I
A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.
Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.
Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.
II
No Diario Oficial de Galicia núm. 99 bis, do venres 28 de maio de 2021, a Consellería de Sanidade publicou a Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan da autorización xudicial para a súa eficacia, e a Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.
A adopción das medidas recollidas nestas ordes veu determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, tal e como se xustifica nas respectivas exposicións de motivos. A eficacia das dúas ordes estendíase ata as 00.00 horas do 12 de xuño e establecíase expresamente no seu punto sétimo que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nas citadas ordes serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.
Debe salientarse que a recente sentenza do Tribunal Supremo nº 719/2021, do 24 de maio, estableceu como doutrina que a ratificación das medidas limitativas de dereitos fundamentais debe ser previa, de tal xeito que tales medidas non despregan efectos nin son aplicables mentres non sexan ratificadas xudicialmente. Así mesmo, aclaraba que as que deben ser obxecto de ratificación son as que non están xa previstas, sexa pola lexislación sanitaria sexa pola de policía administrativa ou pola correspondente a outras materias. É o caso, entre outras, das disposicións relativas a horarios e capacidades en establecementos públicos, ás actividades educativas, das que miran por preservar os espazos públicos e por impedir que neles se consuma alcol, das que teñen por obxecto evitar a contaminación acústica ou doutra natureza e, en xeral, das dirixidas a manter a convivencia.
En vista do pronunciamento do Tribunal Supremo e para os efectos dunha mellor operatividade na tramitación das medidas, optouse por distinguir entre aquelas que precisaban da correspondente autorización xudicial previa e aquelas que non, e aprobáronse dúas ordes diferenciadas.
Por un lado, a Orde do 26 de maio de 2021 recollía unha serie de medidas limitativas de dereitos fundamentais que poden clasificarse en dous grupos: por unha banda, as que afectan aqueles concellos que se atopan en situación de risco máximo e que inclúen o peche perimetral dos seus ámbitos territoriais, as limitacións de grupos de persoas a conviventes e o chamado toque de recollida e, por outra banda, as medidas menos restritivas, que limitaban os grupos de persoas e que se aplicaban no resto dos concellos da Comunidade Autónoma. Cómpre salientar neste momento que, en cumprimento do disposto no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, as medidas recollidas na Orde do 26 de maio foron ratificadas mediante o Auto 70/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Por outro lado, na Orde do 28 de maio de 2021 recollíase un amplo catálogo de medidas específicas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade. Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que, para lograr o fin proposto, resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.
Estas ordes foron modificadas posteriormente polas ordes do 2 de xuño e do 4 de xuño de 2021 polas que se modificou o anexo da Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan da autorización xudicial para a súa eficacia, e o anexo II da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.
Pola súa banda, no Diario Oficial de Galicia núm. 109 bis, do xoves 10 de xuño de 2021, a Consellería de Sanidade publicou a Orde do 10 de xuño de 2021 pola que se prorroga a eficacia e se modifica a Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e se modifica a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta última orde modificou a citada Orde de 28 de maio e prorrogou a súa eficacia ata as 00:00 horas do 26 de xuño; porén, a mellora da situación epidemiolóxica experimentada na Comunidade Autónoma permitiu que non se adoptasen nese momento novas medidas limitativas de dereitos fundamentais, rematando a vixencia das recollidas na Orde do 26 de maio ás 00:00 horas do 12 de xuño.
Esta orde dítase no marco do seguimento e avaliación continua de que son obxecto as medidas recollidas na Orde do 28 de maio, coa finalidade de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.
Introdúcense, ademais, dúas modificacións puntuais: a primeira delas ten por obxecto posibilitar a reapertura das instalacións dos parques acuáticos nos concellos das letras C e D do anexo II, establecendo as regras hixiénico-sanitarias básicas para tal efecto. Isto supón tamén eliminar a referencia aos parques acuáticos contida no número 4.1 do anexo I e que impedía a súa actividade. A segunda modificación consiste en equiparar o horario de peche dos establecementos de xogo co dos establecementos de hostalaría, posibilitando a apertura ata a 1.00 horas daqueles establecementos situados en concellos enumerados nas letras C e D do anexo II.
Finalmente, debe indicarse que, en cumprimento do disposto no artigo 38.ter.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as medidas recollidas nesta orde terán unha duración determinada, coincidente coa duración da orde que se modifica. Ademais, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.
III
Unha vez sentado o anterior, de conformidade co exposto, debe salientarse que a adopción das medidas recollidas nesta orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Así resulta do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 16 de xuño de 2021, do cal se destacan os seguintes datos:
Polo que respecta á situación epidemiolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo de 1, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Unicamente a área da Coruña supera o 1 e a área de Ferrol está no 1.
Do total de concellos de Galicia, 165 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 208. Isto supón un aumento en 13 concellos a 14 días e en 4 concellos a 7 días dende hai unha semana, cando era de 152 e 204, a 14 e 7 días.
Entre o 4 e o 10 de xuño realizáronse 41.059 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (27.995 PCR e 13.064 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a 7 días do 1,73 %, inferior á do período entre o 28 de maio ao 6 de xuño, que era do 2 %.
A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 20 e 41 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados hai unha semana, en que eran de 21 e 50 casos por cen mil habitantes, respectivamente (descenso do -5 % a 7 días e do -22 % a 14 días).
A tendencia diaria mostra, dende o 28 de decembro, catro tramos, dous deles con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 7,1 % ata o 27 de xaneiro e despois decrecente cunha porcentaxe de cambio diario (PCD) de -6 %, séguelle outro tramo de tendencia lixeiramente crecente, cunha PCD do 0,8 % e o 5 de maio detéctase outro cambio en sentido decrecente cun PCD do -2,6 %.
No que se refire á situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días están entre os 23,51 casos por 100.000 habitantes de Santiago e os 60,90 de A Coruña. As taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír a respecto de hai 7 días. Ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes nin taxas a 7 días superiores aos 40 casos por 100.000 habitantes. As áreas sanitarias da Coruña e Ferrol aumentaron as súas taxas a 7 días, e a da Coruña a 14 días, desde hai unha semana.
A media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 47,9, o que significa un descenso do -35,8 % a respecto de hai sete días. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 1,8 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do -35,8 % a respecto de hai 7 días. Pola súa banda, a media de ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días foi de 14,0 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 0,5 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -3,0 % a respecto de hai sete días, tanto na media como na taxa.
No que atinxe á situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia, naqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), ningún presenta unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte a un do informe anterior. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 2 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, 5 menos que hai unha semana. Ningún deles presenta taxas de incidencia iguais ou superiores a 500 casos por cen mil habitantes. Todas as comarcas se atopan en nivel medio baixo.
O informe conclúe que as taxas de incidencia a 7 días e a 14 días diminúen. A tendencia segue en descenso dende o 5 de maio, cunha porcentaxe de cambio diario do -2,6 %. A Rt no global de Galicia segue por debaixo do 1.
A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, está nos 41 casos por cen mil habitantes e todas as áreas sanitarias están por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes. Non hai ningún concello de máis de dez mil habitantes con taxas de incidencia a 14 días iguais ou superiores a 250 casos por cen mil habitantes; porén, existen dous concellos de menos de dez mil habitantes que superan a taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes, aínda que ningún deles presenta unha taxa a 14 días superior aos 500 casos por cen mil habitantes .
O feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión, ao que se suma a aparición de novas variantes como a P1 de Brasil e a de Suráfrica e agora tamén a da India.
Cómpre tamén indicar que o criterio utilizado para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, ademais do da situación sanitaria, o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada cen mil habitantes tanto a 14 días como a 7 días; esta última permite reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos.
A análise da situación de cada concello complétase coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto. Ademais, os servizos de saúde pública e o comité e o subcomité clínico analizarán as características específicas de cada gromo. Neste sentido, préstase unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.
En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase que suban ao nivel medio de restrición os concellos de Camariñas e Malpica de Bergantiños.
Polo que respecta a Camariñas saliéntase que, aínda que a taxa de incidencia acumulada a 7 días é propia do nivel alto, se considera que este nivel é suficiente para controlar o abrocho existente, xa que os casos son de orixe coñecida.
A taxa de incidencia acumulada a 7 días do concello de Malpica de Bergantiños tamén é propia do nivel alto, pero considérase que o nivel medio é suficiente para controlar o abrocho debido a que hai casos importados e o resto están relacionados con dous abrochos de orixe coñecida.
Tamén se acorda manter no nivel medio de restrición actual o concello de Soutomaior, da Área Sanitaria de Pontevedra, debido á súa taxa de incidencia acumulada a 14 días.
O resto de concellos de Galicia atópase no nivel medio-baixo de restricións con base nos criterios reflectidos anteriormente.
IV
As medidas contidas nesta orde resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos expostos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e, por tanto, útiles para conseguir o fin proposto de protección da saúde pública, na espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen.
Tamén resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.
En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros entre persoas, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e de reducir o risco de contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social e de limitación extrema dos contactos e das actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data.
Deste xeito, as medidas de limitación de determinadas actividades van dirixidas a limitar os contactos e a interacción social e, por tanto, a transmisión da enfermidade en situacións nas cales cabe apreciar un maior risco polas circunstancias en que se realizan, especialmente en lugares pechados.
Nese sentido, a presente orde establece unha serie de medidas específicas que teñen por obxecto a regulación de distintas actividades coa finalidade de que poidan desenvolverse en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade. Para lograr ese fin resulta imprescindible evitar as aglomeracións, garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade e reducir o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.
Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas. As evidencias científicas apoian as políticas de control de limitación e capacidades e a súa eficacia fronte a outras políticas sen esta limitación pero con redución xeneralizada da mobilidade, o que apoia a efectividade e a eficiencia das medidas de control focalizadas nos sectores de maior risco. A isto únese que a maior parte dos gromos se produce nun contexto social, como consecuencia de exposicións prolongadas ás secrecións respiratorias que se emiten en forma de aerosois que conteñen o virus. Nesta liña hai estudos que proban que, dentro das intervencións non farmacolóxicas, as relacionadas coa diminución dos contactos sociais no interior de establecementos teñen a capacidade de ralentizar a velocidade de transmisión.
V
As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.
Cómpre indicar tamén que as medidas recollidas nesta orde sobre o uso da máscara e as limitacións de capacidade atopan, así mesmo, o seu fundamento no disposto na Lei 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.
Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,
DISPOÑO:
Primeiro. Modificación da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia
Un. Modifícase o punto III.2.1 do número 4.1 do anexo I da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:
«III.2.1. Establecementos de xogo.
III.2.1.1. Casinos.
III.2.1.2. Salas de bingo.
III.2.1.3. Salóns de xogo.
III.2.1.4. Tendas de apostas.
Nos concellos enumerados na letra C do anexo II, os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o trinta por cento da súa capacidade permitida e ata a 1.00 horas.
Nos concellos enumerados na letra D do anexo II, os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o cincuenta por cento da súa capacidade permitida e ata a 1.00 horas.
En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de seis persoas por mesa ou agrupación de mesas.
Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións, especialmente na disposición e uso das máquinas ou de calquera outro dispositivo de xogo nos locais e establecementos en que se desenvolvan actividades ou, na súa falta, para a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos na normativa vixente.
Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención, no caso de que se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, o réxime e horario de prestación deste servizo axustarase ao disposto para os establecementos de hostalaría neste anexo. Nese sentido, o horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata a 1.00 horas deberán cumprir os requisitos que se determinan para este caso no número 2 do punto 3.22 e nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura».
Dous. Modifícase o punto III.2.3 do número 4.1 do anexo I da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:
«III.2.3. Establecementos para atraccións e xogos recreativos.
III.2.3.1. Parques de atraccións e temáticos.
III.2.3.2. Parques acuáticos.
1. Nos concellos enumerados nas letras C e D do anexo II os parques acuáticos poderán desenvolver a súa actividade cunha capacidade do 50 % respecto da súa capacidade máxima. Estableceranse os oportunos mecanismos de control de accesos, tanto nas entradas e saídas do recinto coma nos accesos ás distintas atraccións, de xeito que se eviten aglomeracións e se manteña obrigatoriamente a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.
2. O emprego de flotadores ou outros elementos nas atraccións farase de xeito individual, agás no caso de menores ou persoas que precisen de asistencia. A entidade titular da instalación intensificará a limpeza e a desinfección respecto destes elementos de uso compartido.
3. A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares nas zonas de estadía e espazos comúns levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a outros usuarios. Así mesmo, recoméndase que os grupos non superen as quince persoas, excepto no caso de persoas conviventes.
4. Aqueles establecementos que ofrezan servizos de hostalaría ou restauración nas súas instalacións observarán as regras establecidas no punto 3.22 do anexo I para este tipo de servizos.
5. Exceptúase unicamente o uso da máscara durante o baño ou no uso das atraccións acuáticas, e tamén mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso da máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas zonas comúns de tránsito.
6. O uso das duchas e lavapés ao aire libre limitarase a 1 persoa por dispositivo, agás no caso de persoas que precisen asistencia. No caso de zonas de ducha en instalacións pechadas, poderase usar o 50 % delas, teñan ou non cabina.
7. Respecto do uso de vestiarios e aseos en todas as instalacións, poderase utilizar o 100 % naqueles que dispoñan de cabinas, ou o 50 % se non dispoñen delas.
III.2.3.3. Salóns recreativos.
III.2.3.4. Parques multiocio».
Tres. Modifícase o anexo II da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo desta orde.
Segundo. Eficacia
1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 19 de xuño. Non obstante, a opción de ampliación de horario ata as 1.00 horas prevista no punto un do ordinal primeiro terá efectos desde as 23.00 horas do día 18 de xuño de 2021.
2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021
Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade
ANEXO
«ANEXO II
A) Concellos con nivel de restrición máxima.
........
B) Concellos con nivel de restrición alta.
........
C) Concellos con nivel de restrición media.
Camariñas
Malpica de Bergantiños
Soutomaior
D) Concellos con nivel de restrición media-baixa.
Abadín
Abegondo
Agolada
Alfoz
Allariz
Ames
Amoeiro
Antas de Ulla
Aranga
Arbo
Ares
Arnoia (A)
Arteixo
Arzúa
Avión
Baiona
Baleira
Baltar
Bande
Baña (A)
Baños de Molgas
Baralla
Barbadás
Barco de Valdeorras (O)
Barreiros
Barro
Beade
Beariz
Becerreá
Begonte
Bergondo
Betanzos
Blancos (Os)
Boborás
Boiro
Bola (A)
Bolo (O)
Bóveda
Boimorto
Boqueixón
Brión
Bueu
Burela
Cabana de Bergantiños
Cabanas
Caldas de Reis
Calvos de Randín
Cambados
Cambre
Campo Lameiro
Cangas
Cañiza (A)
Capela (A)
Carballeda de Avia
Carballeda de Valdeorras
Carballedo
Carballiño (O)
Carballo
Cariño
Carnota
Carral
Cartelle
Castrelo de Miño
Castrelo do Val
Castro Caldelas
Castro de Rei
Castroverde
Catoira
Cedeira
Cee
Celanova
Cenlle
Cerceda
Cerdedo-Cotobade
Cerdido
Cervantes
Cervo
Chandrexa de Queixa
Chantada
Coirós
Coles
Corcubión
Corgo (O)
Coristanco
Cortegada
Coruña (A)
Cospeito
Covelo
Crecente
Cualedro
Culleredo
Cuntis
Curtis
Dodro
Dozón
Dumbría
Entrimo
Esgos
Estrada (A)
Fene
Ferrol
Fisterra
Folgoso do Courel
Fonsagrada (A)
Forcarei
Fornelos de Montes
Foz
Frades
Friol
Gondomar
Gomesende
Grove (O)
Guarda (A)
Gudiña (A)
Guitiriz
Guntín
Illa de Arousa (A)
Incio (O)
Irixo (O)
Irixoa
Lalín
Lama (A)
Láncara
Laracha (A)
Larouco
Laxe
Laza
Leiro
Lobeira
Lobios
Lourenzá
Lousame
Lugo
Maceda
Manzaneda
Mañón
Marín
Maside
Mazaricos
Meaño
Meira
Meis
Melide
Melón
Merca (A)
Mesía
Mezquita (A)
Miño
Moaña
Moeche
Mondariz-Balneario
Mondariz
Mondoñedo
Monfero
Monforte de Lemos
Montederramo
Monterrei
Monterroso
Moraña
Mos
Mugardos
Muíños
Muras
Muros
Muxía
Narón
Navia de Suarna
Neda
Negreira
Negueira de Muñiz
Neves (As)
Nigrán
Noia
Nogais (As)
Nogueira de Ramuín
Oia
Oímbra
Oleiros
Ordes
Oroso
Ortigueira
Ourense
Ourol
Outeiro de Rei
Outes
Oza-Cesuras
Paderne de Allariz
Paderne
Padrenda
Padrón
Palas de Rei
Pantón
Parada de Sil
Paradela
Páramo (O)
Pastoriza (A)
Pazos de Borbén
Pedrafita do Cebreiro
Pereiro de Aguiar (O)
Peroxa (A)
Petín
Pino (O)
Piñor
Pobra de Trives (A)
Pobra do Brollón (A)
Pobra do Caramiñal (A)
Poio
Pol
Ponteareas
Ponte Caldelas
Pontecesures
Ponteceso
Pontedeume
Pontedeva
Pontenova (A)
Pontes de García Rodríguez (As)
Pontevedra
Porqueira
Porriño (O)
Portas
Porto do Son
Portomarín
Punxín
Quintela de Leirado
Quiroga
Rábade
Rairiz de Veiga
Ramirás
Redondela
Rianxo
Ribadavia
Ribadeo
Ribadumia
Ribas de Sil
Ribeira
Ribeira de Piquín
Riós
Riotorto
Rodeiro
Rois
Rosal (O)
Rúa (A)
Rubiá
Sada
Salceda de Caselas
Salvaterra de Miño
Samos
San Amaro
San Cibrao das Viñas
San Cristovo de Cea
San Sadurniño
Santiso
Sanxenxo
San Xoán de Río
Sandiás
Santa Comba
Santiago de Compostela
Sarreaus
Sarria
Saviñao (O)
Silleda
Sober
Sobrado
Somozas (As)
Taboada
Taboadela
Teixeira (A)
Teo
Toén
Tomiño
Toques
Tordoia
Touro
Trabada
Trasmiras
Trazo
Triacastela
Tui
Val do Dubra
Valadouro (O)
Valdoviño
Valga
Vedra
Veiga (A)
Verea
Verín
Viana do Bolo
Vicedo (O)
Vigo
Vilaboa
Vila de Cruces
Vilagarcía de Arousa
Vilalba
Vilamarín
Vilamartín de Valdeorras
Vilanova de Arousa
Vilar de Barrio
Vilar de Santos
Vilardevós
Vilariño de Conso
Vilarmaior
Vilasantar
Vimianzo
Viveiro
Xermade
Xinzo de Limia
Xove
Xunqueira de Ambía
Xunqueira de Espadanedo
Zas»