores de 500 casos por cen mil habitantes nos concellos de Cualedro e Laza.

No que se refire aos datos por comarcas, mantense no nivel alto de incidencia a comarca do Sar.

Están no nivel medio de incidencia, as comarcas do Salnés, O Morrazo, Deza e Verín, mentres que descenden ao nivel medio-baixo as comarcas de Vigo, O Condado, Viana, Valdeorras, Baixa Limia, Quiroga, Meira, A Mariña Oriental, Chantada, Terra de Melide, Muros, Bergantiños e A Barbanza.

O informe conclúe que as taxas de incidencia baixaron lentamente respecto das constatadas a semana precedente, e obsérvase que o número reprodutivo instantáneo no global de Galicia se sitúa por debaixo de 1. A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes e só as áreas sanitarias da Coruña, Pontevedra e Vigo presentan unha incidencia igual ou superior aos 100 casos por cen mil habitantes.

Ademais, no que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, só tres concellos presentan taxas de incidencia iguais ou superiores a 250 casos por cada cen mil habitantes.

Nos concellos de menos de 10.000 habitantes só hai 11 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 casos por cada cen mil habitantes e unicamente 2 deles presentan unha taxa a 14 días superior aos 500 casos por cada cen mil habitantes.

O informe segue a destacar que o feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión, ao cal se suma a aparición de novas variantes como a P1 do Brasil, a de Suráfrica e agora tamén os contados casos da variante da India.

Finalmente, a ocupación por pacientes COVID-19 na hospitalización de agudos e en unidades de coidados críticos segue a diminuír.

Non se debe esquecer que nos encontramos nun contexto de desescalada que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia, para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven.

O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días, situando o nivel medio baixo por debaixo de 150; o medio, entre 150 e por debaixo de 250; o alto, entre 250 e por debaixo de 500, e o máximo, na cifra de 500. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con rapidez e eficacia fronte aos gromos, utilízase tamén como criterio o da taxa de incidencia a 7 días. A análise da situación de cada concello prevese coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, e co estudo polos servizos de saúde pública e polo comité e subcomité clínico das características específicas de cada gromo. Téñense en conta, ademais, outros criterios tales como a existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como o feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica, unido a unha tendencia nas súas taxas que non vai claramente en descenso.

Por conseguinte, en vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, coa situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, formúlanse as seguintes propostas:

Manter no nivel máximo de restricións os concellos de Cualedro (pola súa taxa a 14 días), Laza (pola súa taxa tanto a 7 como a 14 días) e Vilanova de Arousa debido a que a evolución da súa situación epidemiolóxica non garante a diminución da transmisión da infección e que mesmo se constatou un aumento de casos nos últimos días.

Subir ao nivel máximo de restricións o concello de Cambados (Área Sanitaria de Pontevedra) polas súas taxas de incidencia a 7 días.

Manter no nivel alto de restricións os concellos de Coristanco, Mesía, A Merca, Marín, Gondomar e Salceda de Caselas, polas súas taxas a 7 e/ou 14 días e porque aínda non levan neste nivel o tempo necesario para garantir unha evolución positiva da situación epidemiolóxica.

Tamén se propón manter no nivel alto de restricións os concellos de Padrón e A Pastoriza xa que, malia que as súas taxas indican que deberían pasar ao nivel máximo, cómpre ter en conta que os casos detectados forman parte de gromos ben controlados e cunha orixe coñecida.

Igualmente, proponse manter no nivel alto de restricións o concello de Ribeira, logo de terse constatado un empeoramento da súa situación epidemiolóxica na última semana, con novos casos nos últimos 7 días, que constitúen practicamente o 50 % dos casos a 14 días. Ademais, a evolución da situación epidemiolóxica é tórpida, o que fai necesario manter o concello no nivel alto de restricións para posibilitar un cambio de tendencia.

Tamén se propón subir ao nivel alto de restricións o concello da Laracha polas súas taxas a 7 días, en que se constata un empeoramento da súa situación e a aparición de casos novos.

