Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144-Bis Xoves, 29 de xullo de 2021 Páx. 38639

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 29 de xullo de 2021 pola que se modifica o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, adoptáronse, mediante a Orde do 25 de xuño de 2021, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade.

Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que para lograr o fin proposto resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma exixiu modificar determinados aspectos da orde coa finalidade de adaptar as medidas contidas nela á realidade actual, o que se fixo mediante a Orde do 1 de xullo de 2021. Posteriormente, mediante a Orde do 8 de xullo de 2021 introducíronse novas modificacións e prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do 24 de xullo de 2021, e mediante a Orde do 15 de xullo de 2021 modificáronse a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Neste marco, e coa finalidade de que as medidas de prevención fronte á COVID-19 sigan adaptándose á evolución da situación epidemiolóxica, mediante a Orde do 22 de xullo de 2021 acometeuse unha nova prórroga e modificación da Orde do 25 de xuño, de conformidade coa previsión contida no punto noveno da citada Orde do 25 de xuño de 2021, segundo a cal, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nela deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e modificouse a Orde do 1 de xullo de 2021, pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Unha vez sentado o anterior, débese destacar que, en termos xerais, se mantén na Comunidade Autónoma a situación epidemiolóxica que motivou a adopción das medidas recollidas na citada orde, aínda que a evolución concreta da situación epidemiolóxica de determinados concellos mudou e cómpre agora acometer unha modificación daquelas coa finalidade de incluír no nivel de restricións que en cada caso corresponda os concellos en que variou a situación.

II

A adopción das medidas contidas nesta orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma. Así resulta do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 29 de xullo de 2021, do cal se destacan os seguintes datos:

Respecto da situación epidemiolóxica de Galicia, o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue por riba de 1 desde o 18 de xuño, aínda que en descenso desde o 16 de xullo, o que indica un aumento na transmisión da infección. A área sanitaria de Ourense está por debaixo de 1 e a de Pontevedra está a achegarse.

Do total de concellos de Galicia (N= 313), 16 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 35. Isto supón un aumento en 21 concellos, tanto a 14 días como a 7 días.

Entre o 13 e 19 de xullo realizáronse 80.831 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (49.625 PCR e 31.206 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a 7 días do 10,78 %, o que supón un aumento do 42 % respecto de entre o 6 e o 16 de xullo, que era do 7,59 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 334 e 602 casos por 100.000 habitantes, respectivamente, valores superiores aos observados hai unha semana, en que eran de 268 e 389 casos por 100.000 habitantes, respectivamente (aumento do 25 % a 7 días e do 55 % a 14 días).

A tendencia diaria mostra, desde o 1 de marzo, un primeiro tramo de crecemento lento, cunha porcentaxe de cambio diaria (PCD) do 0,6 %; un segundo tramo decrecente, a un ritmo non moi rápido, cunha PCD do -2,2 %; un terceiro, a partir do 19 de xuño, de crecemento rápido, cunha PCD do 11,2 %, e a partir do 15 de xullo cun crecemento máis lento, cunha PCD do 2,6 %.

No que atinxe á situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días están entre os 408,28 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 885,52 de Pontevedra.

As taxas de incidencia a 14 días seguen a aumentar respecto de hai 7 días e todas as áreas presentan taxas a 14 días superiores aos 400 casos por 100.000 habitantes, e taxas a 7 días superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes. Na área sanitaria de Ourense descendeu a súa taxa a 7 días un 24 % desde hai unha semana.

No que se refire aos datos acumulados de hospitalización a 7 días, hai un total de 214 casos nas unidades de hospitalización de agudos e 24 casos nas unidades de críticos.

Por áreas sanitarias, a área da Coruña presenta 50 casos en agudos e 11 en críticos; á área de Ferrol presenta 10 casos en agudos e 2 en críticos; a área de Santiago ten 20 casos en agudos e 2 en críticos; a área de Lugo ten 28 casos en agudos; a área de Ourense ten 47 casos en agudos e 2 casos en críticos; a área de Pontevedra ten 29 casos en agudos e 4 en críticos, e a área de Vigo, 28 casos en agudos e 3 en críticos.

A media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 164,0, o que significa un aumento do 117 % respecto de hai 7 días. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 6,1 ingresados por 100.000 habitantes, cun aumento, tamén, do 117 % respecto de hai 7 días.

En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 21,7 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 0,8 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un aumento do 36,9 % respecto de hai 7 días, tanto na media como na taxa.

No que atinxe aos datos de mortalidade, rexistráronse seis falecementos nos últimos 7 días e 9 falecementos nos últimos 14 días.

En relación coa situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, aqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 32 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 8 do informe anterior, 7 superan os 500 casos por 100.000 habitantes (Boiro, Foz, Viveiro, O Barco de Valdeorras, Cambados, O Grove e Sanxenxo).

No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 44 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por 100.000 habitantes, os mesmos ca hai unha semana e un máis que no informe do 6 de xuño. Deles, 5 presentan taxas axustadas de incidencia iguais ou superiores a 500 casos por 100.000 habitantes (Toques, Monterroso, Burela, Avión e Meaño).

No que atinxe ás comarcas, atópanse no nivel máximo as do Salnés, A Mariña Occidental e a Mariña Central. No nivel alto están 21 comarcas: Vigo, Pontevedra, O Morrazo, O Baixo Miño, Verín, Valdeorras, Terra de Trives, Ourense, O Carballiño, A Ulloa, A Mariña Oriental, Lugo, Chantada, Terra de Melide, Santiago, Ortegal, Muros, Eume, A Coruña, Barbanza e Arzúa.

No nivel medio atópanse 12 comarcas: Caldas, O Ribeiro, Allariz-Maceda, Terra de Lemos, Sarria, A Fonsagrada, Ordes, Noia, Fisterra, Ferrol, Betanzos e Bergantiños.

Desde a posta en marcha da vixilancia da prevalencia das variantes en Galicia, baseada na aplicación dunhas PCR específicas sobre unha mostra aleatoria das mostras positivas para SARS-CoV-2 por PCR da semana previa, identificadas nos servizos de Microbioloxía dos hospitais CHUAC, CHUS, CHUVI, CHUO, HULA e Vithas (Vigo), na semana epidemiolóxica 28/2021 (do 12 ao 18 de xullo) a porcentaxe de positividade para a posible variante Alfa foi dun 28 % (IC95 %: 26-30 %) e para a variante Delta foi do 66 % (IC95 %: 64-68 %).

Polas diferenzas nas fraccións de mostraxe entre as áreas sanitarias, a prevalencia axustouse ao número de casos en cadansúa área, que é notablemente diferente á prevalencia sen axustar, o 72 % (IC95 %: 70-74 %) e o 24 % (IC95 %: 22-26 %) para as variantes Delta e Alfa, respectivamente.

Ata a semana 27 incluída, das variantes de preocupación (VOC) identificáronse 888 casos da variante Alfa con secuenciación completa; da variante Beta (B.1.351), 58 casos (28 por secuenciación e 24 con patrón compatible por PCR); da variante Gamma (P1), 83 casos (82 por secuenciación e 1 con patrón compatible por PCR), e da variante Delta (B.1.617.2), 175 casos.

Ademais, hai tres mostras con patrón compatible con Beta e Gamma; 9 con patrón compatible con Beta, Gamma e B.1.621 e 11 con patrón compatible coa variante B.1.621.

Ademais das VOC, tense constancia de catro mostras coa variante Eta (B.1.525); nove mostras coa variante Iota (B.1.526); 15 mostras coa variante Lambda (C.37) e 18 mostras con variante B.1.621.

Cómpre indicar que o criterio que se vén utilizando para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, ademais do da situación sanitaria, o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada 100.000 habitantes, tanto a 14 días como a 7 días; esta última permite reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos.

Desta maneira establecéronse os seguintes niveis de restricións: nivel de restricións máximo, alto, medio e medio-baixo.

Atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 14 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos con taxas por debaixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos con taxas que se atopen entre os 150 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes; no alto, os concellos con taxas que se atopen entre os 250 e por debaixo dos 500 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

Pola súa banda, atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 7 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos que se atopen por debaixo dos 75 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos que se atopen entre os 75 e por debaixo dos 125 casos por cada 100.000 habitantes; no nivel alto, os concellos que se atopen entre os 125 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

A taxa de incidencia acumulada non é o único criterio que se ten en conta para determinar o nivel aplicable a cada concello, xa que este dato se modula en función doutros factores e da análise da situación do propio concello. Así, o criterio da incidencia vese completado coa consideración de criterios demográficos (pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto). Ademais, os servizos de saúde pública e o Comité e o Subcomité Clínico veñen analizando as características específicas de cada gromo. Neste sentido, vénse prestando unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

Actualmente, o avance da campaña de vacinación masiva esta a conseguir protexer a poboación e retomar actividades económicas e sociais ata o de agora limitadas para evitar un maior número de contaxios. Non obstante, e mentres non se alcance a inmunidade de grupo, é necesario seguir adoptando medidas preventivas e de control que permitan garantir as máximas condicións de seguridade e reducir o risco de contaxio e propagación da COVID-19. Estas medidas deben ser adecuadas e eficaces de acordo coa evolución da situación epidemiolóxica e de capacidade do sistema asistencial.

Tendo en conta o expresado en relación con que existe unha porcentaxe moi elevada de poboación vacinada, o cal permitiu unha redución importante de hospitalizacións e falecementos, foi necesario actualizar os indicadores de risco establecidos antes do inicio da campaña de vacinación. Deste xeito, a partir da adopción destes novos criterios, as medidas de prevención e control pretenden adaptarse ao novo escenario en que nos atopamos, onde prevalecen os casos entre a poboación máis nova, na cal unha porcentaxe maioritaria non ten consecuencias clínicas importantes. Neste sentido, saliéntase que dous terzos dos casos se están a dar entre os 15 e os 39 anos de idade e que existe un menor risco de padecer a enfermidade grave nesas franxas de idade.

Na situación actual concorren, en definitiva, determinadas circunstancias que aconsellan axustar as taxas de incidencia acumulada mediante a aplicación dun factor de corrección baseado no risco de ingreso hospitalario, xa que a situación da carga asistencial hospitalaria é, neste momento, de 3,2 e 0,6 ingresos por 100.000 habitantes en hospitalización de agudos e en unidades de críticos, respectivamente, a pesar das taxas de incidencia elevadas que se están a observar. Isto indica que a onda ten un menor impacto nos ingresos por COVID-19, o que se atribúe aos factores aludidos de vacinación dos maiores e á idade dos casos.

Para reflectir este feito, a partir da adopción deste novo criterio, a incidencia acumulada global a 14 e 7 días axustarase segundo evolucione o risco de ingreso en cada momento. A consideración do risco de ingreso como factor permitirá manter os niveis de restricións establecidos na súa forma actual (nivel máximo, nivel alto, nivel medio e nivel medio-baixo), pero cunha actualización dos valores que provocan a entrada nun ou noutro nivel segundo o factor expresado do risco de ingreso, o que permitirá ter en conta en cada momento de forma dinámica os efectos positivos do avance da campaña de vacinación.

Para determinar nesta orde os concellos de nivel de restrición máximo e alto tivéronse en conta as taxas de incidencia a 14 e 7 días axustadas, mais mantendo as mesmas taxas de incidencia previas ao axuste.

A metodoloxía utilizada para o cálculo da incidencia acumulada axustada por risco de ingreso parte do cálculo dun factor de corrección que se interpreta como o risco relativo de ingreso no período comprendido entre agosto de 2020 e marzo de 2021 (período de referencia) comparado co momento actual. Este factor é superior a 1, debido á vacinación e á diferente distribución por idade dos casos, que actualmente se concentran fundamentalmente na poboación de 15 a 29 anos. Para axustar a incidencia a 7 e 14 días dos concellos, divídese a taxa bruta polo factor de corrección.

O factor de corrección calcúlase, para cada día, como o cociente entre a taxa bruta de ingresos nos últimos 28 días e a taxa axustada por idade, aplicando o método directo e usando como poboación estándar o número de casos do período de referencia.

A taxa bruta de ingresos a 28 días é a porcentaxe de casos que ingresaron entre os casos con diagnóstico por PCR ou tests de antíxenos acumulados nos últimos 28 días. As taxas específicas de ingreso por idade calcúlanse do mesmo xeito pero no grupo de idade correspondente.

A taxa axustada de ingresos calcúlase aplicándolle as taxas específicas de ingreso por idade a 28 días á poboación de referencia. A suma dos valores obtidos por idade divídese entre o total de casos do período de referencia (97.996) e o resultado interprétase como a porcentaxe de casos que terían ingresado se tivesen a mesma distribución por idade ca no período de referencia (taxa de ingresos axustada).

Igualmente, para o descenso de nivel de restrición, terase en conta a evolución das súas taxas de incidencia que indique un claro descenso desta e se a aparición de casos novos entra dentro do esperado no contexto dos gromos que se estean a desenvolver nos concellos.

A cada un dos distintos niveis de restrición seranlle de aplicación as medidas xerais e específicas previstas para cada caso nas disposicións vixentes, aprobadas polas autoridades sanitarias competentes, tendo en conta, ademais, que no día de hoxe está cientificamente constatado que, mentres non exista unha alta cobertura poboacional de vacinación, as intervencións non farmacolóxicas son as intervencións de saúde pública máis efectivas contra a COVID-19, medidas que se poderán ir suavizando na súa aplicación en vista da situación epidemiolóxica no territorio e do aumento da cobertura vacinal.

Debe destacarse, ao fío do anterior, que Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, cunha porcentaxe de persoas de 65 e máis anos (ano 2020) do 25,4 % fronte ao 19,6 % do conxunto de España.

Porén, tamén hai que ter en consideración que, aínda que esta cobertura se obteña en determinados grupos, a distribución poboacional pode ser desigual, se se ten en conta toda a poboación e non os grupos de idade prioritarios que se están a vacinar en primeiro lugar. Tampouco se pode esquecer que mentres non se consiga conter a pandemia no mundo, con países con alta circulación do virus, poden aparecer novas variantes do virus que poidan ter a capacidade de escapar á inmunidade proporcionada polas vacinas actuais. Ademais, a circulación da variante Delta pode facer que haxa escape á inmunidade naquelas persoas que non estean completamente vacinadas e certo escape nas completamente vacinadas, sen esquecer que esta variante se considera que é un 40-60 % máis transmisible ca a variante Alfa.

Non obstante, estas medidas aplicaranse con criterios epidemiolóxicos pero tamén de proporcionalidade, e estarán en vixencia só polo tempo preciso para asegurar que a evolución desta situación epidemiolóxica é boa e se está a cortar a transmisión, que é o obxectivo destas medidas.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase manter no nivel máximo de restrición os concellos de Cambados, Meaño, O Grove e Sanxenxo, polas súas taxas axustadas a 7 e 14 días, así como os concellos de Boiro e O Barco de Valdeorras, polas súas taxas a 14 días.

Ascender ao nivel máximo de restrición, desde o nivel alto actual, os concellos de Burela, Foz e Viveiro, polas súas taxas axustadas a 7 e 14 días, e o concello de Baiona, polas súas taxas a 7 días.

Tamén ascenden a este nivel, desde o nivel medio actual, o concello de Muros, pola súa taxa axustada a 7 días, e desde o nivel medio-baixo actual, o concello de Monterroso polas súas taxas axustadas a 7 e 14 días.

Mantéñense no nivel alto de restricións, o concello de Avión, aínda que as súas taxas axustadas indican o nivel máximo, debido a que os casos forman parte dun gromo que, neste momento, xa está en remisión, e os concellos de Carballo, Fisterra, Oleiros, Arzúa, Melide, Ribeira, Cervo, Ribadeo, Barbadás, O Carballiño, Ourense, A Illa de Arousa, Marín, Poio, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Gondomar, Nigrán, O Rosal, Tomiño e Vigo, polas súas taxas axustadas a 7 e 14 días.

Ascenden, desde o nivel medio actual ao nivel alto, os concellos da Coruña, Cambre, Culleredo, Santiago de Compostela, Bueu, Meis, Ribadumia, A Guarda, Moaña, O Porriño e Redondela, polas súas taxas axustadas a 7 e 14 días, e os concellos de Ames, Ferrol, Lugo, Ponte Caldelas e Mos, polas súas taxas axustadas a 7 días.

Sitúase no nivel alto de restricións o concello de Cariño, aínda que as súas taxas indican o nivel máximo. Neste caso, considérase preciso esperar para coñecer a evolución da súa situación epidemiolóxica, xa que se trata dun concello de poucos habitantes, polo que a súa taxa aumenta moi rápido cun número de casos que non afectarían do mesmo xeito concellos con máis poboación. Tamén ascenden ao nivel alto, desde o nivel medio-baixo actual, os concellos de Chantada e Soutomaior, pola súa taxa axustada a 7 e 14 días, e os concellos de Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Ortigueira, Monforte de Lemos e Verín, pola súa taxa a 7 días.

Descendería desde o nivel máximo ao nivel alto de restrición o concello da Pobra do Caramiñal, polas súas taxas a 7 e 14 días.

Por outra banda, mantéñense no nivel medio de restricións os concellos de Oroso, Teo, Vilalba, Ribadavia, Caldas de Reis e Tui, polas súas taxas axustadas a 7 e 14 días; os concellos de Pontecesures, Silleda, Sarria, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas, polas súas taxas axustadas a 14 días; e os concellos de Sada, Noia, Mondoñedo, Beariz, Boborás, Maceda e Vilamartín de Valdeorras, a pesar de que as súas taxas indican un nivel alto.

Ascenden desde o nivel medio-baixo actual ao nivel medio, a pesar de que as súas taxas axustadas indican o nivel máximo de restricións, os concellos de Toques, A Capela, Rábade, Monterrei e Riós. Trátase de concellos pequenos de menos de 2.500 habitantes, nos cales poucos casos alteran a súa taxa de incidencia. Nos concellos cun número máis elevado de casos, como son os de Rábade e Monterrei, os casos teñen vínculo epidemiolóxico cunha orixe coñecida. Polo tanto, en todos eles, considérase que se podería esperar a ver a evolución da súa situación epidemiolóxica e, polo de agora, ascendelos só ao nivel medio.

Tamén ascenden ao nivel medio, a pesar de que as súas taxas axustadas indican o nivel alto de restricións, os concellos de Corcubión, Barreiros, O Valadouro, A Pobra de Trives e Coles, xa que se considera preciso esperar, dado o tamaño poboacional destes concellos e o número de casos, a observar a evolución da súa situación epidemiolóxica, xa que a meirande parte dos casos teñen unha orixe coñecida. Tamén sucede o mesmo cos concellos de Curtis, Rianxo, Pontedeume, Barreiros, A Rúa, A Lama, Barro e Vilaboa, que son concellos con máis casos ca os anteriores debido a que, na meirande parte, os casos están trazados e se considera que se pode esperar ata ver a evolución da súa situación epidemiolóxica.

Ascenden ao nivel medio desde o nivel medio-baixo actual, tal como indican as súas taxas a 7 e/ou 14 días, os concellos de Bergondo, Cee, Coristanco, Brión, Carnota, Outes, Padrón, Cedeira, Narón, Valdoviño, Celanova, A Cañiza, Arbo, As Neves, Cangas e Ponteareas.

Por outro lado, descende ao nivel medio desde o nivel alto actual, tal como indican as súas taxas, o concello de Vimianzo.

Para o resto de concellos de Galicia recoméndase o nivel medio-baixo de restricións.

A eficacia desta orde comezará ás 00.00 horas do día 31 de xullo de 2021 e estenderase durante o período en que se manteña a eficacia da Orde do 25 de xuño de 2021, sen prexuízo do seguimento e da avaliación continua a que está sometida co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

III

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo desta orde.

Segundo. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 31 de xullo.

2. No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración para os días 31 de xullo e 1 de agosto que xa estivesen concertados antes do día 29 de xullo, non serán aplicables as limitacións que sexan consecuencia da elevación do nivel de restrición, ben que estas celebracións e eventos deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á correspondente xefatura territorial da Consellería de Sanidade para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

«ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima:

Baiona

Barco de Valdeorras (O)

Boiro

Burela

Cambados

Foz

Grove (O)

Meaño

Monterroso

Muros

Sanxenxo

Viveiro

B) Concellos con nivel de restrición alta:

Ames

Arteixo

Arzúa

Avión

Barbadás

Bueu

Cambre

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Cervo

Chantada

Coruña (A)

Culleredo

Ferrol

Fisterra

Gondomar

Guarda (A)

Illa de Arousa (A)

Lugo

Marín

Meis

Melide

Moaña

Monforte de Lemos

Mos

Nigrán

Oleiros

Ortigueira

Ourense

Pobra do Caramiñal (A)

Poio

Ponte Caldelas

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porriño (O)

Redondela

Ribadeo

Ribadumia

Ribeira

Rosal (O)

Santiago de Compostela

Soutomaior

Tomiño

Verín

Vigo

Vilagarcía de Arousa

Vilanova de Arousa

C) Concellos con nivel de restrición media:

Arbo

Barreiros

Barro

Beariz

Bergondo

Boborás

Brión

Caldas de Reis

Cangas

Cañiza (A)

Capela (A)

Carnota

Cedeira

Cee

Celanova

Coles

Corcubión

Coristanco

Curtis

Lama (A)

Maceda

Mondoñedo

Monterrei

Narón

Neves (As)

Noia

Oroso

Outes

Padrón

Pereiro de Aguiar (O)

Pobra de Trives (A)

Ponteareas

Pontecesures

Pontedeume

Rábade

Rianxo

Ribadavia

Riós

Rúa (A)

Sada

San Cibrao das Viñas

Sarria

Silleda

Teo

Toques

Tui

Valadouro (O)

Valdoviño

Vilaboa

Vilalba

Vilamartín de Valdeorras

Vimianzo

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa:

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Ares

Arnoia (A)

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Beade

Becerreá

Begonte

Betanzos

Blancos (Os)

Bola (A)

Bolo (O)

Bóveda

Boimorto

Boqueixón

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Calvos de Randín

Camariñas

Campo Lameiro

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carral

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Catoira

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Chandrexa de Queixa

Coirós

Corgo (O)

Cortegada

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Cuntis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Frades

Friol

Gomesende

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laxe

Laza

Leiro

Lobeira

Lobios

Lourenzá

Lousame

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Maside

Mazaricos

Meira

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Monfero

Montederramo

Moraña

Mugardos

Muíños

Muras

Muxía

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Oia

Oímbra

Ordes

Ourol

Outeiro de Rei

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrenda

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra do Brollón (A)

Pol

Ponteceso

Pontedeva

Pontenova (A)

Porqueira

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rairiz de Veiga

Ramirás

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rubiá

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

Santiso

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Sarreaus

Saviñao (O)

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Toén

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Val do Dubra

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vila de Cruces

Vilamarín

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Xermade

Xinzo de Limia

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas».