Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135-Bis Venres, 16 de xullo de 2021 Páx. 36672

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 15 de xullo de 2021 pola que se modifican a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse, mediante a Orde do 25 de xuño de 2021, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade.

Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que para lograr o fin proposto resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma exixiu modificar determinados aspectos da dita orde coa finalidade de adaptar as medidas contidas nela á realidade actual, o que se fixo mediante a Orde do 1 de xullo de 2021. Posteriormente, mediante a Orde do 8 de xullo de 2021 introducíronse novas modificacións e prorrogouse a eficacia da dita Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do 24 de xullo de 2021.

Neste marco, e coa finalidade de que as medidas de prevención fronte á COVID-19 sigan adaptándose á evolución da situación epidemiolóxica, acométese unha nova modificación da Orde de 25 de xuño, de conformidade coa previsión contida no punto noveno da citada Orde do 25 de xuño de 2021, segundo a cal, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nela deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante esta orde modifícanse as recomendacións relativas á permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados, fixando en dez o número máximo recomendado de persoas que se poden reunir en espazos abertos; mantense, no entanto, o número máximo de persoas recomendado para as reunións en espazos pechados, que xa estaba fixado en seis. Esta modificación exixe, por motivos de coherencia, adaptar as recomendacións relativas a grupos de persoas contidas na regulación de determinadas actividades da Orde do 25 de xuño. Co mesmo obxectivo imponse, ben que neste caso con carácter obrigatorio, a redución da ocupación máxima por mesas ou agrupación de mesas no exterior dos establecementos de hostalaría, restauración e lecer nocturno, que pasa de quince a dez persoas.

Acométese tamén a modificación da Orde do 1 de xullo de 2021, pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, cunha dobre finalidade: para adaptar o protocolo ás novas normas sobre ocupación máxima de persoas por mesas e agrupación de mesas antes indicada e, por outra banda, para estender aos concellos con nivel de restrición media-baixa os requisitos de acceso a estes establecementos, consistentes en ter pasado a COVID-19, ter recibido a pauta completa de vacinación ou dispor dunha proba diagnóstica de infección activa negativa. O cumprimento destes requisitos, que xa se viña exixindo para o acceso aos establecementos de lecer nocturno situados en concellos con nivel de restrición media, terá efectos para os establecementos dos concellos con nivel de restrición media-baixa a partir das 00.00 horas do día 21 de xullo.

II

De conformidade co exposto, saliéntase que a adopción das medidas contidas nesta orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma. Así resulta do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 14 de xullo de 2021, do cal se destacan os seguintes datos:

Con respecto á situación epidemiolóxica da Comunidade Autónoma de Galicia, indícase que o número reprodutivo instantáneo (Rt), que sinala o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue por riba do 1 desde o 18 de xuño, o que implica un aumento na transmisión da infección. Todas as áreas sanitarias están por riba do 1, con Ourense e Vigo preto do 2.

Do total de concellos de Galicia, 65 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 85. Isto supón un descenso nos concellos sen casos en 59 concellos a 14 días e en 58 concellos a 7 días desde hai unha semana, en que era de 124 e 143, a 14 e 7 días.

Entre o 2 e o 8 de xullo realizáronse 50.626 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (31.116 PCR e 14.519 tests de antíxenos), cunha porcentaxe de positividade a sete días do 6,09 %, o que supón un incremento do 59 % a respecto do período entre o 25 de xuño e o 1 de xullo, que era do 3,84 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 140 e 199 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores superiores aos observados hai unha semana, en que eran de 59 e 91 casos por cen mil habitantes, respectivamente (aumento do 137 % a 7 días e do 119 % a 14 días).

A tendencia diaria mostra, desde o 1 de marzo, un primeiro tramo de crecemento lento, cunha porcentaxe de cambio diaria (PCD) do 0,6 %, un segundo tramo decrecente, a un ritmo non moi rápido, cunha PCD do -2,2 %, e un terceiro, a partir do 19 de xuño, de crecemento rápido, cunha PCD do 10,7 %.

No que atinxe á situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días están entre os 110,19 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 352,19 de Ourense. As taxas de incidencia a 14 días seguen a aumentar con respecto ás de hai 7 días. Todas as áreas presentan taxas a 14 días con valores superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes e taxas a 7 días superiores aos 70 casos por 100.000 habitantes. As áreas sanitarias da Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago presentan taxas a 14 días superiores aos 150 casos por 100.000 habitantes, con Ourense e Pontevedra por riba dos 300.

A media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 50,0, o que significa un descenso do -15,1 % a respecto de hai sete días. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 1,9 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do -15,1 % a respecto de hai 7 días. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 10,7 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 0,4 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -2,7 % a respecto de hai sete días, tanto na media como na taxa.

En relación coa situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia, cómpre indicar que naqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 17 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 3 do informe anterior, e hai 4 que superan os 500 casos por 100.000 habitantes (Barbadás, O Barco de Valdeorras, Ourense e Cambados). Pola súa banda, nos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 30 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 8 de hai unha semana. Presentan taxas de incidencia iguais ou superiores a 500 casos por cen mil habitantes 6 destes concellos. No que atinxe ás comarcas, están no nivel máximo Valdeorras e Ourense. No nivel alto están Vigo, O Salnés, Pontevedra, Allariz-Maceda, O Ribeiro, O Carballiño, Sarria, Meira, Lugo e A Barbanza. No nivel medio están O Morrazo, Deza, Caldas, O Baixo Miño, Terra de Celanova, A Limia, A Terra Chá, O Sar, Ordes, Noia, Ferrol, A Coruña, Betanzos, Bergantiños e Arzúa.

O informe conclúe que a taxa de incidencia segue a aumentar tanto a 7 como a 14 días. A tendencia amosou un novo cambio cara ao ascenso, cunha porcentaxe de cambio diaria do 10,7 %, a partir do 14 de xuño. A Rt no global de Galicia segue por riba do 1. Sinala, ademais, que a información do modelo de predición indica que a incidencia aumentaría tanto a 7 como a 14 días. A amplitude dos intervalos de confianza a 7 días comeza a ser menor, polo que semella que o modelo está a predicir un aumento da incidencia nos vindeiros 7 días.

Por outra banda, a taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, está nos 199 casos por cen mil habitantes. As áreas sanitarias de Ourense e Pontevedra están por riba dos 250 casos por cen mil habitantes a 14 días, e a 7 días, a de Ourense tamén está por riba dos 250 casos por cen mil habitantes. No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, hai 17 concellos con taxas de incidencia a 14 días iguais ou superiores a 250 casos por cen mil habitantes. Nos de menos de 10.000 hai 30 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes.

Destácase, ademais, que neste momento a circulación da cepa alfa (británica) segue a diminuír, pero están a aparecer outras variantes, especialmente a delta (India), que ten unha transmisibilidade maior que a británica, que pode ser, entre outros motivos, o que está a influír nun aumento da transmisión. Concretamente a circulación da variante delta pode facer que haxa un certo escape á inmunidade naquelas persoas que non estean completamente vacinadas, sen esquecer que esta variante se considera que é un 40-60 % máis transmisible que a variante alfa.

Tanto para o establecemento como para o inicio da desescalada das medidas que mostraron ser efectivas para facer fronte á pandemia, véñense tendo en conta tanto criterios epidemiolóxicos como de capacidade asistencial, así como as características da poboación onde se van implantar ou eliminar estas medidas.

Así, no momento actual existen catro niveis de restricións. Os ditos niveis denomínanse nivel máximo, nivel alto, nivel medio e nivel medio-baixo. O criterio básico que se vén utilizando para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días. Sitúase, así, o nivel medio-baixo por debaixo de 150 casos por cada cen mil habitantes; o medio, entre 150 e por debaixo de 250 casos por cada cen mil habitantes; o alto, entre 250 e por debaixo de 500 casos por cada cen mil habitantes, e o máximo, na cifra de 500 casos por cada cen mil habitantes. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos, vénse tendo en conta tamén a taxa de incidencia acumulada a 7 días. De acordo con este criterio, sitúase o nivel medio-baixo por debaixo de 75 casos por cada cen mil habitantes; o medio, entre 75 e por debaixo de 125 casos por cada cen mil habitantes; o alto, entre 125 e por debaixo de 250 casos por cada cen mil habitantes, e o máximo, na cifra de 250 casos por cada cen mil habitantes.

Cómpre ter en conta que os resultados en atención á incidencia acumulada se modulan en función doutros factores e da análise da situación de cada concello. Así, o criterio da incidencia vénse completando coa consideración de criterios demográficos (pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto). Ademais, os servizos de saúde pública e o Comité e o Subcomité Clínico veñen analizando as características específicas de cada gromo. Neste sentido, vénse prestando unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

Actualmente, grazas á campaña de vacinación masiva, estase conseguindo protexer a poboación e retomar actividades económicas e sociais ata o de agora limitadas para evitar un maior número de contaxios. Non obstante, e mentres non se acade a inmunidade de grupo, cómpre seguir adoptando medidas preventivas e de control que permitan garantir as máximas condicións de seguridade e reducir o risco de contaxio e propagación da COVID-19. Estas medidas deben ser adecuadas e eficaces de acordo coa evolución da situación epidemiolóxica e de capacidade do sistema asistencial.

Tendo en conta o expresado en relación con que existe unha porcentaxe moi elevada de poboación vacinada, o cal permitiu unha redución importante de hospitalizacións e falecementos, faise necesario actualizar os indicadores de risco establecidos antes do inicio da campaña de vacinación. Deste xeito, a partir da adopción destes novos criterios, as medidas de prevención e control pretenden adaptarse ao novo escenario en que nos atopamos, onde prevalecen os casos entre a poboación máis nova e na cal unha porcentaxe maioritaria non ten consecuencias clínicas importantes. Neste sentido, saliéntase que dous terzos dos casos se están a dar entre os 15 e 39 anos de idade, e que existe un menor risco de padecer enfermidade grave nesas franxas de idade.

Na situación actual concorren, en definitiva, determinadas circunstancias que aconsellan axustar as taxas de incidencia acumulada mediante a aplicación dun factor de corrección baseado no risco de ingreso hospitalario, xa que a situación da carga asistencial hospitalaria é, neste momento, de 1,9 e 0,4 ingresos por cada 100.000 habitantes en hospitalización de agudos e en unidades de críticos, respectivamente, a pesar das taxas de incidencia elevadas que se están a observar. Isto indica que a onda ten un menor impacto nos ingresos pola COVID-19, o que se atribúe aos factores aludidos de vacinación dos maiores e á idade dos casos.

Para reflectir este feito, a partir da adopción deste novos criterios a incidencia acumulada global a 14 e 7 días axustarase segundo evolucione o risco de ingreso en cada momento. A consideración do risco de ingreso como factor permitirá manter os niveis de restricións establecidos na súa forma actual (nivel máximo, nivel alto, nivel medio e nivel medio-baixo), pero cunha actualización dos valores que provocan a entrada nun ou noutro nivel, segundo o factor expresado do risco de ingreso, o que permitirá reflectir en cada momento de forma dinámica os efectos positivos do avance da campaña de vacinación.

A metodoloxía utilizada para o cálculo da incidencia acumulada axustada por risco de ingreso parte do cálculo da relación existente entre os casos por cada cen mil habitantes a 7 e 14 días e os ingresos hospitalarios antes do inicio da campaña de vacinación. En segundo lugar, a partir dos modelos axustados no primeiro paso, considérase o número de ingresos por cada cen mil habitantes en Galicia que corresponde a cada un dos valores limiar de incidencia acumulada de casos a 7 e 14 días dos niveis de restricións actualmente establecidos.

Por último, utilízanse os datos do momento actual en que comeza o novo aumento de casos e no cal xa existe unha elevada porcentaxe de poboación vacinada (datos posteriores ao 24 de xuño de 2021), para calcular a nova relación existente entre o número de casos e o de ingresos.

Este cálculo permite axustar os valores de incidencia acumulada de casos en función do risco de ingreso actual. É dicir, a incidencia acumulada de casos a 7 e 14 días axústase de xeito que as actuais taxas axustadas reflictan o mesmo nivel de risco de ingreso hospitalario que as taxas sen axustar utilizadas no periodo previo ao inicio da vacinación.

Finalmente, a taxa de incidencia acumulada corrixida en función do risco de ingreso modúlase tendo en conta indicadores como a incidencia acumulada en persoas maiores de 65 anos; a porcentaxe de probas diagnósticas de infección activa a 7 días; a evolución no número de casos, poboación e características dos gromos; a porcentaxe de ocupación de camas de críticos pola COVID superior; e a porcentaxe de pacientes atendidos no circuíto COVID nos servizos de urxencias hospitalarias.

Nesta orde, ademais dos factores expresados, para a decisión sobre o mantemento dos niveis de restrición actualmente existentes, decididos de acordo co sistema que se viña aplicando ata o de agora, e para evitar un descenso do nivel de restricións automático pola aplicación dos novos criterios, tense en conta a evolución das taxas de incidencia en cada concello, que debe indicar un claro descenso da incidencia e, en particular, se a aparición de casos novos está dentro do esperado no contexto dos gromos que se estean a desenvolver neles.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase manter no nivel alto de restricións o concello da Illa de Arousa, tal como indican as súas taxas, axustadas mediante a aplicación do factor de corrección baseado no risco de ingreso hospitalario antes expresado.

Os concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados, aínda que as súas taxas axustadas indican un nivel medio, entraron no nivel alto o día 9 de xullo e un dos criterios que se vén mantendo ao longo da pandemia é que, unha vez que un concello entra nun determinado nivel, para desescalar cara a un nivel inferior é preceptivo que se asegure que a evolución positiva da súa situación epidemiolóxica estea consolidada. Isto tradúcese en que debe continuar coas taxas do nivel inferior polo menos durante 10-15 días. Por outra banda, a razón de taxas a 7 días (relación da taxa actual respecto á taxa de hai 7 días) está por riba do 1, o que está a indicar que aínda se están a xerar novos casos, polo que é necesario mantelo neste nivel alto para observar a evolución da súa incidencia.

Ascenden ao nivel alto de restricións os concellos de Barbadás, O Barco de Valdeorras e Ourense, actualmente no nivel medio de restricións, segundo indican as súas taxas axustadas.

Por outra banda, mantéñense no nivel medio de restricións os concellos de Ribadavia (aínda que a súa taxa axustada a 14 días indica un nivel alto, debido a que os casos deste concello se están a dar entre os contactos dun gromo inicial, e a súa razón de taxas a 7 días está por debaixo do 1, o que indica que non se están a xerar novos casos, pero é preciso mantelo no nivel en que se encontra para observar a súa evolución); Poio (aínda que a súa taxa axustada a 7 días indica un nivel alto, dado que se considera que se debe manter en vixilancia para comprobar que a tendencia á alza nos últimos 7 días se consolida); así como os concellos de Culleredo, Caldas de Reis, Marín, Pontevedra, Redondela e Salceda de Caselas (aínda que as súas taxas axustadas indicarían o nivel medio-baixo, debido a que a razón de taxas a 7 días está por riba do 1, polo que hai que esperar para observar a evolución da súa situación epidemiolóxica e mantelos en vixilancia).

Ascenden ao nivel medio de restricións os concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, O Carballiño e Vigo, tal como indican as súas taxas axustadas a 7 e/ou 14 días.

O Concello de Sanxenxo ten unha situación particular, xa que a súa situación epidemiolóxica, que anteriormente estaba nun nivel medio baixo polas súas taxas a 7 e a 14 días, experimentou un ascenso brusco que se reflicte, loxicamente, na súa taxa a 7 días pero non a 14 días. A taxa deste concello a 7 días é similar á súa taxa a 14 días, o que supón que a maior parte dos casos son moi recentes e, polo tanto, non é posible que os técnicos que realizan o estudo de casos e gromos determinen o risco real deste ascenso nin as características dos casos nin o seu risco de extensión ou evolución a curto prazo. Decidiuse, polo tanto, aplicar o nivel medio de restricións e manter este concello baixo estrita vixilancia ata poder realizar a avaliación destes factores.

Finalmente, descende ao nivel medio de restricións o concello de Sarria, tal como indica a súa taxa axustada a 14 días.

O resto dos concellos de Galicia encóntrase no nivel medio-baixo de restricións con base nos criterios epidemiolóxicos aplicados.

A eficacia desta orde comezará ás 00.00 horas do día 17 de xullo de 2021 e estenderase durante o período en que se manteña a eficacia da Orde do 25 de xuño de 2021, sen prexuízo do seguimento e da avaliación continua a que está sometida co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

III

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o punto cuarto da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«Cuarto. Recomendacións relativas á permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados

No territorio dos concellos indicados nas letras B, C e D do anexo II recoméndase que os grupos non superen as seis persoas, como máximo, en espazos pechados, e as dez persoas, como máximo, en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de conviventes».

Dous. Modifícase o número un do punto 3.15 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.15. Actividade deportiva.

1. A realización da actividade física e deportiva non federada axustarase ás seguintes regras, en función dos datos epidemiolóxicos existentes nos correspondentes concellos:

a) Nos concellos enumerados na letra A do anexo II da presente orde, a práctica da actividade física e deportiva non federada só se poderá realizar ao aire libre ou en instalacións deportivas ao aire libre, de forma individual ou con persoas conviventes, e coa utilización de máscara de acordo co disposto no punto 1.4 do anexo I da presente orde.

b) Nos concellos enumerados nas letras B e C do anexo II da presente orde, a práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, coa utilización de máscara, de acordo co disposto no punto 1.4 do anexo I da presente orde. No caso da práctica de forma colectiva, recoméndase que os grupos non superen as dez persoas como máximo de forma simultánea, sexan ou non conviventes, sen contar, de ser o caso, o monitor.

Nas instalacións e nos centros deportivos pechados poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata seis persoas, sexan ou non conviventes, sen contar o monitor, coa utilización de máscara e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

Tamén se permite o uso deportivo das piscinas ao aire libre ou cubertas, cunha ocupación máxima do 50 %.

c) Nos concellos enumerados na letra D do anexo II, a práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, e coa utilización de máscara, de acordo co disposto no punto 1.4 do anexo I da presente orde. No caso da práctica de forma colectiva, recoméndase que os grupos non superen as dez persoas como máximo de forma simultánea, sexan ou non conviventes, sen contar, de ser o caso, o monitor.

No caso da práctica da actividade física e deportiva non federada nas instalacións e nos centros deportivos pechados, poderase realizar en grupos de ata seis persoas, sexan ou non conviventes, sen contar o monitor, coa utilización de máscara e sempre que non se supere o setenta e cinco por cento da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

Tamén se permite o uso deportivo das piscinas ao aire libre ou cubertas cunha ocupación máxima do 75 %».

Tres. Modifícase o número 1 do punto 3.22 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.22. Hostalaría e restauración.

1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración en bares, cafetarías e restaurantes axustarase ás seguintes regras, en función dos datos epidemiolóxicos existentes nos correspondentes concellos:

a) Nos concellos enumerados na letra A do anexo II da presente orde, os citados establecementos permanecerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de recollida no local e de consumo a domicilio ata as 22.30 horas, ou ben servizo de entrega a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas.

A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que os consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

b) Nos concellos enumerados na letra B do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar unicamente servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, de entrega a domicilio e, así mesmo, de terraza co cincuenta por cento da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas, e a ocupación máxima será de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata as 1.00 horas deberán cumprir os requisitos que se determinan para este caso no número 2 deste punto e nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura, e sen que se poidan admitir novos clientes a partir das 00.00 horas.

Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata as 1.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

c) Nos concellos enumerados na letra C do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co cincuenta por cento da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén de servizo no interior cunha ocupación do 30 %. Non se poderá prestar servizo na barra.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas, e a ocupación máxima será de seis persoas no interior e dez persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata as 1.00 horas deberán cumprir os requisitos que se determinan para este caso no número 2 deste punto e nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura, e sen que se poidan admitir novos clientes a partir das 00.00 horas.

Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata as 1.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que os consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

d) Nos concellos enumerados na letra D do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co cen por cento da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén de servizo no interior cunha ocupación do 50 %. Só se poderá utilizar a barra para solicitar e recoller consumicións por parte das persoas usuarias, pero non para realizar o consumo nela.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas, e a ocupación máxima será de seis persoas no interior e dez persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata as 1.00 horas deberán cumprir os requisitos que se determinan para este caso no número 2 deste punto e nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura, e sen que se poidan admitir novos clientes a partir das 00.00 horas.

Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata as 1.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios».

Catro. Modifícase o número 4 do punto 3.22 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«4. Os servizos de cafetaría, bar e restaurante dos centros sanitarios ou de traballo non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa ou nas agrupacións de mesas e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. A ocupación máxima será de seis persoas no interior e dez persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.

Nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II da presente orde, estes establecementos de restauración deberán limitar a súa actividade, nas condicións establecidas no número anterior, aos traballadores destes ou, no caso dos centros sanitarios, tamén a acompañantes de doentes. Nos concellos enumerados na letra A do anexo II, as persoas da mesa deberán ser todas conviventes ou persoas traballadoras que formen un grupo de convivencia estable dentro do centro de traballo.

No caso de establecementos de hostalaría situados en centros educativos, aplicaranse as regras previstas nos parágrafos precedentes.

Estas regras non serán aplicables aos comedores escolares, que se rexerán pola súa normativa específica».

Cinco. Modifícase o punto 3.25 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.25. Centros de lecer infantil.

Enténdese por centros de lecer infantil os establecementos abertos ao público que se destinen a ofrecer xogos e atraccións recreativas deseñados especificamente para público de idade igual ou inferior a 12 anos, os espazos de xogo e entretemento, así como á celebración de festas infantís.

Estes centros cumprirán o protocolo aprobado pola Orde do 30 de xuño de 2020 pola que se restablece a actividade dos centros de lecer infantil e se aproba o Protocolo en materia de lecer infantil para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, coas especialidades que a seguir se establecen:

a) Nos concellos indicados nas letras A e B do anexo II non se poderán desenvolver actividades no interior dos centros de lecer. Aqueles establecementos que dispoñan de terraza ou xardín exterior poderán utilizala para actividades dirixidas e obradoiros, cunha capacidade máxima do 50 %, e en grupos dun máximo de dez nenos/nenas por grupo.

Os nenos/as dun grupo non poderán interactuar cos que integren outros grupos.

b) Nos concellos indicados nas letras C e D do anexo II, os centros de lecer infantil poderán desenvolver a súa actividade cunha capacidade máxima do 75 % e unha ratio dun monitor por cada dez participantes.

Os grupos serán de dez nenos/nenas nas actividades no exterior e de seis no interior.

Os nenos/as dun grupo non poderán interactuar cos que integren outros grupos».

Seis. Modifícase o número 3 do punto 3.27 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares nas zonas de estadía das piscinas e praias levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a outros usuarios. Así mesmo, recoméndase que os grupos non superen as dez persoas, excepto no caso de persoas conviventes».

Sete. Modifícase o número III.2.3.1 do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«III.2.3.1. Parques de atraccións e temáticos.

Nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II, os parques de atraccións e temáticos permanecerán pechados.

Nos concellos enumerados nas letras C e D do anexo II poderán desenvolver a súa actividade cunha capacidade do 50 % respecto da súa capacidade máxima. Estableceranse os oportunos mecanismos de control de acceso, tanto nas entradas e saídas do recinto como nos accesos ás distintas atraccións, de xeito que se eviten aglomeracións e se manteña obrigatoriamente a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.

Así mesmo, recoméndase que os grupos non superen as dez persoas, excepto no caso de persoas conviventes.

A entidade titular da instalación intensificará a limpeza e a desinfección dos elementos de uso compartido.

Aqueles establecementos que ofrezan servizos de hostalaría ou restauración nas súas instalacións observarán as regras establecidas no punto 3.22 do anexo I para este tipo de servizos.

O uso da máscara rexerase polo establecido no punto 1.4.

Respecto do uso de vestiarios e aseos en todas as instalacións, poderase utilizar o 100 % naqueles que dispoñan de cabinas ou o 50 %, se non dispoñen delas».

Oito. Modifícase o parágrafo terceiro do número III.2.3.2 do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares nas zonas de estadía e espazos comúns levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a outros usuarios. Así mesmo, recoméndase que os grupos non superen as dez persoas, excepto no caso de persoas conviventes».

Nove. Modificación da letra c) do parágrafo 2 do número III.2.7 do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactada como segue:

«c) Deberá manterse a debida distancia de seguridade interpersoal de acordo co establecido no punto 1.3 e evitar, en particular, a formación de aglomeracións. Así mesmo, deberá manterse a distancia de seguridade de 1,5 metros nas mesas ou, de ser o caso, nas agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de seis persoas no interior e dez persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.(...)».

Dez. Modificación da letra j) do parágrafo 2 do número III.2.7 do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactada como segue:

«j) O acceso aos locais requirirá da presentación dun certificado emitido polo servizo público de saúde ou, no caso do ordinal 2º, por un laboratorio oficial autorizado, que acredite a concorrencia de calquera das seguintes circunstancias:

1º. Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004, e sempre que transcorresen, polo menos, 14 días desde a última dose desta.

2º. Que dispoñen dunha proba diagnóstica de infección activa (PDIA) negativa. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/ C 24/01, do Consello de Europa. A proba debe ser realizada nas últimas 72 horas anteriores.

3º. Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 diagnosticada e está no período comprendido entre o día 11 e o 180, ambos incluídos, despois da PDIA positiva.

Así mesmo, para acreditar a circunstancia do ordinal 2º, ademais da presentación dun certificado, admitirase a exhibición da comunicación remitida polo servizo público de saúde do resultado negativo da PDIA realizada nas 72 horas anteriores.

Para os efectos do establecido neste punto, a exhibición da información a que se refire este só poderá ser solicitada no momento de acceso. Non se conservarán estes datos nin se crearán ficheiros con eles».

Once. Modificación do punto 4.6 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«4.6 Mantense nos concellos enumerados nas letras A, B e C do anexo II o peche das actividades de festas, verbenas e outros eventos populares.

Nos concellos enumerados na letra D do anexo II poderanse realizar festas, verbenas e eventos populares.

4.6.1. No caso de que nestas actividades se organicen espectáculos musicais ao aire libre, fóra de recintos pechados especificamente habilitados para o efecto, as medidas xerais aplicables serán as seguintes:

a) Deberán realizarse en espazos acoutados, sectorizados, perfectamente delimitados e pechados, aos cales unicamente se poida acceder polos accesos autorizados.

b) Cada sector contará cunha capacidade máxima de 500 asistentes e esta estará repartida homoxeneamente.

c) O número máximo de asistentes fixarase en función da situación epidemiolóxica segundo os límites establecidos nos correspondentes protocolos de espectáculos musicais ao aire libre.

d) Na zona de público non están permitidas as carpas con lonas laterais que impidan a ventilación natural.

e) Pódese bailar, sempre con máscara.

f) Poderá preverse o servizo de comida e bebidas se se realiza en espazos habilitados (que cumprirán as normas de hostalaría e restauración), debidamente dimensionados para o público que reciban. O consumo realizarase fóra da zona de baile. Os organizadores tomarán as precaucións oportunas para evitar a formación de aglomeracións. Os asistentes só poderán quitar a máscara para o momento específico do consumo.

h) Non está permitido fumar, consumir outros produtos do tabaco nin consumir cigarros electrónicos na área de público.

i) A venda/reserva de entradas, de ser o caso, será por adiantado, con rexistro previo dos asistentes.

Para o resto das medidas específicas serán de aplicación os protocolos de espectáculos musicais ao aire libre, accesibles no seguinte enderezo:

https://coronavirus.sergas.es/Contidos/Espectaculos-musicais-aire-libre

4.6.2. A celebración de romarías, desfiles, exhibicións de música ou baile, ou actividades similares en espazos abertos e con acompañamento de público na vía pública deberá desenvolverse nas condicións que deberá determinar a autoridade municipal correspondente. Nestes casos, con carácter previo á celebración, delimitarase o espazo ou o itinerario. Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre os participantes entre si e co público asistente, e o uso de máscara será obrigatorio para os participantes e para o público asistente».

Doce. Modifícase o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo desta orde.

Segundo. Modificación da Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Un. Modifícase o punto 4.1 da Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, que queda redactado como segue:

«4.1. Nivel epidemiolóxico.

Os establecementos de lecer nocturno poderán desenvolver a súa actividade nos concellos con nivel de restrición medio ou medio-baixo recollidos nas letras C e D do anexo II da Orde pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, vixente en cada momento.

O acceso aos establecementos de lecer nocturno requirirá da presentación dun certificado emitido polo servizo público de saúde ou, no caso do ordinal 2º, por un laboratorio oficial autorizado, que acredite a concorrencia de calquera das seguintes circunstancias:

1º. Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004, e sempre que transcorresen, polo menos, 14 días desde a última dose desta.

2º. Que dispoñen dunha proba diagnóstica de infección activa (PDIA) negativa. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/ C 24/01, do Consello de Europa. A proba debe ser realizada nas últimas 72 horas anteriores.

3º. Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 diagnosticada e está no período comprendido entre o día 11 e o 180, ambos incluídos, despois da PDIA positiva.

Así mesmo, para acreditar a circunstancia do ordinal 2º, ademais da presentación dun certificado, admitirase a exhibición da comunicación remitida polo servizo público de saúde do resultado negativo da PDIA realizada nas 72 horas anteriores.

Para os efectos do establecido neste punto, a exhibición da información a que se refire este só poderá ser solicitada no momento de acceso. Non se conservarán estes datos nin se crearán ficheiros con eles».

Dous. Modifícase o punto 4.3.2 a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, que queda redactado como segue:

«4.3.2. Límite de capacidade.

A capacidade dependerá da capacidade do local e do nivel epidemiolóxico do concello, e establécese un máximo de 1.000 persoas.

A distribución da capacidade será homoxénea entre diferentes estancias e andares, se existen, e respectaranse, ademais, os límites nas agrupacións de persoas e a separación de seguridade de, polo menos, 1,5 metros.

O número de persoas no interior do establecemento non poderá superar o 50 % da súa capacidade.

Nas terrazas ao aire libre destes establecementos poderán ocuparse ao 100 % as mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou o que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

Considerarase terraza ao aire libre todo espazo exterior ao local non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos. O consumo nas terrazas deberá realizarse sentado e facendo uso das mesas dispoñibles. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, se é o caso, agrupacións de mesas.

A ocupación máxima será de 6 persoas no interior e dez persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.

No caso de existir zona de baile, permitirase o seu uso cunha ocupación que en ningún caso será superior á que resulte da asignación de dous metros cadrados da pista por cada usuario.

Non se permite o consumo na barra, aínda que si o servizo aos clientes a través desta, respectando as distancias de seguridade e impedindo a formación de aglomeracións.

A ocupación máxima para o uso dos aseos será dunha persoa para espazos de ata 4 metros cadrados, salvo naqueles supostos de persoas que poidan precisar asistencia. Nese caso, tamén se permitirá a utilización por parte do seu acompañante. Para aseos de máis de catro metros cadrados que conten con máis dunha cabina ou urinario, a ocupación máxima será do 50 % do número de cabinas e urinarios que teña a estancia e deberá manterse durante o seu uso a distancia de seguridade interpersoal. Deberanse establecer sistemas para controlar a afluencia dos clientes a esa zona.

Para a determinación das capacidades interiores e exteriores do establecemento, a persoa responsable deberá computar a superficie destinada aos usuarios, en metros cadrados, excluídos deste cómputo os metros correspondentes aos aseos, á barra e á zona interior da barra, almacéns, gardarroupas, cociñas e outras superficies onde non pode acceder o cliente».

Terceiro. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 17 de xullo. Porén, o establecido no número dez do punto primeiro desta orde, en canto ao acceso aos establecementos de lecer nocturno, terá efectos a partir das 00.00 horas do día 21 de xullo para os concellos enumerados na letra D do anexo II.

2. No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración para os días 17 e 18 de xullo, que xa estivesen concertados antes do día 15 de xullo, nos concellos que soben o seu nivel de restricións, non serán aplicables as limitacións que sexan consecuencia da referida elevación de nivel, ben que estas celebracións e eventos deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á correspondente xefatura territorial da Consellería de Sanidade para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

...

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Illa de Arousa (A)

Barbadás

Barco de Valdeorras (O)

Cambados

Ourense

Vilagarcía de Arousa

Vilanova de Arousa

C) Concellos con nivel de restrición media.

Boiro

Caldas de Reis

Carballiño (O)

Culleredo

Marín

Pobra do Caramiñal (A)

Poio

Porto do Son

Pontevedra

Redondela

Ribadavia

Salceda de Caselas

Sanxenxo

Sarria

Vigo

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barreiros

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Bola (A)

Bolo (O)

Bóveda

Boimorto

Boqueixón

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Calvos de Randín

Camariñas

Cambre

Campo Lameiro

Cangas

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carballo

Cariño

Carnota

Carral

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Catoira

Cedeira

Cee

Celanova

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Cortegada

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gondomar

Gomesende

Grove (O)

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laxe

Laza

Leiro

Lobeira

Lobios

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Maside

Mazaricos

Meaño

Meira

Meis

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Monforte de Lemos

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Moraña

Mos

Mugardos

Muíños

Muras

Muros

Muxía

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nigrán

Noia

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Oia

Oímbra

Oleiros

Ordes

Oroso

Ortigueira

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrenda

Padrón

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Pol

Ponteareas

Ponte Caldelas

Pontecesures

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Rianxo

Ribadeo

Ribadumia

Ribas de Sil

Ribeira

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

Santiso

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Sarreaus

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Soutomaior

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Viveiro

Xermade

Xinzo de Limia

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas