A Xunta porá en marcha o vindeiro ano o observatorio da lusofonía Valentín Paz Andrade

Servirá como instrumento de consenso para adoptar medidas relacionadas coa lusofonía en Galicia e como foro permanente de diálogo entre as distintas administracións públicas e outras organizacións representativas con intereses na materia

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta porá en marcha o Observatorio da lusofonía Valentín Paz Andrade o vindeiro ano, tras o cumprimento de todos os trámites precisos e as correspondentes audiencia e información públicas. Creada co obxectivo de servir como instrumento de consenso para adoptar medidas relacionadas coa lusofonía en Galicia, a nova entidade dependerá da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e terá a vicepresidencia a cargo da consellería competente en Política Lingüística.

Ademais da Xunta, na composición do Observatorio estarán a Administración Xeral do Estado español, a Administración portuguesa e os observadores consultivos en Galicia da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CLP), co Consello da Cultura Galega, a Academía Galega da Lingua Portuguesa e a Associação de Docentes de Português na Galiza. Tamén formarán parte da entidade a AECT da Eurorrexión, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia – Norte de Portugal, e outros organismos con intereses políticos, sociais, económicos e culturais na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Desde que en xullo de 2021 España pasou a integrarse como Observador Asociado na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, Galicia púxose a traballar para desenvolver todo o potencial desta asociación e remarcar así a especial relación de Galicia co mundo lusófono, principal motor que animou o Estado español a integrarse na CPLP.

Neste contexto, a Xunta vén traballando desde hai tempo para crear este observatorio especializado no coñecemento da lusofonía e na interacción cos países dese ámbito. O obxectivo é que sirva de foro de diálogo permanente entre Galicia, as distintas administracións públicas e outras organizacións representativas de intereses nese eido.

 

Lazos lingüísticos, históricos e culturais

A lusofonía compóñena o conxunto de países que teñen como lingua oficial o portugués así como aquelas comunidades que comparten lazos históricos e culturais. En 1996 constituíuse a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa co compromiso de reforzar os lazos de solidariedade e de cooperación que os unen, conxugando iniciativas para a promoción do desenvolvemento económico e social dos seus pobos.

Data de actualización: 18/11/2022