Proponse manter no nivel medio de restricións os concellos de Betanzos, Cambre e Carballo (Área Sanitaria da Coruña); Melide, Ordes, Lalín e Silleda (Área Sanitaria de Santiago de Compostela); Chantada e Meira (Área Sanitaria de Lugo); Allariz, Verín e Xinzo de Limia (Área Sanitaria de Ourense); Vilagarcía de Arousa (Área Sanitaria de Pontevedra); Cangas, Nigrán, O Porriño, Tui e Vigo (Área Sanitaria de Vigo). O informe considera que estes concellos se deben manter no nivel medio polas súas taxas de incidencia a 7 e/ou 14 días e para garantir unha boa evolución da súa situación epidemiolóxica.

Por outra banda, proponse manter neste nivel medio de restricións os concellos de Carballeda de Valdeorras, Muíños e Verea (Área Sanitaria de Ourense), debido a que son concellos con pouca poboación nos cales os casos presentan un descenso acusado, especialmente nos últimos 7 días.

Tamén se situarían neste nivel medio de restricións os concellos de Cerdedo-Cotobade e de Fornelos de Montes, xa que os casos constados forman parte de gromos controlados en concellos de pouca densidade de poboación, polo que resulta conveniente observar a súa evolución antes de adoptar outras medidas.

Situaríanse no nivel medio de restricións os concellos de Noia (Área Sanitaria de Santiago de Compostela), Toén (Área Sanitaria de Ourense) e Soutomaior (Área Sanitaria de Pontevedra) polas súas taxas de incidencia a 7 e/ou 14 días.

O resto dos concellos de Galicia permanece no nivel medio baixo de restricións, con base nos criterios reflectidos anteriormente ou á espera de comprobar a evolución da súa situación epidemiolóxica.

Debe insistirse, en particular, en que as medidas resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos expostos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e, polo tanto, útiles para acadar o fin proposto de protección da saúde pública, na espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen. Debe ponderarse que aínda non estamos en niveis de transmisión que se poidan entender de risco baixo.

Así mesmo, debe manterse a protección do sistema sanitario. As medidas de limitación de determinadas actividades resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros entre persoas, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social e de limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se demostraron eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. Deste modo, as medidas de limitación de determinadas actividades van dirixidas a limitar os contactos e a interacción social e, polo tanto, a transmisión da enfermidade en situacións nas cales cabe apreciar un maior risco polas circunstancias en que se realizan, especialmente en lugares pechados.

Tendo en conta o exposto, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, e visto o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, procede reiterar as medidas xa aprobadas coas modificacións previstas nesta orde.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modifícase o anexo II da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo desta orde

Segundo. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 7 de maio de 2021. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

Cambados

Cualedro

Laza

Vilanova de Arousa

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Coristanco

Gondomar

Laracha (A)

Marín

Merca (A)

Mesía

Padrón

Pastoriza (A)

Ribeira

Salceda de Caselas

C) Concellos con nivel de restrición media.

Allariz

Betanzos

Cambre

Cangas

Carballeda de Valdeorras

Carballo

Cerdedo-Cotobade

Chantada

Fornelos de Montes

Lalín

Meira

Melide

Muíños

Nigrán

Noia

Ordes

Porriño (O)

Silleda

Soutomaior

Toén

Tui

Verea

Verín

Vigo

Vilagarcía de Arousa

Xinzo de Limia

D) Concellos con nivel de restrición media baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barco de Valdeorras (O)

Barreiros

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Blancos (Os)

Boborás

Boiro

Bola (A)

Bolo (O)

Boqueixón

Bóveda

Boimorto

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Camariñas

Campo Lameiro

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballedo

Carballiño (O)

Cariño

Carnota

Carral

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Catoira

Cedeira

Cee

Celanova

Cenlle

Cerceda

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Cortegada

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Culleredo

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Foz

Frades

Friol

Gomesende

Grove (O)

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Illa de Arousa (A)

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lama (A)

Láncara

Larouco

Laxe

Leiro

Lobeira

Lobios

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Maside

Mazaricos

Meaño

Meis

Melón

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Monforte de Lemos

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Moraña

Mos

Mugardos

Muras

Muros

Muxía

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Oia

Oímbra

Oleiros

Oroso

Ortigueira

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrenda

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Pobra do Caramiñal (A)

Poio

Pol

Ponteareas

Ponte Caldelas

Pontecesures

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porqueira

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Rianxo

Ribadavia

Ribadeo

Ribadumia

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

Sanxenxo

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Santiso

Sarreaus

Sarria

Saviñao (O)

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Viveiro

Xermade

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas