Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86-Bis Venres, 7 de maio de 2021 Páx. 23177

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 77/2021, do 7 de maio, polo que se declara a perda de efectos a partir das 00.00 do 9 de maio de 2021 das medidas adoptadas pola Presidencia da Xunta de Galicia na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente é o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de ningún procedemento administrativo, nin se aplique o disposto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, foron adoptadas polo presidente da Comunidade Autónoma, mediante sucesivos decretos ditados no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, e na súa condición de autoridade competente delegada, diversas medidas para facer fronte á crise sanitaria en Galicia.

A declaración do estado de alarma afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020. O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a súa prórroga ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, o que se recolleu no artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

De acordo co exposto, resulta oportuno dispoñer a perda de efectos a partir das 00.00 horas do día 9 de maio das medidas recollidas no Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Así mesmo, tendo en conta a existencia actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia dunha limitación da mobilidade nocturna que comeza ás 23.00 horas, para evitar a distorsión de que no día 8 de maio esta limitación produza efectos a partir desa hora para desaparecer ás 00.00 horas do día 9, resulta oportuno, así mesmo, dispoñer a perda anticipada de efectos nos concellos galegos desta medida de limitación da mobilidade nocturna con efectos das 6.00 horas do día 8 de maio, salvo nos concellos recollidos no anexo do Decreto 45/2021, do 17 de marzo, na súa redacción vixente, dado que nestes se pretende que continúe a indicada limitación a partir das indicadas 00.00 horas do día 9 de maio, de acordo co establecido na orde que se menciona no parágrafo seguinte.

O decaemento do estado de alarma debe levar consigo a adopción, por parte das administracións competentes, das necesarias medidas de prevención que permitan seguir facendo fronte e controlando a pandemia, tendo en conta a subsistencia dunha situación de crise sanitaria, polo que o afrontamento da crise seguirá efectuándoo en Galicia a Administración autonómica no pleno exercicio das súas competencias, de acordo coas potestades que lle recoñece a lexislación sanitaria e de emerxencias. Deste modo, no marco indicado, serán aplicables as medidas contidas na Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, e no que sexa compatible con ela, aplicarase o disposto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 5, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Perda de efectos das medidas derivadas da declaración do estado de alarma

Sen prexuízo do establecido no punto segundo deste decreto, de acordo co establecido no artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, a partir das 00.00 horas do día 9 de maio perderán eficacia as medidas adoptadas no Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Segundo. Perda anticipada de efectos nos concellos galegos da medida recollida no punto cuarto do Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

A medida recollida no punto cuarto, «limitación da mobilidade nocturna», do Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, perderá efectos ás 6.00 horas do día 8 de maio, salvo nos concellos recollidos no anexo do decreto indicado, na súa redacción vixente.

Terceiro. Afrontamento da crise sanitaria por parte da Administración autonómica no pleno exercicio das súas competencias, de acordo coas potestades que lle recoñece a lexislación sanitaria e de emerxencias

O decaemento do estado de alarma debe levar consigo a adopción, por parte das administracións competentes, das necesarias medidas de prevención que permitan seguir facendo fronte e controlando a pandemia, tendo en conta a subsistencia dunha situación de crise sanitaria, polo que o afrontamento da crise seguirá efectuándoo en Galicia a Administración autonómica no pleno exercicio das súas competencias, de acordo coas potestades que lle recoñece a lexislación sanitaria e de emerxencias.

Deste modo, no marco indicado, serán aplicables as medidas contidas na Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, e no que sexa compatible con ela, aplicarase o disposto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Cuarto. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o momento da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Recursos

Contra este decreto poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, sete de maio de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia