Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39-Bis Venres, 25 de febreiro de 2022 Páx. 13958

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 24 de febreiro de 2022 pola que se prorrogan e se modifican a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional ata que o Goberno declare de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior.

Na actualidade, como se deduce do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que se cita posteriormente, segue existindo unha situación de crise sanitaria que determina, por exemplo, que siga sendo de aplicación o deber de cautela e de protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición a eses riscos, conforme o que se establece nesta lei. Tal deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei.

Deste xeito, seguen sendo de aplicación as previsións desta lei sobre o uso obrigatorio de máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia de seguridade interpersoal mínima.

En particular, debe terse en conta que seguirán sendo de aplicación os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria. A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública a nivel estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na devandita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública, a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios, e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. Este marco normativo débese completar, unha vez atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade de intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción, como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente das mans, de distancia interpersoal mínima, uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; de limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, de adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan pronto como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

II

Unha vez sentado o anterior, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

De acordo co exposto, a persoa titular da Consellería de Sanidade, como autoridade sanitaria, debe continuar establecendo as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía e, en particular, adoptar as medidas previstas no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que sexan necesarias atendendo á evolución da pandemia.

Así, mediante a Orde do 22 de outubro de 2021 establecéronse medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas medidas consistiron, en moitos casos, na fixación de capacidades máximas e na determinación de regras que se deben observar para o desenvolvemento das distintas actividades recollidas no seu anexo, xa que as evidencias científicas apoian as políticas de control de limitación e capacidades e a súa eficacia fronte a outras políticas sen esta limitación, pero con redución xeneralizada da mobilidade. Todo isto ampara a efectividade e a eficiencia das medidas de control focalizadas nos sectores de maior risco. A isto únese que a maior parte dos gromos se producen nun contexto social, como consecuencia de exposicións prolongadas ás secrecións respiratorias que se emiten en forma de aerosois que conteñen o virus. Nesta liña hai estudos que proban que, dentro das intervencións non farmacolóxicas, as relacionadas coa diminución dos contactos sociais no interior de establecementos teñen a capacidade de minorar a velocidade de transmisión.

A Orde do 26 de outubro de 2021 modificou a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. A finalidade desta modificación era a de adaptar á evolución da situación epidemiolóxica as medidas contidas nela que regulaban as actividades desenvolvidas en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. Tamén foron obxecto de modificación mediante a citada orde as regras sanitarias aplicables á realización de procesos selectivos por parte das administracións públicas e das entidades do sector público.

Así mesmo, mediante a Orde do 26 de outubro de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 26 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos, introducíase unha nova modificación na Orde do 22 de outubro coa finalidade de adaptar a regulación dos albergues contida nela ás modificacións introducidas na referida orde, que permitían que a ocupación chegase ao 100 % no caso do cumprimento da medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para a ampliación ata un 100 % das prazas nos espazos de aloxamento compartido nos albergues turísticos.

Mediante a Orde do 25 de novembro de 2021 prorrogouse e modificouse a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. As modificacións introducidas tiñan por obxecto adaptar as medidas recollidas na devandita orde á realidade do momento, establecéndose limitacións ao número máximo de persoas en cócteles e tamén nas mesas ou agrupacións de mesas nos establecementos de hostalaría e restauración, de lecer nocturno e locais de xogo e apostas.

A continuación, mediante a Orde do 15 de decembro de 2021 volveuse prorrogar a Orde do 22 de outubro de 2021 e introducíronse modificacións, eliminándose así a posibilidade de realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé, tendo en conta a situación epidemiolóxica actual e a evolución dos casos activos, e limitándose a interacción persoal nun tipo de actos en que os participantes simultanean a inxesta de alimentos e/ou bebidas e, polo tanto, están sen máscara nese momento, coa interacción grupal en espazos limitados.

Pola súa banda, cabe citar a Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se modifican a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. A Orde do 29 de decembro tiña por obxecto adaptar a regulación relativa ao uso de máscaras ao disposto no citado Real decreto lei 30/2021, do 23 de decembro. Tamén establecía que o público debería permanecer sentado nas actividades desenvolvidas en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. A mesma regra sería de aplicación aos espectáculos musicais e artísticos desenvolvidos ao aire libre. Ademais, reduce a dez persoas por mesa ou agrupación de mesas o número máximo de persoas que poderán permanecer nas terrazas dos establecementos de hostalaría, restauración e lecer nocturno. Recóllense, por outra banda, medidas especiais de aplicación durante o período de Nadal.

Mediante a Orde do 13 de xaneiro de 2022 prorrogouse a eficacia das medidas contidas na Orde do 22 de outubro de 2021 ata as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022.

Por último, mediante a Orde do 11 de febreiro de 2022 modificouse de novo a Orde do 22 de outubro de 2021 coa finalidade de adaptar a regulación relativa ao uso de máscaras ao disposto no citado Real decreto lei 30/2021, do 23 de decembro, e prorrogouse esta ata o día 26 de febreiro de 2022.

Polo que atinxe ás actividades de hostalaría, restauración e lecer nocturno, débese salientar que a súa regulación, que se contén na Orde do 22 de outubro, se completa coa recollida na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia. As ordes indicadas foron obxecto de sucesivas modificacións coa finalidade de adaptar o seu contido á evolución da situación epidemiolóxica na Comunidade Autónoma.

Nas citadas ordes, xunto coa Orde do 14 de decembro de 2021, recollíanse medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos.

Na situación actual, ponderando a incidencia que a exixencia do certificado supón nos dereitos fundamentais coa evolución epidemiolóxica, non se considera necesario prorrogar a eficacia da exixencia do certificado COVID nalgúns ámbitos e actividades en que viña sendo de aplicación, como son os de hostalaría e restauración, lecer nocturno, albergues turísticos, actividades de xogo, centros ou instalacións deportivas pechadas ou en piscinas cubertas, así como para o acceso a eventos multitudinarios ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o seu consumo durante eles. A eficacia destas medidas decaerá, polo tanto, ás 00.00 horas do día 26 de febreiro.

Ben que cómpre prorrogar e modificar as restantes medidas recollidas nos citados plans, dada a evolución epidemiolóxica actual.

III

De conformidade co exposto, a prórroga e a modificación das medidas establecidas nas disposicións citadas anteriormente veñen determinadas pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

Así, do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 22 de febreiro de 2022, destácanse os seguintes datos:

A análise da tendencia diaria mostra, desde o 11 de novembro de 2021, dous tramos con diferente tendencia. No primeiro tramo esta tendencia é crecente, cunha porcentaxe de cambio diaria de 6,5 %. A partir do 13 de xaneiro de 2022 obsérvase un claro cambio na tendencia, que pasa a ser decrecente, cunha porcentaxe de cambio diaria de -3,9 %.

O día 19 de febreiro, a taxa de incidencia a 14 días é de 1.347,1 casos por 100.000 habitantes, valores inferiores aos observados na semana previa, en que era de 2.041,0 casos por 100.000 habitantes. Apréciase tamén un descenso na taxa de incidencia a 7 días, que pasa de 815,6 o día 12 de febreiro a 531,5 o día 19 do mesmo mes.

A porcentaxe de positividade das probas diagnósticas superou o 3 % establecido en Galicia como nivel deste indicador de seguimento, e o 19 de febreiro está no 11,6% en 7 días. Desde o 16 ao 19 de febreiro notificáronse un total de 7.904 casos novos da COVID-19.

En canto á incidencia acumulada a 14 días por grupos de idade, os menores de 19 anos son os que presentan a incidencia máis elevada, seguidos do grupo de 0 a 11 anos.

En canto á taxa de hospitalización en unidades de agudos nos últimos 7 días, diminuíu de 13,92 ingresos por 100.000 habitantes o 12 de febreiro a 12,70 o día 19 de febreiro. No que atinxe ás unidades de críticos (UCI), a taxa de hospitalización aumentou lixeiramente a respecto da semana anterior, xa que o 12 de febreiro a taxa de ingresos por 100.000 habitantes era de 0,78 e o día 19 de febreiro foi de 0,81.

Segundo a última actualización do Ministerio de Sanidade (Actualización nº 568. Enfermidade polo coronavirus (COVID-19)), cos últimos datos dispoñibles ás 16.00 horas do 21 de febreiro, o número de persoas hospitalizadas en Galicia ascende a 492 e, na UCI, a 28.

Como resumo, os indicadores epidemiolóxicos parecen amosar unha tendencia descendente, tanto da taxa a 7 días como da taxa a 14 días. Non obstante, estes valores seguen a ser elevados, o que indica que o virus continúa tendo unha importante circulación. Debido a isto, cómpre que se manteñan por parte das autoridades sanitarias autonómicas determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19, co fin de manter no tempo esta tendencia descendente.

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública compara os datos da terceira e quinta ondas cos datos actuais da sexta onda e observa, para o total de Galicia, un descenso progresivo das porcentaxes de hospitalización en planta e na UCI, así como das defuncións, o cal pode reflectir a efectividade da vacina na prevención de casos graves de enfermidade e de falecemento pola COVID-19.

Porén, debe terse en conta que o informe tamén pondera os cálculos do número de ingresos posibles por semana partindo do risco de ingreso nos últimos 14 días en planta e na UCI para o total de Galicia, tendo en conta distintos supostos de número de casos diarios. Así mesmo, considéranse outros escenarios en que aumenta o risco de hospitalización. Estes datos e a súa evolución deben terse en conta para a protección do sistema sanitario.

Pola súa parte, a porcentaxe de ingresos dos casos dos últimos 7 e 14 días é de 2,03 % e de 1,86 %, respectivamente, nas unidades de agudos, e de 0,12 % e de 0,10 %, a 7 e 14 días, nas unidades de críticos. Estas taxas de ingresos por número de casos son sensiblemente inferiores ás das ondas anteriores, pero debe tamén ponderarse o factor da idade dos infectados. Nos últimos 7 días, os casos da COVID-19 no grupo de idade de máis de 65 anos presentaron unha porcentaxe de ingreso en unidade de hospitalización do 8,31 %, superior a respecto da semana anterior (6,68 %). A porcentaxe de ingreso na UCI tamén ascendeu, e pasou de 0,24 % a 0,50 %. Nos últimos 14 días, a porcentaxe de hospitalización deste grupo de idade ascendeu lixeiramente (de 7,38 % a 7,89 %) e na UCI mantívose a respecto da semana previa en 0,38 %.

Ante a situación actual, coas taxas actuais de incidencia a 7 e a 14 días, cunha elevada porcentaxe de positividade das probas diagnósticas realizadas e cun aumento da prevalencia da variante Ómicron, que xa é do 99,9 % e que ten unha transmisibilidade superior á da variante Delta, está xustificada a necesidade de manter as medidas adoptadas para facer fronte a esta situación, malia a tendencia descendente antes indicada e co fin de consolidala.

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario, polo tanto, que as autoridades sanitarias autonómicas manteñan determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

IV

Segundo o exposto, resulta procedente e indispensable desde o punto de vista sanitario prorrogar e modificar as medidas establecidas, non só pola situación epidemiolóxica, senón pola necesidade de dar estabilidade aos mecanismos e ás regras que contribúan a asegurar a incipiente mellora da situación epidémica que estamos vivindo, partindo da experiencia previa adquirida ao abeiro das medidas adoptadas, e que teñen contribuído adecuadamente á seguridade sanitaria da poboación.

Cómpre salientar que, en cumprimento do disposto no artigo 38.ter.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as medidas cuxa vixencia se prorroga terán unha duración que se estenderá ata as 00.00 horas do día 12 de marzo de 2022 e que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As modificacións que se implementan mediante a presente orde teñen por obxecto principal incrementar as limitacións de ocupación por mesa ou agrupación de mesas nos servizos da hostalaría e restauración, que pasan agora a dez persoas no interior e vinte persoas no exterior. Así mesmo, elimínase as referencias ao rexistro de clientes.

Tamén se revisa a aplicación das capacidades máximas en competicións deportivas, que volverán ao cen por cento a partir do vindeiro día 4 de marzo, de conformidade co criterio establecido pola autoridade sanitaria estatal para todo o territorio nacional, logo de consenso coas autoridades sanitarias autonómicas. Así mesmo, amplíase a capacidade máxima dos albergues turísticos ao cen por cento sen necesidade da exhibición do certificado COVID.

As medidas previstas nesta orde seguen a resultar necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que asegurar a incipiente mellora da situación epidemiolóxica e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

V

As medidas que se establecen e prorrogan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 12 de marzo de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.

Segundo. Modificación da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o parágrafo 3 do punto 3.5 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. Permítese a realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé que, no momento de retirada da máscara para o consumo, deben respectar a distancia interpersoal de seguridade entre persoas non conviventes. Os grupos de persoas de pé poderán ser de ata dez persoas no interior e vinte na terraza».

Dous. Modifícase o parágrafo 2 do punto 3.10 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«2. Os albergues poderán manter a ocupación máxima das prazas dos espazos de aloxamento de uso compartido.

Deberán realizarse tarefas de ventilación nos espazos de aloxamentos compartidos durante un mínimo de 30 minutos ao inicio e ao remate de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e limitarase ao mínimo indispensable a función de recirculación do aire interior».

Tres. Modifícase o parágrafo 2 do punto 3.14 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«2. Permítese a realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé que, no momento de retirada da máscara para o consumo, deben respectar a distancia interpersoal de seguridade entre persoas non conviventes. Os grupos de persoas de pé poderán ser de ata dez persoas no interior e vinte na terraza».

Catro. Modifícase o parágrafo 1 do punto 3.21 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. As competicións deportivas con público poderán celebrarse cunha ocupación do 100 %, sempre que o público asistente permaneza sentado e se garantan as medidas establecidas no punto 1.3».

Cinco. Modifícase o parágrafo 1 do punto 3.22 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración nos bares, nas cafetarías e nos restaurantes axustarase ás regras previstas na Orde do 14 de setembro pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a ocupación máxima será de dez persoas no interior e de vinte persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas».

Seis. Modifícase o parágrafo 1 do punto 3.30 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. A celebración de eventos deportivos recollidos no artigo 22 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, poderase desenvolver cunha ocupación máxima do cen por cento, sempre que o público asistente permaneza sentado e se garantan as medidas establecidas no punto 1.3.

En todo caso, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións, de acordo co establecido no punto 1.3».

Sete. Suprímese o parágrafo 5 do punto 3.30 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda sen contido.

Oito. Modifícase o parágrafo 3 do punto 3.31 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas.

Así mesmo, deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións, especialmente na disposición e no uso das máquinas ou de calquera outro dispositivo de xogo nos locais e establecementos en que se desenvolvan estas actividades, de acordo co previsto no punto 1.3. O uso da máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos na normativa vixente».

Nove. Modifícase o punto 3.34 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«Os establecementos de lecer nocturno, tales como discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, axustaranse ao establecido pola Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a ocupación máxima será de dez persoas no interior e vinte persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas».

Terceiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 12 de marzo de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.

Cuarto. Modificación da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Suprímese o punto segundo bis da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, relativo á medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso ao interior dos establecementos de hostalaría e restauración, que queda sen contido.

Dous. Suprímese o punto segundo ter da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, relativo á medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso ao interior dos establecementos de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración, que queda sen contido.

Tres. Suprímese a letra j) do parágrafo 7 do punto terceiro da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda sen contido.

Catro. Suprímese a letra h) do parágrafo 5 do punto 3.2 do anexo da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda sen contido.

Quinto. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 12 de marzo de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.

Sexto. Modificación da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Suprímese o punto terceiro da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, relativo á medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso aos establecementos de lecer nocturno, que queda sen contido.

Dous. Suprímese a letra g.3. do parágrafo 5 do punto 4.1 do anexo da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, relativo ao certificado COVID, que queda sen contido.

Tres. Suprímese a letra h) do parágrafo 5 do punto 4.1 do anexo da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, relativo ao certificado COVID, que queda sen contido.

Catro. Suprímese a letra g.4. do parágrafo 5 do punto 4.2 do anexo da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, relativo ao certificado COVID, que queda sen contido.

Cinco. Suprímese a letra g.5. do parágrafo 5 do punto 4.2 do anexo da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, relativo ao certificado COVID, que queda sen contido.

Sétimo. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 26 de febreiro ata as 00.00 horas do 12 de marzo de 2022, agás no que atinxe ao previsto nos parágrafos catro e seis do punto segundo, que producirán efectos desde as 00.00 horas do día 4 de marzo de 2022 ata as 00.00 horas do 12 de marzo de 2022.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas cuxa eficacia se prorroga serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade