Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129-Bis Xoves, 8 de xullo de 2021 Páx. 34974

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 8 de xullo de 2021 pola que se prorroga a eficacia e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e pola que se modifica a Orde do 1 de xullo de 2021, pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 adóptanse, mediante Orde do 25 de xuño de 2021, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade. Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que para lograr o fin proposto resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. A eficacia da dita orde, que foi modificada mediante a Orde do 1 de xullo de 2021, esténdese ata as 00.00 horas do día 10 de xullo de 2021. A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma exixe prorrogar aquela, así como modificarlle determinados aspectos coa finalidade de adaptar as medidas contidas nela á realidade actual.

Modifícase tamén a Orde do 1 de xullo de 2021, pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, coa finalidade de adaptala aos cambios introducidos mediante a presente orde na Orde do 25 de xuño.

II

De conformidade co exposto, saliéntase que a adopción das medidas contidas nesta orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma. Así resulta do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 7 de xullo de 2021, do cal se destacan os seguintes datos:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, está a aumentar en Galicia, está preto do 1,4, o que indica un aumento na transmisión da infección. Está por riba do 1 en todas as áreas sanitarias, as que o teñen máis elevado son Ourense, Santiago, Pontevedra e Vigo.

Do total de concellos de Galicia, 124 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 143. Isto supón un descenso nos concellos sen casos en 42 concellos a 14 días e en 59 concellos a 7 días desde hai unha semana, que eran de 166 e 202, a 14 e 7 días.

Entre o 25 de xuño e o 1 de xullo realizáronse 36.938 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (25.658 PCR e 11.280 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a 7 días do 3,84 %, o que supón un aumento do 53 % a respecto do período comprendido entre o 18 e o 24 de xuño, que era do 2,51 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 59 e 91 casos por 100.000 habitantes, respectivamente. Estes valores son superiores aos observados hai unha semana, na cal os valores eran de 32 e 53 casos por 100.000 habitantes, respectivamente (aumento do 84 % a 7 días e do 72 % a 14 días. Igualmente, hai un aumento do 7 % a 7 e 14 días a respecto do informe de onte, en que era de 55 e 85, respectivamente).

No que se refire á situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días están entre os 47,91 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 174,82 de Pontevedra. As taxas de incidencia a 14 días seguen a aumentar a respecto de hai 7 días. Hai dúas áreas (Pontevedra e Ourense) con taxas a 14 días con valores iguais ou superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes. Pontevedra, igualmente, presenta unha taxa a 7 días superior aos 100 casos por 100.000 habitantes.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 43,4, o que significa un descenso do -30,5 % con respecto á de hai 7 días. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 1,6 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do -30,5 % con respecto á de hai 7 días. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 10,4 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 0,4 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -7,6 % con respecto á de hai 7 días, tanto na media como na taxa.

En canto á situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, naqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 3 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por 100.000 habitantes e existe ademais un concello (Sarria) que supera os 500 casos por 100.000 habitantes. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 8 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 3 de hai unha semana. Dous deles (Carnota e A Illa de Arousa) presentan unha taxa de incidencia igual ou superior a 500 casos por 100.000 habitantes. Non obstante, o concello de Carnota ten unha taxa a 7 días de 25,6 casos por 100.000 habitantes. No que atinxe ás comarcas, atópanse no nivel alto as de O Salnés, O Ribeiro e Sarria. No nivel medio están as de Pontevedra, Caldas, Ourense, Chantada e Muros.

O informe conclúe que a taxa de incidencia segue a aumentar tanto a 7 como a 14 días. A tendencia amosou un novo cambio cara ao ascenso, cunha porcentaxe de cambio diario do 6,8 %, a partir do 14 de xuño. O Rt no global de Galicia segue por riba do 1.

A información do modelo de predición indica que a incidencia aumentaría tanto a 7 como a 14 días. Como os intervalos de confianza a 7 días seguen a ser amplos, hai que tomala con cautela, posto que, de momento, a incidencia podería ir en varios sentidos, aumento, estabilización ou descenso.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, está nos 91 casos por 100.000 habitantes. A área sanitaria de Pontevedra está por riba dos 100 casos por 100.000 habitantes, tanto a 7 como a 14 días, e a de Ourense está nos 100 casos por 100.000 habitantes. No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, hai 3 concellos con taxas de incidencia a 14 días iguais ou superiores a 250 casos por 100.000 habitantes, os de Sarria, Cambados e Vilanova de Arousa. Nos de menos de 10.000 habitantes, hai 8 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 casos por 100.000 habitantes e 2 deles presentan unha taxa a 14 días superior aos 500 casos por 100.000 habitantes.

Neste momento a circulación da cepa alfa está a diminuír, pero están a aparecer outras variantes, especialmente a delta, que ten unha transmisibilidade maior ca a alfa e que pode ser o que estea a influír nun aumento da transmisión.

Cómpre tamén indicar que o criterio utilizado para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, ademais do da situación sanitaria, o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada 100.000 habitantes, tanto a 14 días como a 7 días; esta última permite reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos. A análise da situación de cada concello complétase coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto. Ademais, os servizos de saúde pública e o Comité e o Subcomité Clínico analizarán as características específicas de cada gromo. Neste sentido, préstase unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase manter o concello de Sarria no nivel alto de restricións xa que, aínda que as súas taxas a 7 e 14 días son propias do nivel máximo, os casos existentes neste concello están asociados a un abrocho relacionado con celebracións e relacións sociais dentro da contorna do grupo.

Pola súa banda, ascenden ao nivel alto de restricións os concellos da Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados e Vilagarcía de Arousa. Así, o concello da Illa de Arousa, que se atopaba ata a entrada en vigor desta orde no nivel medio-baixo, presenta taxas de incidencia acumulada a 7 e 14 días que, aínda que son propias do nivel máximo de restricións, no entanto, os casos existentes pertencen a dous abrochos perfectamente controlados, polo que se considera que as restricións propias do nivel alto son suficientes para controlar a evolución da situación epidemiolóxica. Por outra parte, o concello de Vilanova de Arousa pasa ao nivel alto procedente do medio, e aínda que a súa taxa a 7 días é propia do nivel máximo, considérase preciso observar a evolución da súa situación epidemiolóxica antes de ascendelo ao nivel que indica a súa taxa. O concello de Cambados, actualmente no nivel medio, tamén pasa a nivel alto pola súa taxa a 7 días, xa que hai un incremento dos casos dun 68 % no prazo dunha semana. Finalmente, o concello de Vilagarcía de Arousa, actualmente no nivel medio-baixo, ascende ao nivel alto polas súas taxas a 7 e 14 días. Ten un incremento explosivo de casos a 7 días, cun aumento na súa taxa do 341 %, con casos asociados a diferentes ámbitos e unha irradiación de casos cara aos concellos da súa comarca, a do Salnés, que neste momento se atopa nunha situación epidemiolóxica que se corresponde ao nivel alto, segundo as súas taxas.

Mantéñense no nivel medio de restricións os concellos de Poio e Pontevedra, debido as súas taxas a 7 e 14 días.

Por último, ascenden ao nivel medio de restricións os concellos de Ribadavia, Caldas de Reis, Culleredo, Marín, Salceda de Caselas, Barbadás, Ourense e Redondela.

Polo que atinxe ao concello de Ribadavia, cómpre salientar que aínda que a súa taxa a 7 días é propia do nivel máximo de restricións, considérase suficiente incluílo no nivel medio debido xa que os casos existentes pertencen a un abrocho de ámbito social controlado.

Pola súa banda, o concello de Caldas de Reis presenta unha taxa a 7 días propia do nivel alto, pero debido a que os casos están asociados a abrochos controlados, considérase suficiente aplicarlle as restricións do nivel medio polo de agora para controlar a súa situación epidemiolóxica.

Os concellos de Culleredo, Marín e Salceda de Caselas ascenden a este nivel pola súa taxa a 7 días, dado que existen casos e abrochos en diferentes ámbitos que poden provocar transmisión comunitaria, xa que hai casos en idades novas, que teñen unha maior mobilidade. Finalmente, os concellos de Barbadás, Ourense e Redondela ascenden a este nivel polas súas taxas a 7 e 14 días. Ademais, nos concellos de Ourense e Barbadás dáse unha estreita relación entre ambos, son limítrofes e pertencen á mesma comarca, polo que o aumento da incidencia nun concello inflúe na do outro.

O resto dos concellos de Galicia encóntrase no nivel medio-baixo de restricións con base nos criterios epidemiolóxicos aplicados.

A eficacia desta orde comezará ás 00.00 horas do día 10 de xullo de 2021 e estenderase durante o período en que se manteña a eficacia da Orde do 25 de xuño de 2021, o cal modifica, sen prexuízo do seguimento e da avaliación continua a que está sometida co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

III

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 24 de xullo de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.

Segundo. Modificación da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o punto 3.21 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.21. Celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.

1. A celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas, poderá desenvolverse, sen superar o cincuenta por cento da capacidade permitida nos concellos da letra A do anexo II, sempre que o público asistente permaneza sentado e cun límite máximo de duascentas cincuenta persoas para lugares pechados e de cincocentas persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, nos concellos enumerados nas letras B, C e D do anexo II, estas actividades poderán desenvolverse, sen superar o setenta e cinco por cento da capacidade permitida, sempre que o público asistente permaneza sentado e cun límite máximo de cincocentas persoas para lugares pechados e de mil persoas se se trata de actividades ao aire libre.

En todo caso deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións de acordo co establecido no punto 1.3. O uso de máscara será obrigatorio nos termos previstos no número 1.4 do anexo I desta orde.

2. Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por espazo de, polo menos, 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e obrigatoriamente ao finalizar cada actividade. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e limitarase ao mínimo indispensable a función de recirculación do aire interior.

Deberán intensificarse as medidas de limpeza e desinfección das instalacións con produtos debidamente autorizados e rexistrados.

3. Deberá existir un rexistro de asistentes ao evento, que deberá ser custodiado durante o mes seguinte, coa información de contacto, dispoñible para as autoridades sanitarias, e cumprir coas normas de protección de datos de carácter persoal.

4. En todo caso, nas actividades a que se refire o presente punto nas cales se pretendan superar as capacidades máximas previstas conforme cada nivel de restricións, a Dirección Xeral de Saúde Pública, logo de solicitude dos titulares ou promotores da actividade, disporá a realización dunha avaliación do risco para outorgar a autorización de acordo co disposto nas Recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade por COVID-19 en España, acordado na Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. O prazo para realizar a avaliación do risco será de 10 días, sen prexuízo dunha revisión de oficio posterior, se a situación epidemiolóxica así o exixe.

5. Os espectáculos musicais ao aire libre con público sentado, cuxo número de asistentes sexa inferior a mil persoas, rexeranse polo disposto no número 1.

Unicamente se poderán celebrar espectáculos musicais ao aire libre con público de pé ou ben con público sentado cando, neste último suposto, o número de asistentes sexa superior a mil persoas, nos concellos enumerados na letra D do anexo II, sempre e cando o mesmo día do evento as taxas de incidencia acumulada a 7 e 14 días na Comunidade Autónoma de Galicia sexan menores a 75 e 150 casos por cada 100.000 habitantes respectivamente.

A estes espectáculos musicais ao aire libre seranlles de aplicación os protocolos publicados no seguinte enderezo electrónico: https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Espectaculos-musicais-aire-libre».

Dous. Engádese un punto 3.31 ao anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Engádese un punto 3.31 ao anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción:

«3.31. Uso seguro de lugares e espazos públicos.

1. Os concellos deberán adoptar medidas que coadxuven ao control das aglomeracións de persoas en lugares e espazos públicos en que non se respecten as medidas de seguridade e de distanciamento persoal, polos riscos que presentan para a saúde pública, especialmente cando se realicen actividades prohibidas como o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, nos parques, xardíns e prazas públicas e noutros lugares de tránsito público.

2. De acordo co previsto no número anterior, nas rúas ou zonas de concentración de actividades de hostalaría e restauración, ou nos establecementos de lecer nocturno, os concellos deberán adoptar medidas de control e vixilancia para evitar que se produzan as aglomeracións de persoas antes indicadas, tanto durante o desenvolvemento das actividades de hostalaría e restauración ou de lecer nocturno coma na súa finalización ao chegar o horario do seu peche, coa finalidade de evitar o uso indebido dos lugares e espazos públicos como continuación destas actividades.

3. En particular, e de acordo co establecido na letra f) do número 1 do artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, coa mesma finalidade de coadxuvar no control das aglomeracións de persoas en lugares e espazos públicos en que non se respecten as medidas de seguridade e de distanciamento persoal, e das actividades prohibidas relacionadas co consumo de bebidas alcohólicas, os concellos procederán ao peche dos parques e xardíns públicos e dos lugares similares, así como das praias, a partir das 00.00 horas ata as 6.00 horas. Recoméndase, así mesmo, a adopción desta medida nas prazas públicas que sexan punto de concentración habitual para a realización das indicadas actividades».

Tres. Suprímense as epígrafes I e II do número 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Catro. Suprímense os puntos III.1, III.1.4 e III.1.5 do número 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Cinco. Modifícase o punto III.2.3.1. do número 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«III.2.3.1. Parques de atraccións e temáticos:

Nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II os parques de atraccións e temáticos permanecerán pechados.

Nos concellos enumerados nas letras C e D do anexo II poderán desenvolver a súa actividade cunha capacidade do 50 % respecto da súa capacidade máxima. Estableceranse os oportunos mecanismos de control de acceso, tanto nas entradas e saídas do recinto como nos accesos ás distintas atraccións, de xeito que se eviten aglomeracións e se manteña obrigatoriamente a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.

Así mesmo, recoméndase que os grupos non superen as quince persoas, excepto no caso de persoas conviventes.

A entidade titular da instalación intensificará a limpeza e a desinfección dos elementos de uso compartido.

Aqueles establecementos que ofrezan servizos de hostalaría ou restauración nas súas instalacións observarán as regras establecidas no punto 3.22 do anexo I para este tipo de servizos.

O uso da máscara rexerase polo establecido no punto 1.4.

Respecto do uso de vestiarios e aseos en todas as instalacións, poderase utilizar o 100 % naqueles que dispoñan de cabinas ou o 50 %, se non dispoñen delas».

Seis. Suprímese o punto III.2.3.3. do número 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Sete. Modifícase o punto III.2.3.4. do número 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«III.2.3.4. Parques multiocio. Seranlles de aplicación as medidas previstas no punto III.2.3.1 para os parques de atraccións e temáticos».

Oito. Modifícase o punto III.2.7. do número 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«III.2.7. Establecementos de lecer e entretemento.

III.2.7.1. Salas de festas.

III.2.7.2. Discotecas.

III.2.7.3. Pubs.

III.2.7.4. Cafés-espectáculo.

1. Nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II, os establecementos de lecer nocturno, tales como discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, permanecerán pechados.

2. Nos concellos enumerados nas letras C e D do anexo II, estes establecementos poderán desenvolver a súa actividade a partir do 1 de xullo cumprindo as seguintes medidas xerais:

a) Os establecementos poderán prestar servizos de terraza co cen por cento da capacidade máxima permitida. Para o servizo no interior, a ocupación máxima será do 50 % da capacidade máxima permitida.

Serán aplicables os puntos segundo, terceiro e cuarto da Orde do 25 de febreiro de 2021, pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, no referido a capacidades máximas e responsabilidade, capacidade interior e porcentaxe máxima de uso, e capacidade exterior e porcentaxe máxima de uso.

A distribución das mesas e das persoas será homoxénea entre as diferentes estancias e andares, se existen.

b) Poderase consumir sentado/a ou de pé. Non se poderá prestar servizo na barra. Só se poderá utilizar a barra para solicitar e recoller consumicións por parte das persoas usuarias, pero non para realizar o consumo nela. Na barra deberán respectarse as distancias de seguridade e impedirase a formación de aglomeracións.

c) Deberá manterse a debida distancia de seguridade interpersoal de acordo co establecido no punto 1.3 e evitar, en particular, a formación de aglomeracións. Así mesmo, deberá manterse a distancia de seguridade de 1,5 metros nas mesas ou, de ser o caso, nas agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de 6 persoas no interior e 15 persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.

d) No caso de existir pista de baile, permitirase o seu uso cunha ocupación que en ningún caso será superior á que resulte da asignación de dous metros cadrados da pista por cada usuario.

e) Na entrada e na saída dos asistentes deben establecerse os mecanismos necesarios para impedir as aglomeracións de persoas e respectar as distancias de seguridade.

f) O horario máximo de peche dos establecementos de lecer nocturno será ás 3.00 horas.

g) O uso de máscara será obrigatorio en todo momento. Só se poderá exceptuar o uso da máscara exclusivamente nos momentos estritamente necesarios para comer ou beber.

h) Os establecementos deberán usar dispositivos medidores de CO2, que deberán dispor dunha pantalla que mostre os niveis de CO2 en tempo real nunha zona visible para os usuarios. Estes dispositivos deberán levar a marcación CE.

A localización do medidor deberá axustarse ás indicacións técnicas aplicables e ter en conta o tamaño e a forma do espazo, as súas entradas de aire e o fluxo da ventilación. Non se situarán preto das fiestras, portas ou outros puntos de ventilación.

No caso de sistemas mecánicos de ventilación, débese asegurar en todo caso o nivel de CO2 interior e persoal cualificado documentará o mantemento adecuado e as actuacións realizadas.

Tanto nos casos de ventilación natural coma nos de mecánica ou mixta, non se deberán superar no interior as 1.000 p.p.m. de concentración de CO2, e será responsabilidade do local adoptar as medidas precisas de renovación do aire, a partir de 800 p.p.m., para que non se supere a cifra antes indicada.

i) Os establecementos deberán dispor dun rexistro de clientes nas condicións que se establezan pola orde da Consellería de Sanidade que aprobe o protocolo de lecer nocturno.

j) En particular, no caso dos concellos enumerados na letra C do anexo II, o acceso aos locais requirirá da presentación dun certificado emitido polo servizo público de saúde, ou, no caso do ordinal 2º, por un laboratorio oficial autorizado, que acredite a concorrencia de calquera das seguintes circunstancias:

1º. Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004, e sempre que transcorresen, polo menos, 14 días desde a última dose desta.

2º. Que dispoñen dunha proba diagnóstica de infección activa (PDIA) negativa. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/ C 24/01, do Consello de Europa. A proba debe ser realizada nas últimas 72 horas anteriores.

3º. Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 diagnosticada e está no período comprendido entre o día 11 e o 180, ambos incluídos, despois da PDIA positiva.

Así mesmo, para acreditar a circunstancia do ordinal 2º, ademais da presentación dun certificado, admitirase a exhibición da comunicación remitida polo servizo público de saúde do resultado negativo da PDIA realizada nas 72 horas anteriores.

Para os efectos do establecido neste punto, a exhibición da información a que se refire este só poderá ser solicitada no momento de acceso. Non se conservarán estes datos nin se crearán ficheiros con eles.

3. As medidas xerais recollidas nos puntos anteriores serán desenvolvidas pola orde da Consellería de Sanidade que aprobe o Protocolo de lecer nocturno e poderán ser revisadas en función da evolución da situación epidemiolóxica».

Nove. Modifícase o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo desta orde.

Terceiro. Modificación da Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19

Modifícase o punto 4.1 do anexo da Orde do 1 de xullo de 2021, pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, que queda redactado como segue:

«4.1. Nivel epidemiolóxico.

Os establecementos de lecer nocturno poderán desenvolver a súa actividade nos concellos con nivel de restrición medio ou medio-baixo recollidos nas letras C e D do anexo II da Orde pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, vixente en cada momento.

Nos concellos con nivel de restrición medio recollidos na letra C do anexo II da devandita orde, o acceso aos establecementos de lecer nocturno requirirá da presentación dun certificado emitido polo servizo público de saúde ou, no caso do ordinal 2º, por un laboratorio oficial autorizado, que acredite a concorrencia de calquera das seguintes circunstancias:

1º. Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004, e sempre que transcorresen, polo menos, 14 días desde a última dose desta.

2º. Que dispoñen dunha proba diagnóstica de infección activa (PDIA) negativa. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/ C 24/01, do Consello de Europa. A proba debe ser realizada nas últimas 72 horas anteriores.

3º. Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 diagnosticada e está no período comprendido entre o día 11 e o 180, ambos incluídos, despois da PDIA positiva.

Así mesmo, para acreditar a circunstancia do ordinal 2º, ademais da presentación dun certificado, admitirase a exhibición da comunicación remitida polo servizo público de saúde do resultado negativo da PDIA realizada nas 72 horas anteriores.

Para os efectos do establecido neste punto, a exhibición da información a que se refire este só poderá ser solicitada no momento de acceso. Non se conservarán estes datos nin se crearán ficheiros con eles».

Cuarto. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 10 de xullo.

2. No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración para os días 10 e 11 de xullo, que xa estivesen concertados antes do día 9 de xullo, nos concellos que soben o seu nivel de restricións, non serán aplicables as limitacións que sexan consecuencia da referida elevación de nivel, ben que estas celebracións e eventos deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á correspondente xefatura territorial da Consellería de Sanidade para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

...

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Illa de Arousa (A)

Cambados

Sarria

Vilagarcía de Arousa

Vilanova de Arousa

C) Concellos con nivel de restrición media.

Barbadás

Caldas de Reis

Culleredo

Marín

Ourense

Poio

Pontevedra

Redondela

Ribadavia

Salceda de Caselas

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barco de Valdeorras (O)

Barreiros

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Boiro

Bola (A)

Bolo (O)

Bóveda

Boimorto

Boqueixón

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Calvos de Randín

Camariñas

Cambre

Campo Lameiro

Cangas

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Carnota

Carral

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Catoira

Cedeira

Cee

Celanova

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Cortegada

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gondomar

Gomesende

Grove (O)

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laxe

Laza

Leiro

Lobeira

Lobios

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Maside

Mazaricos

Meaño

Meira

Meis

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Monforte de Lemos

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Moraña

Mos

Mugardos

Muíños

Muras

Muros

Muxía

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nigrán

Noia

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Oia

Oímbra

Oleiros

Ordes

Oroso

Ortigueira

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrenda

Padrón

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Pobra do Caramiñal (A)

Pol

Ponteareas

Ponte Caldelas

Pontecesures

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Rianxo

Ribadeo

Ribadumia

Ribas de Sil

Ribeira

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

Santiso

Sanxenxo

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Sarreaus

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Soutomaior

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vigo

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Viveiro

Xermade

Xinzo de Limia

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas