Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149-Bis Xoves, 5 de agosto de 2021 Páx. 39397

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 5 de agosto de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, adoptáronse, mediante a Orde do 25 de xuño de 2021, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade.

Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que para lograr o fin proposto resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma exixiu modificar determinados aspectos da orde coa finalidade de adaptar as medidas contidas nela á realidade actual, o que se fixo mediante a Orde do 1 de xullo de 2021.

Posteriormente, mediante a Orde do 8 de xullo de 2021 introducíronse novas modificacións e prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do 24 de xullo de 2021, e mediante a Orde do 15 de xullo de 2021 modificáronse a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Neste marco, e coa finalidade de que as medidas de prevención fronte á COVID-19 sigan adaptándose á evolución da situación epidemiolóxica, mediante a Orde do 22 de xullo de 2021 acometeuse unha nova prórroga e modificación da Orde do 25 de xuño, de conformidade coa previsión contida no punto noveno da citada Orde do 25 de xuño de 2021, segundo a cal, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nela deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e modificouse a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Finalmente, mediante a Orde do 29 de xullo de 2021 modificouse o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Unha vez sentado o anterior, débese destacar que, en termos xerais, se mantén na Comunidade Autónoma a situación epidemiolóxica que motivou a adopción das medidas recollidas nas citadas ordes polo que cómpre agora proceder á prórroga da citada Orde do 25 de xuño de 2021. Así mesmo, a concreta evolución da situación epidemiolóxica de determinados concellos mudou, polo que tamén se fai necesario acometer unha modificación daquelas coa finalidade de incluír no nivel de restricións que en cada caso corresponda os concellos en que variou a situación.

Por ultimo, introdúcense unha serie de modificacións puntuais que afectan as atraccións de feira no sentido de posibilitar a apertura respecto dos concellos con nivel alto de restricións.

II

A adopción das medidas contidas nesta orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma. Así resulta do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 4 de agosto de 2021, do cal se destacan os seguintes datos:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, está por debaixo do 1, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Todas as áreas están por debaixo do 1, agás a da Coruña, que está no 1.

Do total de concellos de Galicia (N= 313), 16 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 49. Isto supón o mesmo número de concellos a 14 días e un aumento en 14 concellos a 7 días desde hai unha semana, que era de 16 e 35, a 14 e 7 días.

Entre o 20 e o 26 de xullo realizáronse 82.981 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (52.501 PCR e 30.480 test de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 12,51 %, o que supón un aumento do 16 % respecto de entre o 13 e o 19 de xullo, que era do 7,59 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 294 e 628 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores a 7 días e superiores a 14, a respecto dos observados hai unha semana, en que eran de 334 e 602 casos por cen mil habitantes, respectivamente (diminución do 12 % a 7 días e aumento do 4,3 % a 14 días).

A tendencia diaria mostra, desde o 1 de marzo, un primeiro tramo de crecemento lento, cunha porcentaxe de cambio diaria (PCD) do 0,6 %, un segundo tramo decrecente, a un ritmo non moi rápido, cunha PCD do -2,2 %, e un terceiro, a partir do 19 de xuño, de crecemento cunha PCD do 11,2%, e a partir do 17 de xullo un decrecemento lento cunha PCD do -1,1 %.

En canto á situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días das áreas están entre os 469,17 casos por 100.000 habitantes de Santiago e os 825,83 de Pontevedra.

As taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír respecto a hai 7 días. Todas as áreas presentan taxas a 14 días con valores superiores aos 450 casos por 100.000 habitantes. A 7 días as taxas son superiores aos 200 casos por 100.000 habitantes. En todas as áreas descenden as taxas a 7 días, agás na da Coruña, desde hai unha semana. A 14 días descenderon as das áreas de Ourense, Pontevedra e Vigo.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 235,9, o que significa un aumento do 43,8 % respecto a hai sete días. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 8,7 ingresados por 100.000 habitantes, cun aumento, tamén, do 43,8 % respecto a hai 7 días.

En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 35,7 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1,3 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un aumento do 64,5 % respecto a hai sete días, tanto na media como na taxa.

Respecto ás defuncións por COVID-19 están a aumentar, aínda que a onda está a descender, debido a que tanto as hospitalizacións como as defuncións levan un atraso respecto á incidencia de casos. Así, na provincia da Coruña nos últimos 14 días, as defuncións ascenderon a un total de 10 persoas, na de Lugo a 4 persoas, na de Ourense a 3 persoas e na de Pontevedra a 15 persoas. O total en Galicia das defuncións a 14 días é de 32 persoas e de 22 persoas nos últimos 7 días.

Respecto á situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, naqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 43 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 32 do informe anterior, 6 superan os 500 casos por 100.000 habitantes: Foz, Viveiro, Baiona, Cambados, Sanxenxo e O Grove. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 61 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 44 de hai unha semana. Deles, 13 presentan taxas axustadas de incidencia iguais ou superiores a 500 casos por cen mil habitantes.

En relación coas variantes do virus, desde a posta en marcha da vixilancia da prevalencia das variantes en Galicia, baseada na aplicación dunhas PCR específicas sobre unha mostra aleatoria das mostras positivas para SARS-CoV-2 por PCR da semana previa, identificadas nos servizos de microbioloxía dos hospitais CHUAC, CHUS, CHUVI, CHUO, HULA e Vithas (Vigo), na semana epidemiolóxica 29/2021 (do 19 ao 25 de xullo) a porcentaxe de positividade para a posible variante Alfa foi dun 28 % (IC95 %: 26-30 %) e para a variante Delta foi do 69 % (IC95 %: 68-71 %).

Polas diferenzas nas fraccións de mostraxe entre áreas sanitarias, a prevalencia axustouse ao número de casos en cada área, que é notablemente diferente á prevalencia sen axustar 83 % (IC95 %: 81-84 %) e 15 % (IC95 %: 14-17 %) para as variantes Delta e Alfa, respectivamente.

Ata a semana 29, incluída, das variantes de preocupación (VOC) identificáronse: 908 casos da variante Alfa con secuenciación completa. Da variante Beta (B.1.351), 31 por secuenciación completa. Da variante Gamma (P1), 82 casos por secuenciación completa. Da variante Delta (B.1.617.2), 265 casos. Ademais, durante a semana 29, por PCR notificáronse 16 mostras con perfil compatible coa variante Beta, dúas coa variante Gamma, 5 coa B.1.621 e outras 5 máis compatibles con Beta, Gamma e B.1.621. Xuntas, estas mostras supoñen unha prevalencia (sen axustar) do 1 %. Ademais das VOC, tense constancia de 4 mostras coa variante Eta (B.1.525); 9 mostras coa variante Iota (B.1.526); 19 mostras coa variante Lambda (C.37) e 23 mostras con variante B.1.621.

O informe conclúe que, segundo os datos reflectidos nel, a taxa de incidencia diminúe a 7 días e segue a aumentar a 14 días. A tendencia amosou un novo cambio cara ao descenso, cunha porcentaxe de cambio diaria do -1,1 %, a partir do 17 de xullo. O Rt no global de Galicia segue por baixo do 1.

A información do modelo de predición indica que a incidencia vai diminuír tanto a 7 como a 14 días.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, está nos 602 casos por cen mil habitantes. Todas as áreas sanitarias presentan taxas a 14 días superiores aos 450 casos por 100.000 habitantes. A 7 días, diminúe a incidencia en todas as áreas, agás na da Coruña.

As hospitalizacións e defuncións están a aumentar, sen chegar a ser un número como nas anteriores ondas previas á vacinación.

No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, xa aplicando o axuste de taxas, hai 43 concellos con taxas de incidencia a 14 días iguais ou superiores a 250 por cen mil habitantes. Nos de menos de 10.000 hai 61 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 por cen mil habitantes.

Neste momento, a variante Delta é a prevalente e a prevalencia da Alfa segue a diminuír. O feito de que a variante Delta teña unha maior transmisibilidade explica, entre outros posibles motivos, a alta incidencia.

Cómpre indicar que o criterio que se vén utilizando para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, ademais do da situación sanitaria, o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada 100.000 habitantes, tanto a 14 días como a 7 días; esta última permite reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos.

Desta maneira establecéronse os seguintes niveis de restricións: nivel de restricións máximo, alto, medio e medio-baixo.

Atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 14 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos con taxas por debaixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos con taxas que se atopen entre os 150 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes; no alto, os concellos con taxas que se atopen entre os 250 e por debaixo dos 500 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

Pola súa banda, atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 7 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos que se atopen por debaixo dos 75 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos que se atopen entre os 75 e por debaixo dos 125 casos por cada 100.000 habitantes; no nivel alto, os concellos que se atopen entre os 125 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

A taxa de incidencia acumulada non é o único criterio que se ten en conta para determinar o nivel aplicable a cada concello, xa que este dato se modula en función doutros factores e da análise da situación do propio concello. Así, o criterio da incidencia vese completado coa consideración de criterios demográficos (pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto). Ademais, os servizos de saúde pública e o Comité e o Subcomité Clínico veñen analizando as características específicas de cada gromo. Neste sentido, vénse prestando unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

Actualmente, o avance da campaña de vacinación masiva esta a conseguir protexer a poboación e retomar actividades económicas e sociais ata o de agora limitadas para evitar un maior número de contaxios. Non obstante, e mentres non se alcance a inmunidade de grupo, é necesario seguir adoptando medidas preventivas e de control que permitan garantir as máximas condicións de seguridade e reducir o risco de contaxio e propagación da COVID-19. Estas medidas deben ser adecuadas e eficaces de acordo coa evolución da situación epidemiolóxica e de capacidade do sistema asistencial.

Tendo en conta o expresado en relación con que existe unha porcentaxe moi elevada de poboación vacinada, o cal permitiu unha redución importante de hospitalizacións e falecementos, foi necesario actualizar os indicadores de risco establecidos antes do inicio da campaña de vacinación. Deste xeito, a partir da adopción destes novos criterios, as medidas de prevención e control pretenden adaptarse ao novo escenario en que nos atopamos, onde prevalecen os casos entre a poboación máis nova, na cal unha porcentaxe maioritaria non ten consecuencias clínicas importantes. Neste sentido, saliéntase que dous terzos dos casos se están a dar entre os 15 e os 39 anos de idade e que existe un menor risco de padecer a enfermidade grave nesas franxas de idade.

Na situación actual concorren, en definitiva, determinadas circunstancias que aconsellan axustar as taxas de incidencia acumulada mediante a aplicación dun factor de corrección baseado no risco de ingreso hospitalario, xa que a situación da carga asistencial hospitalaria é, neste momento, de 3,2 e 0,6 ingresos por 100.000 habitantes en hospitalización de agudos e en unidades de críticos, respectivamente, a pesar das taxas de incidencia elevadas que se están a observar. Isto indica que a onda ten un menor impacto nos ingresos por COVID-19, o que se atribúe aos factores aludidos de vacinación dos maiores e á idade dos casos.

Para reflectir este feito, a partir da adopción deste novo criterio, a incidencia acumulada global a 14 e 7 días axustarase segundo evolucione o risco de ingreso en cada momento. A consideración do risco de ingreso como factor permitirá manter os niveis de restricións establecidos na súa forma actual (nivel máximo, nivel alto, nivel medio e nivel medio-baixo), pero cunha actualización dos valores que provocan a entrada nun ou noutro nivel segundo o factor expresado do risco de ingreso, o que permitirá ter en conta en cada momento de forma dinámica os efectos positivos do avance da campaña de vacinación.

Para determinar nesta orde os concellos de nivel de restrición máximo e alto tivéronse en conta as taxas de incidencia a 14 e 7 días axustadas, mais mantendo as mesmas taxas de incidencia previas ao axuste.

A metodoloxía utilizada para o cálculo da incidencia acumulada axustada por risco de ingreso parte do cálculo dun factor de corrección que se interpreta como o risco relativo de ingreso no período comprendido entre agosto de 2020 e marzo de 2021 (período de referencia) comparado co momento actual. Este factor é superior a 1, debido á vacinación e á diferente distribución por idade dos casos, que actualmente se concentran fundamentalmente na poboación de 15 a 29 anos. Para axustar a incidencia a 7 e 14 días dos concellos, divídese a taxa bruta polo factor de corrección.

O factor de corrección calcúlase, para cada día, como o cociente entre a taxa bruta de ingresos nos últimos 28 días e a taxa axustada por idade, aplicando o método directo e usando como poboación estándar o número de casos do período de referencia.

A taxa bruta de ingresos a 28 días é a porcentaxe de casos que ingresaron entre os casos con diagnóstico por PCR ou tests de antíxenos acumulados nos últimos 28 días. As taxas específicas de ingreso por idade calcúlanse do mesmo xeito pero no grupo de idade correspondente.

A taxa axustada de ingresos calcúlase aplicándolle as taxas específicas de ingreso por idade a 28 días á poboación de referencia. A suma dos valores obtidos por idade divídese entre o total de casos do período de referencia (97.996) e o resultado interprétase como a porcentaxe de casos que terían ingresado se tivesen a mesma distribución por idade ca no período de referencia (taxa de ingresos axustada).

Igualmente, para o descenso de nivel de restrición, terase en conta a evolución das súas taxas de incidencia que indique un claro descenso desta e se a aparición de casos novos entra dentro do esperado no contexto dos gromos que se estean a desenvolver nos concellos.

A cada un dos distintos niveis de restrición seranlle de aplicación as medidas xerais e específicas previstas para cada caso nas disposicións vixentes, aprobadas polas autoridades sanitarias competentes, tendo en conta, ademais, que no día de hoxe está cientificamente constatado que, mentres non exista unha alta cobertura poboacional de vacinación, as intervencións non farmacolóxicas son as intervencións de saúde pública máis efectivas contra a COVID-19, medidas que se poderán ir suavizando na súa aplicación en vista da situación epidemiolóxica no territorio e do aumento da cobertura vacinal.

Debe destacarse, ao fío do anterior, que Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, cunha porcentaxe de persoas de 65 e máis anos (ano 2020) do 25,4 % fronte ao 19,6 % do conxunto de España.

Porén, tamén hai que ter en consideración que, aínda que esta cobertura se obteña en determinados grupos, a distribución poboacional pode ser desigual, se se ten en conta toda a poboación e non os grupos de idade prioritarios que se están a vacinar en primeiro lugar. Tampouco se pode esquecer que mentres non se consiga conter a pandemia no mundo, con países con alta circulación do virus, poden aparecer novas variantes do virus que poidan ter a capacidade de escapar á inmunidade proporcionada polas vacinas actuais. Ademais, a circulación da variante Delta pode facer que haxa escape á inmunidade naquelas persoas que non estean completamente vacinadas e certo escape nas completamente vacinadas, sen esquecer que esta variante se considera que é un 40-60 % máis transmisible ca a variante Alfa.

Non obstante, estas medidas aplicaranse con criterios epidemiolóxicos pero tamén de proporcionalidade, e estarán en vixencia só polo tempo preciso para asegurar que a evolución desta situación epidemiolóxica é boa e se está a cortar a transmisión, que é o obxectivo destas medidas.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase manter no nivel máximo de restrición, pola súa taxa axustada a 7 e 14 días, os concellos de Burela, Foz, Viveiro, O Grove e Sanxenxo, a pesar de que nestes concellos a taxa a 7 días está a diminuír, ben que non alcanzan aínda o limiar que indicaría o nivel alto.

Así mesmo, manteríanse no nivel máximo de restricións pola súa taxa a 14 días os concellos de Muros, Monterroso, Meaño e Baiona. Nestes concellos a súa taxa a 7 días mellorou mais mantéñense taxas a 14 días superiores aos 500 casos por 100.000 habitantes, polo que se considera que deberían permanecer neste nivel máximo un pouco máis á espera de ver a consolidación da evolución da súa situación epidemiolóxica, que, de seguir nesta liña, é probable que en pouco tempo poidan descender de nivel.

Por outra banda, manteríanse no nivel alto de restricións, polas súas taxas a 7 e 14 días, os concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Carballo, Culleredo, Fisterra e Oleiros, da Área Sanitaria da Coruña, área en que na última semana empeorou a súa incidencia a 7 días.

Igualmente, polas súas taxas a 7 e 14 días, manteríanse neste nivel os concellos de Melide, Chantada, Lugo, O Carballiño, Ourense, Verín, A Illa de Arousa, Bueu, Marín, Meis, Poio, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, A Guarda, Gondomar, Nigrán, O Porriño, Redondela e Vigo, concellos pertencentes ás áreas de Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, que a pesar de que nelas se observa unha melloría da incidencia a 7 días esta segue a ser alta, xa que se superan, en todas elas, os 200 casos por 100.000 habitantes, o que indica unha alta transmisión do virus.

No mesmo sentido, manteríanse tamén no citado nivel, polas súas taxas axustadas a 14 días, xa que se considera necesario esperar para asegurar a evolución favorable da taxa a 7 días, os concellos da Pobra do Caramiñal, Ames, Ribeira, Santiago de Compostela, Ferrol, Ortigueira, Cervo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Barbadás, Ponte Caldelas, Soutomaior, Vilanova de Arousa, Moaña, Mos e O Rosal.

E, por último, mantéñense neste nivel alto os concellos de Cariño e Avión, aínda que as súas taxas a 7 e/ou 14 días indican o nivel máximo, xa que son concellos pequenos e cos casos asociados a gromos. Ademais, a evolución destes dous concellos é favorable desde que están neste nivel, polo que se considera suficiente para o control da incidencia neles.

Por outro lado, aumentarían a nivel alto, desde o medio actual, en vez de ao máximo que indican as súas taxas, os concellos de Cee e Pontedeume. En ambos os dous concellos os casos están trazados e a maior parte vinculados a gromos e parte deles son casos importados doutras provincias de España, polo que se considera que, polo de agora, este nivel alto podería ser suficiente para o control da incidencia. Non obstante, estes concellos manteranse en vixilancia por se é preciso aumentalos ao nivel máximo.

Así mesmo, aumentarían a este nivel, desde o nivel medio-baixo actual, e non ao máximo que indica a súa taxa a 7 días, os concellos de Palas de Rei e Xove, xa que se trata de concellos de pouco máis de 3.000 habitantes e poucos casos xa os sitúan nun nivel moi alto, polo que se considera que poderían, polo de agora, aumentar a este nivel alto e mantelos en vixilancia. Ademais, a maior parte dos casos están trazados e asociados a gromos de orixe coñecida.

Igualmente, proponse aumentar ao nivel alto desde o nivel medio actual os concellos de Sada, Padrón, Teo, Barro, Vilaboa e Tui, polas súas taxas a 7 e/ou 14 días, xa que en todos eles se observou un aumento de casos nos últimos 7 días, polo que se considera preciso aumentalos de nivel para controlar a súa situación epidemiolóxica xa que o nivel medio non se mostra suficiente, posto que a incidencia seguiu a aumentar.

Tamén se propón aumentar a este nivel alto de restrición, desde o nivel medio-baixo actual, os concellos de Betanzos e Valga, polas súas taxas axustadas a 7 días, e A Laracha, Portas e Salvaterra de Miño, polas súas taxas axustadas a 7 e 14 días. Nestes concellos observouse unha evolución desfavorable desde hai unha semana, polo que este nivel alto se considera o axeitado para o control da súa incidencia no menor tempo posible. Neste momento, aínda hai casos sen vínculo epidemiolóxico, polo cal se prevé que poida estenderse máis.

Por outra banda, descenderían ao nivel alto de restricións desde o nivel máximo actual, os concellos de Cambados, Boiro e O Barco de Valdeorras, os cales mostraron unha evolución favorable da súa incidencia desde que están no nivel máximo.

En relación co nivel medio de restricións, manteríanse neste nivel, polas súas taxas a 7 e 14 días, os concellos de Bergondo, Coristanco, Vimianzo, Carnota, Oroso, Outes, Rianxo, Silleda, Narón, Sarria, Vilalba, Caldas de Reis, As Neves, Cangas e Ponteareas. Pola súa taxa a 7 días, os concellos de Pontecesures e O Pereiro de Aguiar e, pola súa taxa a 14 días, ata que se consolide a boa evolución da súa incidencia a 7 días, os concellos de Cedeira e Coles.

Respecto aos concellos da Capela, Beariz, Monterrei e Riós, aínda que as súas taxas indican o nivel máximo, xa que se trata de concellos con pouca poboación e gromos de orixe coñecida, considérase que poden seguir neste nivel medio. E tamén se manterían no nivel medio os concellos que, aínda que as súas taxas indican o nivel alto, a súa situación epidemiolóxica está a mellorar. Tales concellos serían o de Corcubión, Curtis, Mondoñedo, Maceda, A Pobra de Trives, A Rúa, Boborás, Celanova, Vilamartín de Valdeorras, A Lama e Arbo.

Por outro lado, aumentarían ao nivel medio de restricións e non ao máximo como indican as súas taxas, xa que se trata de concellos pequenos con casos trazados os concellos de Tordoia e Esgos.

Igualmente, proponse este nivel medio, e non o alto que indican as súas taxas, para os concellos de Laxe, Muxía, Oza-Cesuras, Boqueixón, Touro, Neda, Cospeito, Outeiro de Rei, Xinzo de Limia, Catoira, Cuntis e Mondariz.

Tamén se propón aumentar a este nivel os concellos de Miño e Salceda de Caselas, tal como indican as súas taxas a 7 e 14 días.

E, finalmente, descenderían ao nivel medio desde o nivel alto actual, tal como indican as súas taxas, os concellos das Pontes de García Rodríguez, Arzúa, Ribadumia e Tomiño.

Para o resto de concellos de Galicia recoméndase o nivel medio-baixo de restricións.

A eficacia desta orde comezará ás 00.00 horas do día 7 de agosto de 2021 e estenderase durante o período en que se manteña a eficacia da Orde do 25 de xuño de 2021, sen prexuízo do seguimento e da avaliación continua a que está sometida co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

III

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 21 de agosto de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.

Segundo. Modificación da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modificación do punto 3.29 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Modifícase o punto 3.29 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.29. Atraccións de feira.

Nos concellos enumerados na letra A do anexo II da presente orde manterase o peche das atraccións de feira.

No caso dos concellos enumerados nas letras B, C e D do anexo II da presente orde, poderán desenvolver a súa actividade cumprindo coas seguintes medidas:

a) Nos espazos en que se instalen atraccións de feira respectaranse a distancia de seguridade interpersoal e as medidas hixiénicas exixibles a cada instalación ou actividade. Para tal efecto, nos espazos comúns de tránsito respectarase a ratio dunha persoa por cada tres metros cadrados de superficie útil, descontando a superficie ocupada polas estruturas instaladas.

b) Deberase sinalizar o espazo en que se desenvolvan as atraccións de tal maneira que se facilite o establecemento de puntos diferenciados para a entrada e saída, que deberán estar identificados con claridade.

c) A autoridade sanitaria local verificará o respecto da capacidade nos espazos comúns e adoptará as medidas necesarias para evitar aglomeracións.

d) Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal nas atraccións e postos instalados.

e) Tanto os asistentes como o persoal das atraccións deberán levar máscara de maneira obrigatoria e lembraráselles aos asistentes, por medio de carteis visibles e mensaxes de megafonía, a dita obrigatoriedade, así como as normas de hixiene e prevención que deben observar.

f) No caso das atraccións en que, polas súas características e configuración, quede garantido en todo momento o mantemento da distancia de seguridade interpersoal entre as persoas usuarias, poderán ocuparse todas as prazas dispoñibles.

En caso contrario, naquelas atraccións que dispoñan de asentos, poderá ocuparse ata un máximo que permita manter a distancia de seguridade interpersoal entre os ocupantes e reducirase ao cincuenta por cento o número de asentos de cada fila que se poidan ocupar, en caso de que esta distancia non se poida asegurar. Esta limitación non será de aplicación no caso de persoas conviventes. No caso de atraccións que non teñan asentos incorporados, a súa capacidade máxima será do trinta por cento da capacidade máxima da atracción.

g) Disporanse dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados en cada unha das atraccións.

h) Cada atracción deberá aplicar as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ao tipo de actividade, á frecuencia e ás condicións de uso polas persoas usuarias, prestando especial atención ás superficies de contacto directo. En todo caso, cada atracción someterase a unha limpeza ao remate de cada xornada de uso.

i) Non se permitirán as piscinas de bólas, por mor da dificultade da súa limpeza, e poderá dedicarse o espazo correspondente a outra actividade lúdica para o público infantil. Respecto das atraccións inchables, estarán permitidas ata un 50 % da súa capacidade».

Dous. Modifícase o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo desta orde.

Terceiro. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 7 de agosto.

2. No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración para os días 7 e 8 de agosto que xa estivesen concertados antes do día 6 de agosto, non serán aplicables as limitacións que sexan consecuencia da elevación do nivel de restrición, ben que estas celebracións e eventos deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á correspondente xefatura territorial da Consellería de Sanidade para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

«ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima:

Baiona

Burela

Foz

Grove (O)

Meaño

Monterroso

Muros

Sanxenxo

Viveiro

B) Concellos con nivel de restrición alta:

Ames

Arteixo

Avión

Barbadás

Barco de Valdeorras (O)

Barro

Betanzos

Boiro

Bueu

Cambados

Cambre

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Cee

Cervo

Chantada

Coruña (A)

Culleredo

Ferrol

Fisterra

Gondomar

Guarda (A)

Illa de Arousa (A)

Laracha (A)

Lugo

Marín

Meis

Melide

Moaña

Monforte de Lemos

Mos

Nigrán

Oleiros

Ortigueira

Ourense

Padrón

Palas de Rei

Pobra do Caramiñal (A)

Poio

Ponte Caldelas

Pontedeume

Pontevedra

Porriño (O)

Portas

Redondela

Ribadeo

Ribeira

Rosal (O)

Sada

Salvaterra de Miño

Santiago de Compostela

Soutomaior

Teo

Tui

Valga

Verín

Vigo

Vilaboa

Vilagarcía de Arousa

Vilanova de Arousa

Xove

C) Concellos con nivel de restrición media:

Arbo

Arzúa

Beariz

Bergondo

Boborás

Boqueixón

Caldas de Reis

Cangas

Capela (A)

Carnota

Catoira

Cedeira

Celanova

Coles

Corcubión

Coristanco

Cospeito

Cuntis

Curtis

Esgos

Lama (A)

Laxe

Maceda

Miño

Mondariz

Mondoñedo

Monterrei

Muxía

Narón

Neda

Neves (As)

Oroso

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Pereiro de Aguiar (O)

Pobra de Trives (A)

Ponteareas

Pontecesures

Pontes de García Rodríguez (As)

Rianxo

Ribadumia

Riós

Rúa (A)

Salceda de Caselas

Sarria

Silleda

Tomiño

Tordoia

Touro

Vilalba

Vilamartín de Valdeorras

Vimianzo

Xinzo de Limia

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa:

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Ares

Arnoia (A)

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barreiros

Beade

Becerreá

Begonte

Blancos (Os)

Bola (A)

Bolo (O)

Bóveda

Boimorto

Brión

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Calvos de Randín

Camariñas

Campo Lameiro

Cañiza (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carral

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Chandrexa de Queixa

Coirós

Corgo (O)

Cortegada

Covelo

Crecente

Cualedro

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Estrada (A)

Fene

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Frades

Friol

Gomesende

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Láncara

Larouco

Laza

Leiro

Lobeira

Lobios

Lourenzá

Lousame

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Maside

Mazaricos

Meira

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Moeche

Mondariz-Balneario

Monfero

Montederramo

Moraña

Mugardos

Muíños

Muras

Navia de Suarna

Negreira

Negueira de Muñiz

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Noia

Oia

Oímbra

Ordes

Ourol

Paderne de Allariz

Paderne

Padrenda

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra do Brollón (A)

Pol

Ponteceso

Pontedeva

Pontenova (A)

Porqueira

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Ribadavia

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rubiá

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

Sandiás

San Sadurniño

Santa Comba

Santiso

San Xoán de Río

Sarreaus

Saviñao (O)

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Toén

Toques

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Valadouro (O)

Val do Dubra

Valdoviño

Vedra

Veiga (A)

Verea

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vila de Cruces

Vilamarín

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Xermade

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas».